2 bóxer
(
Membro dunha sociedade secreta chinesa de carácter xenófobo creada a raíz da derrota chinesa fronte aos xaponeses (1895) e por mor das presións político-económicas das potencias europeas a finais do s XIX. A revolta dos bóxer (1900) foi a expresión deste descontento nacional chinés ante a presenza occidental. En 1898 comezou a manifestarse no norte de China a agrupación Yihequan ‘puños de xustiza e concordia’, procedente da Bailian hui, onde o boxeo ocupaba un lugar importante dentro das súas actividades. Do termo inglés boxer (boxeador) deriva o nome do movemento. Os bóxers identificáronse cos tuan, milicias locais, e obtiveron axuda dalgúns elementos na corte manchú, rompendo coa tradición lexitimista doutras sociedades secretas que aspiraban á restauración da antiga dinastía Ming. Adoptaron o lema: defensa dos Qing (manchús) e destrución dos estranxeiros. Recrutaron partidarios entre os campesiños sen terra e os desocupados. Non obstante , os seus obxectivos non foron sociais senón de loita contra as misións cristiás, que gozaban de amplos privilexios; combateron contra o maquinismo industrial e o afundimento de China fronte á presión estranxeira. Despois dunhas vacilacións iniciais, a corte imperial inclinouse a favor dos bóxers. As legacións de Pequín foron atacadas e as potencias occidentais enviaron un corpo expedicionario que liberou os asediados en agosto de 1900. A Emperatriz viúva de Cixi fuxiu coa corte a Xi’an e non regresou ata 1902. O protocolo de 1901 obrigou a China ao pago dunha forte indemnización e á concesión de máis vantaxes ás potencias occidentais. Actualmente, os bóxers son considerados en China un movemento nacional e popular.