botella

botella

(< lat butticŭla)

  1. s f

    Recipiente portátil de vidro, cristal, material termoplástico, etc, de colo máis ou menos estreito, destinado a conter líquidos. Desde o século II a C, na China e en Exipto xa se fabricaban botellas de vidro polo sistema de soprado. Este, que aínda se emprega na elaboración de certos obxectos artesanais, consiste en soprar coa boca nun tubo que ten no extremo unha bóla de vidro en estado pastoso e poñelo a continuación nun molde, ata acadar un axuste total ás súas paredes; inmediatamente, faise xirar o tubo nun movemento ascendente para rematar o colo da botella. A finais do século XIX, Boucher en Francia e Owens nos EE UU, puxeron a punto métodos semiautomáticos; na actualidade, case todas as botellas están fabricadas por máquinas automáticas. O vidro da botella ten que ser o máis inalterable posible fronte á auga. Utilízanse vidros cunha base que leva pequenas cantidades de magnesia e alúmina para evitar a tendencia á desvitrificación. Nos últimos anos, as botellas de materiais termoplásticos moldeadas por soprado substituíron en gran parte o vidro no envasado de aceites comestibles, de deterxentes domésticos, de artigos de perfumería corrente e de moitos produtos farmacéuticos ou de droguería. O vidro domina aínda nas bebidas grazas á fabricación de botellas de pouco grosor, lixeiras e máis baratas ca as tradicionais. As vantaxes básicas dos plásticos son a lixeireza, a resistencia ao choque e o baixo prezo. O vidro ofrece, en cambio, unha maior garantía de impermeabilidade, mellor protección contra axentes contaminantes, posibilidade de reutilización e, desde un punto de vista ecolóxico, maior facilidade de degradación, coa posibilidade de recuperación. No caso dos licores existe unha innumerable variedade de botellas con formas orixinais e empregando materiais como a porcelana ou o cristal tallado. Utilízanse distintos tipos de botellas segundo a idade e calidade do produto. No caso dos viños, dependendo do tipo e da rexión, cada un comercialízase nunha botella clásica, onde o deseño e a cor é o máis axeitado ás características do produto, cunha capacidade que se aproxima aos 3/4 de litro, sendo as máis características a borgoñona, a bordelesa e a renana. Os tamaños de botella máis empregados na comercialización do viño son: 3/8 l (media), 3/4 l (normal) e 1,5 l (grande). Segundo a súa forma e a súa capacidade as botellas reciben diferentes nomes.

    Ex: Puxo a botella enriba da mesa e serviu uns vasos.

    Confrontacións: botello, frasco, garrafa.
  2. s f

    Cantidade de líquido que cabe nese recipiente.

    Ex: Bebeu unha botella enteira de viño antes de comer.

  3. s f [FÍS/TECNOL]

    Globo de vidro que constitúe a envoltura das lámpadas, dos tubos electrónicos e doutros dispositivos que teñen que funcionar no baleiro ou nunha atmosfera pechada.

  4. s f [PROTISTA]

    boche.

  5. s f [XEOL/BIOL]

    Recipiente utilizado para recoller mostras de auga de mar a determinadas profundidades. Hainas de diferentes tipos (botellas de Nansen, de Ekman, de Sigsbee, etc). Polo xeral consta dun depósito cilíndrico cunha válvula terminal a cada extremo, que se pechan ao chegar á profundidade desexada, e un termómetro que rexistra a temperatura da auga no momento de tomar a mostra.

  6. botella de Leiden [FÍS/TECNOL]

    Condensador experimental feito cunha botella de vidro forrada por dentro e por fóra, ata unha certa altura, de papel de estaño. Ten un tapón de cortiza atravesado por unha variña en forma de gancho pola parte de fóra que se comunica co papel de estaño pola de dentro. Foi concibida no ano 1746 por tres físicos neerlandeses, van Musschenbroek, Allamand e Cunaeu, e descárgase parcialmente tocando o gancho co dedo ou poñéndoo en comunicación con terra. Para descargalo totalmente cómpre un excitador.

  7. botella magnética [FÍS]

    Recinto esférico que no seu interior posúe un campo magnético cun valor que aumenta en todas as direccións proporcionalmente ao cadrado da distancia ao centro. Para obter o tipo de campo magnético indicado, a botella dispón de tres bobinas, unha no ecuador e dúas nas zonas polares, polas que circulan correntes de igual intensidade. A dirección da corrente é a mesma para as bobinas polares, mentres que na ecuatorial a corrente circula oposta a aquelas. Estes dispositivos utilízanse para a produción e almacenamento dos neutróns ultrafíos, e con iso faise posible a fusión nuclear.

  8. en botella [ALIM]

    Fase de redución na crianza dun viño na que se afina tralo paso pola barrica (fase de oxidación) e se fai máis complexo no nariz e na boca.

Frases feitas

  • Pegarlle á botella. Beber moito.