borgoñón -na

borgoñón -na

(< topónimo Borgoña)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Borgoña, aos seus habitantes ou á súa lingua.

    Ex: Merquei un traxe tradicional borgoñón.

  2. s

    Habitante ou natural da Borgoña.

    Ex: Teño un amigo que é borgoñón.

  3. s m [LING]

    Dialecto francés que se estendeu pola antiga Borgoña, o Nivernais e parte da Champagne.

  4. s [HIST]

    Individuo do bando francés, inimigo dos armañagueses, que seguiu as directrices dos duques de Borgoña.

  5. arte borgoñona [ARTE]

    Arte desenvolvida na rexión borgoñona. A historia da arte borgoñona debeuse iniciar na época galo-romana, aínda que sen unhas características locais propias baixo o dominio imperial. O establecemento dos burgundios supuxo a introdución da arte xermánica (sepulturas de Charnay-lès-Chalon). Do dominio carolinxio queda unha obra moi importante: as criptas de Saint-Germain de Auxerre (mediados do s IX). Co Románico xurdiu a verdadeira arte borgoñona. Os seus edificios dos ss XI e XII responden a tres esquemas construtivos: un primeiro grupo con Cluny III e as catedrais de Langres, de Autun, de Paray-le-Monial; o segundo coa Madeleine de Vézelay, Anzy-le-Duc, e Saint-Lazare e Saint-Martin-du-Bourg en Avallon; e o terceiro, Fontenay. Na escultura, un só estilo unifica capiteis (Cluny, Autun ou Saulieu) e tímpanos (Autun, Vézelay ou Anzy-le-Duc), caracterizada pola espiritualización da figura humana e o delicado sentido do movemento. A pintura presenta certas peculiaridades (murais de Berzé-la-Ville) e caracterízase pola riqueza cromática, fondos escuros e naturalismo. A arte gótica dos ss XIII e XIV presenta unhas características menos rexionais (catedrais de Nevers e de Auxerre). Así e todo, a extremada afección aos pórticos e ás igrexas de dobre piso de elevación son peculiaridades borgoñonas. Co gran ducado de Borgoña xurdiu unha arte verdadeiramente persoal na pintura e na escultura, froito neste caso da unión dos estilos góticos parisino e flamengo coa tradición local. Destacan os escultores Claus Sluter, Claus de Werbe e Antoine la Moiturier, e os miniaturistas xermanos Pol, Jean Limbourg, Jean Walquelin de Mons e Philippe de Mazerolles. Coa asimilación do gran ducado a Francia, a arte desta rexión desapareceu como un núcleo dotado de personalidade autónoma.

  6. música borgoñona [MÚS]

    Arte musical de diferentes tendencias estéticas cultivada na corte de Borgoña no s XV. Compositores de diferentes países como Binchois, Dufay, Ockeghem e Busnois, encontráronse na corte de Borgoña e influíron na formación da linguaxe musical internacional propia da Europa do s XV.

Palabras veciñas

Borgoña, Filipe de | Borgoña, Juan de | Borgoña, Porta de | borgoñón -na | Borgou | Borgund | Borgward