Caaveiro, San Xoán de

Caaveiro, San Xoán de

Mosteiro de orixe beneditina que estivo situado en Santiago de Capela (A Capela). Situado nun bosque onde san Rosendo fundara un cenobio no s X, pasou a ser rexido polos cóengos regulares de santo Agostiño, funcionando como real colexiata ata o s XVIII. No ano 934 Vermudo II concedeulle a vila de Veremluy e as igrexas de Santiago e San Xurxo. No 936 san Rosendo, o bispo Ero, os abades Rodrigo e Anaxildo, e mais o clérigo Sisualdo fixeron unha doazón para os monxes que o habitaban que se ten por fundacional. Afonso VII doou no 1107 as posesións sobre as que se asentaba o mosteiro cos seus dereitos xurisdicionais. No 1164 Fernando II concedeulle a igrexa de Santa María de Ripa Eume. No 1238 Fernando II doou a igrexa de Santo Estevo de Herenes. Afonso IX concedeulle no 1214 diversos privilexios que foron confirmados polos seus sucesores. A primeira mención aos cóengos regulares que ocuparon o mosteiro data do 1286 cando Sancho IV confirmou os privilexios que se outorgaran anteriormente. Ademais das doazóns reais cómpre salientar as realizadas polos condes de Traba, entre as que destaca a de Casdomira, feita polo conde Pedro no 1114. No s XVII existían no mosteiro dúas igrexas, unha funcionaba como lugar de enterramento para os cóengos falecidos e na outra celebrábase o culto. No s XVIII o mosteiro perdeu a categoría de colexiata e comezou unha decadencia progresiva; o derradeiro prior foi Xoán Mon Valledor, que morreu en 1787; sucedeulle como subprior Miguel Mon Valledor, falecido en 1806; ambos vivían xa na casa prioral de Cabanas. Trala desamortización de 1836, as posesións do mosteiro foron vendidas a particulares. Pío García Espinosa iniciou a súa restauración que, dirixida por López Ferreiro, finalizou en 1896. Consérvase a igrexa da segunda metade do s XII; ten planta rectangular cunha soa nave con cuberta de madeira e cunha ábsida semicircular cuberta con bóveda de canón peraltado terminada en casca. Exteriormente, está dividida en tramos nos que se abren unhas pequenas ventás de dobre arquivolta semicircular que se sustentan sobre columnas dobradas en ángulo. O arco triunfal é peraltado e érguese sobre columnas acaroadas aos muros. A igrexa comunica por medio dun arco co atrio do edificio que foi a residencia dos cóengos. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1975.

Palabras veciñas

Caaveiro | Caaveiro | Caaveiro, Fraga de | Caaveiro, San Xoán de | Caaveiro, Santa María de | Caazapá | cab*