bruxería

bruxería

(< bruxa)

s f [ETN]

Conxunto de ritos onde, segundo o coñecemento popular, se exercitan as bruxas. Este fenómeno permanece asociado a encarnacións en animais, especialmente ao castrón; lugares maléficos propios dos rituais, como os cemiterios, montes pelados e areais; días e horas nos que celebran encontros e reunións, concretamente o sábado ás doce da noite, pero especialmente as noites de San Xoán, San Pedro, Todos os Santos e Nadal. A bruxería, en tanto en canto constitúe un elemento cultural, cumpre diferentes funcións dentro da sociedade tradicional: por un lado explica os feitos desafortunados debidos ao azar e sen aparente explicación e, por outra banda, incluída dentro da tradición cristiá, representa o mal. A orixe das prácticas de bruxería pode estar na supervivencia de cultos pagáns, especialmente nas doutrinas dualistas cristiás e na crenza no poder do demo, moi estendidas na Europa medieval. As mulleres que a practican chámanse bruxas, e os homes, bruxos. A bruxería comportaba un culto diabólico cunha liturxia paródica da cristiá; os seus principais actos eran os infanticidios, a misa negra e as reunións do aquelarre ou do sabat. Pola súa relación co culto pagán funerario, a bruxa foi asociada cos megalitos. Como bruxería europea recoñécese un fenómeno histórico documentado nos séculos XVI e XVII, con antecedentes no XIV e restos no XVIII. De todos os xeitos, cómpre dicir que hai referencias europeas a bruxos e bruxas para outras épocas anteriores, se ben a súa significación é diferente: magos, augures, menciñeiros ou envelenadores, mais non adoradores do demo. Nos arquivos inquisitoriais recóllese que para que un aspirante se convertese en bruxo ou bruxa precisaba chegar a un pauto co demo. Establecía este pauto mediante un contrato asinado co seu sangue, no que cedía a súa alma inmortal a cambio dos poderes para facer o mal. O demo marcaba a propiedade sobre o nova bruxa cun sinal agochado no corpo desta. Para achar a marca, os inquisidores buscaban cun ferro candente no embigo, no interior do nariz, entre os dedos, ou nas inguas. Eran interpretables como marcas desde un lunar a unha verruga, unha cicatriz ou unha mancha de nacemento. A bruxa debía confesar para acadar a salvación e a fin dos seus tormentos; mais isto non era fácil, pois os inquisidores só lían os cargos imputados no auto de fe; é dicir, a suposta bruxa non só debía confesalos, senón adiviñalos. Por esta razón, non era infrecuente que a bruxa confesase, sen sabelo, máis cargos ca os que inicialmente lle eran imputados. Os condenados rara vez foron nobres ou bispos; normalmente eran anciás solitarias e humildes, acusadas polos propios veciños que as consideraban causantes de todos os seus males. O antropólogo Marvin Harris apunta que os poderes europeos potenciaron a crenza popular de que había axentes do demo infiltrados entre o pobo para eludir as súas responsabilidades nas catástrofes económicas e manter así o seu poder e mais a inxusta distribución da riqueza. Moitos investigadores entenderon a bruxería europea como unha relixión rural, fronte a un cristianismo máis urbano e institucional. Para Margaret Murray tratábase da pervivencia dun culto precristián de carácter agrícola: o culto a un deus de dobre cara e forma de macho cabrío que simbolizaba, a través dos ritos de morte e resurreccción, o ciclo das colleitas. As súas orixes estarían na Idade Media, mais con antecedentes mesmo no culto á deusa-nai do Paleolítico. Outros estudiosos consideran a bruxería unha relixión “contestataria”. Así, Caro Baroja ou Mircea Eliade crían que se trataba dunha reacción á ríxida moral xudeu-cristiá. A situación de submisión da muller neste código moral explica a maior abundancia de bruxas en Europa, fronte á bruxería doutros lugares do mundo onde o home é preponderante. Eliade destaca que os “contestatarios medievais” arelaban o mesmo ca os “contestatarios actuais”: un mundo idílico, o paraíso perdido, a autenticidade e o contacto coa natureza. O culto ao demo interprétase quer como un cargo inapelable, inventado polos inquisidores para condenar os bruxos, quer como un produto da contestación: se os cristiáns adoran a Deus, os bruxos farano ao seu contrario, o Demo; se condenan o sexo, os bruxos abandónanse ás orxías nos seus aquelarres; se teñen que respectar a igrexa, os bruxos mófanse dela en misas negras. A xuízo de Eliade o culto ao demo sería, en extremo, unha arroutada macabra. Na Península Ibérica, a conversión masiva de xudeus e musulmáns propiciou unha maior tolerancia da Inquisición. Mesmo se pode afirmar que foi máis benigna ca noutros lugares de Europa, mais igualmente contundente. No século XVI estableceuse en Galicia a Inquisición e, aínda que a aceptación e utilidade social da bruxería e das bruxas era elevada, celebráronse xuízos, que baixo tortura, atoparon casos de relación co demo. En Galicia recóllense corenta procesos dos séculos XVI e XVII, destacando os celebrados na zona do Morrazo e, en particular, na vila de Cangas, onde procesaron a Catalina de la Iglesia, Elvira Martínez e María Soliño; este último é o caso máis coñecido da Inquisición galega. María Soliño toleara despois de perder o seu home e mais un irmán no ataque pirata a Cangas de 1617 realizado polos sarracenos. No ano 1621, con setenta anos de idade, Soliño foi levada perante a Inquisición compostelá, acusada de bruxa polos veciños. Durante a tortura do interrogatorio confesou practicar a bruxería desde había vinte e cinco anos, que tivera trato carnal co demo dúas veces e que, xunto a outras bruxas, se reunía para os seus aquelarres na praia das Areas Gordas. Esta confesión non foi abondo para os inquisidores, que prolongaron o suplicio ata a morte de Soliño, quen, deste xeito, non conseguiu o perdón que lle outorgaría o auto de fe ao final do proceso, polo que foi condenada para a eternidade.