Bulgaria
Estado do SL de Europa, situado na parte oriental da Península Balcánica (110.994 km2; 8.336.000 h [1998]). Limita ao N con Romanía, ao L co Mar Negro, coa Turquía europea e Grecia ao S, e con Macedonia e Iugoslavia ao O. Esténdese entre os 41° e 44° de latitude N e os 22° e 28° de lonxitude L. A capital é Sofia.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
O territorio búlgaro presenta catro grandes unidades de relevo, dispostas en paralelo en dirección L-O: a plataforma danubiana, os Balcáns, unha ampla depresión que inclúe a conca de Sofia e a chaira de Tracia e o macizo do Rodopes. A plataforma danubiana é unha superficie constituída por rochas calcarias cretácicas e terciarias subhorizontais, cuberta dunha capa sedimentaria de limos e loess que desde os Balcáns descende cara ao N, ata o Danubio. Os afluentes da dereita do seu curso inferior (Lom, Cibrica, Ogosta, Isk ǎ r, Vit, Os ǔ m Jantra) deron orixe a vales encaixados, onde se asenta a maior parte da poboación. Estas terras están ocupadas por cultivos de regadío. A chaira fluvial do Danubio é moi discontinua na ribeira búlgara. Ao O, o río Isk ǎ r enlaza a plataforma danubiana coa conca de Sofia e atravesa a aliñación montañosa balcánica. O altiplano de Ludogorie enlaza coa Dobruxa meridional. Os Balcáns esténdense ao longo duns 600 km, de L a O. A depresión subbalcánica separa os Balcáns propiamente ditos (ou Stara Planina) dos Antibalcáns (ou Sredna Gora), desde o SL de Sofia ata Jambol. Entre estas aliñacións e o macizo do Rodopes, esténdese un vasto sector de depresións terciarias, que forman o núcleo esencial de Bulgaria, co val de Sofia, drenado polo Isk ǎ r cara ao Danubio, e a chaira de Tracia, drenada polo río Marica. O Rodopes é unha rexión montañosa modelada pola erosión glacial; nel atópanse as máximas altitudes do país, os picos Musala, de 2.925 m de altitude e o Vikhren, de 2.915 m.
Climatoloxía
O país atópase baixo un dominio climático continental moderado, aberto á influencia dos anticiclóns de Asia Central porque as montañas do O obstaculizan as influencias mediterráneas. Tanto a temperatura media anual como as precipitacións varían moito segundo as condicións xeográficas, especialmente a altitude: Ruse, á beira do Danubio (no NL), rexistra unha temperatura media anual de 13,1°C e recolle 862 mm de precipitación anual. Na Dobruxa, as temperaturas son menores e as precipitacións máis escasas, resultando moi afectada a súa agricultura polas xeadas. As áreas montañosas da Stara Planina, Rodopes, Pirin e Rila (no S) teñen temperaturas medias aínda inferiores, pero as chuvias son máis abundantes (1.900 mm nos Rila). A chaira da Tracia, protexida polas montañas, ten un clima de transición do mediterráneo ao continental: Plovdiv acada unha temperatura media anual de 14,8°C e 625 mm de precipitación. Pola contra, Sofia, na aba dos Balcáns (no O), descende ata os 10,6°C de temperatura media anual e os 345 mm de chuvia. A costa do Mar Negro ten un clima marítimo, con veráns frescos: en Varna a temperatura media anual é de 13,2°C e as precipitacións de 757 mm.
Xeografía económica
Economía
Dende 1945, trala ocupación soviética de Bulgaria en 1944, comezaron a funcionar as primeiras cooperativas agrícolas segundo o modelo soviético. Non obstante , a planificación económica mediante plans quinquenais non se iniciou ata 1946, cando se instaurou o réxime comunista que constituíu unha banca nacional, estableceu un imposto sobre os beneficios, someteu as empresas privadas ao control dos sindicatos e colectivizou a propiedade da terra. A transformación máis importante destes anos realizouse na industria, que, co asesoramento técnico da Unión Soviética, experimentou un desenvolvemento acelerado, situando a Bulgaria como un dos países máis industrializados do COMECON. A planificación económica fixo especial énfase no sector secundario, sobre todo na industria pesada, que recibiu unha atención preferente. Acadados os primeiros obxectivos, a partir dos anos setenta intentouse reorientar o esforzo para prestar maior atención á demanda interna; así, a industria lixeira, a alimentaria e a produción de bens de consumo en xeral tiveron un relativo crecemento. Esta orientación cobrou maior protagonismo a partir da década seguinte, cando o goberno reintroduciu algúns aspectos da economía de mercado, en particular a participación nos beneficios, o acceso limitado á propiedade privada, sobre todo na agricultura, e unha certa autonomía na xestión empresarial. Co afundimento do réxime comunista, en 1990, a economía búlgara entrou nunha grave crise. Suprimida a planificación estatal, o novo goberno adoptou medidas para a reconversión á economía de mercado, basicamente orientadas á privatización de empresas e bens. Ao mesmo tempo, buscou axuda en institucións financeiras internacionais, como o FMI e o Banco Mundial, e acadou un trato de nación favorecida coa Unión Europea. Os principais obstáculos que se lle presentaban para a súa supervivencia no sistema capitalista eran as rémoras herdadas das catro décadas de economía planificada: baixa podutividade, instalacións obsoletas, hipertrofia da industria pesada en detrimento doutros sectores, etc. Ademais, o colapso económico dos países do COMECON, os seus principais socios comerciais, así como a inestabilidade política nos Balcáns, empeoraron a situación, que desembocou nunha forte inflación (73% en 1991 e 123,1% en 1996) e nun grave problema de desemprego (13,7% no 1997). Esta situación está a corrixirse debido á forte dependencia do marco e indirectamente do euro. A unidade monetaria é o lev.
Recursos e actividades económicas
O sector primario en Bulgaria, que ata o remate da Segunda Guerra Mundial era un país esencialmente agrícola, ocupaba en 1995 o 18% dos traballadores e achegaba só o 13% do PNB. Durante o período socialista (1947-1991), a propiedade da terra foi nacionalizada e a produción organizada en explotacións colectivas. Nese período implementáronse políticas de mecanización e tecnificación do sector, complementadas coa construción de infraestruturas hidráulicas (encoros de Vasil Kolarov, Isk ǎ r, Studen Kladenec e Batak). A partir de 1990 legalizáronse as primeiras explotacións privadas, que experimentaron unha xeneralización nos anos inmediatamente posteriores coa incorporación á economía de mercado. As terras de labor supoñen o 38,1% da superficie do país. Os cereais ocupan a maior parte das terras de cultivo, especialmente nas chairas do Danubio e de Tracia; destacan o trigo, o millo, a cebada e a remolacha, que abastece as refinerías de azucre do país. Son tamén moi importantes o tabaco (que achega o 20% do valor da produción final agraria), a viticultura (18º produtor mundial de viño en 1997), a pataca, o tomate e o xirasol. Outro produto moi característico son as rosas, no val do Tundža, empregadas para a industria da perfumería. Na gandería destacan o ovino (3.020.000 cabezas en 1997) e o porcino (1.500.000 cabezas), aínda que tamén son importantes os armentíos caprino (874.000 cabezas) e bovino (582.000 cabezas). O bosque, que ocupa o 35% da superficie do país abastece o país de madeira (3.059.000 m3en 1997). Entre 1980-1989 a produción agrícola experimentou un descenso progresivo que se acelerou a raíz dos cambios políticos que puxeron fin á economía de tipo socialista. A pesca é relativamente pouco importante, debido á esterilidade do Mar Negro, polo que a flota se despraza a faenar ao Mediterráneo ou mesmo aos caladoiros do Atlántico e do Pacífico. As capturas en 1996 sumaron un total de 12.723 toneladas. O sector secundario (minería e industria) é o máis importante da economía búlgara: achegando en 1997 o 46% do PNB. Os recursos minerais son moi variados. Extráese hulla, lignito, chumbo, cobre, zinc, petróleo e gas natural. É importante o sector de transformación de produtos agrícolas e tamén o dos fertilizantes, as industrias electrónicas así como metalúrxica e siderúrxica (aceiro en bruto, ferro fundido) e do papel. Os centros industriais máis importantes están nas cidades de Sofia, Kremikovci, Pernik, Pirdop, K ǎ rdžali e Plovdiv. O petróleo importado entra polo porto de Burgas, onde se refina. Destacan as industrias de materiais de construción (cemento). A produción de enerxía non cobre as necesidades do país. Para obter enerxía hidroeléctrica aprovéitase a auga das montañas Rila, Pirin e Rodopes. Por outra banda, en 1992 só funcionaba unha das catro centrais nucleares (Kozloduj) que foran construídas no país ata 1983.
Transportes e comunicacións
A rede de estradas tiña en 1997 unha lonxitude total de 37.287 km, deles a inmensa maioría estaban asfaltados, tendo 314 km de autoestradas. O parque automobilístico está integrado por 1.862.000 vehículos, deles 1.630.000 son turismos. A rede ferroviaria en 1996 sumaba 4.293 km, deles 2.710 estaban electrificados. Os portos marítimos e comerciais son Burgas e Varna. As vías fluviais navegables tiñan, en 1996, uns 470 km e correspóndense principalmente co curso do Danubio. Hai aeroportos en Sofia, Plovdiv, Varna, Burgas, Ruse, Stara Zagora e Gorna Orjakhovica.
Comercio exterior
Ata 1990 o comercio exterior presentou un balance favorable, baseado nos intercambios coa Unión Soviética, que absorvía o 56% das exportación búlgaras e abastecía o 58,1% das importacións. O resto dos intercambios realizábanse cos estados membros do Consello de Axuda Económica Mutua, é decir, cos países socialistas, sobre todo, Checoslovaquia, Polonia e a República Democrática Alemana. Aínda que coa desintegración da Unión Soviética en 1991 se produciu unha certa diversificación dos socios comerciais e os estados xurdidos desa desmembración (especialmente Rusia e Ucraína) manteñen, no seu conxunto, o primeiro posto no comercio exterior búlgaro. Ademais dos seus antigos socios, Turquía, Grecia e Italia introducíronse eficazmente no seu mercado, do mesmo xeito que Alemaña, se ben esta puido contar coa vantaxe das relacións establecidas pola antiga República Democrática Alemana. De todos os xeitos o volume dos intercambios con cada un destoutros países non supera o 10% en ningún dos casos. As principais partidas de importación son maquinaria e bens de equipo (39%), carburantes e combustibles (16%), produtos químicos (5%), minerais en bruto e metais e bens de consumo. Expórtanse, sobre todo á antiga URSS pero tamén a Alemaña e aos EE UU, maquinaria e equipamentos (31%), bens de consumo (22%), produtos alimentarios e bebidas (15%), produtos químicos e metais.
Xeografía humana e sociedade
Poboación e poboamento
Na segunda metade da década dos oitenta a poboación de Bulgaria (8.336.000 h [estim 1998]) entrou nunha fase de regresión a causa da caída da natalidade e da forte emigración da comunidade turca, que, establecida no S do país, contribuía a elevar as taxas de fecundidade, comportamento debido a factores culturais e relixiosos. Deste xeito, o crecemento anual da poboación foi en 1991 do -0,15%. No período de 1992 a 1997 a media anual proseguiu con esta tendencia, aínda que acelerada a un ritmo do -0,5%. O crecemento natural da poboación (crecemento vexetativo) é aínda máis negativo (-7‰ en 1997), consecuencia dunha baixa taxa de natalidade (7,4‰) e, sobre todo, dunha mortalidade elevada (14,4‰) debida ao avellentamento da poboación. A taxa de mortalidade infantil é do 15,6‰ (1996) e a esperanza de vida ao nacer en 1995 permanece nos 67 anos para os homes e nos 75 anos para as mulleres. A porcentaxe de poboación urbana era en 1995 do 70,7%, proporción que se acadou a partir do proceso de desenvolvemento industrial que tivo lugar especialmente na década dos sesenta. A rede urbana reflicte a macrocefalia da capital, Sofia, a única cidade de máis dun millón de habitantes (1.116.823 h [1996]) que, concentra a maior parte da industria do país e das actividades terciarias. Ao SL está Plovdiv, con case 350.000 h que se destaca como a segunda cidade do país, seguida dos portos do Mar Negro, Varna (301.421 h [1996]) e Burgas (199.470 h [1997]). Ruse (168.051 h), Stara Zagora (149.666 h), Pleven (125.029 h) e Dobri (103.532 h) proseguen nunha xerarquía que se complementa con cidades de pequeno tamaño.
Etnias, linguas e relixión
Etnicamente, malia a presenza de minorías importantes, a poboación de Bulgaria é bastante homoxénea: o 86% é búlgara, o 9,4% turca, o 3,7% xitana e o 0,9% restante son macedonios, armenios, romaneses, gregos ou rusos. A relixión máis estendida é o cristianismo ortodoxo, que constitúe unha Igrexa autocéfala (Igrexa Ortodoxa de Bulgaria) baixo a xurisdición dun patriarca; esta relixión é a profesada polo 85,7% dos cidadáns búlgaros. O Islam domina na poboación de orixe turca e é tamén a relixión dos pomaks, de orixe eslava; en total practícano o 13,1% dos residentes en Bulgaria. A lingua oficial é o búlgaro falado por un 85% da poboación, aínda que tamén se falan outras linguas, entre as que se inclúen o turco (falado por un 9% da poboación), o albanés, o macedonio e o romanés.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Bulgaria entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa 63º posto cun índice do 0,758). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 71,1 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 98,2% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 70%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 4.010 $ USA.
Goberno e administración
O proceso democratizador comezou en Bulgaria en 1989, trala destitución de Todor Živkov, secretario do Balgarska Komunistiāeska Partija (BKP, Partido Comunista Búlgaro) dende 1954, primeiro ministro dende 1962 e presidente da República dende 1971. A nova constitución búlgara, promulgada o 12 de xullo de 1991, establece que o presidente se elixe por sufraxio directo para 5 anos renovables unha única vez. O presidente designa o xefe do goberno, que é o candidato do partido maioritario nas eleccións lexislativas. O Parlamento (Narodno Sobranie) conta con 240 membros, elixidos por un período de catro anos. O sistema xudicial basease no dereito continental, con influencias do dereito soviético. O principal órgano de goberno é a Corte Suprema. Bulgaria acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza; a pena de morte aboliuse o 10 de decembro de 1998. Segundo Amnistía Internacional existen presos de conciencia por obxectar ao servizo militar e houbo multitude de informes sobre tortura e malos tratos por parte da policía exercidos sobre a poboación xitana. Adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes, efectuando a declaración prevista no artigo 22, que recoñece a competencia do Comité contra a tortura para examinar as denuncias de carácter individual, así como a formulación, segundo o artículo 28, de non recoñecer a competencia do Comité contra a tortura para examinar información alusiva á practica da tortura de forma sistemática; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e as Liberdades Fundamentais, efectuando a declaración prevista no artigo 25 pola que se recoñece a competencia da Comisión Europea dos Dereitos Humanos para examinar as denuncias de carácter individual, así como o artigo 46 polo que se recoñece a xurisdición do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos para todos os asuntos relativos á aplicación do Convenio Europeo e Convenio Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (1987). As formacións políticas máis importantes son: Obedineni Demokratiāni Sili (ODS, Unidade das Forzas Democráticas), que integra a conservadora Sajuz na Demokratiānite Sili (SDS, Unión das Forzas Democráticas) xunto con outros partidos de carácter conservador, agrario e social-democrático; Demokratiānata Levica, que integra os excomunistas agrupados ao redor do Balgarska Socialistiāeska Partija (BSP, Partido Socialista Búlgaro) xunto cun movemento ecoloxista e outro agrario; Obedinenie za Nacionalno Spasenie (ONS, Unión para a Salvación Nacional), que integra o movemento para a defensa da minoría turca, un partido ecoloxista e outro liberal; Koalicija Evrolevica (EL, Coalición Eurosocialista), unha coalición de esquerdas reformada; Balgarski Biznes Blok (BBB, Bloque dos Empresarios Búlgaros), nacionalista; Balgarska Komunistiāeska Partija (BKP, Partido Comunista Búlgaro), comunista, e Obedenenie za Carja (OC, Unión para a Monarquía), monárquico. O país divídese en 9 provincias e forma parte destes organismos internacionais: Banco Europeo de Reconstrución e Desenvolvemento (BERD), Consello de Europa, ONU e Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE); está asociado á Unión Europea (UE) e conta cun status especial na Unión Europea Occidental (UEO).
Historia
Durante o primeiro milenio a C o territorio foi habitado polos tracios e os ilirios, sometidos por Macedonia e despois polo Imperio Romano, que estableceu no 15 a C a provincia de Mesia; formou parte do Imperio Romano de Oriente. Dende os primeiros anos do s VI foi invadida polos eslavos e as primeiras tribos dos chamados protobúlgaros foron recoñecidas por Bizancio no 679. O estado búlgaro con capital en Pliska, ampliouse co dominio do sector oriental do Imperio Ávaro. O dominio reforzouse coa vitoria do khan Krum sobre o Emperador bizantino Nicéforo I no 811 e consolidouse no reinado do seu sucesor Omurtag no 814. A organización tribal do país, no que se fusionaran os eslavos, máis avanzados culturalmente, cos búlgaros, que conservaban o dominio militar, transformouse nunha estrutura política estatal impulsada por Boris I (852-889), que ampliou o territorio cara ao SL e que se converteu ao cristianismo oriental no 864. Este primeiro Imperio Búlgaro chegou ao máximo esplendor con Simeón I (893-927), que obtivo de Bizancio o título de basileo ou tsar e uniu o seu reino ás costas de Albania, gran parte de Serbia, Bosnia oriental ata a costa do Adriático, Macedonia e Tracia. A capital trasladouse a Preslav, e o eslavo eclesiástico, adoptado polo patriarca búlgaro que era independente do de Constantinopla, converteuse na lingua literaria. Non obstante , iniciouse a decadencia motivada polas disensións internas, de carácter dinástico e relixioso: extensión do bogomilismo, revolta dos campesiños, separación dos serbios en 933 e ataques ás fronteiras do norte. Baixo Boris II (969-972), o país foi invadido por Sviatoslav, duque de Kiev e por Xoán I Tsimiscés de Bizancio, que se apoderou da parte oriental do país no 972. Dende Macedonia o aristócrata Samuel (980-1014) intentou restaurar o Imperio Búlgaro, recobrou unha parte do territorio pero finalmente foi derrocado por Basilio II de Constantinopla o Bulgaróctonos e, en 1018, Bulgaria pasou a ser provincia bizantina. En 1185 a revolta dos búlgaros dirixidos por Iván e Pedro Asen e aliados cos valacos, devolveu a independencia á Bulgaria setentrional. A capital do segundo Imperio Búlgaro foi Târnovo, que se converteu nun importante foco cultural. Kalojan Asen (1197-1207), en parte grazas á debilidade de Bizancio e a raíz da intervención dos croatas, estendeu os seus dominios polo baixo Danubio, Sofia, Macedonia e Tracia ata o mar de Mármara, e conseguiu ser coroado no 1204 polo legado de Inocencio III, que lle outorgou o título de primado de Bulgaria ao bispo de Târnovo. Con Iván II Asen (1218-1241) o país viviu un momento de esplendor político e cultural e estendeuse por Albania, Epiro, Macedonia e Tracia. Nestes anos produciuse tamén a separación definitiva entre a igrexa búlgara e a romana, de acordo coa corte bizantina de Nicea. O poder central dos monarcas viuse atacado polos nobres ou boiaros, prevalecendo sobre o rei. Aos asénidas sucedéronlles a dinastía de Xurxo Terter desde 1280 e logo a dos sismánidas (1323-1396). O enfrontamento entre o monarca e os nobres agravouse pola invasión dos mongois en 1272, que desmembraron o imperio en diversos principados independentes. En 1330 os serbios anexionaron a Macedonia búlgara e a partir do 1340 comezaron as incursións dos turcos. Constantinopla caeu no seu poder no 1382, Târnovo no 1393 e, no 1396, caeu Vidin, derradeiro principado independente, feito que supuxo a total anexión de Bulgaria ao Imperio Otomano ata 1878. Deste xeito, todo o territorio, incluídas Macedonia e Tracia, foi dividido en cinco distritos e posto baixo a administración dun gobernador ou begleberg de Rumelia, coa capital en Sofia. Unha parte da poboación refuxiouse nas montañas mentres que os colonos turcos se estableceron nas chairas máis fértiles. A pesar do sistema feudal imposto polos turcos, a situación dos búlgaros estabilizouse adoptando unha boa parte da poboación o islamismo (pomaks), pero a maioría conservou a súa lingua, os costumes e a relixión. O clero, suprimido o patriarcado de Târnovo, helenizouse e as escolas eclesiásticas ensinaron grego. A resistencia búlgara quedou reducida á loita dos bandoleiros ou haiducs e a esporádicas revoltas, xa nos ss XVI e XVII, coa axuda dos Habsburgo. A decadencia do Imperio Otomán, desde finais do s XVII, implicou unha época de anarquía. A recuperación do sentimento nacional por parte dos búlgaros contou co apoio de Rusia que asumiu o papel de protectora da Igrexa Ortodoxa nos Balcáns. Os vangardistas do renacemento cultural foron Otec Paisij, que escribiu en 1762 unha historia nacional dos búlgaros, e o bispo Sofroni de Vraca. En 1835 naceu a primeira escola búlgara en Gabrovo, á que lle sucederon outras que deron un gran pulo ás edicións en búlgaro moderno. En 1870 a igrexa búlgara, malia a oposición do patriarcado grego, obtivo a autonomía e estableceu un exarcado con xurisdición sobre 15 dioceses. O proceso de independencia experimentou un avance entre os anos 1860 e 1870, organizándose comités clandestinos de liberación dirixidos por L’uben Karakelov, Vasil Levski e o poeta Khristo Botev. A revolta de 1876 foi duramente reprimida polos turcos, pero en 1877 Rusia declarou a guerra a Turquía, e un gran número de combatentes búlgaros loitou con eles. Os rusos apoderáronse de Sofia, Târnovo e de Plovdiv en 1878. A Paz de san Stefano, asinada ese mesmo ano, acordou a creación dunha Gran Bulgaria, con Macedonia e Tracia; sen embargo, a intervención das potencias europeas no congreso de Berlín (1878) reduciu este proxecto a un principado autónomo, a Bulgaria danubiana, tributario do sultán, e a unha provincia otomana, a Rumelia Oriental, no sur. En 1879 unha Asemblea Constituínte votou en Târnovo un réxime constitucional democrático, deseguida controlado polo partido liberal, e foi elixido soberano o príncipe Alexandre de Battenberg, sobriño de Alexandre II de Rusia. Alexandre I intentou, forzado polos liberais, subtraer o país á influencia rusa. Non obstante , de 1881 a 1883 suspendeu a Constitución de acordo cos conservadores rusófilos. A Rumelia Oriental uniuse voluntariamente en 1885 ao principado de Bulgaria (unión confirmada en 1886 polos turcos), feito que provocou unha breve guerra con Serbia. Alexandre I retirouse en 1886 obrigado por unha conspiración e, despois dun breve retorno, abdicou da coroa. A Sabranie (Asemblea) elixiu como príncipe a Fernando de Saxonia-Coburg-Gotha en 1887, quen iniciou unha política prorrusa. Turquía e as grandes potencias recoñeceron o novo monarca en 1896. A Revolución dos Mozos Turcos facilitou que Bulgaria, coa Rumelia Oriental, se declarase independente en 1908, sendo proclamado Fernando I tsar dos búlgaros. A creación da Liga Balcánica no 1912 entre Bulgaria, Grecia e Serbia coa finalidade de liberar os Balcáns do dominio turco levou ás guerras balcánicas. Na primeira, favorable á Liga, Bulgaria soportou o peso principal da loita e conquistou Adrianópolis; pero as discordias pola repartición do territorio motivaron a segunda guerra, na que unha coalición romanesa, serbia, grega e turca derrotou a Bulgaria. Polo Tratado de Bucarest (1913) esta houbo de ceder Dobruxa meridional a Romanía e renunciou a Macedonia en favor de Serbia e Grecia; como contrapartida conseguiu unha saída ao mar Exeo. Durante a Primeira Guerra Mundial, Bulgaria adheriuse ás potencias centrais, a causa do seu vínculo financeiro con Alemaña e coa intención de recuperar Macedonia. A pesar dos éxitos iniciais en Serbia e Dobruxa, en 1918 o exército aliado penetrou na fronte macedónica e Bulgaria tivo que pedir o armisticio. A derrota e o descontento da poboación e o exército provocaron a abdicación de Fernando I no seu fillo Boris III no mesmo 1918. Polo Tratado de Neuilly (1919) Bulgaria tivo que pagar elevadas reparacións, reducir o exército e ceder territorios conquistados, entre eles a costa do Exeo que pasou a Grecia en 1920. O Partido Agrario, liderado por Stambolijski obtivo o poder en 1920, levando a cabo unha radical reforma agraria e a imposición dun ano de traballo para o estado; así mesmo, malia a súa presión contra a burguesía, perseguiu os comunistas. A redución do territorio provocou que un gran número de búlgaros de Macedonia e Tracia se refuxiasen no país, feito que aumentou as presións. Creouse a Organización Revolucionaria Interna Macedónica (VMRO), formada principalmente por nacionalistas macedónicos en desacordo coa política conciliatoria do goberno cos seus veciños, especialmente con Iugoslavia. En 1923 un golpe de estado derribou a Stambolijski, que foi asasinado. Iniciouse unha época de inestabilidade caracterizada por unha dura represión contra os membros do partido agrario e comunista e polo terrorismo, que continuou actuando ata 1926. A situación estabilizouse co goberno de Liapchev (1926-1931) que deu lugar a unha liberalización política. Baixo a influencia do fascismo, en 1934 un golpe de estado da Liga Militar ou grupo Zveno instaurou unha ditadura; a partir de 1935 Boris III consolidou o seu poder e pactou en 1937 con Iugoslavia. En 1938 autorizouse o rearme do país. Durante a Segunda Guerra Mundial, Bulgaria adheriuse ao Pacto Antikomintern e, coa axuda de Alemaña, tropas búlgaras ocuparon Tracia, Macedonia e unha parte de Serbia. En 1942 o goberno declarou a guerra á Gran Bretaña e aos EE UU pero non á URSS. Ao morrer Boris III (1943) un consello de rexencia controlado polos nazis gobernou en nome de Simeón II. O movemento de resistencia dirixido dende 1942 pola Fronte Patriótica organizou e asumiu a oposición ao goberno. A pesar da política de ruptura con Alemaña, realizada polos gobernos da rexencia e o intento de pactar un armisticio cos aliados, a URSS declarou a guerra a Bulgaria o 5 de setembro de 1944, coincidindo a entrada das tropas soviéticas coa subida ao poder da Fronte Patriótica. Asinado o armisticio, o exército búlgaro, baixo o mando soviético, tomou parte nas últimas operacións bélicas na Europa oriental. No interior houbo unha forte represión e unha purga do exército e da administración, outorgándolle un papel preponderante ao Partido Comunista e provocando a saída de agrarios e socialdemócratas da Fronte Patriótica. En 1946 un goberno de coalición organizou un referendo que proclamou a república e Dimitrov, líder do Partido Comunista e antigo presidente do Komintern, presidiu un novo goberno que acelerou a transformación do país segundo as directrices socialistas. O 4 de decembro de 1947 estableceuse unha nova Constitución segundo o modelo soviético, que convertía Bulgaria nunha democracia popular. A aliñación á beira da URSS acentuouse coa reconstrución do exército baixo o mando soviético e o sometemento do restablecido patriarcado búlgaro ao moscovita. A oposición anticomunista foi neutralizada e os stalinistas iniciaron purgas dentro do partido e, despois da morte de Dimitrov, impediron o desenvolvemento do proxecto da federación comunista balcánica que lle propuxera a Iugoslavia, condenando a morte a Kostov. A transformación do país supuxo unha reforma agraria que limitaba a extensión máxima das propiedades, a colectivización dun 50% da superficie e a planificación económica. O primeiro plan quinquenal, de 1949 a 1953, orientouse á busca dunha mellora na produción das industrias básicas. En 1955 Bulgaria, membro do COMECON xa desde 1950, ingresou no pacto de Varsovia e tamén na ONU. As relacións con Iugoslavia durante os gobernos de Kolarov e Červenkov, do 1949 ao 1956, atravesaron unha etapa de tensión, que rematou cun período de crítica ao estalinismo e a rehabilitación da memoria de Kostov. Os gobernos de Anton Yugov e de Živkov sucederon a Červenkov. Posteriormente, tivo lugar un proceso de descentralización limitada do réxime soviético durante o mandato de Khruščov. En 1962 Živkov, primeiro secretario do Partido Comunista Búlgaro, alcanzou a dirección do goberno e, convertido no home forte do réxime, enfrontouse co intento de golpe de estado en 1965 encabezado por Kamarov, Anev e Todorov-Gorunya; reforzado por esta crise acadou en 1966 a reelección nos cargos que desempeñaba e acelerou o proceso de achegamento á URSS. No plan quinquenal de 1966 a 1970, aprobouse unha descentralización económica e iniciouse unha política exterior de achegamento a Occidente, marcada polos acordos comerciais con Francia e polo establecemento de relacións diplomáticas cos EE UU en 1966. Participou en agosto do 1968 na invasión de Checoslovaquia, formando parte das tropas do Pacto de Varsovia. No X congreso do Partido Comunista, en abril de 1971, aprobouse unha nova Constitución que reorganizou o estado, Stanko Todorov foi nomeado novo presidente do goberno e Živkov presidente do Consello de Estado. Na primeira metade da década, Bulgaria mellorou as relacións cos países balcánicos, incrementando os intercambios comerciais con Grecia e Turquía, pero as relacións con Iugoslavia permaneceron estancadas polo trato discriminatorio que recibiu a minoría macedonia. No XI Congreso do Partido Comunista, en 1976, aprobáronse medidas que buscaban a modernización industrial do país e ratificaron a proposta dunha maior integración económica co bloque socialista e coa URSS. En 1984, despois da substitución de Todorov por Grisa Filipov, no cargo de primeiro ministro dende 1981, Živkov realizou unha remodelación do goberno para axilizar a burocracia e perseguir a corrupción. Neste proceso, Filipov foi substituído por Georgij Atasanov. En 1987 Živkov impulsou unha serie de reformas tendentes a unha certa apertura e semellantes á perestrojka de Mikhail Gorbačov. Estas medidas liberalizadoras non contentaron a poboación, que reclamaba a instauración plena dun sistema democrático. En 1990 a presión popular conseguiu a abolición do papel dirixente do Partido Comunista, o procesamento de Živkov por abuso do poder, a formación dun goberno de transición e a convocatoria de eleccións lexislativas para xuño, que gañou o reconvertido Balgarska Socialistiāeska Partija, que formaba parte da coalición Demokratiānata Levica. O novo xefe de estado Zhelyu Zhelev, designado pola Narodno Sabranie en abril de 1990, foi confirmado no cargo nas primeiras eleccións presidenciais en xaneiro de 1992. En xullo de 1991 aprobouse unha nova Constitución multipartidista. As eleccións lexislativas de outubro gañounas por maioría relativa a Obedineni DemoKratiãnite Sili, que formou un goberno co apoio da minoría turca, representada pola Dvienie za Pravata i Svobodie, integrada na Obedinenie za Nacionalno Spasenie, e Dimitrov foi nomeado xefe do goberno. A retirada do apoio do Dvienie za Pravata i Svobodie precipitou a caída do goberno de Dimitrov, que foi substituído en decembro de 1992 por un gabinete técnico dirixido por Berov. O recoñecemento do novo estado de Macedonia en 1992 provocou tensas relacións con Grecia. Debido á recesión económica provocada polos lentos avances da reforma económica, consecuencia da resistencia á política de reprivatizacións que freou os investimentos occidentais, e ás protestas populares contra o emperoamento das condicións de vida, o gabinete técnico presentou a súa dimisión. Ademais, forzou a creación dun goberno de transición dirixido por Reneta Indzhova e a convocatoria de eleccións anticipadas en decembro de 1994, nas que gañou por maioría o Balgarska Socialistiāeska Partija. Foi elixido xefe do goberno Videnov que formou un goberno no que participaron antigos comunistas e membros dos partidos satélites como os agrarios. En xuño de 1994 púxose en marcha un programa de privatización en masa e favoreceuse a creación de cooperativas agrarias, medidas rexeitadas polo pobo en 1995. Trala caída do goberno de Videnov, en decembro de 1996, ocupou a xefatura do goberno de xeito interino Stefaň Sofiyanski ata que nas eleccións de 1997, gañadas pola Obedineni DemoKratiãnite Sili, foi elixido Ivan Kostov. Durante 1998 aprobáronse unha serie de medidas que conduciron á integración de Bulgaria nas organizacións e estruturas occidentais: plans de reestruturación do exército e de estratexia nacional nos que se prevía o cumprimento dos criterios de adhesión á Unión Europea dende esa data ata o 2001. O 17 de xullo de 1998 converteuse en membro do Acordo de Libre Cambio Centro-Europeo (CEFTA); así mesmo, en febreiro de 1999 ratificou a convención europea sobre os dereitos das minorías. En 1998 rexeitouse un novo embargo sobre Iugoslavia e propúxose a creación de forzas balcánicas de intervención rápida. En setembro de 1998 asinouse en Skopje un acordo sobre a creación destas forzas balcánicas con base en Plovdiv. Ante a crise de Kosovo, o goberno búlgaro estaba a favor da combinación das iniciativas internacionais e da concentración balcánica, mentres que a opinión pública era contraria aos bombardeos da OTAN. En abril de 1999 Bulgaria uniuse ao embargo petrolífero a Iugoslavia e autorizou o voo de avións da OTAN sobre o seu espazo aéreo. As boas relacións con Turquía manifestáronse nun acordo de exportación de electricidade búlgara asinado en 1998 e na creación o 1 de xaneiro de 1999 dunha zona de libre cambio entre ambos os países.