Boletín del Círculo Católico de Obreros de Orense
Boletín mensual saído da imprenta de don Antonio Otero por primeira vez en xullo de 1903, e que seguiu a editarse ata finais de 1904. O seu fundador e director, Xosé Casas González, foi substituído polo avogado Enrique Cantón Alvarado en decembro de 1903. Son moitos os clérigos e intelectuais da época que estiveron vinculados a esta publicación. Así, destacan Basilio Álvarez, Lamas Carvajal, Manuel Martínez Sueiro, Antonio Rey Soto, Alfonso Carballo Rey e Marcelo Macías, entre outros. Tiña como obxectivo a defensa dos humildes seguindo as pautas da democracia cristiá, ao tempo que tentaba interromper o progreso das ideoloxías socialistas. Publicou diversos artigos de opinión, aínda que destacou sobre todo por ofrecer información relixiosa, encíclicas do Papa León XIII, ordenanzas dos gremios do Círculo, do mesmo xeito que todo tipo de datos sobre a vida do Círculo Católico de Orense e dos círculos doutras cidades galegas.