Bomoi Sestioi
Transcrición defectuosa do texto grego Bωμόι Σεστίου (debería transliterarse como Bomoi Sestiou), que se encontra en Ptolomeo (Xeogr, II, 6, 3), equivalente ás Aras Sestianas ou “tres arae quae Sestianas vocant” de Mela (Chorogr III, 13), e tamén citadas por Plinio (Nat Hist, IV, 111): “tres arae Sestianae Augusto dicatae” quen di que lle foron dedicadas a Augusto. Seguramente o nome de Sestianas fai referencia a Lucio Sestio, cónsul romano que tomou parte nas guerras galaicas como legado de Augusto. O profesor Luis Monteagudo situounas nas Illas Sisargas, tras demostrar que a palabra ara en latín ademais do sentido de ‘altar’ ten tamén o significado de ‘escollo, rocha mariña’. Seguindo o fío desta opinión, o Bωμόι de Ptolomeo sería, xa que logo, unha tradución incorrecta de ara. Esta hipótese cobra maior forza se aceptan que tralo nome Sisargas agóchase a palabra Caesaricas. Non obstante , outros estudiosos como Müller ou Schulten localízanas entre Noia e Corcubión, mentres que o P. Flórez as sitúa no cabo Touriñán.