Burkina Faso
Estado de África occidental, limita ao N e ao O con Mali, ao L con Níxer e Benin e ao S con Togo, Ghana e a Costa de Marfil (274.400 km2; 11.305.000 h [1996]). Esténdese entre os 15° e 9° de latitude N e os 5° e 2° de lonxitude L. A capital é Ouagadougou.
Xeografía física
O territorio está formado por un altiplano cristalino (granito, gneis, cuarcitas) de 200 a 300 m de altitude media, recuberto de lateritas, lixeiramente inclinado cara ao S e atravesado polos vales do Volta Negro, o Volta Branco e o Volta Vermello, que flúen en dirección S para formar o Volta en Ghana. Ao L corren pequenos afluentes irregulares do Níxer. No SO do país o altiplano de Sikasso acaba na escarpa de gres de Banfora. O clima é tropical, moi árido, especialmente no extremo N e NL do país; a época de choivas ten lugar de xuño a outubro, pero diminúen de S a N (de 1.000 mm a 250 mm) e as temperaturas aumentan na mesma dirección en Ouagadougou, a mínima é de 11,5°C en xaneiro e a máxima 43,2°C en abril. A vexetación é a sabana e o bosque claro, pero ao N chega a ser subdesértica na estación seca. O estado recoñeceu un espazo de interese natural suxeito a protección especial, o Parc National de Pô.
Xeografía económica
Economía
A economía de Burkina Faso é a propia dun país ligado totalmente ao sector primario, cun grao baixísimo de industrialización e unha das rendas por habitante máis baixas do mundo (230 $ USA en 1996). A débeda externa ascendía en 1996 a 1.294.000.000 $ USA, cun crecemento no período 1987-1997 baixo (3,4%). Ademais, Burkina Faso é un país cunha gran dependencia da axuda exterior, especialmente de Francia, que en 1996 foi por valor de 418.200.000 $ USA. O mantemento do seu progreso macroeconómico no 1999 e no 2000 depende da continuidade dunha baixa inflación (2% en 1997), da redución do déficit comercial e das reformas deseñadas para atraer o investimento privado. A moeda é o franco da Comunidade Financeira Africana, que está vinculado ao franco francés cunha taxa de cambio fixa, polo que está integrado na área do euro.
Recursos económicos e sectores produtivos
En 1991 o 84% da poboación activa dedicábase á agricultura, aínda que só achegaba preto do 30% do PIB. Os cultivos comerciais principais son o algodón, moi importante para a exportación, os cacahuetes e o sésamo. Os cultivos de subsistencia son o sorgo, o paínzo, o millo, a pataca doce, a mandioca e os legumes. A gandería (bovina, ovina e caprina) ten unha certa importancia nas exportacións. O sector agropecuario está constantemente ameazado pola seca e, con menos frecuencia, polas choivas torrenciais. Por outra banda, a crecente desertización é un problema importante a medio e longo prazo. As reservas minerais son considerables, aínda que en moitos casos quedan inexplotadas pola falta de infraestrutura e de medios de transporte. Extráese ouro en Poura e Assakan, manganeso en Tambao e Kiéré, antimonio en Mafoulou, zinc en Perkoua e fosfatos en Pendjari. Así mesmo, detectáronse xacementos de prata, chumbo e níquel que aínda non están explotados. A industria ten un carácter incipiente pero comeza a medrar, de feito en 1990 o 23,1% do PIB procedía do sector secundario e ocupaba o 5% da poboación. Entre os produtos industriais elaborados destacan o algodón e os calzados, así como as industrias cervexeiras, tabaqueiras e azucreiras. A produción de enerxía é insuficiente, aínda que unha nova planta hidroeléctrica, inaugurada en 1989, fixo aumentar sensiblemente a produción de electricidade, que en 1995 era de 78.000 kw.
Transportes, comunicacións e comercio exterior.
As vías de comunicación en 1985 constaban dos 622 km do ferrocarril do Níxer ao porto de Abidjan (Costa de Marfil) e máis de 13.000 km de estradas, dos cales 2.000 estaban asfaltados. Hai aeroportos en Ouagadougou e en Bobo-Dioulasso. O comercio exterior é moi deficitario: exporta algodón, produtos para animais e ouro. Os seus clientes son Francia, Italia e Mali. Impórtase maquinaria, bens manufacturados, produtos químicos e derivados do petróleo, procedentes en primeiro lugar de Francia, Togo e Nixeria. As divisas dos burkineses que traballan en Ghana e na Costa de Marfil complementan os ingresos procedentes do comercio exterior.
Xeografía humana
Demografía e poboamento
Burkina Faso ten un crecemento natural da poboación moi elevado (29,9‰ en 1990) malia a alta taxa de mortalidade infantil (99‰ no 2000), unha das máis elevadas de África. A densidade de poboación é débil, 41,3 h/km2 en 1996. Así mesmo, predomina a poboación rural, que en 1996 supuña o 83% da poboación, espallada en numerosos núcleos de poboación menores de 25.000 h; ademais, acúsase unha excesiva concentración de poboación en Ouagadougou (690.000 h [1993]), só contrarrestada por Bobo-Dioulasso (300.000 h [1993]) e Koudougou (105.000 h [1993]). A poboación está composta por diferentes etnias: mossi (24%), fulbe (10%), bobo (7%), lobi (7%), mande (7%) e sénufo (6%). A lingua oficial é o francés, inda que hai unhas 70 linguas locais: bisa, fula, senufo, gurma, moré, casén, etc. Un sector importante da poboación (44,8%) mantén prácticas animistas tradicionais, o 43% seguen ritos musulmáns e o 12,2% cristiáns.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Burkina Faso entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o 171º posto cun índice do 0,304). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 44,4 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 20,7% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 20% e o PNB real por habitante (PPA) é de 1.010 $ USA.
Goberno e administración
Antiga colonia francesa do Alto Volta, acadou a independecia o 5 de agosto de 1960, asumindo o nome de Burkina Faso (‘Patria dos verdadeiros homes’) o 4 de agosto de 1984. A Constitución, promulgada o 2 de xuño de 1991, instaurou o multipartidismo. O presidente da República elíxese por sufraxio universal, e exerce o poder executivo xunto co primeiro ministro durante 7 anos, designado polo Presidente co consentimento do lexislativo e do Consello de Ministros. O poder lexislativo é bicameral. A Assemblée de Députés Populaires (Asemblea Nacional) está composta por 111 membros elixidos por sufraxio universal por un período de 5 anos. A Chambre des Representants (Cámara dos Representantes), composta por 120 membros designados para un mandato de 7 anos, é de caracter consultivo. O sistema xudicial está baseado no francés e nos costumes locais, o órgano superior na administración da xustiza é a Corte Suprema. Está en vigor a pena de morte. Amnistía Internacional presentou varias denuncias, segundo as que en 1995 decenas de estudiantes permaneceron detidos sen cargos durante un curto período de tempo e algúns sufriron malos tratos. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Convención Sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Contra a Muller (1981). Os partidos máis importantes son: Congrés pour la Démocratie et le Progrés (CDP, Congreso para a Democracia e o Progreso), de extrema esquerda; Parti pour la Démocratie et le Progrés (PDP, Partido para a Democracia e o Progreso), socialdemócrata; Rassemblement Démocratique Africain (UDV/RDA, Agrupación Democrática Africana), centrista; Alliance pour la Démocratie et la Féderation (ADF, Alianza para a Democracia e a Federación), centrista. O país divídese en 30 provincias, sendo a maior Gourna con 26.613 km2. Desde xaneiro de 1997 unha nova lei electoral incrementou as circunscricións a 45. Mantén conflitos armados esporádicos con Mali, país que reivindica a franxa fronteiriza de Agacher (con xacementos de manganeso, titanio e uranio). Forma parte destes organismos internacionais: Comunidade Económica dos Estados Africanos (CEDEAO), ONU, Organización da Conferencia Islámica (OCI) e Organización para a Unidade Africana (OUA), e está asociado á Unión Europea.
Historia
O territorio da actual Burkina Faso pertenceu dende o s XI ao reino dos mossis, dirixido por un xefe supremo, o Mouro Naba. En 1896 os mossis sometéronse aos franceses, que instalaron un protectorado sobre o reino de Ouagadougou e, en 1904, o territorio pasou a formar parte da colonia do Alto Senegal-Níxer, integrado na África Occidental Francesa en 1919 co nome de Alto Volta. En 1932 foi dividido e repartido entre o Sudán francés, Costa de Marfil e Nixeria. Reconstituído en 1947 dentro da Unión Francesa, no 1956 formouse un Consello de Goberno e unha Asemblea do territorio que outorgaba ao país un alto grao de autonomía interna, pero conservando os servicios fundamentais. En 1958 converteuse en República de Volta (de novo Alto Volta en 1959) e adheriuse á Comunidade Francesa ata a súa independencia, acontecida o 5 de agosto de 1960. Maurice Yameogo, o primeiro presidente da República, estableceu un réxime marcado polo autoritarismo e a corrupción. Desde 1966 a loita entre faccións de dereita (sectores militares, partidos políticos) e esquerda (sindicatos, partidos, á radical do exército), determinou unha sucesión de golpes de estado que deron lugar a sucesivos gobernos presididos por Sangoulé Lamizana, primeiro baixo a forma de goberno provisional militar, de 1966 a 1970, e logo como un goberno formalmente civil augurando a Segunda República, a partir de 1970; sen embargo, no ano 1974 disolveu a Asemblea Nacional e suspendeu a Constitución ata 1977. En 1980 Lamizana foi destituído logo dun golpe de estado que deixou o poder nas mans do coronel Saye Zerbo de 1980 a 1982. Despois doutro golpe militar, dirixido por Jean Baptiste Ouédraogo, representante do grupo de novos oficiais, permaneceu no poder ata o 1983, cando o capitán Thomas Sankara chegou á presidencia do país e desenvolveu un plan de reformas que supuxeron unha política de contención do gasto, a reforma da fiscalidade e a redución do sector público, que o enfrontou cos sindicatos e coa Liga Patriótica, de orientación marxista. Así mesmo, baixo o seu mandato o Alto Volta modificou o seu nome oficial en agosto de 1984 polo de Burkina Faso. En outubro de 1987 o pronunciamento dun grupo autodenominado Fronte Popular, dirixido polo capitán Blaise Compaoré, executou o presidente, emprendeu reformas moderadas e restableceu unha democracia aparente. En 1991, debido ás presións da oposición, disolveuse o goberno, adoptouse unha Constitución pluralista e convocáronse eleccións presidenciais, gañadas polo propio Compaoré, e lexislativas en 1992, nas que resultou vencedora a Organisation pour la Démocratie Populaire (ODP). Desde 1992, ano de comezo da IV República, Burkina Faso aplicou as doutrinas do Fondo Monetario Internacional (FMI) e prestou certa atención ás reivindicacións dos estudiantes e dos sindicatos. O aparato electoral da ODP impúxose nas eleccións lexislativas de 1994, e nas municipais de febreiro de 1995 acadou a maioría absoluta, seguida polo Parti pour la Démocratie et le Progrès (PDP), que se converteu na primeira forza da oposición. En 1996 a ODP tranformouse no Congrès pour la Démocratie et le Progrès (CDP), aínda que mantivo o seu ton autoritario. Despois da revisión constitucional do 27 de xaneiro de 1997, pola que entre outras medidas se eliminaban os límites dos mandatos presidenciais, o CDP acadou a maioría absoluta na Assemblée des Députés Populaires e permaneceu á fronte do estado Compaoré, quen confirmou como primeiro ministro a Kadré Désiré Ouédraogo. Desde o ano 1998, aínda que a situación económica mellorou debido á entrada de divisas, á mellora na recadación de impostos e á contención da inflación, a situación de corrupción política e inestabilidade social aflorou nos comicios do 15 de novembro de 1998. A oposición, que boicoteou e posteriormente impugnou os resultados, trala nova vitoria de Compaoré, saíu á rúa, xunto cos estudiantes universitarios e cos movementos pola defensa dos dereitos humanos, en protesta polo asasinato do periodista Norbert Zongo a mans duns descoñecidos logo dunha investigación que implicaba o irmán do presidente. Malia este amplo movemento social, non se produciron modificacións notables no goberno e o 11 de xaneiro de 1999 o primeiro ministro Ouédraogo foi ratificado no cargo.