Brandeso, Pazo de
Brandeso, Pazo de
Situado en Arzúa, é de orixe medieval aínda que foi reconstruído no 1554. De planta rectangular, a fachada principal, realizada en cachotería de granito, presenta un sinxelo arco de medio punto e nos seus dous andares ten ventás con montante. No tramo central e nas esquinas consérvanse as ameas, probablemente reutilizadas do antigo torreón medieval. Asentado na cornixa, sobre a porta de ingreso, atópase o escudo coas armas dos Aguiar e dos Mosquera. A capela, que foi restaurada en 1664, alberga un sartego de arcosolio que acolle os restos do fundador do morgado do pazo (1635), Fernán Montero de Mella, e da súa esposa, Inés de Villa e Aguiar.