body art*
Forma de creación artística, xurdida nos últimos anos da década dos sesenta, que ten no corpo humano o seu principal instrumento e obxecto de expresión, representación e comunicación. Na súa configuración e desenvolvemento habería que considerar as achegas do Futurismo, do Dadaísmo, do Expresionismo ou do Surrealismo, e as propostas de artistas tan dispares como Hugo Ball, Tristan Tzara, Marcel Duchamp ou André Breton. Non obstante , foi a principios dos sesenta cando este movemento adquiriu a súa verdadeira dimensión coa obra de Ives Klein, Piero Manzoni e Hans Bellmer, coas investigacións do colectivo Fluxus, de Alan Kaprov, de Joseph Beuys ou de John Cage e, finalmente co accionismo vienés, onde destacan os traballos fotográficos de Hermann Nitsch, Rudolf Schwarzkogler, Otto Mühl e Günter Brus. Simultaneamente chegarían os traballos de Valie Export en colaboración con Peter Weibel, do dúo Gilbert and George ou de Cindy Sherman. A obra destes artistas, tan heteroxénea como provocadora, procura amosar e investigar a centralidade do corpo humano en todo o proceso de creación e recepción artística e a súa condición de obxecto artístico dinámico, transformable e manipulable. Ás veces, as manifestacións artísticas realízanse en privado e son coñecidas por fotografías ou películas, outras veces a execución da obra é pública, xa de xeito planificado, xa de modo imprevisto. A arte e a acción corporal tiveron especial importancia nas formulacións teórico-prácticas do happening e do performance en toda a súa diversidade, e unha grande influencia nos traballos escénicos de grupos como The Living Theatre, Bread and Puppet e La Fura dels Baus, ou en directores como Lindsay Kemp, Albert Vidal ou Marcelli Antúnez.