Boletín de la Institución Libre de Enseñanza

Boletín de la Institución Libre de Enseñanza
Nome científico: [BILE]
[PUBLIC]

Órgano oficial da ILE (Institución Libre de Enseñanza) que saíu á luz o 7 de marzo de 1877, con catro páxinas a dúas columnas. Despois dalgúns cambios, en 1893 adquiriu o formato definitivo de 32 páxinas e periodicidade mensual. O artigo 15 dos Estatutos serve de introdución a todos os boletíns, onde indica os principios ideolóxicos da publicación. O primeiro director foi Francisco Giner de los Ríos (1877-1881), a quen sucederon Joaquín Costa (1881-1884), José de Caso (1884-1904), Ricardo Rubio (1904-1910), Adolfo Posada (1910-1917), outra vez Rubio (1917-1926), continuando posiblemente ata 1934, ano no que parece ser que se fixo cargo Ontañón. Ata 1889 constaba de trece seccións que se reduciron a tres: Pedagoxía, Enciclopedia e Institución. A sección máis favorecida por firmas relevantes foi a de Pedagoxía, na que tiveron cabida as novas correntes pedagóxicas. Destaca o gran número de colaboradores estranxeiros defensores da nova pedagoxía, Claparède, Coussinet, Decroly, Dewey, Ferrière, Key, Kilpatrick, Montessori, Tagore, Tolstoy, etc. Dos españois cómpre citar a Francisco Giner (135 artigos), Joaquín Costa, Rafael Altamira e Adolfo Posada. Xunto a eles, Manuel Bartolomé Cossío, D. Barnés, Lorenzo Luzuriaga, Luis Bello e outros, que sitúan o BILE na vangarda das revistas pedagóxicas da época. Nese sentido, o boletín foi un verdadeiro axente de renovación pedagóxica, con información puntual e contacto permanente co estranxeiro. Tampouco quedaron fóra outros estudios, como os históricos, literarios, filosóficos, sociopolíticos, e aqueles referidos a Dereito, Ciencias, Xeografía, Psicoloxía, Música e Arte. O único traballo de Francisco Giner sobre Galicia é un artigo sobre “La Catedral de Lugo”, publicado en dous números consecutivos (1896) e que remata cun breve apuntamento sobre a Arquitectura en Galicia. Non obstante, dos escritores galegos sobresaen Concepción Arenal (19 artigos), Vicente Viqueira (16), E. Pardo Bazán e Montero Ríos. Dos sociopolíticos, Julián Besteiro, con 17 artigos. O BILE continuou a súa andaina ata decembro de 1936, finalizando co tomo 60, no número 920. En marzo de 1987 o Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, órgano difusor da Fundación Francisco Giner de los Ríos, comezou unha nova etapa baixo a dirección de Antonio Jiménez-Landi, a quen sucedeu Juan Marichal en decembro de 1990.