Calderón y Collantes

Calderón y Collantes

Familia fundada por Saturnino Calderón y Collantes , quen casou con Petra Herce Varela, da casa de Figueras de San Pedro de Folladela (Melide), unha importante casa galega con numerosos intereses e propiedades nas catro provincias e que contaba entre os seus membros con comerciantes, rexedores e marqueses. Este casamento permitiulle a Saturnino Calderón y Collantes colocar o seu irmán, Fernando Calderón y Collantes, como deputado polo distrito de Celanova, outra das áreas de influencia dos Herce. Da unión con Petra Herce Varela naceron dous fillos: Manuel Calderón y Collantes Herce e Pedro Calderón y Collantes Herce, herdeiros do posto de deputado por Ordes o primeiro e por Celanova o segundo. En 1875, o Rei Afonso XII concedeu o marquesado de Algara de Gres (Lalín) a Manuel Calderón y Collantes Herce en atención aos méritos do seu pai. Non obstante , a morte sen descendencia deste converteu o seu sobriño Pedro Calderón Ceruelo en segundo marqués de Algara de Gres, quen tamén foi deputado en Cortes e gobernador civil. O último dos marqueses de Algara de Gres foi Pedro Calderón de la Barca y Melida Ceruelo y Labaig.