Brunei

Brunei
Nome científico: [nome oficial: Sultanato de Brunei; malaio: Negara Brunei Darussalam]

Estado do N da illa de Borneo, na Asia ecuatorial insular (5.765 km2; 315.000 h [estim 1998]). Limita ao N co mar da China Meridional e ao L, S e O con Sarawak, territorio pertencente a Malaisia. Atópase a 5° de latitude N e 115° de lonxitude L. A súa capital é Bandar Seri Begawan.
Xeografía física

Relevo e hidrografía
O sultanato de Brunei comprende unha estreita franxa de territorio ao longo da costa setentrional da illa de Borneo. Practicamente, todo o estado sitúase por baixo dos 500 m de altitude. Tan só no sector SL se acadan altitudes de consideración, cos 1.850 m do Bukit Pagon. En canto á vexetación natural, distínguense dous sectores: unha área de marismas no litoral, e unha área cuberta de bosque no interior. Os ríos que drenan o país verten as súas augas ao mar da China Meridional, o único que baña o seu litoral. Os máis importantes son o Baram e o Limbang, que nacen nas montañas de Gunong Mulu, no límite entre Sarawak (Malaisia) e Kalimantan Timur (ou Borneo Oriental, Indonesia). Estes ríos son de réxime pluvial.
Climatoloxía
En consonancia coa súa latitude, atópase baixo un dominio climático ecuatorial: os rexistros térmicos mantéñense elevados durante todo o ano, resultando unha temperatura media anual de 27,3°C. O volume total de precipitacións é elevado e oscilan entre 2.500 e 6.000 mm ao ano. No tocante á distribución ao longo do ano, non hai, nin dende un punto de vista térmico, nin dende o pluviométrico, matización estacional, senón unha uniformidade case que absoluta: as temperaturas medias dos meses máis e menos cálidos só difiren nun grao centígrado (26,7°C en xaneiro fronte a 27,8°C en xullo), mentres que o número de días de chuvia ao ano é de 203.
Xeografía económica

Recursos naturais
A base da economía de Brunei é a explotación dos recursos do seu subsolo, en concreto a extracción de petróleo e de gas natural, que converteron o sultanato nun dos estados máis ricos do mundo. A Brunei Shell Petroleum Co Ltd, filial da Royal Dutch Shell, controla toda a actividade económica do sultanato. Os xacementos petrolíferos atópanse en Seria, Ampa e Jerundong, conectados por oleoduto coas refinerías de Lutong e Sarawak, en Malaisia. As extraccións de petróleo acadaron en 1995 un total de 8.242.000 toneladas. O gas natural é outra das importantes fontes de ingresos. Os 9.920 millóns de metros cúbicos producidos no ano 1995, convérteno nun dos maiores produtores do mundo. O gas, extraído en Seria, transpórtase directamente licuado ata Lumut. O patrimonio forestal constitúe tamén un dos principais recursos naturais de Brunei, pero os incendios sufridos en toda a illa de Borneo en agosto de 1997 e abril de 1998, danárono gravemente. En 1997 produciu 296.000 m3 de madeira.
Sectores de actividade
Na súa modestia, a produción agropecuaria acolle o 2% da poboación ocupada e achega o 3% do PNB aínda que neste ámbito tamén se inclúe o sector forestal. A agricultura baséase nos produtos tropicais: cocos, bananas, ananás, mandioca, arroz, hortalizas e froitas. En canto á gandería, os principais armentíos son o dos búfalos e o porcino, ambos os dous con 4.000 cabezas cada un. O sector secundario dá emprego ao 21% dos traballadores e achega o 45% do PNB. As industrias operan sobre todo no sector petroquímico, pero tamén no alimentario, téxtil, no da madeira e no da goma. O sector terciario xera o 77% dos empregos segundo as cifras oficiais e o 52% do PNB.
Economía e comercio exterior
En 1997 o valor das súas exportacións superaba os 2.375.000.000 $ USA, dirixidas principalmente a Xapón e Reino Unido. Nos últimos anos produciuse unha recesión debida á caída do prezo do gas e do petróleo (80% dos ingresos fiscais) e, dunha forma máis indirecta, á crise asiática e á fin do monopolio enerxético por parte das compañías petrolíferas. Non obstante , o incremento dos prezos do cru dende 1999 mudou esta tendencia. Malia ter unha das rendas por habitante máis alta do mundo (14.240 $ USA en 1994) é un país con fortes desigualdades económicas e un crecemento baixo (1% en 1998). Dende 1962 o goberno impulsou diversos plans de desenvolvemento, destinados a diversificar a economía e a reducir a dependencia do petróleo que, por outra banda, ocupa a unha parte moi reducida da poboación activa (preto do 7%). Dende mediados dos anos oitenta tentouse converter Brunei nun centro da banca internacional e, á vez, potenciar o turismo. As condicións de fiscalidade vantaxosa favoreceron a consecución do primeiro obxectivo, pero o segundo, o turístico, topa con competidores máis preparados en ofertas similares. O comercio exterior é amplamente favorable, constituíndo os hidrocarburos a principal partida (o 97%). Importa maquinaria e vehículos, metais, manufacturas e alimentos, de Singapur, Malaisia, a Unión Europea, os EEUU e Xapón que son os primeiros provedores. Os compradores máis importantes son Xapón e a Unión Europea.
Transportes e comunicacións
A rede de estradas ten un total de 2.470 km, dos que 1.284 estaban asfaltados en 1995. O único ferrocarril, de uso restrinxido, é propiedade da Brunei Shell, ten unicamente 19 km de lonxitude. Os portos máis importantes son Muara, Bandar Seri Begawan, Seria e Kuala Belait. En canto á aviación civil, o aeroporto internacional é o de Bandar Seri Begawan.
Xeografía humana

Demografía
A poboación rexistrou un crecemento anual do 2,7% no período 1992-1997. A taxa de natalidade é elevada 23,3‰ debido á influenia natalista de factores culturais e relixiosos. A mortalidade acada valores ínfimos, circunstancia favorecida tanto pola estrutura por idades da poboación, moi nova, coma polo seu acceso á atención sanitaria de xeito universal e totalmente gratuíto, grazas a un sistema público de saúde que sufraga totalmente os tratamentos, incluso os que se teñan que aplicar fóra das súas fronteiras. A mortalidade infantil fica en valores xa non tan favorables (9‰), pois os beneficios do sistema non abondan para superar con absoluta eficacia os obstáculos que impón un clima tan hostil para o home como o ecuatorial, propicio para o desenvolvemento de axentes infecciosos aos que os cativos son moito máis vulnerables. O 58% da poboación é urbana e a gran maioría concéntrase no litoral, as poboacións máis importantes son Bandar Seri Begawan (45.867 h [1991]), Kuala Belait (21.163 h [1991]) e Tutong (13.049 h [1991]). Etnicamente destacan as comunidades malaias: malaia, kedayan, tutong, belai, dusun e murat, que representan o 67,7% da poboación; outros indíxenas non malaios: namely iban e kelabit (5,9%); e pobos non autóctonos, entre eles os chineses que son o grupo maioritario (14,9%) e outros grupos minoritarios que supoñen o 11,6%. Hai tamén un número considerable de traballadores estranxeiros, principalmente de Malaisia, Filipinas e Reino Unido (8.000 persoas). A lingua oficial é o malaio pero tamén conviven outras minoritarias como: belait, bisaya, kedayan, chinés (coas súas variantes hakka, mandarín, min dong, yue), o inglés (falado polo 16% dos chineses como primeira lingua), iban, lundayeh, dusun e tutung. A relixión oficial é o Islam, sendo o sultán o guía espiritual do país. O Islam xoga un papel central na vida de todos os musulmáns en Brunei. Outras relixións practicadas son o cristianismo e o budismo. No que se refire á educación, na actualidade hai 147 escolas públicas e 60 privadas. O sistema educativo divídese en escola primaria e secundaria. O único centro de ensino superior e a University Brunei Darussalam (UBD), fundada en 1987.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Brunei entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 29º posto cun índice do 0,878). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 75,5 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 90,1% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 72%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 29.773 $ USA.
Sociedade e goberno
Brunei é un sultanato independente dentro do ámbito do Commonwealth dende o 31 de decembro de 1983. O sistema de goberno é unha monarquía absoluta, estando prohibidos os partidos políticos dende 1988. A Constitución do 29 de setembro de 1959 outorgou ao sultán o poder executivo (xefe do estado e primeiro ministro), asistido por 3 órganos consultivos (The Privy Council, The Council of Sucession e The Religious Council) e un consello lexislativo composto de 20 membros. O poder xudicial está baseado na lei islámica. A pena de morte está en vigor. Non ratificou nin se adheriu a ningún tratado internacional. A división administrativa distingue 4 provincias, sendo Belait a máis grande con 2.724 km2. Brunei reivindica as illas Spratly no Mar de China Meridional. Forma parte destes organismos internacionais: Asociación das Nacións da Asia do Sueste (ASEAN), Commonwealth, Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC), Organización da Conferencia Islámica (OCI) e ONU.
Historia
O Imperio de Brunei convérteuse ao Islam nos s XV e adquiriu unha gran prosperidade en tempos do sultán Bulkian (s XVI) estendéndose sobre Sabah, Sarawak e as Filipinas Meridionais. No s XIX foi dividido polas guerras, a piratería e a expansión colonial europea. Coa axuda dos británicos, o sultán foi nomeado raxá do territorio de Sarawak en 1843, concluíndo un tratado co Imperio Británico no 1847. En 1888 Brunei converteuse en protectorado británico e en 1906 estableceuse o Sistema Residencial, unha representación do goberno británico para aconsellar o sultán en todas as materias agás costumes malaios, tradicións e relixión islámica. No 1929 comezaron as perforacións buscando petróleo, que se descubriría dez anos despois, xunto con gas natural, en Seria. Durante a Segunda Guerra Mundial foi ocupado polos xaponeses de 1941 a 1945. A Constitución, outorgada en 1959, concedía ao sultán Omar ‘Ali Saifuddin III, no poder dende 1950, o autogoberno interno. No ano 1962 os británicos esmagaron unha revolta nacionalista contraria á entrada de Brunei na Federación de Malaisia e o sultán declararou o estado de emerxencia. Finalmente, non ingresou na Federación, permanecendo baixo a protección británica. O sultán Hassanal Bolkiah herdou o trono en 1967, logo da abdicación do seu pai. Brunei acadou o pleno autogoberno en 1971, asinando no 1979 un Tratado de Amizade e Cooperación co Reino Unido. O 1 de xaneiro de 1984 acadou a independencia e o sultán asumiu, no nacente goberno, os cargos de primeiro ministro, ministro de Finanzas e de Asuntos Internos, presidindo un gabinete de seis membros. Nese mesmo ano, ingresou no ASEAN, OIC e na ONU. En 1985 o islamismo foi declarado relixión oficial, o que comportou tensións coa minoría chinesa. En outubro de 1986 produciuse unha remodelación no goberno, aumentando o número de ministros ata 11 e asumindo o monarca o ministerio de Defensa. En decembro de 1993 o goberno comezou unha lenta apertura que se traduciu na súa adhesión ao GATT (Acordo Xeral sobre Aranceis) e coa ampliación de lazos diplomáticos a Albania, Bulgaria, Costa Rica e Myanmar en 1994. A dimisión do ministro de Facenda no 1997 e o cesamento do príncipe Jeffri como ministro de Finanzas e director da Axencia de Investimentos en 1998, debuxa no país unha crise acrecentada pola caída dos prezos do petróleo e os efectos indirectos da crise asiática. No ano 2000 os grupos relixiosos conservadores aumentaron a súa influencia na sociedade.