Buganda

Buganda

Antigo reino de Uganda, ao NO do lago Victoria. A disgregación do grande estado de Kitara deu lugar, a principios do s XVII, á formación dos reinos hima do actual territorio de Uganda: Bunyoro, Ankole, Toro e Buganda. O reino de Buganda, composto etnicamente polos baganda e os invasores hima, foi gobernado polo kabaka ou rei; o primeiro deles chamouse Kinton. Despois de dous séculos de hexemonía de Bunyoro, Mutesa I, chegado ao poder en Buganda en 1860, estableceu o predominio de Buganda sobre a rexión. En 1862 chegaron a Buganda os exploradores John Hanning Speke e David Grant e, en 1875, David Livingstone. En 1880 o Tratado de Helgoland situou o país baixo a influencia británica, en 1894, converteuse en protectorado e, en 1897, integrouse no protectorado de Uganda. O predominio de Buganda mantívose durante todo o s XX e reflectiuse na organización administrativa e política da Uganda independente, dominio reforzado pola doazón de terras feita polas autoridades coloniais aos señores feudais de Buganda, como premio á súa fidelidade. Despois da Segunda Guerra Mundial o anticolonialismo foi reprimido polos señores feudais e cando o independentismo tivo suficiente forza propugnaron a secesión do reino de Buganda en 1960. Ao se proclamar a autonomía de Uganda, en marzo de 1962, os señores feudais obtiveron o recoñecemento do estatuto federal do novo estado e da monarquía do kabaka. Mutesa II continuou loitando pola defensa do predominio de Buganda e, en outubro de 1963, foi elixido presidente da República Federal de Uganda, cargo que exerceu ata que foi destituído polo primeiro ministro Milton Obote en marzo de 1966. Mutesa II quedou reducido ao reino autónomo de Buganda, incluído dentro da federación, e gobernou xunto a un Parlamento (Lukiko) de cen membros ata maio de 1966, data na que foi obrigado a abandonar o país e marchou a Londres onde pediu asilo. En 1967 aprobouse unha nova constitución que abolía a estrutura federal do estado, polo que Buganda desapareceu como entidade política autónoma. En moitas ocasións houbo que aplicar o estado de emerxencia para evitar a restauración de Mutesa.

Palabras veciñas

Bugallo | Bugallo Aguiar, Celso | bugallón | Buganda | buganvílea | Bugarín | Bugarín