búdico -ca

búdico -ca

(< antropónimo Buda)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao Buda ou ao budismo.

    Sinónimos: budista.
  2. arte búdica [ARTE]

    Conxunto de representacións iconográficas e de construcións estéticas elaboradas para satisfacer as necesidades da relixión budista, realizadas esencialmente en Asia oriental, central e meridional. A súa historia pode estruturarse en catro períodos. O período inicial (ss V-I a C), con obras na India que se remontan á época do Emperador Aśoka (s III a C), como as monumentais columnas pétreas esparexidas por todo o país e o núcleo do stupa I de Sānchī; xa no s II se iniciou en Anurādhapūraya o desenvolvemento da arte búdica en Sri Lanka. O período clásico, de apoxeo cultural e artístico hindú, con dúas fases: a de Gandhāra e Mathurā, centros do Imperio dos Kushāna (ss I-III d C), presentou na escultura influencias estilísticas helenísticas plasmadas nas representacións antropomórficas de Buda, ata este momento simbólicas; a segunda fase, a da dinastía Gupta, dende o s IV ata a metade do s VII, cumio artístico tanto na escultura, que acadou un equilibrio perfecto entre sensualidade e espiritualidade, como na pintura, murais de Ajantā e na arquitectura; paralelamente a arte búdica presenta as primeiras manifestacións dentro do estilo Gandhāra nos enclaves político-comerciais que se graduan entre Bāmiyān e Tunhuang, as dúas rutas centroasiáticas, e a China, en ambos os dous casos coñecidas polas grutas decoradas pictoricamente. O período decadente, comprendido entre os ss VII e XIV, é o epílogo da arte búdica na India (dinastía Pāla e Sena, 750-1200) e os momentos de esplendor en Indonesia (templo de Borobudur, 750-800), Indochina (torre-stupa de Wat Kukut, 1218), China (murais de Tien-lung-shan da dinastía Tang, 618-906, e a pintura Chan da dinastía Sung meridional, 1127-1178), Corea (santuario de Sokkulam, 750?) e Xapón (gran Buda de Todaiji, da época Nara 710-784). O período recente, dende 1400-1500 ata hoxe, caracterízase pola paralización creadora nos casos de subsistencia, en Indochina, Sri Lanka e Xapón. As necesidades relixiosas concretas do budismo implican formas artísticas peculiares, que no caso da arquitectura son o stupa, centro sagrado do que deriva o pagode chinés, o vihāra, mosteiro primitivo budista escavado na rocha, e a chaitya, santuario tamén escavado. A representación de Buda é un dos problemas da arte búdica, resolto sucesivamente de dúas maneiras: polo símbolo (a árbore da revelación, a roda da doutrina, etc) e pola imaxe antropomórfica, que triunfou definitivamente no tipo establecido no período Gupta: figura de calma maxestosa, sentada nun trono, con auréola e nimbo, orellas longas e que fai xestos preestablecidos coas mans. Esta forma é a adoptada nos países budistas aínda que cada un fai as súas modificacións ou adaptacións.

  3. literatura búdica [LIT]

    Conxunto de movementos e obras literarias que xorde dentro das literaturas indias e que serve de vehículo de comunicación do budismo. O núcleo doutrinal máis antigo foi reunido dentro dun canon, do que se conserva unha versión completa en pali, o Tipitaka da escola Theravāda. O uso respectivo do pali e do sánscrito distingue en xeral a literatura das dúas direccións fundamentais do budismo: o Hīnayāna e o Mahāyāna. Na literatura pali extracanónica cómpre citar os comentarios directos de Buddhaghosa (s V), as crónicas históricas Dīpavamsa e Mahāvamsa, e obras de imaxinación e erudición. O volume da literatura Mahāyāna é enorme, amplamente superior á literatura pali. Aínda que se conservan orixinais sánscritos de case todas as obras importantes, o resto debe reconstruírse a través das versións tibetanas e chinesas.

Palabras veciñas

Budia | Budial | Budián | búdico -ca | Budiño | Budiño | Budiño