Cacheiras, Batalla de

Cacheiras, Batalla de

Contenda que tivo lugar en Cacheiras (Teo) o 23 de abril de 1846 na que se enfrontaron as tropas sublevadas de Miguel de Solís co exército de José de la Concha. A batalla, iniciada nas abas de Montouto ás dez da mañá, non fora planificara, pois o día anterior Solís mudara de estratexia en tres ocasións (defenderse en Santiago de Compostela, dirixirse cara a Padrón ou marchar a Cacheiras) e Concha tiña previsto dirixirse a Vigo. Logo de percatarse da superioridade do exército de Concha, Solís, indeciso entre dirixirse a Padrón ou retirarse a Santiago de Compostela, decidiuse por esta última opción. A retirada foi unha masacre, a cidade foi tomada polas tropas de Concha; pola súa banda, Solís, cunha tropa partidaria de asinar un armisticio, resistiu no mosteiro de San Martiño Pinario mentres esperaba a chegada dos reforzos ao mando de Rubín. A tardanza destes e os continuos ataques do exército de Concha, provocaron unha rendición precipitada pasadas as sete do serán. De inmediato Solís foi encarcerado xunto con sesenta oficiais do seu exército. O 26 de abril Solís foi fusilado xunto con once dos seus oficiais.

Palabras veciñas

1 cacheirada | 2 cacheirada | Cacheiras | Cacheiras, Batalla de | 1 cacheiro -ra | 2 cacheiro -ra | Cacheiro Varela, Maximino