Calo
-
[ONOM]
Apelido que ten a súa orixe nos topónimos homónimos que remiten ao latín calle ‘rúa, senda’. Documéntase no s XIII: “Johanne Petri dito de Calo” (doc ano 1276 en E. Rivas Quintas Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 535).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe natural da parroquia coruñesa de Calo. Membros desta caste loitaron na batalla de Clavijo, na conquista de Tui e na defensa de Lugo. As súas armas levan escudo cortado: primeiro cuartel, en campo de ouro, cun león rampante de goles; segundo cuartel, en campo de sinople, cunha torre de pedra; bordo de goles con oito veneras de ouro. Estas veneras foron conseguidas polos Calo na batalla de Clavijo. Algunha variante trae, en campo de sinople, unha torre ao natural, arrimada de dous leóns rampantes, da súa cor, empinados a ambos os lados, e dúas veneras de azul nos ángulos do xefe. Algúns representan, en campo de azul, unha torre de pedra, aclarada de goles, sobre uns penedos da súa cor natural, e na punta dous leóns de goles, afrontados e atados á porta con cadeas de sable; e outros, en campo de azul, unha rosa de ouro, con bordo de goles cargado de oito aspas de ouro.