Bombai
Capital do estado de Mahārā ṣ th ṭ ra, no litoral occidental da India (9.925.891 h [1991]). A cidade é o resultado da conurbación de diferentes núcleos urbanos edificados sobre pequenas illas unidas por pontes e recheos que as converteron na illa de Bombai, cunha superficie de 58 km2. Actualmente a Gran Bombai se estende tamén á illa veciña de Salsette, ao N, unida á cidade por unha serie de istmos artificiais, abranguendo unha extensión total de 452,4 km2. Situada en latitudes tropicais (19°N), atópase nunha área baixo unhas condicións climáticas calorosas e húmidas, rexistrando unha temperatura media anual de 27,1°C (a media de xaneiro é de 23,8°C e a de xullo de 27,2°C) e unha precipitación media de 1.805 mm anuais, distribuída unicamente na estación monzónica de xuño a setembro (só hai 72 días de chuvia ao ano). A súa localización insular permite a Bombai constituírse como un excelente porto, o primeiro en tránsito da India. É un núcleo industrial de gran relevancia, destacando os sectores químico (refinerías de petróleo), farmacéutico, mecánico (automóbiles), alimentario (conservas de peixe e produtos lácteos), téxtil e atómico. Tamén é, polo volume da súa produción, un dos grandes centros mundiais da industria cinematográfica. Mercado financeiro de primeira categoría, as súas boas comunicacións, tanto por vía marítima como aérea (aeroporto internacional de Santa Cruz) e terrestre (estradas e ferrocarril) proporciónanlle ademais un marcado carácter comercial. Esta vitalidade económica atraeu un numeroso contixente de inmigrantes procedentes das áreas rurais da India, aluvión que provocou problemas moi graves de urbanismo. A súa posición de “Porta da India” fai que sexa a cidade india máis aberta á cultura occidental. É centro de ensino superior, conta coa University of Bombay, fundada en 1857 (o St. Xavier’s College, adscrito a esta universidade está dirixido desde 1922 por xesuítas españois). Entre os seus monumentos destacan o templo hindú de Mahālakshmī e as torres do silencio (cemiterio parsi). Os Xardíns Colgantes son notables polas súas árbores e plantas, e a illa de Elefanta polo templo subterráneo de Shiva (da época posgupta). A cidade non foi fundada ata o s XIII. Conquistada polos musulmáns do Gujarat no 1348, no ano 1534 pasou a poder dos portugueses que a chamaron Bom Baía. En 1662 converteuse en posesión inglesa como dote na voda de Carlos II de Inglaterra con Catarina de Bragança; posteriormente, en 1668, o Rei outorgoulla á Compañía das Indias Orientais e Bombai permaneceu baixo o seu dominio ata 1783, ano en que volveu formar parte da Coroa. A mediados do s XIX, a construción da primeira vía férrea e a posta en marcha da primeira fábrica téxtil iniciaron o seu desenvolvemento industrial.