calzada

calzada

(< lat via *calciāta‘camiño empedrado’< calce ‘pedra’)

  1. s f

    Camiño empedrado.

    Ex: Percorremos todas as calzadas ata chegar ó centro histórico da vila.

  2. s f

    Parte central dunha estrada ou dunha rúa, situada entre as beiravías ou beirarrúas e destinada á circulación de vehículos.

    Ex: A calzada está invadida polas bicicletas.

  3. calzada romana [HIST]

    ías de comunicación trazadas polo exército romano durante as conquistas. Con centro en Roma, construíronse pensando, na maioría dos casos, nas necesidades do exército, pero trala conquista dos territorios contribuíron ao seu control político e administrativo e desempeñaron un papel fundamental na súa explotación económica. As calzadas romanas presentan unha serie de características comúns en todo o Imperio, como a preferencia polo trazado en terreos elevados, que abarataba os custos e o mantemento e que as protexía dos ataques por sorpresa, e a tendencia ao trazado das calzadas en liña recta. As dimensións e o tipo de pavimento das calzadas estaban sometidos a certo formalismo teórico, aínda que poucas veces se levou á práctica. A anchura varía en función da importancia da vía, da topografía do terreo, da proximidade a unha poboación importante ou das reparacións, entre un mínimo de 1,5 m e un máximo de 10 m. En Galicia, oscilaban entre 1,5 e 5 m. Segundo a teoría sostida por Vitrubio e outros tratadistas, a estrutura do pavimento estaría formada por catro capas diferentes (statumen, rudus, nucleus e summum dorsum); sen embargo, obsérvase unha gran variedade de estruturas adaptadas aos materiais dispoñibles e ao terreo en cuestión. A pavimentación no territorio galego consistía nun lousado granítico de dimensións irregulares. Os romanos dotaron, ademais, as estradas principais de servicios de postas e albergues para os viaxeiros e de indicadores de distancias colocadas ao longo das rutas, os miliarios. As obras de construción e de mantemento viario eran responsabilidade, na época republicana, dun grupo de maxistrados denominados censores. O Emperador Augusto modificou esta atribución e instituíu no ano 20 a C unha comisión de curatores viarum. As primeiras calzadas construídas na Península Itálica enlazaban Roma con diversos puntos dos territorios conquistados ou con rexións destacadas polo seu interese comercial. As vías máis antigas seguían camiños empregados desde moito antes da conquista romana. É o caso da vía Latina que se dirixía ao SL de Roma e atravesaba os montes Albanos e a vía Salaria, que facilitaba o tránsito do sal entre Roma e a cidade de Rieti na Sabina. A primeira calzada da que hai noticias é a vía Appia, construída no ano 312 a C polo censor Claudio Appio o Cego; nun primeiro momento uniu Roma con Capua, pero no 264 a C enlazou con Brindisi. Co avance da conquista trazáronse novas vías, como a Flamia e a Emilia, que xuntas, comunicaban a capital con Boloña e Piacenza pasando por Rimini. A vía Postuma, construída no 148 a C, ía de Xénova a Aquileia, e a vía Popillia-Annia de Rimini ata Aquileia. Fóra de Italia construíronse grandes vías en plena expansión do Imperio: a vía Egnatia, datada no ano 130 a C, seguía a costa adriática ata Bizancio; e a vía Domitia, que recibiu o seu nome do conquistador da Galia narbonnense, conectaba o Ródano coa Hispania. Os emperadores César e Augusto continuaron este labor, desenvolveron a rede de calzadas na Península Ibérica e completaron a vía Augusta desde Cádiz pola costa mediterránea ata Narbonne. Nos Pireneos abríronse tres rutas, a máis oriental enlazaba Pamplona con León e Astorga; e esta poboación uníase con Bracara Augusta por tres vías. As fontes clásicas informan de tres grandes vías romanas que percorreron Galicia: a vía 18, coñecida como Item alio Itinere a Bracara Asturica, rematada baixo o Emperador Tito no ano 80 d C, que comunicaba Braga con Astorga polo interior; a vía 19, que se reflicte nas fontes como Item a Bracara Asturica, construída na época de Augusto, como vía para facilitar a conquista do NO, ía de Braga a Lugo polo interior chegando ata Astorga; e por último, a vía 20, que recibiu a denominación de Item per Loca Maritima a Bracara, quizais tamén de época flavia, uniu Braga con Astorga pola costa. Xunto ás vías principais, existiu no noroeste hispano unha extensa rede de calzadas secundarias non oficiais, xurdidas da necesidade de unir entre si poboacións menores e poñelas en contacto coas calzadas principais en calquera punto do seu percorrido.