calculador -ra

calculador -ra

(< lat calculatōre)

  1. adx

    Que calcula.

    Ex: Non é moi calculador porque sempre lle faltan cartos para acabar o mes.

  2. adx

    Que actúa no seu propio beneficio e interese.

    Ex: Sempre me pareceu unha persoa fría e calculadora.

    Confrontacións: cerebral.
  3. s m [TECNOL]

    Máquina capaz de efectuar operacións aritméticas e lóxicas de maneira automática. Hainos de tres clases, os que miden, os que contan e os que fan as dúas cousas conxuntamente: a) calculadores analóxicos, baséanse na substitución do problema que se desexa resolver por outro análogo, onde as relacións aritméticas son substituídas por procesos físicos nos que interveñen magnitudes continuas (distancias, ángulos, voltaxes, etc); o sinal de saída, tamén continuo, é proporcional á solución numérica do problema presentado. Aplícanse na experimentación científica, nos estudios de simulación e no control de determinados procesos industriais onde cómpre unha actuación inmediata sobre a base dunha magnitude física que varía constantemente (control en tempo real); b) calculadores dixitais, capaces de realizar operacións aritméticas (calculadora) ou operacións aritméticas e lóxicas (ordenador) con datos discretos representados en forma numérica; c) calculadores híbridos son basicamente calculadores analóxicos cunha ou diversas unidades lóxicas e cunha unidade de cálculo aritmético, conectadas entre si por convertedores analóxico-dixitais e dixital-analóxicos, de maneira que o conxunto poida operar ao mesmo tempo con datos de carácter continuo e discreto, combinando deste xeito as vantaxes de ambos os dous sistemas. Polo xeral constitúen unidades deseñadas para aplicacións científicas ou industriais moi específicas.

  4. s f [TECNOL]

    Máquina que realiza cálculos aritméticos simples como a adición, a subtracción, a multiplicación, a división, as raíces cadradas e os tantos por cento, entre outros; ou complexos como logaritmos, funcións trigonométricas, etc. Xeralmente está dotada dun ou de máis rexistros para memorizar constantes ou resultados parciais. Son de pequenas dimensións (calculadora de peto e calculadora de mesa) e constan dun teclado (teclas numéricas, de operación e de función) para a entrada de datos, e dunha pantalla para a visualización dos resultados, que pode ser de diodos luminiscentes ou de cristal líquido. O seu funcionamento baséase, igual ca o dos ordenadores, na lóxica dos circuítos electrónicos integrados ou lóxica electrónica. As programables, con numerosas memorias, pódense conectar a visualizadores de pantalla grande, amodo de pequeno ordenador.

  5. calculadora de exposición [TECNOL]

    Dispositivo empregado na fotografía para calcular o valor correcto de exposición.

Palabras veciñas

calculabilidade | calculable | calculado -da | calculador -ra | calcular | calculatorio -ria | calculista