Cachirulo, Compañía de Títeres
Fundada en Santiago en 1986 e integrada por Xurxo Rei e Carmen Domech, dende os seus comezos fixo obras de carácter infantil orientadas a establecer unha comunicación directa dos rapaces e rapazas cos títeres. Utilizando diversas técnicas (sombras chinesas, títeres de variñas, de fío, de luvas, bunrakus, etc) presentou os seguintes espectáculos: Falabarato, de Kukas e X. Rei (1986), O carballo 29, de Kukas (1986), Cousas de Castelao, adaptación de X. Rei (1986), Don Gaifeiros, de Kukas e Xurxo Rei, coproducido co Centro Dramático Galego (1987), Pío pío arrechouchío, de Kukas (1988), As vodas totais, de X. Rei, espectáculo de rúa (1988). Posteriormente realizaron unha serie de pezas adaptadas por Xurxo Rei a partir de coñecidos textos: A bela e a besta (1988), Noite de verán (1990), Xoguetes, a partir de O soldadiño de chumbo (1991), Pinochio (1993) e A illa do tesouro (1994). En 1994 presentaron Xan sen medo contra os chupacontos, de X. Rei, en 1995 A merenda de Gamelón, de Carmen Domech e A búsqueda do tesouro, colectivo, Catro contos da china, de Yang-Feng (1996).