caldo

caldo

(< lat calĭdu 'quente')

  1. [ALIM]
    1. s m

      Comida ou prato que resulta da ebulición prolongada en auga de diferentes produtos alimenticios. O seu valor calórico é pequeno e o seu valor dietético radica no contido en peptonas e aminoácidos solubles. O caldo típico galego adoita cocerse con patacas, verduras e outros produtos de horta (fabas, cabaza, etc), unto e frecuentemente algo de carne de porco, se é posible na auga de facer un cocido. Tradicionalmente preparábase no pote e consumíase en cuncas grandes, e non era infrecuente que se acompañase con pan de millo esmigallado ou sopas de pantrigo. O caldo foi, xunto co pan, a base da alimentación diaria en Galicia; era substancial no xantar e un reforzo para o almorzo (se faltaba o leite) e para a cea. Era prato moi habitual en todas as comidas e, como norma xeral, unha vez preparado consumíase durante o mesmo día e, requentado, nos seguintes. Participa mesmo nos menús tradicionais de festa, como entrante. O último domingo de marzo exáltase na Festa do Caldo Galego que se organiza desde 1992 nos Areás (Mourente, Pontevedra).

    2. caldo aconchegado

      Caldo que se espesa cunha pouca fariña. OBS: Se queda pobre de substancia chámaselle auga chirla.

    3. caldo branco

      Caldo que se obtén da cocción de carnes, cenoria, allos porros, apio e bouquet garni.

    4. caldo corneado

      Caldo feito con carne de tenreira.

    5. caldo das monxas/das viúvas

      Caldo que non leva carne.

    6. caldo de cabazo

      Caldo elaborado coa parte interior do cabazo, fabas, patacas, cebola rustrida, unto, un óso de porco e sen verduras.

    7. caldo de castañas

      Caldo feito con castañas secas e sen verduras.

      Sinónimos: calduda.
    8. caldo de ósos

      Caldo que se fai o día en que se parte o porco da matanza en Taboada (Lugo), e conta coa súa festa de exaltación cada domingo seguinte ao Nadal desde 1987.

    9. caldo de venres/de vixilia

      Caldo sen graxa para comer na coresma.

    10. caldo deshidratado

      Caldo obtido por mestura, que se presenta en forma de pastillas deshidratadas, de extractos de carne, de hidrolizados de proteínas, de extractos de lévedo, de vexetais, de glutamato monosódico, de graxa, de sal e de especias. Por disolución ou ebulición en auga, estas pastillas dan unha composición organoléptica ou dietética da mesma orde que a do caldo. A calidade desta composición está asegurada polos códigos alimenticios.

    11. caldo limpo/de galiña/de pu-cheiro/de parida

      Caldo feito con carne de galiña sen legumes nin verduras que toman as persoas delicadas de saúde.

    12. caldo pego

      Caldo feito con fabas e fariña.

    13. caldo pobre/de unto

      Caldo que só leva como graxa un pouco de unto, amais de patacas e verzas.

    14. caldo verde

      Sopa portuguesa feita amodo de puré lixeiro de pataca, con verza cortada moi fina e unhas talladas de chourizo, á que se lle engade un pouco de aceite de oliva.

    15. caldo vexetal

      Caldo sen porco, con moita variedade de hortalizas. OBS: Se é moi espeso chámaselle caldo branco.

    16. caldo vigueiro

      Caldo que só sabe a auga.

  2. s m [ALIM]
    1. Líquido resultante da cocción de carnes, hortalizas ou outros alimentos dos que colle a substancia e que despois se pode utilizar para facer algún tipo de sopa ou como condimento de guisos ou doutros pratos.

      Ex: O caldo de cocer as ameixas úsase para botarlle ó guiso feito con ameixas.

    2. Termo que fai referencia, de xeito xenérico, aos viños.

      Ex: No Ribeiro hai moi bos caldos.

  3. [AGR]
    1. s m

      Suspensión de anticriptogámicos ou insecticidas empregada para combater pragas.

    2. caldo bordelés

      Anticriptogámico preparado neutralizando sulfato de cobre con cal. Na súa elaboración emprégase disolución de cal que dá máis homoxeneidade ao cultivo e evita, ao mesmo tempo, os efectos da causticidade.

    3. caldo borgoñón

      Anticriptogámico preparado neutralizando sulfato de cobre con carbonato de sodio. Emprégase pouco por causa da súa pouca adherencia, que se pode mellorar con caseinato de calcio ou calquera humectante.

    4. caldo sulfocálcico

      Insecticida e anticriptogámico preparado a base de cal e xofre. Emprégase especialmente nos tratamentos de inverno das árbores froiteiras contra a cochinilla.

  4. caldo de cultivo
    1. [MICROB]

      Medio líquido empregado para o cultivo de microorganismos, que consiste nunha solución esterilizada que contén peptona, extracto de carne, sal e, ás veces, azucre, sangue, soro, etc.

    2. Ambiente propicio que facilita a aparición de algo considerado prexudicial.

      Ex: As piscinas son caldo de cultivo de fungos.

    3. Circunstancias que favorecen a aparición dalgunha situación negativa.

      Ex: A pobreza é caldo de cultivo da violencia. 

  5. [ESOT/ETN]
    1. caldo de cóbrega/rato

      Caldo que se fai cunha cobra ou cun rato para curar a tiña, a tose ferina ou outras enfermidades.

    2. caldo de miñocas

      Caldo que se fai con miñocas para curar enfermidades feitas por encantamentos.

    3. caldo de pel de cóbrega

      Caldo que se fai coa pel da cobra, porque segundo as crenzas é bo para que as mulleres que acaban de parir expulsen a placenta.

Frases feitas

  • Andar ao caldo de amenta. Comer de balde.

  • Ter o caldo entornado. Estar en desacordo entre dúas persoas.

  • Botar pan ao caldo. 1 Pórse forte tras padecer unha doenza. 2 Desenvolverse ben economicamente.

  • Estar a caldo/a caldo limpo. Realizar unha dieta.

  • Ó que non quere caldo, a cunca chea/cunca e media/tres cuncas/sete cuncas. Aplícase á persoa que non quere realizar un determinado acto por diversos motivos e está obrigado a facelo.

  • Remexer o caldo. Renovar contos que vaian ocasionar problemas, discusións ou disgustos.

Refráns

  • Bebe despois do caldo e manda o médico ao diaño.
  • Caldo de galiña é para o enfermo a mellor menciña.
  • Caldo de tripas, moito repenicas.
  • Caldo sen graxa, pan sen tasa.
  • Caldo sen pan dáselle ao can.
  • Caldo" de nabos non o tires que dun día para outro serve.
  • Canto máis caldo, máis sopas.
  • Canto máis unto, mellores verzas.
  • Despois do caldiño bota sempre un traguiño, non de auga, senón de viño.
  • Fixo a vella un caldo de grelos e chupou os dedos.
  • O caldiño ten un bo compañeiro no viño.
  • O caldo de galiña a ninguén prexudica.
  • O caldo engrolado para os porcos é un bo bocado.
  • O caldo que non leva un pouco de unto, non está no seu punto.
  • O caldo quenta o corpo.
  • O caldo, ben cocido e ben repousado.
  • O caldo, en quente; a inxuria, en frío.
  • Se bebes co caldo, non darás moita avinza ao "cirurxiano".