Borbonesado

Borbonesado

Antiga provincia do centro de Francia que se corresponde ao actual departamento de Alier e cunha parte do departamento de Cher. Constitúe unha área de transición entre o Macizo Central e a conca de París, e está drenada polo río Cher e polo Alier. A súa agricultura está baseada no cultivo de trigo e forraxe, alimento, este último, da gandería bovina. As cidades son en xeral mercados agrícolas, como Moulins, capital da provincia. Na época gala esta rexión estivo poboada polos arvernos, os eduos e os bitúrigos cubios (cubi). Conquistada polos romanos (arredor do 58 a C), foi posteriormente ocupada polos visigodos (477) e polos francos (principios do s VI). No s X apareceu a señoría de Borbón. Aimard ou Adhemar (s X) foi o primeiro dos señores do Borbonesado; o seu neto Archambaud II (? - 1034) consolidou a dinastía Borbón-Archambaud no poder. Roberto de Clermont (1256 - 1317), fillo de Luís IX, adquiriu o Borbonesado ao casar con Beatriz de Borbón (1278). En 1327 Carlos IV converteu a Luís, conde de Clermonte (1279-1342), en duque de Borbón. Á morte do condestable de Francia Carlos III de Borbón (1527), o Borbonesado uníuse á coroa francesa (1531).