Cambados
Concello da comarca do Salnés situado na provincia de Pontevedra situado no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Vilanova de Arousa, ao L cos de Ribadumia e Meaño, ao S co de Meaño (todos eles da comarca do Salnés) e ao O coa ría de Arousa. Abrangue unha superficie de 23,4 km 2 cunha poboación de 13.591 h (2007), distribuídos nas parroquias de Cambados, Castrelo, Corvillón, Oubiña e Vilariño. Acapital está na vila de Cambados, na parroquia de Cambados, a 42° 30’ 30’’ de latitude N e 8° 48’ 30’’ de lonxitude O. Dista 56 km de Santiago de Compostela e 26 km de Pontevedra. Cabeceira do seu partido xudicial, está adscrito á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O territorio municipal de Cambados está dentro do dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival, debido fundamentalmente á súa localización na beira meridional da ría de Arousa. Esta mesma localización, a carón do litoral e protexido dos ventos do O pola serra do Barbanza, condiciona os seus trazos termopluviométricos, caracterizados por temperaturas suaves e precipitacións abundantes pero inferiores ás que se rexistran noutros lugares máis elevados. A temperatura media anual é de 14,4°C. A media do mes máis frío, xaneiro, é de 9,2°C e a do máis cálido, xullo, é de 19,6°C. A amplitude térmica extrema chega aos 20,7°C. O número de días libres de risco de xeadas é de 254. A precipitación media anual é de 1.586 mm, cunha distribución estacional que amosa unha forte seca estival: o 36% das precipitacións recóllense nos meses do inverno e no outono acádase o 34,8%. Fronte a isto, no verán só se recolle o 10,5% das precipitacións, mentres que a primavera é unha estación de transición en valores intermedios (18,7%). O territorio de Cambados está intimamente vinculado ao mar, disposto como unha estreita faixa terrestre de 9 km de longo por a penas 4 km de largo. O territorio municipal non é un todo continuo, o esteiro do río Umia divídeo en dúas partes, unha máis pequena no S, correspondente á parroquia de Castrelo, e outra ao N, onde se distribúe o resto do termo municipal. Desta disposición nace un relevo pouco accidentado, dominado pola chaira litoral onde a altitude do terreo case sempre está por debaixo dos 100 m, a excepción do extremo nororiental nos límites con Vilanova de Arousa co monte Sete Pías, de 109 m de altura, na parroquia de Vilariño. O principal elemento definitorio do concello é o litoral, baixo e recortado; destacan como principais accidentes a punta Tragove, na parroquia de Corvillón, e o esteiro formado pola desembocadura do Umia, rodeado polas parroquias de Cambados, Castrelo e Vilariño, que forma parte do espazo natural denominado Complexo Umia-Grove. Entre as praias do concello destaca a de Mouta, preto da vila cambadesa. A súa rede hidrográfica é pouco significativa, o río máis importante é o Umia que desemboca no concello e marca parcialmente os límites co municipio veciño de Ribadumia; outros cursos fluviais son o Pequeno, que no seu breve percorrido drena a parroquia de Vilariño para desembocar na foz do Umia, e o arroio Carballa, de escasa importancia, que discorre pola parroquia de Castrelo vertendo directamente á ría de Arousa.
Xeografía humana
A evolución da poboación de Cambados nos últimos dous séculos caracterízase polo seu forte dinamismo. Como resultado desta evolución tan positiva, a súa poboación duplicouse. Pero este crecemento non foi lineal ao intercalarse na serie algúns anos de descenso demográfico. Así, se entre 1887 e 1920 o crecemento medio verificouse cun 1,2% anual como ritmo medio, durante a década dos vinte freou bruscamente e caeu ata valores negativos, cunha media anual do -0,36%. A partir de 1930 retomou o camiño do crecemento que mantivo ata 1981; neses anos acadou taxas de incremento moi fortes, medrou no conxunto do período a un ritmo medio do 1,67% anual e case duplicou os seus efectivos demográficos. Os anos oitenta foron de estancamento, pois retrocedeu un -0,1% anual. Na primeira metade da década dos noventa recuperou poboación, creceu un 0,69% de media anual e acadou o máximo demográfico histórico. Nos inicios do s XXI continua o crecemento, cifrado no 1,53% (2001-2007). Esta evolución pode considerarse como representativa dun concello costeiro das Rías Baixas, onde as actividades relacionadas co mar, pesca e marisqueo, propiciaron a creación de emprego e, en consecuencia, permitiron reducir ou mesmo desaparecer, a emigración; esta só tomou forza nos períodos de crise conxuntural, como aconteceu nos anos vinte e nos oitenta, momentos nos que a poboación se estancou e deu lugar a perdas demográficas escasamente significativas. O resultado desta evolución é unha poboación nova, onde os menores de 20 anos representan o 19,4% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos que só son o 17%; o grupo intermedio representa o 63,6% . A distribución por sexos amosa un certo desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 51,31 % da poboación, fronte ao 48,68% dos homes. O crecemento natural (2006) é positivo (2,3‰), froito dunha alta natalidade (10,1‰) e unha relativamente baixa mortalidade (7,8‰) O hábitat articúlase baixo a hexemonía da vila de Cambados, vila xurdida da aglomeración de tres núcleos de poboación distintos: Fefiñáns, o pazo señorial; Cambados, o burgo comercial; e San Tomé do Mar, o barrio mariñeiro.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cambados é do 67,1% (71% a masculina e 51,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 53,2% (64,1% a masculina e 43,1% a feminina) e a taxa de paro é do 12,9% (9,8% a masculina e 16,8% a feminina). O sector primario posúe unha grande importancia, debido ás actividades pesqueiras que acollen o 20,8% da poboación ocupada, dedicada tanto á pesca de baixura como ao marisqueo e á acuicultura. As actividades agropecuarias resultan comparativamente moito menos importantes, xerando só o 4,2% dos empregos. En conxunto, o sector primario acolle o 28,4% dos traballadores. O territorio escasamente accidentado e intensamente humanizado a penas presenta superficie forestal. Pola contra, a práctica totalidade da superficie agraria útil (SAU) está cultivada aproximadamente nun 99%, repartida maioritariamente entre o viñedo, que ocupa o 36,2% da superficie cultivada, a horta (23%) e os cultivos de millo (11%) e pataca (9,3%). Cambados é un importante centro de elaboración de viño Albariño, acollido á Denominación de Orixe Rías Baixas. Moitas das adegas máis importantes do país localízanse no concello, e nel celébrase anualmente a feira do viño Albariño. Por outra parte, a gandería conta cunha escasa importancia, a excepción do porcino, con 270 cabezas (1999). Pola súa parte, o armentío bovino só está integrado por 100 (2007) cabezas dedicadas á produción leiteira. Pola súa banda, a industria dá traballo a 20,7% da poboación ocupada, e nela sobresaen diversas empresas relacionadas co mar, como a conserveira Bateamar, a de elaboración de conxelados de peixe Carson, e os Astilleros Facho. Tamén destacan diversas fábricas de elaboración de bebidas como Bodegas de Vilariño-Cambados e Bodegas Salnesur para a produción de viño Albariño, e a fábrica de bebidas carbonatadas Gaseosas Padín. Por último, cómpre mencionar a téxtil Confecciones Trivi e a de artes gráficas Gráficas Salnés. A construción ocupa o 14,1% dos traballadores fundamentalmente na edificación local. O sector terciario dá traballo ao 40,2% dos empregados, fundamentalmente no comercio e servizos locais, actividades un tanto limitadas pola proximidade de Vilagarcía de Arousa, que reduce o equipamento potencial de Cambados. Aínda así, esta cidade conta con algúns servizos de alcance comarcal, como os que lle son inherentes pola súa condición de sede de partido xudicial, e de contar con oficinas de emprego ou co Centro Comarcal do Salnés, do Plan de Desenvolvemento Comarcal de Galicia. A principal vía de comunicación do municipio é a estrada PO-550 que a comunica co Grove e con Vilagarcía de Arousa. Destacan tamén a PO-300 a PO-549 e a VRG-41, a vía rápida do Salnés.
Historia
Existen varias teorías para explicar o nome de Cambados, as máis probables aluden ás raíces celtas de Cambracum, formado pola palabras cambra e cune, ou á combinación de cam ‘lago’ e bados ‘casa’. Os primeiros asentamentos localizados preto do mar ou da desembocadura do río Umia, posiblemente do pobo dos cilenos, datan dos ss VI e V a C. Do s II a C data a vila romana atopada en Santa Mariña Dozo, na parroquia de Cambados, que algúns historiadores citan como a orixe do Cambados actual. Nos ss VIII e IX os núcleos orixinarios de Cambados, Fefiñáns e San Tomé do Mar, sufriron varias invasións árabes, unha no ano 716 dirixida por Abdlaziz e outras dúas nos anos 816 e 821, cando pasou a formar parte do feudo do arcebispo de Tui, e normandas, nos anos 844, 854 e 977. En 1170, o Rei Fernando II concedeulle privilexios e o título de Moi real Vila, polo que iniciou un período moi dinámico social e economicamente. Froito desta época, foi a participación dos poboadores da vila nas xuntas irmandiñas e o poder acadado polo gremio de zapateiros, creado no s XV baixo a advocación de san Xoán Bautista e disolto en tempos da invasión francesa. Os Reis Católicos eximiron a vila do pagamento de certos tributos á mitra compostelá. Durante o Antigo Réxime o territorio do actual concello estaba dividido en varias xurisdicións señoriais: o conde de Monterrei controlaba a vila de Cambados, o conde de Fefiñáns dominaba a vila de Fefiñáns e o marqués de Monte Sacro o barrio de San Tomé do Mar; a igrexa só contaba coa xurisdición da Lanzada, que abranguía a parroquia de Castrelo, administrada polo arcebispo de Santiago. En 1820 naceu o concello de Cambados, cabeza de partido xudicial, municipio que se mantivo coa reforma de 1835 que comprendía a totalidade do territorio actual e tamén o de Ribadumia, segregado en 1841. Nesa mesma data separouse tamén a parroquia de Deiro, que se incorporou ao veciño concello de Vilanova de Arousa. Malia estas modificacións, mantivo sempre a súa condición de capitalidade de partido xudicial.
Patrimonio cultural
O conxunto histórico da vila de Cambados foi declarado BIC en 2001. O espazo máis destacable é a praza de Fefiñáns, onde se atopan a igrexa de San Bieito, de estilo neoclásico, aínda que conserva restos dos ss XV, XVI e XVIII, e o pazo de Figueroa, no que sobresaen os balcóns da torre situados nas esquinas. As ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo, declarada BIC en 1943, forman parte hoxe dun cemiterio. A torre de San Sadurniño, do s X, é unha testemuña das pasadas invasións normandas (BIC, 1994). No eido da arquitectura civil destacan o Hospital Real ou casa dos Couto do s XVII, o antigo pazo de Bazán do s XVIII, hoxe Parador Nacional de Turismo, a casa dos Fajardo, o pazo de Montesacro e a casona dos Pazos ou pazo de Ulloa, do s XV. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Complexo Ons-O Grove, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello salientan as da Virxe do Carme no mes de xullo, a de Santa Mariña de Augas Santas o 18 de xullo, a Virxe da Pastora o 18 de agosto e a gastronómica Festa do Albariño, celebrada o primeiro domingo de agosto, declarada de Interese Turístico Nacional.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Salnés, O |
| Extensión | 23 Km2 |
| Poboación Total | 13591 h |
| Poboación Homes | 6617 h |
| Poboación Mulleres | 6974 h |
| Densidade de poboación | 590.91 h/Km2 |