calor
(
-
-
s
f
[FÍS]
Proceso de transferencia de enerxía dun corpo ou dun sistema a outro como resultado da diferenza de temperatura entre ambos. Na primeira década do s XIX afirmouse que a calor consiste nun movemento das partes constituíntes dos corpos quentados. Anteriormente críase, que as manifestacións da calor se debían á acción dun fluído sutil e imponderable, o calórico. Coa axuda da teoría mecánica de Rumford, segundo a que se explica a produción de calor por frición, en 1842 Mayer estableceu definitivamente a equivalencia entre calor e traballo, e fixo os primeiros intentos de determinar o equivalente mecánico da calor, que valoraría por vez primeira Joule, influído pola obra de Sadi Carnot. Daquela quedou xa definitivamente establecido o principio da conservación da enerxía. R. J. E. Clausius, W. J. M. Rankine e W. Thomson (lord Kelvin) foron os primeiros en desenvolver, a mediados do s XIX, as ecuacións físicoquímicas baseadas na teoría mecánica da calor e crearon a termodinámica moderna. Cando se comprobou que a calor se debía ao movemento das partículas, reafirmado polo movemento browniano, é dicir, un xeito de manifestación da enerxía cinética das partículas materiais, empezou a estudiarse este problema desde o punto de vista da mecánica de Newton. Mediante a teoría cinética obtívose o principio de equipartición da enerxía que deu lugar, por un lado, á teoría clásica das calores específicas, válida para os gases, que identifica a enerxía interna nun sistema coa suma da enerxía cinética de cada unha das moléculas, e, polo outro, a lei de Dulong-Petit, para os sólidos. Máis tarde, a aplicación dos principios da mecánica estatística e da mecánica cuántica orixinou as teorías de A. Einstein e de P. J. W. Debye. A propagación da calor, desde un punto de temperatura elevada a outro máis baixo, pódese efectuar de tres maneiras: por condución, convección e radiación. A condución ten lugar cando hai contacto directo entre a fonte térmica e o corpo, ou ben cando entre ambos hai un material ininterrompido, sen movemento de materia; a cantidade de calor transmitida obtense pola lei de Fourier: Q = -kADT/L, onde Q é a calor transmitida por unidade de tempo, A a área da superficie perpendicular ao fluxo de calor, k un coeficiente que depende da natureza do corpo e da súa temperatura e DT a diferenza entre as temperaturas inicial e final dun tramo de lonxitude L do medio onde ten lugar a condución. A convección dáse cando hai unha translación de partículas materiais nun medio fluído movéndose desde os puntos quentes cara aos fríos. Esta clase de transmisión é exclusiva dos líquidos e dos gases e vén definida pola expresión: Q = hADT, onde Q é a corrente calorífica de corrección, h unha constante de proporcionalidade, A a área da superficie e DT a diferenza de temperaturas entre a superficie e a masa principal do fluído. A radiación é o proceso polo que a calor, en forma de enerxía radiante, se transmite no baleiro, mediante ondas electromagnéticas, obedecendo á lei de Stefan-Boltzmann.
-
s
f
[FÍS/FISIOL]
Aumento de temperatura xerado no corpo dun animal como resultado da súa actividade metabólica; a cantidade de calor producida depende da intensidade ou velocidade do seu metabolismo. A calor animal pode ser considerada desde dous aspectos: dunha banda, como unha forma final e irreversible de eliminación da enerxía transformada no organismo; doutra banda, é unha condición vital necesaria para manter a intensidade dos procesos biolóxicos e xérase mediante a oxidación das substancias nutritivas.
-
calor atmosférica
[METEOR]
Calor debida principalmente ao Sol, pero tamén á transferencia de vapor de auga á atmosfera. Está en relación estreita coa cantidade de humidade da atmosfera e coa presenza ou ausencia de vexetación. Dispérsase por radiación cara ao espacio exterior, onde a temperatura está próxima ao cero absoluto.
-
calor atómica
[FÍS]
Produto da calor específica dun elemento polo seu peso atómico. Segundo a lei de Dulong-Petit, é un valor constante, igual a 3R, onde R é a constante dos gases.
-
calor de activación /
[QUÍM/FÍS]
Enerxía de activación.
-
calor de adsorción
[FÍS]
Calor desprendida no proceso de adsorción dun mol de substancia sobre a superficie dun adsorbente. Distínguense a calor integral e a calor diferencial de adsorción, analogamente a como se fai no proceso de disolución. A magnitude das calores integrais de adsorción oscila entre 2 e 6 kcal/mol nos procesos de adsorción física, pero acada valores que chegan a 100 kcal/mol nos de adsorción química, de magnitude análoga ás das calores que entran en xogo nas reaccións químicas.
-
calor de transformación
[FÍS]
Enerxía térmica necesaria para efectuar un cambio de fase dunha substancia a temperatura constante. Mídese en cal/g.
-
calor de reacción /
[QUÍM/FÍS]
Enerxía térmica liberada ou absorbida en calquera proceso químico. Cando este se leva a cabo a presión constante, esta enerxía coincide coa que, en termodinámica, recibe o nome de entalpía, e cando o é a volume constante, coa enerxía interna. Segundo a natureza do proceso, a calor de reacción ten expresións propias. Así, a calor de formación dun composto é o incremento de entalpía que terá lugar cando un mol dun composto estea formado teoricamente a partir dos seus elementos en estado tipo, a unha presión e a unha temperatura determinadas; a calor de combustión, cando se queima un mol, a unha temperatura determinada e á presión dunha atmosfera; a calor de hidroxenación, cando se hidroxena un mol dun composto non saturado; a calor de neutralización, cando se neutraliza un mol dun ácido ou dunha base; a calor de disociación, cando un mol dun composto se disocia completamente nos seus átomos constituíntes; a calor de ionización, cando un mol dun electrólito débil se disocia en ións, etc. A calor de disolución non é unha magnitude constante, senón que depende da concentración da solución, polo que se trata como unha propiedade térmica molar parcial. Así, o incremento de entalpía por mol de soluto é a calor integral ou total de disolución cando este se disolve ata unha concentración determinada; é a calor diferencial ou parcial de disolución cando o é nun gran volume de solución dunha concentración constante e determinada; é a calor integral de dilución cando unha solución está diluída dunha concentración especificada a outra, mentres que o incremento de entalpía por mol de solvente é a calor diferencial de dilución cando o solvente se engade a un volume grande de solución, ata unha concentración determinada.
-
calor específica
[FÍS]
Enerxía que ten que recibir a unidade de masa dunha substancia para que a súa temperatura se eleve unha unidade (un grao). O seu valor depende das condicións de presión e volume; xa que logo, pódense definir unha infinidade dobre de calores específicas das que normalmente só se consideran dúas: a calor específica a volume constante (Cv) e a presión constante (Cp); en xeral, esta última é sempre máis grande cá primeira. O cociente Cp/Cv represéntase pola letra γ.
-
calor latente
[FÍS]
Expresión que, na teoría do calórico, designaba a enerxía térmica por unidade de masa liberada ou absorbida nunha transformación isotérmica dun sistema; por exemplo, no cambio de fase dunha substancia.
-
calor molar
[FÍS]
Enerxía que ten que recibir un mol dunha substancia para que a súa temperatura se eleve unha unidade; é igual á calor específica multiplicada por un mol.
-
calor negra
[FÍS]
Enerxía térmica que desprenden os corpos quentes antes de chegar á incandescencia, en forma de raios infravermellos.
-
equivalente mecánico da calor
[FÍS]
Nas unidades de enerxía, factor que converte a caloría no joule. O seu valor é 4,184 J·cal -1 .
-
s
f
[FÍS]
-
s
f
[FISIOL]
Sensación experimentada polo organismo cando a temperatura ambiental é elevada ou con motivo dun estado febril. Hai receptores epiteliais térmicos que efectúan descargas de impulsos cando hai un cambio de temperatura; a sensibilidade destes receptores vese modificada por diversos factores, entre os que destaca a circulación sanguínea cutánea. Os receptores térmicos adáptanse rapidamente aos cambios de temperatura e, se estas non son extremas, o corpo pronto deixa de sentir calor.
Ex: Non sei se terei febre porque sinto moita calor na fronte.
-
s
f
Temperatura ambiental en tanto que produce sensación de calor.
Ex: Xa se nota a calor do verán.
-
s
f
Entusiasmo ou paixón con que se fai algunha cousa.
Ex: Chegaron a insultarse na calor da disputa. A calor coa que a súa prima coida dos nenos é envexable.
Confrontacións: animación, fervor. -
s
f
Afecto que se demostra cara a alguén.
Ex: Cando non están os meus pais na casa bótase en falta a calor da familia.
Frases feitas
-
Afogar de calor. Ir moita calor.
-
Entrar en calor. Irse quentando o que está frío.
-
Mandar calor (algunha cousa). Ser agradable.
Refráns
- A calor de brasa logo pasa.
- Cando moitó queima o sol, nin muller nin col nin caracol.
- O día de calor arróupate mellor.
- O fomo e o vello pola boca se quentan; este con viño, aquel con leña.
- O vello e o fomo pola boca se quentan: un con viño e outro con leña.