branquia
(< lat branchĭa < grβράγχια)
-
s
f
[ZOOL]
Cada un dos elementos en forma de lámina, de filamento, etc, que constitúen o órgano respiratorio dos animais acuáticos ou de respiración acuática. As branquias están formadas por evaxinacións cutáneas de tegumento moi fino e vascularizado, coa superficie normalmente aumentada por repetidas subdivisións (branquias dendriformes, plumoides, laminares, etc), para ter unha gran superficie de contacto co medio. Nas branquias ten lugar o intercambio de gases a favor de gradiente; o osíxeno disolto na auga pasa ao sangue e o CO 2 pasa do sangue á auga. As branquias son diferentes segundo os grupos. Poden estar dentro do corpo (branquias internas), como as dos peixes, ou non (branquias externas), como as das larvas dos anfibios. Aínda que en xeral as branquias son perennes, as que teñen as larvas dos peixes e anfibios raramente perduran máis alá do estado larval.
Sinónimos: galada, guerla. -
branquia física
[ZOOL]
Sistema de respiración propio de certas larvas e certos adultos de insectos acuáticos, cuns pelos hidrófugos na cutícula que reteñen unha película incompresible de aire. A propia respiración traqueal do animal provoca a diminución da tensión de osíxeno dentro da película, que se restitúe coa entrada de osíxeno disolto na auga, mediante un sistema de equilibrio entre este e o nitróxeno. Permite ao animal unha inmersión prolongada.