Bosch, Hieronymus

Bosch, Hieronymus

ou o Bosco (š-Hertogenbosch 1450? - 1516) Nome co que se coñeceu o pintor e debuxante holandés Hieronymus van Aeken. En 1486 ingresou na confraría da Nai de Deus onde, ademais de pintar, se ocupaba da representación de misterios. En 1493 fixo os debuxos para as vidreiras da catedral de San Xoán de š-Hertogenbosch. En 1504 o arquiduque Filipe o Fermoso, encargoulle un cadro sobre o Xuízo Final. Boa parte da súa produción desapareceu por causa das iras iconoclastas. Atribúenselle unha trintena de obras: datables cara ao 1480 figuran Os pecados capitais e O escamoteador; do período 1485-1505 son probablemente O barco dos tolos e os trípticos da Alegoría do carro de feo, do Xardín das delicias e de A tentación de Santo Antonio; realizadas despois de 1505 son o tríptico da Epifanía, O fillo pródigo e as pinturas sobre o tema das aldraxes a Cristo. A obra do Bosco é un testemuño da época na que foi concibida, expresa o conflito de ideas, de sentimentos e de gustos da súa época e resulta enigmática e susceptible de interpretacións contraditorias: unhas veces con intención ética, outras como un ataque aos herexes e incluso como unha herexía. Boa parte do seu simbolismo arráigase en lendas e ditos populares holandeses. Describiu un mundo visionario que preludia o Superrealismo. Foi o iniciador do movemento que levou a pintura flamenga do misticismo ao realismo de inspiración popular.