Bueu
Concello da comarca do Morrazo situado na provincia de Pontevedra no SO da Comunidade Autónoma. Limita ao N co Océano Atlántico (ría de Pontevedra), ao S co concello de Cangas (O Morrazo), ao L cos de Marín (comarca de Pontevedra) e Moaña, e ao O co Océano Atlántico. Situado na península do Morrazo, que separa as rías de Vigo e Pontevedra, ocupa 30,8 km 2 cunha poboación de 12.440 h (2007), distribuídos nas parroquias de Beluso, Bueu (San Martiño e Santa María), Cela, Ermelo e A Illa de Ons. A capital municipal está situada na vila de Bueu (San Martiño de Bueu) a 42° 19’ de latitude N e 8° 47’ de lonxitude O, a 76 km de Santiago de Compostela e a 17 km de Pontevedra. Está adscrito ao partido xudicial de Marín e á arquidiocese de Santiago de Compostela.
Xeografía física
O concello de Bueu atópase baixo o dominio climático oceánico-húmido con tendencia á aridez estival. As temperaturas son suaves, influenciadas polo efecto temperán do Océano, que propicia unha media anual ao redor dos 15°C, sendo difícil que nalgún mes do ano se logre rebaixar a media dos 9°C e superar os 20°C. Esta suavidade térmica dá lugar a que se rexistre unha oscilación térmica anual baixa, duns 11°C. O mes máis frío é xaneiro cunha temperatura media de 9,3°C e o máis cálido xullo con 19,4°C. As precipitacións son elevadas, normalmente superiores aos 1.800 mm anuais. En canto á súa distribución estacional, concéntranse no outono e no inverno, nos que se recollen uns 1.400 mm (entre os meses de setembro e marzo). Aínda que menor ca noutros espazos, a aridez estival é importante, dado que ao incremento de temperaturas durante o verán se engade unha mingua de precipitacións destacable entre xuño e agosto, meses nos que só se recollen uns 140 mm en total. Ademais, a forte insolación á que está sometido o territorio neses meses, caracterizados por situacións atmosféricas anticiclónicas (ceos despexados), un maior grao de incidencia dos raios solares, e tamén maior duración dos días, contribúe a provocar o conseguinte déficit hídrico. As xeadas son pouco frecuentes e, debido á súa situación litoral, só poden ter unha certa incidencia nos lugares máis interiores. O seu territorio confórmano dúas partes, unha continental e outra insular (illas de Ons e Onza). En canto á parte continental, o relevo do concello de Bueu participa dos trazos que lle son propios á península do Morrazo. Trátase dun bloque eminentemente granítico de dirección L-O, moi fracturado, de formas abruptas e de aspecto redondeado. O relevo actual é consecuencia da acción de diferentes procesos tectónicos modelados pola erosión posterior. En xeral é un relevo accidentado, tanto no seu interior montañoso como na costa, baixa e areosa. O litoral alterna tramos de acantilados con outros de costa baixa e areosa, entre os que se contan máis de 20 praias. Destes accidentes litorais destacan a ría de Aldán (á que se abre o litoral oriental da parroquia de Beluso), os cabos de Udra e Cabalo, as enseadas de Carcamáns, Bueu e Bou, e as praias de Beluso, Agrelo e Lapamán. Dende o mar ascéndese de forma brusca ao interior montañoso e de pendentes acusadas para rematar en altitudes superiores aos 400 m, na parroquia de Ermelo: As Chans de Ermelo (445 m) e o monte Paralaia (432 m, no límite coa parroquia de San Martiño de Moaña). Tamén sobresaen os montes Coto do Raboiro (361 m), Esculca (320 m), Costa Grande (190 m), Coruto do Liboreiro (334 m, no límite coa parroquia de Aldán), Faro (128 m) e Udra (91 m). O concello de Bueu está atravesado por unha falla de dirección N-S que forma unha pequena depresión, posteriormente enchida con materiais sedimentarios, e que constitúe un importante eixe de comunicación. O territorio insular está formado polo arquipélago de Ons, composto pola Illa de Ons, cunha lonxitude aproximada duns 5 km e situada ao N, e a illa de Onza ou Onceta con menos de 1 km ao S. Estas illas forman parte dun bloque granítico, e serven de abrigo á entrada das rías de Pontevedra e Aldán. A máis grande delas presenta dúas fachadas distintas: a oriental, que mira cara ao continente, é rectilínea e nela esténdense unha serie de praias de area fina e branca como son os areais de Melide, Area dos Cans, praia dos Cans ou praia Pereiró: a fachada occidental é sinuosa e dominan os entrantes e saíntes, os acantilados e as furnas (covas abertas pola acción das ondas). Nos acantilados do SO pódese contemplar a Cova ou Burato do Inferno. Estas illas conforman un espazo de enorme interese natural. Os ríos que atravesan o concello teñen todos un pequeno percorrido dende o seu nacemento, nas partes máis elevadas da península do Morrazo, ata a súa desembocadura na ría de Pontevedra, entre os que destacamos o río da Igrexa, tamén chamado río dos Frades e Augalevada, o Portela, Noceda, Esperón, A Pena e o Inferno.
Xeografía humana
A evolución da poboación do concello de Bueu ao longo dos últimos dous séculos correspóndese cos comportamentos da Galicia máis dinámica demograficamente. O crecemento foi constante en todos os períodos intercensais, coa breve excepción do 1981-1991 onde se coñeceu un decrecemento de 455 h. Os 12.599 habitantes da actualidade superan en máis de 1.000 aos rexistrados cinco anos antes, o que significa un crecemento do 9,49%, e case duplica a poboación do 1887. Salvo unha breve retardación do crecemento entre as décadas dos corenta e dos sesenta, asociado ás consecuencias da posguerra, este concello soportou as distintas fases das sangrías migratorias cun crecemento natural importante. A súa situación no eixe de desenvolvemento máis importante de Galicia e a inserción de parte do termo no espazo periurbano de Pontevedra dá lugar a uns comportamentos demográficos propios dos territorios urbanos e do litoral máis desenvolvido do país. Entre 2001 e 2007 o crecemento demográfico foi positivo, 0,72%. Non obstante , o crecemento natural é negativo -0,2‰, consecuencia dunhas taxas de natalidade (8‰) e mortalidade (8,2‰) semellantes. O crecemento real estase a ver moi favorecido por un saldo migratorio total positivo (55 habitantes), consecuencia non só do retorno de emigrantes senón tamén do asentamento de poboación procedente das áreas máis cercanas. A evolución demográfica por parroquias expresa un crecemento importante en todas elas, destacando a concentración e os índices de crecemento no núcleo urbano de Bueu. Aínda que a estrutura por idades mostra unha tendencia ao avellentamento, a poboación de 65 e máis anos deste concello representa o 17,3% fronte ao 19,1% de menores de 20 anos e o 63,6% do grupo intermedio. A distribución por sexos amosa un equilibrio: 50,74% mulleres e 49,25% homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Bueu é do 47,6% (64,5% a masculina e 31,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 42,8% (59,8% a masculina e 26,5% a feminina) e a taxa de paro é do 10,1% (17,2% a masculina e 15,8% a feminina). A economía de Bueu é de base eminentemente pesqueira, a pesar do pulo coñecido polo sector servizos e, en concreto, polas actividades de lecer relacionadas co turismo. A pesca ocupa ao 30% dos ocupados e as actividades agropecuarias ao 1,4%. A pesca predominante é de baixura, na que destacan as capturas de polbo, parrocha, xurelo e sardiña. No marisqueo destaca o mexillón (Bueu é un dos principais portos de Galicia neste molusco). A pesca do polbo e o marisqueo tamén constituían as principais actividades dos habitantes das illas Ons ata hai ben poucos anos, mentres no seu sector oriental se atopaban os campos de cultivo, que quedaron abandonados tralo traslado de residencia da poboación da illa cara á costa, fundamentalmente a Bueu, a mediados da década dos setenta. A actividade turística na illa substituíu as máis tradicionais. O sector secundario, que ocupa o 25,3% da poboación activa, está directamente relacionado coa explotación dos recursos do mar. O catalán Doménech estableceu unha das primeiras fábricas de salgadura das Rías Baixas en 1808. Posteriormente, coa construción das estradas que unían o concello con Cangas e Pontevedra, establecéronse varias factorías conserveiras como as de Massó no 1928 e a Attilo Gaggero. A crise que atravesa o sector dende hai algúns anos dá lugar a que só exista unha conserveira (Conservas Alonso) e unha depuradora de moluscos e cetárea de mariscos (Cabo de Cruz). Neste sector a maioría dos empregados son mulleres. A construción dá traballo a unha importante porcentaxe da poboación ocupada, o 11%, que está empregada en empresas non só de carácter local senón tamén dos veciños concellos de Cangas, Marín e Pontevedra. O terciario está en pleno desenvolvemento (xera o 43,32% dos empregos) conforme ás tendencias observadas nos espazos de interese turístico, aínda que para aqueles servizos máis especializados reflicte unha importante dependencia dos concellos limítrofes máis poboados e tamén da cidade de Pontevedra. Destacan os subsectores comerciais e de reparación, ademais, a importancia do sector turístico permite a dinamización indirecta de diferentes actividades terciarias como sucede coa hostalería. O pulo turístico debe integrarse no contexto de revitalización do Morrazo como un dos destinos turísticos máis importantes das Rías Baixas, aínda que centrado case exclusivamente na época estival. A principal vía de comunicación que atravesa o concello de Bueu é a estrada comarcal PO-550 (Tui-Cee) que bordea toda a península do Morrazo, enlazando Bueu con Cangas, Moaña, Marín e Pontevedra. A estrada autonómica PO-320 une directamente Bueu coa vila de Cangas, atravesando de N a S o occidente da península do Morrazo. Destacan tamén a PO-315 e a PO-551.
Historia
Os primeiros indicios da ocupación humana no concello de Bueu son tres mámoas situadas no monte de Morouzos e diferentes gravados rupestres no monte dos Ablaires, localizados na parroquia de Beluso. Os restos castrexos atopados na illa de Ons fan pensar na existencia dun núcleo onde se realizaban actividades relacionadas coa pesca e co marisqueo. A presenza romana está documentada nos restos atopados na praia de Pescadoira, na propia vila de Bueu, que reflicten unha actividade continuada dende o ss II e V. Pénsase que as ánforas alí atopadas, tiñan a función de transportar o peixe salgado, signo dunha industria local da salgadura. As tégulas atopadas pódense identificar coas partes dunha salgadeira. A ruta comercial per loca maritima que percorría as costas galegas pasaba polas terras do actual concello. Ademais da explotación agrícola das villae, os romanos tamén explotaron a riqueza mineira na Illa de Ons, de onde extraeron estaño. A presencia sueva constátase na existencia de tumbas antropomorfas no monte Carafigo (Beluso) e a laxe do Crego na Illa de Ons. Da presencia visigoda soamente se atoparon na praia fíbulas e diversos útiles. Entre os ss VIII e XI a vila non quedou allea ao feudalismo como así o amosa a presencia dunha torre de vixilancia do s XI situada sobre os restos do antigo Castro do monte Liboreiro. Durante a Idade Media Bueu e, sobre todo, o porto de Beluso beneficiáronse da grande actividade comercial e pesqueira da costa pontevedresa. Especies como o congro, a pescada e a sardiña capturábanse coa arte do cerco e, preparadas cos métodos do salgado e do afumado, estaban listas para ser exportadas ao Mediterráneo, ao golfo de Biscaia ou mesmo ao Atlántico Norte. A introducción dos novos cultivos chegados de América foi moi ben acollida; o protagonismo foi do millo, que permitiu incrementar de forma notable a poboación durante a Idade Moderna. Os cambios producidos polo emprego deste cultivo deron lugar á supresión total do barbeito, ocasionando tamén a transformación da paisaxe agraria cunha particular microparcelación das terras. Non obstante , a alta densidade demográfica tamén trouxo consecuencias negativas, como as emigracións de finais do s XVIII. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Bueu pertenceron á xurisdición de Cangas, señorío do arcebispo de Santiago, que compartía Beluso co marqués de Vilar, e estaban adscritas á provincia de Santiago. Co establecemento dos primeiros axuntamentos, ao abeiro da Constitución de 1812, as súas parroquias distribuíronse entre os concellos de Beluso, Bueu, Cela e Hío, adscritos á provincia de Galicia. Estes catro concellos estiveron vixentes en dous períodos, entre 1812 e 1814, e entre 1821 e 1823. En 1822 os catro concellos pasaron a pertencer á provincia de Vigo ata que en 1835 se integraron na provincia de Pontevedra, logo dun período de estudios, propostas e alegacións para a constitución de concellos. En 1836 creouse o concello de Bueu, integrado polas parroquias de Aldán, Beluso, Bueu, Cela, Ermelo e Hío. En xaneiro de 1837 as parroquias de Aldán e Hío dirixíronse ao goberno central solicitándolle a súa segregación e conversión en concellos, petición que reiteraron en 1844 ao mesmo tempo que propuxeron como alternativa a súa incorporaciaon ao concello de Cangas, baseándose nun criterio de mellor accesibilidade á capital municipal. Esta última demanda foi atendida en 1873 e estas dúas parroquias foron agregadas ao concello de Cangas, ao que pertencen dende entón. O arquipélago de Ons, pola súa parte, permaneceu nun primeiro momento esquecido pola administración municipal. En 1837, o alcalde de Sanxenxo desembarcou na Illa de Ons co propósito de inscribir os seus veciños no padrón deste concello da comarca do Salnés e deste xeito conseguir que a Deputación lle adscribira a xurisdición sobre o territorio insular. En 1842 os colonos da illa solicitaron a súa segregación do concello de Sanxenxo e a súa incorporación ao de Bueu, pois case que todos eran fregueses da parroquia de Beluso, pero esa reclamación non prosperou; só cando o propietario da illa, o marqués de Valladares, presentou unha solicitude nese sentido (1.10.1844) foi aceptada e incluída por fin no termo municipal de Bueu (20.11.1844). Dende finais do s XIX repoboáronse con familias procedentes de Loira e Seixo. O propietario, o marqués de Valladares, arrendaba as terras aos habitantes en calidade de colonos ou caseiros. Logo foi mercada por un particular e posteriormente polo estado, sendo administrada polo ICONA. Na actualidade están incluídas dentro do plan de protección natural Illas Atlánticas, para evitar que a puxanza do turismo destrúa a súa riqueza paisaxística como importante colonia de aves mariñas. A finais do s XVIII a chegada de fomentadores cataláns propiciou a recuperación económica e impulsou a actividade pesqueira, coa instalación de numerosas fábricas de salgadura. Non obstante , o establecemento dos cataláns non estivo falto de controversias, xa que trouxeron novos métodos de pesca que provocaron un inicial rexeitamento dos galegos. En 1808 Doménech levantou na praia de Beluso a primeira fábrica de salgadura, despois fixérono Amargós, Dotras, Moreau, Tapias e Ferrer, entre outros. Creouse unha elite industrial que formou a burguesía liberal. En 1816 iniciou o seu traballo a fábrica de salgaduras de Salvador Massó Palau. As primeiras innovacións técnicas para transformar as industrias de salgadura nas modernas industrias conserveiras foron realizadas pola empresa Massó que, unida á firma francesa Dargenton, constituíu a nova empresa La Perfección. Durante as tres primeiras décadas do s XX Bueu viviu a conflictividade mariñeira. Co tempo a confrontación entre partidarios e detractores das novas artes de pesca deu paso a unha loita enmarcada no sindicalismo de clase. En 1900 tivo lugar unha folga dos xeiteiros, mariñeiros que empregaban o método de pesca tradicional, que se manifestaban contrarios ao uso das traíñas (prohibidas pola Real Orde do 20 de xullo de 1900, volveron estar permitidas a partir de 1906). A influencia socialista nas sociedades mariñeiras deu lugar á fundación de El Adelanto Marinero de Bueu, integrante da Federación Regional de Obreros de la Industria Pesquera de Galicia e presidido por Lorenzo Corbacho. Ao tempo establecéronse os Pósitos de Pescadores, de carácter mixto e a cargo das autoridades da Mariña. O Pósito de Bueu, creado o 29 de setembro de 1924 e impulsado, entre outros, por Alfredo Saralegui, foi substituído pola Confraría de Pescadores San Martiño. A conflictividade laboral dos primeiros anos do s XX tamén tivo a súa manifestación na vila: folga de mulleres traballadoras (1918), folga de mariñeiros e persoal das fábricas (1919). Durante a Segunda República a conflictividade aumentou polas folgas convocadas polos sindicatos mariñeiros afiliados á CNT. No momento de estoupar a Guerra Civil o alcalde, o xornalista Xosé Gómez de la Cueva, coñecido como Johán Carballeira, púxose á fronte dunha xestora integrada por socialistas, republicanos e galeguistas. O 24 de xullo os militares nacionais tomaron o concello. Carballeira, que se negou a fuxir, foi detido a mediados de agosto e levado ao lazareto da illa de San Simón, onde morreu o 17 de abril de 1937. Moitos outros foron levados ao mesmo lazareto, entre eles o socialista Alfredo Bautista Alconero, Reisiño.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados desaca, no eido da arquitectura relixiosa, a igrexa de Santa María de Cela, construída no s XII. No tímpano da portada contémplase unha figura orante flanqueada por dous leóns rampantes e entre as imaxes que decoran a fachada distínguese un home tocando a zanfon. Da arquitectura civil cómpre destacar o pazo de Santa Cruz ou de Quitapesares, reconstruído no s XVII polo licenciado Fernando de la Rúa e Freire, párroco de Bueu e comisario do Santo Oficio da Inquisición; o pazo do Casal ou casa dos Picos data do s XV aínda que sufriu reformas durante o s XVIII.. O patrimonio natural está representado polos espazos naturais do Complexo Ons-O Grove e do Cabo Udra, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000; ademais praias como as de Agrelo, Lapamán, Loureiro, Mourisca, Portomaior. Entre as festas que se celebran no concello salientan as da Virxe do Carme o 16 de xullo, as de Santiago en Ermelo, as de Santo Amedio en Beluso, a da Festa da Banda do Río na honra de santa Ifixenia en setembro e as do Corpus Christi, coa elaboración das alfombras florais. Celébrase tamén a Festa do Millo Corvo en Meiro no mes de marzo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Morrazo, O |
| Extensión | 30 Km2 |
| Poboación Total | 12440 h |
| Poboación Homes | 6127 h |
| Poboación Mulleres | 6313 h |
| Densidade de poboación | 414.67 h/Km2 |
Parroquias
| Beluso |
| Bueu |
| Cela |
| Ermelo |
| Illa de Ons, A |