Bragança

Bragança

Distrito do estremo NL de Portugal, na rexión de Trás-os-Montes (6.597 km2; 154.700 h [estim 1993]). A súa capital é Bragança. O río Douro marca os límites oriental (coas provincias españolas de Zamora e Salamanca, na comunidade de Castela e León) e meridional (cos distritos de Guarda e Viseu). A altitude media é elevada. Os principais accidentes do relevo son a serra do Mogadouro, no SL, e a serra de Nogueira, que atravesa o distrito pola metade en sentido N-S e constitúe a divisoria de augas entre os seus principais sistemas fluviais. Os ríos Sabor e Tuela, ambos os dous tributarios do Douro e cun curso de dirección NL-SO, artellan senllas concas fluviais que drenan todo o territorio. Constituído por 12 concellos e 298 freguesías, o distrito baséase na organización territorial eclesiástica: a diocese creouse en 1770, segregada da de Miranda, que fora creada en 1545; en 1780 reuníronse de novo nunha soa, aínda que desta volta a sé episcopal estableceuse en Bragança, que se converteu en capital do distrito ao implementarse unha administración territorial civil.