Brunswick

Brunswick

Familia principesca alemá da liñaxe dos güelfos, fundada por Otón I o Infante, quen recibiu o ducado de Braunschweig no ano 1235. Foron ramas principais as dúas de Brunswick-Lüneburg (1252-1388 e 1429-1705), das cales a segunda deu lugar en 1692 á rama electoral e despois, en 1714, á real de Hannover; a de Brunswick-Grubenhagen (1279-1596), a de Brunswick-Göttingen (1286-1437) e a de Brunswick-WolfenBüttel (1318-1806). Os membros máis salientables da familia foron: Otón de Brunswick (1175-1219), emperador xermánico entre 1209 e 1218. Alberte I o León (1236-1279), que entregou Lüneburg ao seu irmán Xoán en 1267. Fernando de Brunswick (1721-1792), lugartenente de Federico II durante a Guerra dos Sete Anos. Carlos Guillerme Fernando de Brunswick (1735-1806), comandante dos exércitos austro-prusianos que invadiron Francia durante a Revolución Francesa (1792-94) e autor do manifesto de Brunswick. Augusto Luís Federico Guillerme de Brunswick (1806-1884), que gobernou o ducado constitucionalmente dende 1831. En 1806, a raíz da disolución do Sacro Imperio, o duque de Braunschweig converteuse en soberano de Braunschweig. Ao morrer o derradeiro duque en 1884, o ducado tiña que pasar á rama real dos Hannover, que fora expulsada en 1866 do trono polos prusianos, pero Bismarck opúxose e nomeou rexente do principado o príncipe Alberte de Prusia. En 1913 o ducado pasou á rama dos Hannover.