Camboxa

Camboxa
Nome científico: [Reino de Camboxa; nome oficial khmer: Preah Réaché’anachârk Kâmpuchéa]

Estado de Asia sudoriental, que limita ao NL con Laos ao NO con Tailandia, ao SL con Vietnam e ao SO co golfo de Siam (181.040 km2; 10.861.218 h [1999]). Esténdese entre os 15° e os 10° de latitude N e os 103° e 108° de lonxitude L. A capital é Phnom Penh.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía

Camboxa ocupa unha antiga depresión tectónica que deu orixe a un golfo mariño. A maior parte do territorio está constituída polas chairas fértiles que envolven o Tônlé Sab (Gran Lago), o río Mekong e os seus tributarios. Estas chairas quedan encadradas, ao N e ao NL, polas montañas Phanom Dongrak, e ao O polos macizos primarios Phnum Krâvanh e Phnum Dâmrei, relevos aliñados de N a S, próximos á costa. Tres cuartas partes do territorio de Camboxa están ocupadas pola selva.
Climatoloxía e hidrografía
A súa latitude tropical fai que o clima sexa húmido e cálido; e a vida do país está condicionada polos monzóns que sofre de xuño a novembro e as inundacións anuais. A temperatura media é de 28°C, no verán chega aos 40°C e no inverno aos 15°C. O río máis importante é o Mekong, con 2.600 km de lonxitude, que se divide en tres brazos, e é navegable en case todo o seu curso. O outro río de importancia é o Tônlé Sab, cunha grande actividade pesqueira.
Medio Ambiente
A vexetación potencial de Camboxa está condicionada pola presenza do extenso val do Mekong e a influencia dos monzóns que orixinan un conxunto de zonas húmidas, principalmente no sur do país, que sofre periódicas inundacións, e selvas, substituídas na fronteira con Laos e Tailandia por numerosos prados e bosques caducifolios. As guerras e as políticas posteriores de produción agrícola intensiva significaron unha importante diminución da superficie ocupada polos bosques, que foi estimada no ano 1990 en 66.500 km2. A taxa de deforestación anual é de 300 km2. As políticas de conservación desenvolvidas a finais do s XX están orientadas a manter e recuperar a cuberta forestal orixinal propiciando unha explotación sostida, dedicada fundamentalmente ás industrias madeireira e papeleira. Para iso promoveuse a creación de viveiros, as repoboacións forestais e a privatización dos serradoiros, nun intento de favorecer as economías locais e, por tanto, o sostemento destas políticas. Camboxa subscribiu a World Heritage Convention, o Tratado de Ramsar e o programa da UNESCO Man and Biosphere; así mesmo, en 1986, acordou con Laos e Vietnam a colaboración en proxectos de conservación de bóvidos, cérvidos e aves acuáticas. Conta no seu territorio con 172 reservas e os parques nacionais de Botum-Sakor, Kep, Kiriron, Phnom Bokor, Phnom Kulen, Ream e Virachey.
Xeografía económica

Economía
A guerra con Vietnam aniquilou a xa feble economía camboxana. Desde 1954 a política económica desenvolveuse mediante a estatalización dos sectores básicos. No período de 1975-1978 os khmeres vermellos lanzáronse a unha radical revolución social e económica, expulsando os estranxeiros e botando cara ao campo os habitantes das cidades. O réxime provietnamita imposto en 1979 socializou todos os medios de produción, pero os resultados foron decepcionantes porque topou coa falta de recursos e de capital. O réxime establecido en decembro de 1991 instaurou a economía de mercado e iniciou un período de estabilidade económica que durou ata 1997-1998, cando o crecemento económico se viu afectado pola crise asiática, a conflitiva situación política e a violencia rexional. O turismo descendeu de forma considerable. En 1999, logo de máis de trinta anos de revoltas sociais, acadouse un certo período de tranquilidade e, como consecuencia, a economía creceu o 4%; así mesmo, a chegada do turismo e os acordos bilaterais con outros países favoreceron os resultados económicos. A partir de abril de 1999, Camboxa pasou a ser o décimo estado membro da ASEAN. Co fin de adaptarse á economía de mercado conseguiu certas facilidades para a exportación, así como unha axuda por parte da ASEAN de 470 millóns de dólares en 1999 para impulsar o seu desenvolvemento económico. Dende 1997 a súa inflación presenta unha tendencia descendente, que no 1999 se situaba no 6,7%, ata o 4,5 % estimado para 1999. O déficit externo é de 829.000.000 $ USA (1999) e recibe unha axuda do exterior de 470.000.000 $ USA. A renda per cápita é de 300 $ USA (1996) e posúe unha poboación activa de 5.499.000 (1997), cun 53% de mulleres. En 1997 o 36% da poboación estaba por debaixo do límite da pobreza e en 1999 o índice de desemprego era do 2,8%. Inda que en 1978 o réxime dos khmeres vermellos suprimiu a moeda e adoptou o intercambio de produtos, actualmente a moeda de curso legal é o novo raíl, de paridade non recoñecida internacionalmente.
Recursos e sectores de actividade
O principal recurso de Camboxa é a agricultura, que ocupa o 80% da poboación activa (1999) e supón o 43% do PNB. O arroz, que abrangue máis da metade da área cultivada, é o produto máis importante, seguido do caucho. As áreas máis fértiles do país son as ribeiras do Mekong e do Tônlé Sab, inundadas periodicamente. A gandería é principalmente bovina e porcina. A explotación forestal é un recurso importante e boa parte da madeira extraída destínase á exportación. A pesca, sustentada pola abundancia de peixes dos ríos Mekong e Tônlé Sab, emprega a uns 40.000 pescadores e converteuse na base dunha florecente industria conserveira. De feito, é o cuadraséximo oitavo produtor pesqueiro mundial (1997) e, como consecuencia da ampliación da zona económica exclusiva a 200 millas, tamén un dos países máis beneficiados da área do Pacífico centrooriental, polo que se prevé un incremento moderado na súa produción. Dentro do campo da minería destacan as minas de ouro e de pedras preciosas, así como as explotacións de fosfato e de sal común. A industria aínda está pouco desenvolvida; as principais manufacturas son as alimentarias, as téxtiles, a elaboración de tabacos, as industrias químicas e a montaxe de automóbiles.
Comercio exterior
O comercio exterior ten un signo netamente deficitario, sendo o caucho a principal partida de exportación. Importa produtos metalúrxicos, téxtiles, minerais, farmacéuticos e, sobre todo, agrícolas. As principais exportacións son caucho, madeira, millo e peixe.
Transportes e comunicacións

A rede de comunicacións é deficiente, xa que dos 12.300 km de estradas só uns 2.670 son utilizables por automóbiles. Só funcionan dúas liñas de ferrocarril, a de Phnom Penh a B ǎ tdâmbâng, e a que conduce a Kâmpóng Saôm, que suman un total de 612 km (1995). Dispón de 5.000 teléfonos (1995). Os principais portos son Kâmpóng Saôm, o único oceánico, e Phnom Penh, porto fluvial límite da navegación marítima e pantano regulador natural do gran río indochinés. A mariña mercante está formada por 16 unidades (1995). Entre os aeroportos destacan o de Phnom Penh, B ǎ tdâmbâng, Kâmpôt e Siemkéap.
Xeografía humana

Demografía

O crecemento da poboación non é moi elevado (2,8%) debido á grave mortalidade infantil (107‰ [1997]). O índice de mortalidade aumentou (15‰ [1997]) como consecuencia da SIDA, que afectou de maneira considerable ás cidades. A natalidade en 1997 era do 43‰. Na estrutura por idades, o 55% da poboación está entre os 15-64 anos, o 42% entre os 0-14 e un 3% con máis de 65. A estrutura por sexos divídese en 0,94 homes por muller no ano 2000. A migración estimada para o 2000 é de 0/1000 habitantes, consecuencia dun pasado con balance migratorio alto.
Poboamento
O poboamento é predominantemente rural, o grao de poboación urbana é baixo, 20,7% en 1995. Como núcleos urbanos destacan Phnom Penh (920.000 h [1994]), B ǎ tdâmbâng (45.000 h [estim 1987]) e Kâmpóng Chhn ǎ ng (33.000 h [1994]). A densidade media en 1998 era de 60,7 h/km2.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación é na súa maioría khmer (94%), cunha minoría de chineses (3%) e malaios (2,3%); o resto é unha combinación de pequenas minorías étnicas como os thai, lao, kola e vietnamitas. A lingua oficial é o khmer, pero tamén se fala o francés, inglés e chinés; ademais, unha pequena porcentaxe da poboación fala outras linguas pertencentes á familia austronesia (o chamo) ou á familia austro-asiática (entre outras, o kuy e o mnong). Na Constitución de 1981, emendada en 1989, recoñécese como relixión nacional o budismo theravada, practicado polo 95% da poboación, amais de minorías musulmanas (2%), budista mahayana e católica.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Camboxa entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 137º posto cun índice do 0,514). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 53,4 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 66% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 61%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 1.290 $ USA.
Goberno e política
Reino autónomo no ámbito da Unión francesa que obtivo a independencia en 1953. A monarquía suprimiuse en 1970 e restaurouse en 1993. Segundo a Constitución do 21 de setembro de 1993, Camboxa é unha democracia liberal pluripartidista baixo unha monarquía constitucional. O poder executivo está formado polo Rei Norodom Sihanouk, designado polo Real Consello do Trono, que integran o presidente da Asemblea Nacional, o primeiro ministro, os xefes das ordes de Mohanikay e de Thammayut e os vicepresidentes da Asemblea Nacional; o primeiro ministro, designado polo rei despois de ser votado pola Asemblea Nacional, e o Consello de Ministros, designado polo rei. O poder lexislativo corresponde á Radhsphea (Asemblea Nacional), presidida polo príncipe Norodom Ranariddh e integrada por 122 deputados, elixidos para un mandato de cinco anos, e o Senado, composto por 61 membros designados polo rei e propostos polos partidos representados na Asemblea Nacional. O sistema xudicial baséase no dereito francés con influencias dos costumes tradicionais e reminiscencias da teoría legal comunista. Forman o poder xudicial o Tribunal Constitucional, o Tribunal Supremo e o Consello Superior da Maxistratura, presidido polo rei. A pena de morte non está en vigor dende 1989. Segundo os informes elaborados por Amnistía Internacional en Camboxa a violación dos dereitos humanos foi unha constante nos sucesivos gobernos que presidiron o país. Tralo golpe de estado de xullo de 1997 proseguiron os esforzos diplomáticos por normalizar a situación; sen embargo, continuaron as execucións extraxudiciais, detencións arbitrarias, torturas baixo custodia policial, condicións penitenciarias constitutivas de malos tratos, etc. Camboxa ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanas ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967) e Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller. Os partidos políticos máis importantes son: Kanakpak Pracheachon Kâmpuchéa (KPK, Partido do Pobo Camboxano), de extrema esquerda, dirixido por Chea Sim; United National Front for an Independent, Neutral, Peaceful and Cooperative Cambodia (FUNCINPEC, Fronte Nacional Unida para unha Camboxa Independente, Neutral, Pacifista e Cooperativa), monárquico, presidido polo príncipe Norodom Ranariddh; Pak Sam Rangsi (PSR, Partido Sam Rangsi), centrista, escindido do KNP. Outros partidos extraparlamentarios son: Kanakpak Preachethippatai Serei Niyum Preah Pothasasna (KPSNPP, Partido Democrático Liberal Budista), liberal, presente no Parlamento entre 1993 e 1998 e presidido por Ieng Mouly; Khmer National Party (KNP, Partido Nacional Khmer); National Liberation Movement of Cambodia (Movemento para a Liberación Nacional de Camboxa), centrista; Parti de l’Unité Khmère (Partido da Unidade Khmer) e o Pheakki Kampuchea Prachea Thippatai (PKPTK, Partido para unha Camboxa Democrática), comunista, integrado polos herdeiros dos khmeres vermellos. Administrativamente, o país está dividido en vinte khett (provincias) e tres krong (concellos), Keb, Phnom Penh e Preah Seihanu, aos que se vai poder engadir Pailin. Con Vietnam mantén disputas territoriais polas illas marítimas e algúns treitos da fronteira terrestre, xa que a fronteira marítima non está definida. Con Tailandia tampouco ten uns límites marítimos ben definidos en ningunha das partes da fronteira terrestre. Forma parte destes organismos internacionais: ASEAN (Asociación das Nacións do Asia do Sueste) e ONU.
Historia
Ó inicio da era cristiá navegantes indios chegaron á actual Camboxa, onde fundaron o reino chamado de Fu-Nan. Este reino convertiríase, sobre todo a partir do s II, nun importante centro de comercio que serviría de enlace e de intercambio entre China e a India. O sánscrito foi declarado lingua oficial, e o brahmanismo, a relixión oficial. No s VI este reino entrou en decadencia e non puido resistir a invasión dos khmeres procedentes do norte. Baixo o reinado de Jayavarman II (802-850), iniciador da era Angkor, comezou a reconstrución nacional e a edificación da capital en Phnom Kulen. Suryavarman II (1130-1150) fixo construír o templo de Angkor Vat. Foi baixo o budista Jayavarman VII (1181-1281) cando o reino acadou o grao de poder máis elevado: expulsou os chams e desenvolveu as grandes construcións. A partir de 1331, Siam comezou a ser hostil con Camboxa. En 1658 o rei de Camboxa, desbordado pola presión siamesa, demandoulle axuda ao rei de Hue a cambio da colonización, por parte dos vietnamitas, das provincias fronteirizas con Vietnam. Esta penetración durou todo o s XVIII e o XIX. Enfrontados Siam e Vietnam polo control do país, en 1845 chegaron a un acordo que puxo a Camboxa baixo condominio de ambos os dous estados. Con Norodom I (1859-1904) Camboxa converteuse en protectorado francés; construíronse estradas, infraestruturas portuarias amais doutras obras públicas, e púxose especial énfase na exportación de caucho e de arroz. Noro-dom modernizou as institucións e devolveu ao país a súa conciencia nacional, feito que motivou as revoltas de 1866 e 1885 contra Francia. O movemento nacionalista desenvolveuse durante a Segunda Guerra Mundial, contra os xaponeses, e chegouse a unha efémera declaración de independencia entre marzo e outubro de 1945. Trala rendición de Xapón, Camboxa retornou ao dominio francés. En 1941 subiu ao trono Norodom Sihanouk, quen practicou un nacionalismo moderado e conseguiu a proclamación dunha Constitución en 1947. O 21 de xullo de 1954 Camboxa obtivo a independencia e en 1955 Norodom Sihanouk abdicou en favor de seu pai Norodom Suramarit, que reinou ata a súa morte en 1960, e converteuse en primeiro ministro. Á morte do seu pai fíxose nomear xefe do estado ata 1970. Neses anos estableceu unha política neutralista. Sembargo, a Guerra de Vietnam determinou en gran medida esa política: permitiu tanto o establecemento de santuarios á guerrilla do Vietcong como o bombardeo estadounidense desas bases. Finalmente, enfrontouse a Vietnam e Tailandia, e achegouse á China de Mao; no 1963 rompeu relacións cos EE UU. En 1970 foi deposto por un golpe de estado dirixido polo xeneral Lon Nol, que proclamou a República Khmer e promulgou unha nova Constitución. En resposta, o deposto Norodom Sihanouk aliouse cos seus antigos inimigos (os khmeres vermellos) e formou en Pequín un goberno no exilio de carácter revolucionario. No período de maio a agosto de 1970, continxentes norteamericanos e survietnamitas invadiron o país co pretexto de destruír os redutos do Vietcong. As forzas republicanas do goberno, sostidas polos survietnamitas, e as do príncipe Sihanouk, que contaban coa axuda de Vietnam do Norte, continuaron loitando. As dificultades políticas derivadas desta situación e a presión das forzas da oposición no interior do país cominaron a Lon Nol a asumir o poder que, entre 1970 e 1972, estivera en mans do presidente en funcións Cheng Heng, de forma ditatorial. En abril de 1975 os khmeres vermellos ocuparon Phnom Penh e o xeneral Lon Nol fuxiu ao estranxeiro. Logo dun curto período de indecisión, Norodom Sihanouk retomou de novo o poder como presidente da República. En 1976 adoptouse a nova Constitución do estado que proclamaba a República Democrática de Kampuchea baixo o control político dos khmeres vermellos. Nese momento Norodom Sihanouk dimitiu como xefe do estado e o goberno presidiuno o secretario xeral do partido comunista, Pol Pot. O réxime comunista dos khmeres vermellos iniciou un experimento económico e social que conduciu ao atraso económico e ao empobrecemento da poboación, dando lugar a un período de fonda represión: en catro anos morreron máis dun millón e medio de persoas por sometemento a tratamentos inhumanos, enfermidades e pandemias. En 1977, a causa dun gran conflito territorial, desencadeouse unha guerra aberta entre camboxanos, que recibiron o apoio de China e de Corea do Norte, e vietnamitas, que obtiveron a axuda do bloque soviético e Albania. O 7 de xaneiro de 1979 Phnom Penh caeu en mans das forzas vietnamitas e tres días despois proclamouse a República Popular de Camboxa, con Heng Sanrin como presidente do estado; en xuño de 1981 aprobouse unha nova constitución. Os khmeres vermellos, sen embargo, non foron derrotados e, co apoio de Tailandia, recuaron cara ao norte para se estableceren na fronteira con ese país. En xuño de 1982 os grupos de resistencia antivietnamita formaron un goberno de coalición no exilio, presidido por Norodom Sihanouk. Durante os anos oitenta, o goberno de Heng Sanrin continuou as ofensivas bélicas contra as bases guerrilleiras dos khmeres vermellos na fronteira tailandesa. En 1989, por mor do achegamento entre a Unión Sovietica e China, pola presión das Nacións Unidas e a ASEAN e polo desgaste dos bandos en loita iniciouse un proceso de pacificación que comezou coa retirada das tropas vietnamitas e o retorno de medio millón de exiliados e refuxiados. En agosto de 1990, por iniciativa australiana, as Nacións Unidas acordaron o establecemento dun goberno de transición integrado por antigos membros do Consello Nacional, presidido por Heng Sanrin, e por grupos da oposición (khmeres vermellos, Movemento para a Liberación Nacional de Camboxa e os monárquicos partidarios de Norodom Sihanouk). Non obstante , esta proposta foi obxectada por todas as faccións ata xuño de 1991, ao aceptaren un goberno encabezado por Norodom Sihanouk, o cesamento do fogo e un sistema electoral plural. Trala sinatura dos Acordos de París o 23 de outubro de 1991 baixo a tutela da ONU, aprobouse, un mes despois, a constitución do novo estado de Camboxa con Norodom Sihanouk como presidente. En xaneiro de 1992 a ONU nomeou xefe da United Nations Transitional Autority in Cambodia (UNTAC) a Yasushi Akashi e, en marzo de 1993, despregáronse 16.000 cascos azuis para supervisar o cesamento do fogo. En 1992 unha facción dos khmeres vermellos desmarcouse do proceso de pacificación e iniciou unha guerra de guerrillas nos territorios camboxanos controlados por eles. No ano 1993 aprobouse unha nova Constitución que reinstaurou a monarquía na persoa de Norodom Sihanouk, estableceu o pluralismo político e formouse un novo goberno de unidade nacional con Hun Sen (KPK) e Norodom Ranariddh (FUNDINPEC) como coprimeiros ministros. A partir dese momento, cesou a actividade da UNTAC e iniciouse a ofensiva contra as milicias dos khmeres vermellos; así mesmo, os EE UU anunciaron un programa de axudas por valor de 10 millóns de dólares para un período de cinco anos. O 7 de xullo de 1997 Hun Sen destituíu a Norodom Ranariddh mediante un golpe de estado e substituíuno por Ung Huot. Comezou, así, no norte do país, unha guerra civil entre as forzas gobernamentais e os militares fieis a Norodom Ranariddh, sostido por Tailandia. A tregua asinada o 22 de febreiro de 1998 (un mes despois o príncipe regresaba do exilio) non foi aceptada polos últimos grupos de khmeres vermellos, que foron derrotados polas tropas regulares o 12 de abril de 1998 no seu derradeiro reduto de Anlong Ven. Poucos días despois anunciouse a morte de Pol Pot. En novembro de 1998 asinouse un acordo para a formación dun goberno de coalición entre Hun Sen (segundo coprimeiro ministro) e o príncipe Norodom Ranariddh.