bromatoloxía
(< bromato- + loxía)
Ciencia que estudia todo o relativo aos alimentos. Trátase dunha disciplina químico-biolóxica, con vertentes tecnolóxicas e sanitarias, aplicada aos alimentos e aos seus ingredientes, que utiliza moitas ciencias fundamentais (bioloxía, bioquímica, física, microbioloxía, química) e participa na problemática da tecnoloxía aplicada (bioenxeñería, enxeñería química, técnica de envasado, etc). Ocúpase do estudo da composición e as propiedades dos alimentos e os seus ingredientes; dos procesos de fabricación e almacenaxe de alimentos; de colaborar coa nutrición no coñecemento da relación das propiedades dos alimentos co seu papel no organismo; de promover normas e disposicións lexislativas que permitan garantir o correcto estado sanitario e a calidade dos alimentos, reprimir os fraudes e contribuír a unha información axeitada ao consumidor en cuestións alimentarias; e dos aspectos económicos e antropolóxicos da produción e o consumo de alimentos. A preocupación do ser humano pola calidade dos alimentos e a súa relación coa saúde é moi antiga, pero non é ata Lavoisier cando a bromatoloxía adquire os trazos de disciplina autónoma nos traballos da química analítica na busca de composicións e adulteracións, e nos de Pasteur en microbioloxía. Arredor de 1920 as industrias alimentarias empezan a preocuparse do control analítico. Xa como ciencia, os primeiros congresos, en Xénova (1908) e París (1909), limitáronse a cuestións de hixiene; posteriormente se iniciou o establecemento de métodos de control oficiais e incluso internacionais. No primeiro Congreso Internacional de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, celebrado en Londres en 1962, acadou a cohesión necesaria para converterse nunha rama científica unitaria, que se consolidou nos anos seguintes. A sistematización legal sobre os alimentos iniciouse en 1958 co Código Alimentario Austríaco, embrión do europeo e do Código Alimentario Mundial, con antecedentes importantes nos EE UU e na Arxentina. En 1967 aprobouse o Código Alimentario Español. A vertente social desta ciencia ten sido reactivada pola FAO e a OMS, que dedican os seus esforzos á eliminación da fame no mundo.