cálsamo
(
Herbácea do xénero Senecio, de ata 150 cm de altura, pilosa, de follas alternas, cos capítulos en conxuntos terminais, con brácteas do invólucro nunha soa ringleira. As flores, amarelas, van situadas sobre un receptáculo plano e os froitos localízanse en aquenios cilíndricos con costelas e vilano de pelos sinxelos. En Galicia son comúns as especies: S. aquaticus, propia de lugares húmidos, de follas basais indivisas e caulinares cun lóbulo terminal grande e ovado, e con capítulos de ata 30 mm de diámetro; S. jacobaea, propia de espacios abertos, de follas basais en roseta e pinnatífidas e capítulos de ata 25 mm de diámetro; S. lividus, propia de lugares areosos e capítulos de ata 10 mm de diámetro; S. mikanoides, orixinaria de Sudáfrica, de follas pinnatinervias, gabeadora e con capítulos de ata 7 mm de diámetro; S. nemorensis, propia de bosques e prados húmidos, con capítulos de ata 35 mm de diámetro; S. sylvaticus, propia de bordos de bosques e solos areosos, de follas pinnatífidas e capítulos de ata 6 mm de diámetro; e S. vulgaris, propia de espacios abertos e con capítulos de ata 40 mm de diámetro.