Butoh
Butoh
[ESPECT]
Forma contemporánea do teatro danza xaponés, desenvolvida nos anos cincuenta por Hijikata Tatsumi e Kazuo Ohno. Na danza Butoh déixase sentir o peso da tradición, pero tamén a importancia de indagar e investigar as máis vangardistas e novidosas propostas. Ushio Amagatsu, creador e director do grupo Sankai Juku, destaca que o Butoh é a danza das tebras, unha danza experimental e revolucionaria, totalmente introvertida e en relación permanente co propio silencio interior. Por esta razón, un dos seus elementos fundamentais é a exploración do movemento que, por veces, se volve extremadamente lento, curvo, retorcido, ritual, e que sempre contén, como os nosos soños e pesadelos, unha enorme tensión dramática.