Cabaleiro
-
[ONOM]
Apelido que ten a súa orixe nun alcume de dignidade ou profesional. Aínda que a partir do s XI esta voz se considerou un título nobre, durante a Idade Media un cabaleiro tamén era quen loitaba co seu cabalo e tiña posibilidades para mantelo, ou quen pertencía a unha orde de cabalería. O máis probable é que o apelido actual arrinque do título que posuirían os individuos aos que se lles aplicou; con todo, non se pode descartar a posibilidade de que, nalgunha ocasión, este apelido teña orixe toponímica, xa que existen varios lugares na nosa comunidade así chamados. Neste último caso o nome do topónimo pode remitir á presenza no lugar de persoas que ostentaban o título de cabaleiro, pero tamén se podería explicar pola existencia de pedras encabalgadas (superpostas) que, ás veces, constitúen dolmens. Proceda este apelido dun alcume ou dun topónimo, a súa etimoloxía está no latín caballu ‘cabalo’ + sufixo -ariu. Documéntase baixo forma latina e moderna desde principios do s XIII: “Martinus Caualeiru” (doc ano 1203 en Miguel Romaní Martínez Colección diplomática do mosteiro cisterciense de Santa María de Oseira 1025-1310, 1989, p 403), “Fernandus ditus Caualarius” (doc ano 1204 en Miguel Romaní Martínez Colección diplomática do mosteiro cisterciense de Santa María de Oseira 1025-1310, 1989, p 298). Na época medieval tamén se documenta en feminino aplicado a mulleres que recibirían o alcume do marido: “Sancha Paez dita Cavaleyra” (doc ano 1329 en E. Portela Silva “La región del obispado de Tuy en los siglos XII-XV”, Compostellanum 20, 1975, p 406). Aínda que etimoloxicamente debe presentar un -b-, actualmente adoita aparecer grafado con -v-. Frecuentemente se atopa castelanizado na forma Caballero.
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe que leva como armas, en campo de prata, unha árbore de sinople; bordo de ouro con oito cabezas de serpe de sinople. Outros traen en campo de ouro, tres montañas de sinople.