Brasil
Estado da América meridional. Limita ao N coa Guyana Francesa, Surinam, Guyana e Venezuela, ao O con Colombia, Perú e Bolivia, ao S con Paraguay, Arxentina e Uruguay, e ao L co Océano Atlántico (8.511.996 km2; 165.851.000 h [estim 1998]). Esténdese entre os 5° e os 34° de latitude N e os 74° e 35° de lonxitude O. A súa capital é Brasília.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
En xeral, Brasil presenta un relevo monótono, de altitudes pouco marcadas (o 40% da superficie está sobre os 200 m e só o 7% sobre os 800). Predominan as formas compactas, os relevos tabulares e as superficies horizontais. Pódense diferenciar claramente, dende un punto de vista morfoestrutural, dúas grandes unidades: ao N a Amazônia, vasta área de subsidencia e sedimentación, drenada polo río Amazonas e os seus afluentes, que abrangue case a metade da superficie do Brasil; o resto do país, onde o relevo está dominado polo zócolo precámbrico, o chamado escudo brasileiro, que está formado por un conxunto de extensas penechairas, onde predominan as formas redondeadas, as vertentes convexas e os vales en pendente, produto dunha intensa meteorización sobre unha litoloxía de granitos, gneisses e xistos, moi dobrados e fracturados. Este zócolo presenta unha cobertura de sedimentos primarios e secundarios que dan lugar ás ladeiras (superficies tabuladas de vertentes escarpadas), e aos tabuleiros (altiplanos terciarios de pouca altitude e formas suaves, lisas). O zócolo forma un conxunto de relevos semellantes aos dos Apalaches nos sectores litorais e meridionais. As rochas precámbricas (cuarcitas, filitas e calcarias), máis resistentes á erosión que o resto dos materiais precámbricos, orixinan relevos residuais que sobresaen das penechairas. As máximas altitudes están no S e no L (Serra do Mar e Serra da Mantiqueira, onde se sitúa o Pico da Bandeira, de 2.890 m). Atendendo a criterios máis climáticos que xeomorfolóxicos, pódense atopar no escudo basileiro catro conxuntos rexionais: o NL, o L, o S e O. Os tres primeiros forman a fronte atlántica do país. O centro-oeste presenta unha complicada disposición de altiplanos (planaltos), que ocupan os estados de Goiás e de Mato Grosso.
Climatoloxía
O Brasil, debido á súa extensión latitudinal, atópase baixo tres dominios climáticos ben matizados de N a S: ecuatorial, tropical e subtropical. A rexión de clima ecuatorial coincide coa Amazônia. Nesta zona o litoral recibe durante todo o ano o alisio do SL, que achega chuvias intensas; sen embargo, no interior os rexistros de precipitacións baixan ata 800-600 mm anuais (e no sertão do NL, a 300-200 mm), que a causa da grande evaporación provocada pola forte insolación resultan insuficientes, provocando un acusado déficit hídrico nos solos; ademais, a estación chuviosa é moi curta, con períodos de seca que en ocasións poden prolongarse ata 10 ou 11 meses e precipitacións, cando se producen, moi intensas e destrutivas. No centro-oeste, no Planalto, o clima é tropical chuvioso, suavizado pola altitude, o que contrasta cos vales dos ríos e o terreo palustre, de clima cálido e húmido. As choivas que caen sobre todo no verán, están ao redor dos 1.200-1.700 mm anuais, e hai dous ou tres meses secos. No S predomina o clima subtropical temperado. As temperaturas absolutas de verán poden chegar aos 42°C, pero os aires fríos do inverno provocan xeadas nocturnas. As choivas poden chegar aos 1.200 ou aos 2.200, durante todo o ano.
Hidrografía
A rede hidrográfica do Brasil confórmase ao redor de tres concas: a do Atlántico (cos ríos Tocantins, Gurupi, Itapecuru, Parnaíba e a rede que dá lugar ao Guaíba), a do Amazonas, que se pode incluír na conca do Atlántico pero que polas súas características e magnitude ten unha entidade propia, e a do Río de la Plata, cos seguintes afluentes: Paraná, Paraguay e Uruguay. Case todos os ríos nacen no escudo brasileiro. De réxime pluvial, os do NL están moi afectados pola seca. A causa dos desniveis topográficos que deben salvar, debidos á estrutura xeolóxica do país, tan só son navegables en pequenos treitos.
Bioxeografía
A selva chuviosa ecuatorial da Amazônia ocupa case a metade da superficie do Brasil. Gran parte da fronte litoral do L tamén está formada por selva chuviosa tropical ou subtropical. En altitudes inferiores aos 1.200 m o bosque é denso. Nestas serras litorais son frecuentes as turbeiras por riba dos 1.400 m. Pola contra, o NL do Brasil é o país da caatinga. No interior predominan as sabanas tropicais e subtropicais. No extremo S do altiplano brasileiro a vexetación principal é un bosque tropical ou subtropical mesófilo, onde predominan as árbores de folla perenne. As chairas baixas do S do Brasil (fronteira con Uruguay) están ocupadas pola pradería que alonga a Pampa cara ao N. O 3,8% da superficie do país son áreas protexidas entre as que cómpre destacar o Parque de Itatiaia, Iguaçu, a Serra dos Orgãos, o Paulo Afonso, o Bananal ou o Vale Amazónico.
Xeografía económica e economía
Economía
Unha vez que rematou a dependencia do Brasil dun só produto (sucesivamente: madeira, gando, azucre, ouro, caucho e café), o país experimentou un gran desenvolvemento industrial dende a Segunda Guerra Mundial, e converteuse no primeiro estado industrial de América Latina. A taxa de crecemento do PNB foi en 1970-1980 das máis elevadas de América do Sur (achegouse ao 9% anual de media). Non obstante , este ritmo minguou durante as décadas dos oitenta e noventa (entre 1987 e 1997 o crecemento foi do 2%). Ademais, cando comezaba a recuperarse (3% en 1997), a crise financeira que afectou á súa economía en 1998, fixo descender o seu crecemento anual ao 0,2%, a causa das fortes perdas na bolsa, provocando ademais a desvalorización da moeda nacional e o aumento do desemprego (6,9%). O 28 de outubro, no marco do plan trienial para relanzar o crecemento económico (concertado co Fondo Monetario Internacional), o goberno anunciou unha manobra financeira equivalente a catro billóns de pesetas. Así mesmo, tralas axudas recibidas polo FMI, a economía brasileira comezou a dar sinais de recuperación: o grao de competitividade (medido polo IMD de Lausanne) aumentou do posto 37 (1998) ao 35 (1999). Malia o aumento da poboación, a renda por habitante era de 4.400 $ USA en 1996, aínda que desigualmente distribuída entre a poboación. Un dos problemas da política económica brasileira é o proceso inflacionista, situación característica dun país que forza o seu desenvolvemento industrial, que se situaba en 1997 no 6%. A intervención do goberno na economía favoreceu os investimentos estranxeiros, creou importantes empresas e institucións económicas (Petrobrás no petróleo, Electrobrás na enerxía eléctrica e o Instituto Brasileiro do Café) e asegurou unha forte presenza do estado na banca. O sistema financeiro do Brasil está integrado polo Conselho Monetário Nacional (CMN), responsable da política monetaria; o Banco Central do Brasil, responsable da emisión de moeda, do control do crédito, das institucións financeiras, dos investimentos estranxeiros e da execución da política definida no CMN; o Banco do Brasil, de capital mixto, axente financeiro do Tesouro Federal; e o Banco Nacional do Desenvolvemento Económico e Social (BNDES), encargado de realizar a política de investimentos do goberno federal e de supervisar os seus planos financeiros. A actividade bolsista está organizada ao redor de 9 bolsas nacionais, das que a máis importante é a de São Paulo, que capitaliza o equivalente ao 0,7% do total mundial, o que a sitúa no décimo sexto posto no mundo. En xuño do ano 2000, aprobouse a fusión desta bolsa con algunhas das máis importantes do mundo, entre outras, Nova York, París ou Toquio. O crecemento da economía brasileira, sen embargo, está a provocar unha serie de problemas que o estado non é quen de resolver: unha débeda externa das máis altas do mundo dende a década dos oitenta (179.047 millóns $ USA [1996]), a falta de traballadores especializados e grandes desigualdades sociais e rexionais. A moeda de curso legal é o real.
Agricultura
A economía do Brasil ata os anos corenta baseouse na agricultura. Durante 30 anos a produción agrícola aumentou de forma continuada, reducíndose a agricultura de subsistencia en beneficio da comercial, o que provocou que a poboación activa dedicada á agricultura baixase ata o 37,9% (1991). Entre 1966 e 1970 unha política de reforma agraria propiciou que 45.000 familias recibisen títulos de posesión de terras. Non obstante , restan algúns conflitos sociais no campo, onde o Movimento dos Sem Terra (MST) esixe a aceleración da reforma agraria, feito polo que organizou ocupacións e expropiacións dos latifundios que permanecen incultos, en particular nos estados de São Paulo e de Pernambuco. Abandonouse a tradicional monocultura do café e diversificouse a produción agrícola, aínda que o café continúa a ser o produto principal (primeiro produtor mundial) cultivado, sobre todo, nos estados do S e do SL (Paraná, Minas Gerais e Espírito Santo). Outros produtos dedicados á exportación son: cana de azucre (primeiro produtor mundial), cítricos (1º), plátanos (2º), soia (2º), cacao (4º), tabaco (4º), cacahuete (18º), té (20º) e algodón. Outros produtos de importancia, destinados fundamentalmente ao consumo interior, son: millo (3º produtor mundial), mandioca, arroz (10º), patacas (19º), trigo e outros cultivos tropicais. Dáse o paradoxo de que Brasil é o segundo exportador agrícola do mundo; sen embargo, malia dispoñer de recursos e potencial, non consegue asegurar o seu autoabastecemento. A gandería bovina (produción de carne) practícase de maneira extensiva en Minas Gerais e Mato Grosso, e de xeito intensivo no sur; seguen en importancia o gando porcino, ovino e cabrún. A masa forestal do Brasil (57,3% do territorio) é a máis extensa do mundo despois da rusa, polo que os bosques constitúen un elemento fundamental na economía brasileira. No que se refire á pesca, a partir da ampliación da zona económica exclusiva ás 200 millas actuais, o Brasil mellorou en termos absolutos a súa posición no sector Atlántico Sur-Occidental, e isto permitiulle un incremento da súa produción que ascendeu a 798.719 t en 1996. As principais capturas son a pescada, as gambas, a lagosta e o cangrexo. A explotación dos seus recursos pesqueiros está en mans de sociedades mixtas, orientadas sobre todo á produción de peixe conxelado, conservas e preparados de peixe, crustáceos e moluscos. Brasil é un importador neto, ocupa o vixésimo primeiro posto mundial, por un valor de 481.552.000 $ USA. A relación comercial con Galicia en materia pesqueira é favorable para Galicia: en 1996 as exportacións galegas ao Brasil estiveron valoradas en 197.000.000 pesetas; sen embargo, as importacións brasileiras a Galicia foron practicamente nulas.
Minería
O Brasil ten unha gran riqueza mineral, ocupa un dos primeiros lugares entre os produtores do sector mineiro; sen embargo, a súa contribución ao PIB descendeu do 3,9% en 1984 ao 1,3% en 1994, debido ao investimento de capitais estranxeiros. Esta riqueza está subexplotada por mor do insuficiente desenvolvemento dos transportes. Destacan as producións de ferro (primeiro lugar do mundo polas súas reservas, con explotacións en Baía e Amapá), ouro e diamantes (Baía, Minas Gerais), manganeso (Baía, Mato Grosso, Amapá), bauxita, estaño, cobre, carbón, zinc, bentonita, caolín, fosfatos, grafito, asbestos, mica e uranio, entre outros. Destaca tamén a produción de petróleo e gas natural. A empresa estatal Petrobrás é unha das primeiras empresas petrolíferas a escala mundial.
Industria
A actividade industrial foi o sector máis dinámico trala Segunda Guerra Mundial, crecendo con taxas superiores ás do PIB. Concéntrase fundamentalmente no SL (São Paulo, Rio de Janeiro, Minas Gerais). As industrias máis importantes son a metalúrxica, que utiliza ferro de Minas Gerais (obtención de ferro, aceiro, aluminio e maquinaria de transporte e eléctrica), siderurxia (complexo de Volta Redonda en Rio de Janeiro), alimentaria (azucre), a química (caucho sintético, produtos farmacéuticos), a téxtil e a papeleira. Tamén ocupa un lugar moi destacado a construción naval, industria de armamento (un dos principais exportadores) e o sector do automóbil, grazas ao investimento dos líderes do sector. Ten un gran potencial hidroeléctrico. Non obstante , aínda que a produción de enerxía eléctrica, localizada nos ríos Paraná e Tocatins, é das máis elevadas do mundo (59.036.000 kw instalados), resulta insuficiente para cubrir as necesidades do país.
Transportes e comunicacións
Existen dous grandes eixes, o L-O (a estrada Transamazónica e a diagonal sueste-Rondônia) e o S, L, NL (Brasília-Belém, Cuiabá-Santarém e Pôrto Velho-Manaus-Boa Vista); no resto do país a rede de ferrocarrís (30.501 km [1996]) e estradas (6.225 Km [1996]) resulta insuficiente. A navegación fluvial (52.000 km de vías interiores navegables en 1994) é importante só no Amazonas. Pola contra, a navegación marítima está moi avanzada, e a mariña mercante é a máis importante de América Latina (551 unidades [1995]). Os portos máis destacados son: Santos (onde Bolivia e Paraguay teñen zonas francas), Rio de Janeiro, São Sebastião, Belém, Macapa, Porto Alegre, Paranaguá, Salvador e Recife. A navegación aérea gañou importancia co paso do tempo e agora comunica todo o país (391.000.000 km voados en 1995). Hai varias compañías de aviación. Os aeroportos máis importantes son os de São Paulo (Guarulhos), Rio de Janeiro, Recife, Salvador, Porto Alegre e Brasília.
Turismo e comercio exterior
O turismo é relativamente baixo, aínda que os ingresos procedentes desta actividade igualan ou superan os gastos dos brasileiros no estranxeiro. A maior parte dos visitantes estranxeiros proceden de Arxentina, Uruguay, EE UU, Paraguay e os países europeos. Se ben no pasado existiron numerosas trabas ás importacións, dende marzo de 1990 produciuse unha liberalización gradual do comercio. O Brasil importa sobre todo maquinaria, material eléctrico, produtos químicos e recursos enerxéticos. As súas principais exportacións son o café, a froita, os legumes, o azucre, o cacao, o tabaco, a carne, as peles, o coiro, o mineral de ferro, o petróleo, o xiz, o aceiro, o aluminio, a maquinaria, os vehículos, os produtos químicos, a soia, o calzado, o papel e, extraoficialmente, o armamento. En 1996, os principais provedores eran: EE UU, Arxentina, Alemaña, Italia, Xapón, Francia, Arabia Saudí, Canadá, Chile, Suíza e Uruguay; os clientes: EE UU, Arxentina, Países Baixos, Xapón, Alemaña, Italia, Bélxica, Reino Unido e Chile.
Xeografía humana e sociedade
Demografía e poboamento
Máis ou menos nun século a poboación do Brasil multiplicouse por catorce (dende 1872). O crecemento foi moi intenso a partir de 1950, por mor da alta natalidade, da diminución da mortalidade e a mellora da sanidade (un crecemento anual de 2,2% entre 1975-1985, para despois diminuír; en 1997 era dun 1,3%). En 1997 a densidade de poboación era de 19,4 h km2, o crecemento natural foi de 13,7‰, cunha taxa de mortalidade de 6,8‰ e unha natalidade de 20,5‰. Ten unha distribución moi irregular: os estados do lado atlántico, do centro ao S, especialmente en São Paulo (125 h/km2) e Rio de Janeiro (228 h/km2), concentran o 90% da poboación e un 35% do territorio, mentres que no interior e no N da costa a densidade é moi baixa (no Amazonas é dun 1,3 h km2). O desenvolvemento económico, que acentúa os desequilibrios rexionais, provoca correntes migratorias internas en beneficio dos estados do S e do SL (São Paulo, Paraná e Santa Catarina). A inmigración non é un factor de importancia: en 1973 só ingresaron 6.000 inmigrantes.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Brasil entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o posto 79 cun índice do 0,739). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 66,8 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 84% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 80%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 6.480 $ USA.
Pobos indíxenas e situación social
A poboación brasileira está composta por brancos (55,2%), a maioría de orixe portuguesa, española, italiana ou alemana; mestizos (38,2%), que constitúen o potencial humano da nación; negros (6%), numerosos nas rexións costeiras setentrionais, sobre todo nas cidades de Salvador e Recife; e amerindios (0,2%); outros grupos minoritarios (xaponeses, hindús, xudeus, etc) o 0,4% da poboación. A segregación racial, que foi moi profunda nas primeiras décadas do s XX e estaba motivada polo que se denominou “escala da cor da pel”, modificouse a prol da discriminación socioeconómica, de feito a poboación na pobreza absoluta constitúe o 17% da poboación e afecta, fundamentalmente, ás bolsas de marxinación das periferias das grandes cidades (São Paulo, Rio de Janeiro ou Brasília). En canto á poboación amerindia, considérase que antes da chegada dos europeos debían existir no Brasil unhas 1.000 etnias que sumaban entre 2 e 6 millóns de individuos; sen embargo, a relación con diferentes segmentos da sociedade brasileira provocou situacións ben distintas referidas ao grao de contacto. Os pobos en contacto, aínda que perdesen as súas linguas maternas e hoxe só falen portugués (atikum, jiripancó, kariri-xocó, pankararru, tapeba e xukuru, entre outros) ou incorporasen no seu uso cotián bens e produtos industrializados, continúan mantendo a súa identidade e afirmándose como grupos étnicos diferenciados, portadores de tradicións propias. Ademais, considérase que 53 grupos viven aínda de forma illada, lonxe do contacto permanente ou regular con non-indios, aínda que a Fundação Nacional do Índio (FUNAI) só confirmou a existencia de 12 deses grupos. Fronte a ese universo indíxena, que vive en comunidades aldeás nas terras indíxenas, existe un amplo continxente indíxena que vive nas cidades de Manaus, Boa Vista, Governador Valadares, Curitiba, Campo Grande e Amambai. Así mesmo, o contacto cos europeos provocou un descenso demográfico de tal contía que nos anos setenta todo o mundo pensaba na desaparición dos pobos indíxenas do Brasil, tendencia invertida a partir da década dos oitenta: en 1980 a poboación indíxena era duns 123.000 individuos e, en 1999, ascendera a 300.000 (330.000 se se inclúen os indíxenas urbanos). As causas históricas dese descenso demográfico foron a colonización cara ao interior, que introduciu numerosas enfermidades para as que carecían de defensa os indíxenas e provocou a destrución do hábitat natural, as condicións de vida tradicionais e os asasinatos en masa. Exemplos históricos do xenocidio foron os bandeirantes, que acabaron cos indios da desembocadura do Amazonas; os seringueiros (colleiteiros de caucho), na vertente N do Amazonas; e, na actualidade, os garimpeiros (buscadores de ouro e diamantes) e as grandes compañías que empregan os recursos naturais da Amazônia. Froito deste proceso histórico é a súa situación demográfica actual e o seu espallamento xeográfico. Dos 210 pobos indíxenas contemporáneos o 73% ten unha poboación de menos de 1.000 individuos, 44 pobos agrupan entre 1.000 e 5.000, catro entre 5.000 e 10.000 (sateré-mawé, potiguara, xavante e yanomami), outros catro entre 10.000 e 20.000 (guajajara, kaingang, terena e makuxi) e dous entre 20.000 e 30.000 (ticuna e guaraní). O 60% da poboación indíxena brasileira vive na rexión da Amazônia Legal, que está composta polos estados do Amazonas, Acre, Amapá, Pará, Rondônia, Roraima, Tocantins, Mato Grosso e parte do Maranhão. Os restantes pobos indíxenas contemporáneos están espallados por todo o territorio brasileiro, agás nos estados do Piauí e Rio Grande do Norte; ademais, varios pobos que están no Brasil tamén viven en países fronteirizos. As comunidades indíxenas viven en terras colectivas, declaradas polo goberno federal para o seu usufruto exclusivo e denominadas terras indíxenas na Constitución federal de 1988 e no Estatuto do Indio de 1973. Esas terras, que representan o 12,26% do país, atópanse en diferentes graos de recoñecemento polo estado: algunhas están demarcadas, outras están en fase de recoñecemento e algunhas áreas aínda non están regularizadas. Malia ese recoñecemento legal, a maioría desas terras seguen a sufrir as invasións dos garimpeiros, das empresas mineiras ou madeireiras e dos terratenentes, están a ser atravesadas por estradas, vías férreas e liñas de alta tensión ou están a ser asolagadas por encoros. Ata a década dos oitenta os pobos indíxenas do Brasil mantivéronse afastados da política brasileira e con escasos dereitos recoñecidos; sen embargo, o xurdimento de asociacións e organizacións indíxenas (União das Nações Indígenas ou o Conselho de Articulação dos Povos e Organizações Indígenas do Brasil), que posibilitaron a aparición de novos líderes e novas formas de alianza que buscaban a inserción no escenario político nacional, permitiulles negociar co mundo institucional da sociedade nacional e internacional e tratar demandas territoriais (demarcación e control de recursos naturais), asistenciais (saúde, educación, transporte e comunicación) e comerciais (colocación de produtos no mercado). O resultado deste proceso de mobilización e presión do movemento indíxena foi a aprobación de dereitos e doutras importantes garantías legais no texto constitucional promulgado en 1988. Os dereitos constitucionais dos indios recoñecidos nese texto legal están marcados por dúas innovacións conceptuais importantes: o abandono dunha perspectiva asimilacionista que entendía os indios como unha categoría social transitoria destinada á desaparición e a definición dos dereitos dos indios sobre as súas terras en tanto que dereitos orixinarios, polo que se establece un novo marco para as relacións entre o estado e a sociedade brasileira, dun lado, e os pobos indíxenas, doutro. No que respecta á política educativa, o estado brasileiro impón a educación primaria obrigatoria entre os 7 e os 14 anos; sen embargo, a educación secundaria, que dura tres anos, é opcional, malia estar subsidiada polo goberno. As maiores universidades están en São Paulo, Rio de Janeiro e Belo Horizonte. A política sanitaria está dirixida polo Instituto Nacional de Previdência Social (INPS), que administra as prestacións que reciben os traballadores urbanos e rurais que teñen dereito a cobrar baixas por enfermidade, invalidez ou maternidade, axudas familiares e pensións. Durante os anos noventa privatizouse a xestión do fondo de pensións seguindo o modelo chileno. O sistema de seguridade social da poboación amerindia asúmeo a FUNAI. A poboación é fundamentalmente cristiá (católicos 70% e protestantes 19%), aínda que unha boa parte dos descendentes dos escravos negros practican relixións de orixe africana.
Situación lingüística
A lingua oficial do Brasil é o portugués aínda que tamén se seguen a falar outras linguas indíxenas. Os lingüistas distinguen tres períodos na historia da lingua no Brasil dende a chegada dos europeos: a) No 1532 produciuse o inicio real da colonización ata o 1654, momento da expulsión dos holandeses; este período caracterizouse por unha escasa presenza branca e predominio no uso do tupí sobre o portugués. Antes da chegada dos portugueses o litoral brasileiro estaba habitado polas etnias de fala tupí (lingüisticamente bastante homoxéneas), mentres no interior habitaban as de fala jê, que entraron en contacto cos portugueses a finais do s XVII. Outras etnias de fala arúak (ou arauaca) e karib (ou caribe), principalmente da Amazônia, ou aínda outras menores (de fala pano, maku, etc), que permaneceron lingüisticamente illadas, experimentaron ese contacto moito máis tarde; b) De 1654 a 1808, coa chegada do príncipe rexente portugués, comezou a preponderancia dos brancos europeos. Desde os principios do s XVII xurdiu un novo panorama lingüístico coa chegada de escravos negros (de etnias bantús ou non bantús) procedentes de África, o que orixinou un portugués crioulo para as relacións e, dende mediados do s XVII, comezou o declive do uso do tupí a prol do portugués; c) A partir do 1808 a situación caracterizouse por unha rápida e profunda urbanización; xurdiron as grandes cidades a partir das vilas costeiras e comezaou a existir unha certa oposición entre a costa e o interior acompañada dunha división entre a cidade e o rural, o que tivo consecuencias lingüísticas (portugués-linguas indíxenas). Paralelamente á existencia da lingua portuguesa no Brasil, seguen a falarse as linguas indíxenas propias de cada etnia. Segundo o Instituto Socioambiental con sede en São Paulo, os pobos indíxenas do Brasil falan máis de 170 linguas, pero antes da chegada dos portugueses o seu número ascendía a máis de 1.000. Algunhas desas linguas indíxenas pertencen aos mesmos troncos e familias lingüísticas; outras, sen embargo, pertencen a familias que só teñen unha lingua. Só nove linguas indíxenas teñen máis de 5.000 falantes: guajajara, sateré-mawé, xavante, yanomami, terena, makuxi, kaingang, ticuna e guaraní, estas últimas con 30.000 falantes. Preto de 110 linguas contan con menos de 400 falantes. No Brasil diferéncianse dous grandes troncos lingüísticos: o tupí e o macro-jê, e 36 familias lingüísticas: a) O tronco tupí inclúe: familia tupí-guaraní (akwáwa, amanayé, anambé, apiaká, arawete, asuriní do Xingu, asuriní do Tocantins, avá-canoeiro, guajá, guaraní, kaapór/urubu-kaapór, kamayurá, kayabí, kawahíb, kokáma, lingua xeral amazónica/nheengatú, lingua xeral amazónica paulista, tapirapé, tenetehára, wayampí/waiãpi/ oiampi, xetá, Zo’é/puturú; familia arikém (karitiána); familia awetí (awetí); familia juruna (juruna/yuruna, xipaia); familia mawé (mawé/sateré-mawé); familia mondé (aruá, cinta-larga, gavião/lkôro, mondé, suruí/paitér, zoró); familia puroborá (puroborá); familia mundurukú (kuruáya, mundurukú); familia ramarama (káro/arara); e familia tuparí (ajurú/wayoró, makuráp, mekém, sakirabiár, tuparí); b) O tronco macro-jê inclúe: familia bororo (bororo, umutina); familia krenák (krenák); familia guató (guató); familia jê (akwén, apinayé, kaingáng, kayapó, panará/kren-akore/ kren-akarore, suyá, timbira, xokléng/ aweikóma); familia karajá (javaé, karajá, xambioá); familia maxakalí (maxakalí, pataxó/pataxó hã-hã-hãe); familia ofayé (ofayé/opayé/ ofayé-xavante); familia rikbaktsá (rikibaktsá/erikpksá); e familia yatê (yatê, fulniô, carnijó); c) Outras familias lingüísticas: familia aikaná (aikaná/masaká/kasupá); familia arawá (banawá-yafi, dení, jarawára kanamantí, kulína, paumarí, yamamadí, suruahá/zuruahá); familia arúak/arawak/arauaca (apurinã/ ipurinã, baníwa do Içana, baré, kampa/ axininka, mandawáka, mehináku, palikúr, paresí/ arití/haliti, piro, salumã/enawenê-nawê, tariana, terena/tereno, wapixana, warekena, waurá, yawalapití); familia guaikuru (kadiwéu); familia iranxe (iranxe/mynky); familia jabutí (arikapú, jabutí/jeoromitxí); familia kanoê (kanoê/ kapixana); familia karib/caribe (aparaí/ apalaí, arara do Pará, bakairí, galibí do Oiapoque, hixkaryána, ingarikó/kapóng, kalapálo, kaxuyána, kuikúru, makuxí; matipú, ma-yongong/makiritáre/yekuána, nahukwá/nafukwá, taulipáng/pemóng, tiriyó/ tirió/trio, txikão/ikpeng, waimirí/waimirí-atroarí, warikyána, wayána, wai-wai); familia katukína (kanamarí, katawixí, katukina do río Biá/pedá djapá, txunhuã-djapá/tsohom-djapá); familia koazá/ kwazá (koazá/koaiá); familia máku (máku); familia makú (bará/ makú-bará, dow/kamã, guariba/wariía-tapúya, húpda, nadab, yuhúp); familia mura (mura, pirahã); familia nambikwára (nambikwara do norte, nambikwara do sur, sabanê); familia pano (katukina do Acre/xanenawá, kaxararí, kaxinawá, korúbo, marúbo, matís, matsé/mayoruna, nukini, poyanáwa, yamináwa, yawanáwa); familia trumái (trumái); familia tikúna (tikúna); familia tukano/tucano (arapaço, bará, desána, karapanã, kubewa/kubeo, makúna, pirá-tapuya/waíkana, siriáno, tukano, tuyúka, wanano); familia txapakúra (orowari, torá, urupá, warí/pakaanova); e familia yanomami (ninam, sanumá, yanomán, yanomami).
Sociedade e goberno
Brasil é unha república federal baseada nunha democracia presidencialista, rexida pola Constitución de 1988. O poder lexislativo caracterízase por un Parlamento bicameral (Congreso Nacional) formado pola Cámara dos Deputados (503 membros elixidos cada catro anos mediante un sistema proporcional) e o Senado Federal (81 membros elixidos rotativamente cada oito anos por un sistema maioritario). O poder executivo ten como cabeza ao presidente, elixido por sufraxio universal cada cinco anos que nomea os membros do goberno. En 1985 o sufraxio universal ampliouse a toda a poboación, incluída a analfabeta. O poder xudicial baséase no dereito europeo. O órgano superior da administración de xustiza é a Corte Suprema Federal, composta por once maxistrados nomeados polo presidente despois da aprobación do Senado. Ademais, hai tribunais federais e especiais. Non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza. Está en vigor a pena de morte para delitos excepcionais ou cometidos en tempos de guerra. Amnistía Internacional presentou varias denuncias segundo as que varios centenares de persoas morreron a mans da policía e dos escuadróns da morte, vinculados ás forzas de seguridade, en situacións que indicaban que foran executados extraxudicialmente nos últimos anos. Así mesmo, hai numerosas denuncias relacionadas coa violación dos dereitos humanos nos cárceres e sobre a poboación indíxena, gozando os seus responsables de total impunidade. Ademais, presentáronse cargos penais, aparentemente por motivos políticos, contra varias persoas, entre os que había activistas partidarios da reforma agraria. Adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civis e Políticos (PIDCP); Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención Contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanas ou Degradantes; Convención Sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención Americana sobre Dereitos Humanos (1969); Convención Interamericana para Previr e Sancionar a Tortura (1985) e Convención Interamericana sobre Desaparición Forzada de Persoas (1994), aínda non ratificada. Os partidos políticos máis importantes son o Partido do Movimento Democrático Brasileiro (PMDB), de centro; Partido do Fronte Liberal (PFL), de centro dereita; Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB), de centro esquerda; Partido dos Traballadores (PT), de esquerdas; Partido Progresista (PP), de centro esquerda; Partido Democrático Trabalhista (PDT), de centro esquerda; Partido Trabalhista Brasileiro (PTB), de centro dereita; Partido Socialista Brasileiro (PSB), de esquerdas; Partido Liberal (PL), de centro dereita; Partido Comunista do Brasil (PCB), comunista; e Partido Popular Socialista (PPS), de esquerdas. O país divídese en 26 estados e o distrito federal de Brasília que contan coas súas propias institucións administrativas, lexislativas, executivas e cunha Constitución propia. Forma parte destes organismos internacionais: Asociación Latinoamericana de Integración (ALADI), Mercosur, ONU e Organización dos Estados Americanos (OEA).
Historia
O descubrimento e a colonización
O Brasil foi descuberto o 22 de abril de 1500 polo portugués Pedro Álvares Cabral, aínda que as súas costas xa foran exploradas por navegantes casteláns como Vicente Yáñez Pinzón e Alonso de Ojeda. Enviado polo Rei Manuel, tomou posesión do territorio en nome da coroa portuguesa, xa que polo Tratado de Tordesillas (1494) estaba situado na zona de ocupación portuguesa. O territorio foi bautizado co nome de Ilha da Vera Cruz, despois cambiouse polo de Terra do Brasil, debido á abundancia deste produto. O navegante italiano Americo Vespucci participou nunha expedición de exploración do territorio en 1501. Non obstante , Portugal tiña os seus intereses centrados na India e abandonou este territorio. En 1530 Xoán II enviou unha expedición coa misión de crear establecementos permanentes e evitar a infiltración de estranxeiros, sobre todo franceses. Os portugueses atoparon unha poboación indíxena pouco numerosa e moi primitiva, comezaban a desenvolver un sistema económico equiparable ao Neolítico. Na época do descubrimento de América poboaban o territorio brasileiro catro grandes nacións: os caraibas; os tupís, que eran agricultores, pescadores e bos navegantes e guerreiros; os tapuios, nómades que vivían da caza e da pesca; e os arauacos, que dende o Amazonas se espallaban ata a costa atlántica. Os colonizadores tiveron que facer fronte aos tupís, o grupo máis avanzado. Unha vez sometidos axudaron aos portugueses a conquistar os territorios interiores ocupados polos tapuios. Os indíxenas uníronse aos colonizadores e crearon unha poboación de mestizos, os mamelucos, que favoreceron o labor colonizador. Martim Afonso de Sousa fundou São Vicente (1532), e introduciu o cultivo da cana de azucre, sobre todo no contorno de Pernambuco e Baía. En 1534 Xoán III creou a primeira división administrativa do país, creando capitanías cun carácter de explotación señorial. Esta organización fracasou en 1549 e o país centralizouse politicamente, nomeouse un gobernador xeral, Tomé de Sousa, e fundouse a primeira capital efectiva do país, Baía. Sousa foi tamén o introdutor dos xesuítas na colonia, a pesar de que non foron ben recibidos polas demais comunidades relixiosas, o primeiro bispo de Baía foi o xesuíta Manuel de Nóbrega (1552). En 1555 Nicolas Durand de Villegaignon intentou fundar na baía de Rio de Janeiro unha colonia francesa protestante que os gobernadores Mem de Sá e Estácio de Sá destruíron. Posteriormente fundaron no mesmo sitio a cidade de Rio de Janeiro (1565). A partir dese momento comezou a importación en masa de escravos africanos, que durou ata mediados do s XIX e deu lugar a unha nova mestizaxe: a mestura de portugueses e negros deu lugar aos mulatos; a de negros e indios ao cafuso; a estes engádense os mamelucos. A entrada da poboación negra agudizou os conflitos sociais. Un gran número de escravos fuxiron ás montañas e organizáronse en agrupacións chamadas quilombos que desafiaron a autoridade colonial ata 1697. A máxima expresión destas organizacións foi a chamada República dos Palmares que se estableceu no norte do país. Dende mediados do s XVI os colonizadores ocuparon os altiplanos brasileiros, onde se atoparon cos xesuítas casteláns, e a zona do Amazonas onde os bandeirantes exterminaron e escravizaron un gran número de indios.
A expansión territorial
Coa unión en 1580 das coroas de Castela e Portugal, Brasil seguiu sendo dependente de Portugal, pero creouse un Conselho da Índia (1604), un tribunal supremo semellante ás audiencias castelás, e o estado de Maranhão foi separado da colonia en 1621. A unión trouxo a hostilidade das potencias coloniais europeas inimigas da casa de Austria: piratería inglesa (saqueo de Santos e Pernambuco polos corsarios Thomas Cavendish e James Lancaster en 1595), ocupación de Baía (1624), recuperada por Fadrique de Toledo en 1625, e de Recife (Pernambuco) en 1630 por parte dos holandeses, onde crearon un establecemento gobernado por Maurici de Nassau. Ao separarse de Castela (1640), Portugal asinou a paz coas Provincias Unidas, pero enfrontouse cos holandeses que estaban no Brasil, aos que venceu en 1654 na capitulación holandesa de Taborda. Nos ss XVII e XVIII a colonización portuguesa dirixiuse cara ao interior. Os bandeirantes ocuparon os territorios actuais de São Paulo, Santa Catarina, Paraná e Rio Grande do Sul, que en moitos casos, pertencían á Coroa de Castela, segundo as claúsulas do Tratado de Tordesillas. A expansión cara ao Amazonas, iniciada en 1639, non tivo lugar ata principios do s XVIII, e foi realizada por colonos e por ordes relixiosas. A expansión cara ao S foi consecuencia da importancia que adquiriu o Paraná como vía de acceso cara ao Mato Grosso e o desenvolvemento portuario do Río de la Plata. En 1860 creouse, fronte a Bos Aires, a Colonia do Sacramento, causa dun longo conflito con Castela. O Tratado de Madrid (1750), ratificado polo de San Ildefonso (1777), puxo fin ao conflito: Portugal tivo que ceder a praza de Sacramento a cambio do Mato Grosso.
O s XVIII e a independencia
O descubrimento de minas de ouro e diamantes entre os ss XVII e XVIII en Minas Gerais, Mato Grosso e Goiás favoreceu as emigracións cara ao interior e o abandono da agricultura en favor das explotacións mineiras. A principios do s XVIII as tensións entre os nativos e os portugueses provocaron conflitos armados (Guerras das Emboabas e Guerra dos Mascates). O goberno de carácter ilustrado do marqués de Pombal (1750-1777), en tempos de Xosé I, tivo importantes repercusións: organizou a administración e impulsou a minería e a agricultura; fomentou as obras públicas e o ensino; aboliu a escravitude dos indios (1775), medida contraria aos intereses dos colonos e que foi contrarrestada pola importación de escravos de Angola; expulsou os xesuítas en 1759, acusados de ser os responsables do levantamento dos guaranís nos territorios controlados polas misións xesuíticas e incorporados a Brasil polo Tratado de Madrid (1750) e ratificado polo de San Ildefonso (1777). A ocupación e o aproveitamento económico do territorio brasileiro levou, ao longo do s XVIII, a diversos incidentes diplomáticos cos ingleses, que obtiveran no 1703 o monopolio do comercio do Brasil. As concesións portuguesas a Inglaterra estimularon a piratería francesa contra os dominios portugueses americanos. En 1710 o pirata Duclerc atacou Rio de Janeiro pero non tivo éxito; un ano despois René Dugauay Trouin ocupou a cidade e non a liberou ata recibir un gran rescate. A minería tivo unha grande importancia na creación do sentimento de autonomía da colonia, fixo nacer novas capitanías, desenvolveu a colonización do altiplano e influíu no cambio da capital a Rio de Janeiro en 1763. A finais do século comezou o decaemento da minería, o aumento dos impostos provocou moitas rebelións, ao mesmo tempo que se difundían as ideas ilustradas. En 1789 produciuse unha conxuración independentista dirixida por Joaquim José da Silva Xavier, o Tiradentes. Este primeiro intento independentista foi abortado e o seu líder executado en 1792. En 1808 chegaba ao Brasil, fuxindo de Napoleón, o Rei Xoán IV de Portugal e con el o rexurdimento da vida económica e a liberación do comercio grazas á Carta Rexia, promulgada o 28 de xaneiro de 1808: abriuse o comercio aos portos e suprimíronse os monopolios. Estas medidas, ditadas de feito por Gran Bretaña, favoreceron a burguesía autóctona e desenvolveron as ideas independentistas. En 1821 tivo lugar un motín en Rio de Janeiro que obrigou o rei a redactar unha Constitución e a nomear rexente o seu fillo Pedro. En 1822 a colonia, irritada polo espírito colonialista das novas cortes liberais, declarouse independente e o príncipe foi nomeado emperador co nome de Pedro I.
O Imperio e o primeiro período da República
En 1824 o novo emperador promulgou unha Constitución democrática e en 1825 Portugal recoñeceu o novo estado. En 1831 o emperador foi obrigado a renunciar á coroa en favor do seu fillo Pedro II, quen gobernou coa axuda dos liberais e, máis tarde, case exclusivamente coa do partido aristocrático. O seu reinado destacou polo desenvolvemento económico do país (construción da rede ferroviaria ou o auxe do cultivo do café) e polas medidas liberais levadas a cabo: laicismo da sociedade, establecemento do sufraxio universal e abolición da escravitude en 1888. As guerras con Arxentina (1851), coa vitoria de Monte Caseros, e con Paraguay (1865), na que Arxentina e Uruguay participaron a carón do Brasil, tamén resolta vitoriosamente para Brasil, supuxeron a superioridade do exército sobre os civís. Non faltaron os intentos republicanos, o máis importante a Guerra dos Farrapos, localizada en Rio Grande do Sul. A orientación liberal e o autoritarismo de Pedro II provocou a hostilidade do clero, dos terratenentes e o seu autoritarismo afastou os sectores progresistas. En 1888 os terratenentes escravistas uníronse aos republicanos e ao exército, e, en 1890, estalou a revolución que instaurou a República e aboliu o Imperio. O emperador exiliouse en Europa e o mariscal Deodoro de Fonseca formou o novo goberno; redactouse unha Constitución (1891), semellante á dos EE UU, e o país quedou dividido en 20 estados e un distrito federal. Fonseca gobernou ditatorialmente, o que provocou unha época de axitación e desorde. O estado de Rio Grande do Sul alzouse contra a ditadura e o exército esixiu a dimisión do presidente. Fonseca foi sucedido por Floriano Peixoto, que continuou coa política ditatorial. En 1893 comezou a guerra civil que finalizou en 1895. En 1898 foi elixido Campos Salles, con el o país viviu un período de prosperidade baseada na exportación de café e de caucho da selva do Amazonas, ata que o seu comercio iniciou a súa decadencia en 1920 pola competencia co caucho das Indias Orientais. En tempos do seu sucesor, Hermes de Fonseca, establecéronse definitivamente as fronteiras con Uruguay e Perú. En 1917, o afundimento de barcos brasileiros por parte dos alemáns, posicionou a Brasil de parte dos aliados.
A emigración galega ao Brasil
No proceso migratorio de Galicia cara ao Brasil cómpre establecer tres períodos. No primeiro momento (1810-1830), os emigrantes eran homes en idade militar ou fuxidos das guerras carlistas que cruzaban a Portugal de xeito clandestino para embarcar dende Lisboa, Porto ou Caminha cara ao Brasil. O segundo período (1880-1930) é o da emigración masiva e legalizada procedente sobre todo das comarcas do sur de Galicia. O emigrante galego parte dende os portos galegos, sobre todo Vigo e Vilagarcía de Arousa, e escolle Brasil como destino preferente detrás de Arxentina e Cuba. Neste momento, o perfil do emigrado correspondíase cun home de procedencia rural que se instala no medio urbano (Manaus, Belém, Recife, Salvador, São Paulo, Campinas, Santos, São Carlos, Piracicaba, Porto Alegre, Belo Horizonte ou Rio de Janeiro). Así mesmo, o emigrante deste período adoitaba retornar a Galicia, xa que en moitos casos a súa era unha migración estacionaria. Logo do retroceso motivado pola Guerra Civil española (1936-1939) e a Segunda Guerra Mundial (1939-1945), o fluxo migratorio reiniciouse a partir de 1946, controlado polo Comité Internacional para as Migracións Europeas (CIME), que marcaba os criterios de elección dos emigrantes segundo as necesidades dos países receptores. Neste terceiro período, nos anos cincuenta, aínda se rexistrou un importante movemento migratorio; sen embargo, nos anos sesenta a corrente comezou a descender ata ser case inapreciable nos setenta e oitenta. Neste momento, variou o perfil do emigrante: buscaba un emprego ben remunerado e, a partir dos anos sesenta, comezou un proceso de reagrupamento familiar, polo que aumentou a emigración feminina e de menores de idade. Nun primeiro momento, os galegos emigrados ao estado do Amazonas participaron na construción do ferrocarril Madeira-Mamoré e traballaron como garimpeiros e seringueiros, actividade que tamén desenvolveron no estado de Pará. Non obstante , cando o ciclo do caucho tocaba á súa fin e tralo fracaso dos plans gobernamentais de Lauro Sodré para colonizar as terras con traballadores agrícolas europeos, os emigrantes galegos orientaron as súas actividades profesionais cara ao comercio minorista, sobre todo alimentario, á hostalería e ás actividades industriais. Ademais destas actividades, os membros da segunda xeración de emigrantes caracterízanse por ser empresarios autónomos que dirixiron empresas de importación e exportación, sobre todo os galegos residentes na cidade portuaria de Santos, ou industriais, construtoras ou transportistas, sobre todo nos estados de Baía, Rio de Janeiro e São Paulo. Por último, un pequeno grupo dedicouse á pesca do camarón no sur do estado de Rio de Janeiro. As actividades asociacionistas dos galegos no Brasil, que foron bastante activas, non se caracterizaron pola defensa duns principios galeguistas; ben ao contrario, o galego do Brasil ocultou a súa ascendencia galega. Unha explicación deste proceso está na expansión e organización laboral dos galegos en Salvador de Baía, onde constituían o grupo maioritario de estranxeiros e substituíron aos portugueses no comercio, creando empresas transportistas, construtoras, industriais e comerciais nas que as relacións laborais estaban definidas pola relación entre paisanos e pechadas ao conxunto da sociedade local. Este feito motivou á elite baiana, que monopolizaba os negocios de exportación e importación, a crear unha visión negativa do galego na sociedade nunha estratexia de control dos conflitos sociais e coa finalidade de evitar o ascenso de novos grupos étnicos. A prensa, en mans da oligarquía, xogou un papel fundamental na creación desta imaxe negativa do galego, na que era presentado como usureiro, explotador e causante do empobrecemento da poboación local. Os galegos, conscientes desta visión negativa, ocultaron a súa condición e comezaron a falar castelán e a considerarse españois. Neste sentido, os galegos participaron, mesmo como fundadores, en numerosas sociedades de beneficencia españolas; é paradigmático o caso do Centro Español de Santos, creado por cinco galegos sobre seis fundadores e no que a maioría dos membros eran galegos. Non obstante , tamén houbo agrupacións de marcado carácter galego: Centro Galaico de Belém, Centro Gallego de Rio de Janeiro (1900) e Centro Gallego de São Paulo (1903, refundado en 1932). Tamén mantiveron certa actividade editora, fundando xornais de vida efémera como El Correo Gallego, La Iberia, El Diario Español e La Voz de España.
A crise do s XX
Ata o 1930 o país viviu un longo período de paz interrompido pola revolución militar que levou ao poder a Getulio Vargas, quen gobernou de xeito ditatorial entre 1931 e 1945. En 1934 promulgou unha nova Constitución de carácter fascista e proclamou a instauración do Estado Novo, a imaxe dos estados fascistas europeos. Durante os seus anos de goberno dotou o país dunha administración eficaz, aumentou os poderes federais e comezou a intervención do estado na economía. Durante a Segunda Guerra Mundial, rompeu as relacións coas potencias do Eixe e posicionouse á beira dos aliados, feito que, xunto ás presións internas, o levou a democratizar a vida política, a liberar os sindicatos e a tolerar o Partido Comunista. En 1945 tivo que dimitir a causa dunha revolta militar. O seu sucesor, Eurico Gaspar Dutra, promulgou unha nova Constitución en 1946. En 1950 unhas novas eleccións deron o poder a Vargas. Neste período gobernou de xeito democrático e progresista. Amargado pola hostilidade da oligarquía conservadora e implicado no atentado contra o líder opositor Carlos Lacerda, suicidouse en 1954. No ano seguinte subiu ao poder o socialdemócrata Juscelino Kubitschek, que levou a cabo unha política de grandes investimentos, construíu a nova capital, Brasília, e conduciu o país á inflación e a unha crítica situación financeira. O conservador Jânio Quadros (1961-1964) intentou algunhas reformas, como saír da área de influencia dos EE UU e procurou establecer relacións comerciais cos países socialistas, pero dimitiu e foi substituído polo vicepresidente, o laborista João Goulart que foi admitido como presidente despois de facer unha emenda da Constitución que introduciu un sistema parlamentario que reducía os poderes da presidencia. Propuxo estender o voto á poboación analfabeta, comezou un programa de reforma agraria e intentou levar o país polos mesmos camiños que Cuba. Foi derrocado en marzo de 1964 por un golpe militar impulsado pola oligarquía conservadora. O primeiro presidente da ditadura militar, Humberto de A. Castelo Branco (1964-1967) conseguiu conter a inflación, e os presidentes que o sucederon, Costa e Silva (1967-1969) e E. Garrastazu Médici (1969-1974), impulsaron a economía. Baixo a presidencia de Ernesto Geisel (1974-1979), a crise económica mundial afectou con forza ao país e o réxime militar fíxose máis tolerante. Aínda que o Movimento Democrático Brasileiro (MDB) alcanzou máis votos ca o partido do goberno, a Aliança Renovadora Nacional (ARENA) sempre estivo no poder. En 1980 o Presidente Figueiredo, nomeado en 1979, concedeu unha amnistía parcial e un certo pluralismo político. Ese mesmo ano, ARENA converteuse no Partido Democrático Social (PDS) e o MDB no Partido do Movimento Demócratico Brasileiro (PMDB). Nas eleccións de 1982 o PDS alcanzou de novo o poder. A presión popular que pedía unhas eleccións presidenciais directas dominou a vida política do país en 1984, ata que os membros liberais do PDS, xunto co PMDB, estableceron unha alianza. En 1985, o seu candidato Tancredo Neves foi elixido como novo presidente civil do Brasil. Non obstante , morreu antes de tomar posesión e José Sarney converteuse en presidente. Convocou as primeiras eleccións xerais directas, que gañou o PMDB. A crise económica, manifestada nunha importante débeda exterior, foi a primeira preocupación do goberno de Sarney, especialmente a loita contra a inflación. A aplicación da reforma agraria provocou violentos enfrontamentos en 1985 e 1986. Non obstante , o PMDB obtivo bos resultados nas eleccións ao Congreso en 1986. En 1988 Sarney presentou unha nova Constitución máis liberal ca o texto anterior. Nas eleccións presidenciais de 1990 gañou Fernando Collor de Mello, do Partido de Reconstrução Nacional. O seu programa antiinflacionista levantou unha forte oposición. En 1992 Brasil foi sede da Conferencia da ONU sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento ou Conferencia da Terra. Ao longo de 1992, o desacougo pola corrupción no estamento político deu lugar a manifestacións masivas, que provocaron a dimisión de boa parte dos membros do goberno. Acusado pola Cámara dos Deputados, o vicepresidente Itamar Franco converteuse en presidente en funcións ata que Collor dimitiu en decembro de 1992 e asumiu a presidencia. O seu ministro de Facenda, Fernando Henrique Cardoso, deseñou o chamado Plan Real co que se pretendía reducir a débeda externa. Nas eleccións de outubro de 1994, Cardoso, do Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB) foi elixido presidente, fronte ao candidato Luis Inácio Lula da Silva, líder do Partido dos Trabalhadores (PT), e formou un goberno de coalición co Partido da Fronte Liberal (PFL) e co Partido Trabalhista Brasileiro (PTB). As reformas económicas presentadas polo novo goberno, que tiñan como obxectivos reducir as desigualdades sociais, estabilizar a economía e sanear a facenda pública, non foron aceptadas polas cámaras. En 1996 Cardoso intentou reformar a Constitución para permitir a reelección do cargo de presidente, emenda que foi aprobada en 1997. Nas eleccións de 1998 Cardoso volveu ser elixido presidente. Unha vez no cargo anunciou un plan de austeridade económica, debido a que o déficit e a débeda aumentaron posto que non recibiron o apoio do Congreso. Durante 1999 o país comezou a saír da crise económica, non obstante os problemas sociais do campo mantéñense, así o Movimento dos Sem Terra pide unha maior aceleración da reforma agraria.