3 bolo

3 bolo
  1. s m [ANIMAL/ICT]

    Peixe mariño de corpo alongado, case cilíndrico, fociño longo e picudo, coa mandíbula inferior máis saínte ca a superior e dentes ausentes ou restrinxidos ao vómer. Presenta unha única aleta dorsal e outra anal, baixas e longas, formadas unicamente por radios brandos que se poden esconder nun suco, e unha aleta caudal con forma de forquita. Carece de aletas pelvianas. É de cor variable no dorso, pero coas partes inferiores brancas e lados prateados. Os bolos viven agrupados en cardumes en fondos de area e grava dende a zona litoral ata zonas afastadas da costa, onde a plataforma o permite, e aliméntanse sobre todo de zooplancto. Nas costas europeas aparecen tres xéneros con dúas especies cada un: Gymnammodytes, Ammodytes e Hyperoplus. Das seis especies europeas só unha (G. cicerellus) vive no Mediterráneo. En Galicia só se atopa unha especie de cada xénero: H. lanceolatus (bolo común), G. semisquamatus (bolo de area) e A. tobianus (bolo pequeno). En Galicia péscase de día mediante artes de cerco, posto que o boliche, arte deseñada orixinariamente para a súa captura, apenas dá resultado satisfactorio, por mor da maior malla que regulamentariamente se permite. Emprégase vivo como isca para a pesca da robaliza e morto para a captura de especies como o abadexo. Tamén se utiliza como alimento de rodaballo nas piscifactorías. Parte da produción pesqueira dedícase ao consumo humano, principalmente frito ou guisado.

  2. bolo común [ANIMAL/ICT]

    Bolo de ata 40 cm de lonxitude, de cor azul verdosa nas costas e ventre prateado, cunha mancha escura a cada lado do fociño e mandíbula superior pouco protráctil, con dous dentes no extremo anterior do vómer. Ten as aletas dorsal e anal rectas, con todos os radios da mesma lonxitude. Vive en augas costeiras, durante o verán en augas menos profundas, incluso na zona intermareal e nos esteiros, e no inverno ata os 60 m de profundidade. Ao principio aliméntase de zooplancto, pero a partir dos 10-15 cm a súa dieta faise piscívora. Frecuente na costa atlántica ibérica, a súa distribución acada ata as illas do círculo Polar Ártico.

  3. bolo de area [ANIMAL/ICT]

    Bolo de ata 28 cm de lonxitude, de cor parda dourada ou verdosa no dorso e ventre prateado irisado, maxilar superior moi protráctil, sen dentes no vómer, e corpo nu excepto no terzo posterior, onde aparecen algunhas escamas. As aletas dorsal e anal teñen marxes onduladas debido a que os radios presentan diferentes lonxitudes. Vive en augas costeiras, especialmente en fondos de cascallo, onde pode ocupar a totalidade da plataforma continental ata os 200 m de profundidade. Aliméntase de plancto. Está presente dende as augas atlánticas ibéricas ata o Mar do Norte.

  4. bolo pequeno [ANIMAL/ICT]

    Bolo de ata 20 cm de lonxitude, de cor tipicamente parda areosa nas costas, cos flancos amarelentos, mandíbula superior bastante protráctil, sen dentes, e aletas dorsal e anal con bordos rectos. A aleta pectoral esténdese máis alá do nivel de inicio da aleta dorsal. Vive en augas costeiras, especialmente en praias e zonas areosas das rías, incluíndo a zona intermareal e os esteiros ata os 30 m de profundidade; rara vez se atopa lonxe da costa. Aliméntase de zooplancto e dalgunhas diatomeas. Frecuente na costa atlántica ibérica, a súa distribución abrangue o sur de Islandia, o Mar Báltico e o norte de Noruega.

Palabras veciñas

Bolmente | 1 bolo | 2 bolo | 3 bolo | Bolo | Bolo, O | Bolo, O