Cambre
Concello das Mariñas, situado na provincia e na comarca da Coruña, no NO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos municipios de Oleiros e Sada; polo S co de Carral; ao L cos de Bergondo e Abegondo e polo O co concello de Culleredo (todos eles da comarca da Coruña). Abrangue unha superficie de 40,7 km 2 cunha poboación de 14.972 h (1996), distribuídos nas parroquias de Anceis, Andeiro, Brexo, Bribes, Cambre, Cecebre, Cela, Meixigo, Pravio, Sigrás, O Temple e Vigo. A capital municipal, Cambre, sitúase a 43° 17’ 20’’ de latitude N e a 8° 20’ 50’’ de lonxitude O, 12 km ao SL da Coruña e 54 km ao NL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial e á arquidiocese de Santiago de Compostela.
Xeografía física
O territorio municipal de Cambre está baixo o dominio climático oceánico húmido, dentro do subtipo do litoral atlántico do NO, caracterizado pola suavidade térmica e as precipitacións moderadas. Durante o inverno vese afectado polos ventos do O, mornos e húmidos, que traen consigo os sistemas frontais que acompañan o paso das borrascas da Fronte Polar. En cambio, no verán domina o anticiclón dos Açores, que favorece o fluxo de ventos do N ou NL, que refrescan a calor estival. Estes caracteres propician que o total de precipitacións anuais se sitúen ao redor dos 1.200 mm, distribuídos segundo un réxime pluviométrico simple: o máximo de precipitación rexístrase no inverno (37% do total), mentres que o verán presenta un mínimo acusado (12%), que provoca no solo un déficit hídrico nos meses de xullo e agosto. As estacións intermedias repártense o resto das chuvias (primavera, 24 %; outono 27 %), adoptando un carácter de estacións de transición no aspecto pluviométrico. A nubosidade é habitual neste sector das Mariñas (unha media de 180 días cubertos ao ano) e tamén os días con chuvia (150 ao ano). O efecto moderador do mar induce á suavidade térmica. A temperatura media anual é de 12,3°C, cunha débil oscilación estacional, 10,5°C. O inverno é moi pouco rigoroso: xaneiro, o mes máis frío, rexistra unha temperatura media de 7,7°C. Pola súa parte, o verán é tamén suave e a media do mes máis cálido, de 18,2°C, prodúcese en agosto. Nestas condicións térmicas e grazas á baixa altitude do territorio municipal, as xeadas son excepcionais. Polo que respecta ao relevo, Cambre sitúase na comarca das Mariñas, aínda que non teña saída ao mar. Aparece dentro do dominio xistoso da Galicia central e occidental, concretamente no Complexo de Ordes. Trátase dunha sucesión de xistos e grauváquica afectada por metamorfismo de grao baixo cunha estrutura sedimentaria de pregaduras inclinadas cara ao L, de cronoloxía situada entre o Precámbrico e o Ordovícico. Esta estrutura tradúcese nunha paisaxe de suave orografía e amplos vales modelados polo último tramo da conca do río Mero e os seus afluentes (Barcés, Valiñas e Gándara), que drenan todo o municipio. Non existen altitudes superiores aos 100-150 m. Ao L sitúase o encoro de Cecebre, importante espazo natural, pola presenza de numerosas especies de aves.
Xeografía humana
O hábitat do concello de Cambre, malia contar con 126 entidades singulares de poboación e numerosas construcións dispersas polo seu territorio, caracterízase pola concentración da maior parte da súa poboación en varios núcleos dormitorio da cidade da Coruña, como O Temple, A Barcala e Cambre. A evolución demográfica dende o primeiro censo de 1887 (ano no que contaba con 6.295 h) caracterízase por unha clara tendencia ao crecemento, agás no período comprendido entre 1950 e 1970. De 1887 a 1950 o incremento demográfico seguiu un ritmo anual moderado, do 0,43%, que só coñeceu un certo estancamento nos vinte primeiros anos do s XX, cando se deixou sentir a primeira onda emigratoria galega cara ao continente americano e a epidemia de gripe de 1918-1919. Entre 1950 e 1970 produciuse un forte éxodo rural, buscando unhas mellores condicións de vida, que se canalizou nunha forte emigración, primeiro dirixida a América e logo a Europa, así como cara á Coruña e ás áreas urbanas españolas máis desenvolvidas. Estas circunstancias traducíronse nunha diminución de poboación dun 0,47% anual. Nos anos setenta inverteuse a tendencia e retomouse o camiño do incremento demográfico a un ritmo espectacular. Entre 1970 e 1996 a poboación medrou un 106%, superando o 4% anual. De 1996 a 2001 a poboación creceu nun 28,65% e de 2001 a 2007 nun 16,87%. A clave deste extraordinario incremento estivo no esgotamento das dispoñibilidades de espazo urbanizable no concello coruñés e na difusión da urbanización e industrialización a amplos sectores do espazo metropolitano centrado na cidade herculina. Este crecemento caracterizouse pola instalación de numerosas familias en Cambre, procedentes tanto da Coruña como da súa área metropolitana ou do resto de Galicia. Cambre é un dos poucos concellos galegos con saldo demográfico positivo (5,3‰ en 2006), grazas á existencia dunha natalidade alta no contexto galego (11,5‰) e unha mortalidade baixa (6,2‰), favorecida pola relativa xuventude da súa poboación. Os menores de 20 anos supoñen o 19,6% dos efectivos, mentres que os maiores de 65 son o 12,9%¸o grupo intermedio representa o 67,5%. A proporción entre sexos está equilibrada: 50,66% de mulleres e 39,34% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cambre é do 61% (72,3% a masculina e 50,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 54,2% (67,2% a masculina e 41,9% a feminina) e a taxa de paro é do 11,1% (7% a masculina e 16,6% a feminina). Ata mediados da década de 1970 a economía de Cambre caracterizábase pola hexemonía das actividades agropecuarias. Pero a expansión da urbanización e as actividades industriais dende a veciña cidade da Coruña fixeron que a súa estrutura económica se diversificase enormemente. Densificáronse as vías de comunicación, e preto delas instaláronse industrias e polígonos comerciais; intensificouse a construción de segundas residencias e apareceron barrios satélite da urbe moi masificados. Ante esta perspectiva, a actividade agraria mudou substancialmente, pois en moitas ocasións as terras de labor destináronse a outras actividades máis rendibles para os seus propietarios. As explotacións agropecuarias que subsistiron tiveron que adaptarse ás novas circunstancias: concentráronse parcelas, abandonouse a gandería bovina e a actividade orientouse cara á produción hortícola intensiva, moitas veces en invernadoiro. Só o 1,9% da poboación ocupada se dedicaba a esta actividade, que lle proporcionaba elevados ingresos. A pesca ocupa o 0,6% dos traballadores, que polo xeral tripulan barcos con base no porto herculino. A industria ten bastante forza como actividade económica, xerando o 21,4% do emprego. Destacan os sectores da alimentación, confección, químicas, materiais de construción e, sobre todo, a transformación da madeira. Moitos dos traballadores industriais desenvolven a súa actividade laboral nas empresas radicadas en distintos lugares de toda a área municipal. A construción (10,8% dos traballadores) é unha actividade moi destacada debido á rápida densificación do seu parque de vivendas, e tamén ás posibilidades de traballo na comarca. O sector servizos é o que acolle unha maior porcentaxe de traballadores (65,4%), debido ao pulo dos subsectores da distribución comercial maiorista, do transporte, da hostalería, e dos servizos sociais e da administración pública; tamén neste caso se percibe a proximidade da cidade da Coruña, onde se localizan moitos dos postos de traballo dos residentes en Cambre. As principais vías de comunicación son a Autovía do Noroeste, A-6, que atravesa o NL do concello; a autoestrada do Atlántico AP-9 A Coruña-Santiago; e a N-550 A Coruña-Tui que cruza as terras occidentais por Sigrás e Altamira. O ferrocarril tamén cruza o termo municipal cunha estación a 800 m da vila de Cambre.
Historia
O poboamento máis antigo do que se ten noticia remóntase á época castrexa (s VII a C-II d C), período do que se coñecen seis poboados (castros de Cambre, Meixigo, Xoxa, Sigrás, Pravio e A Castrexa) que non foron escavados. Durante a dominación romana pasaba polo concello unha calzada que se dirixía de Farum (A Coruña) a Brigantium (Betanzos) cruzando o río Mero. A proliferación de mosteiros durante a Idade Media (mosteiro de Cambre, fundado no s IX), os cenobios de Pravio e Bribes, e a presenza da orde dos Cabaleiros do Temple (igrexa de Santa María, do s XII) orixinou a denominación de Mariñas dos Freires para esta área das Mariñas coruñesas. Durante o Antigo Réxime as súas terras pertenceron a dúas provincias diferentes: A Coruña (xurisdicións de Cambre, A Coruña e O Temple) e Betanzos (Betanzos e Bribes). O concello naceu tal e como se coñece hoxe coa división municipal de 1835. Nos ss XIX e XX o concello converteuse nun lugar de lecer. Como proba da importancia que adquiriu o concello nese eido, abonda citar que foi no pazo de Anceis onde a Compañía de Xesús fundou en 1872 o Colexio do Apóstolo Santiago, a institución de ensino non universitario decana en Galicia.
Patrimonio cultural
O monumento máis representativo do concello é a igrexa de Santa María de Cambre (BIC 1931, e delimitación do entorno en 1998), de estilo románico, do s XII. Outras igrexas destacables son a de Santa María do Temple, con restos do s XII, e a de Sigrás, que presenta unha amálgama de estilos dos ss XII, XV e XVIII. Da antiga igrexa do Castro en Santa María de Vigo soamente se conserva un arco oxival. Da antiga ponte medieval do Burgo, que comunicaba o concello con Culleredo, só quedan seis arcos tras ser dinamitada polo exército inglés de Moore en 1809 cando fuxía das tropas francesas durante a Guerra da Independencia. Cambre posúe un bo número de pazos, entre os que destacan: o de Anceis (s XVII), de estilo barroco, onde estivo situado o primeiro colexio dos xesuítas de Galicia despois da súa desaparición; o de Drozo (s XVIII); o de Torre de Andeiro (s XVI; BIC, 1994); o de Aián (s XVII); o de Pravio (s XVIII), onde se conservan os arcos dun antigo mosteiro; e o de Sigrás (s XVIII). No eido da arquitectura popular destacan os cruceiros de Lema, Brexo e Sigrás, e do seu patrimonio natural destaca o encoro de Abegondo-Cecebre, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran na parroquia a máis celebrada é a romaría de San Bieito de Anceis do 11 ao 25 de xullo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Coruña, A |
| Extensión | 40 Km2 |
| Poboación Total | 22513 h |
| Poboación Homes | 11108 h |
| Poboación Mulleres | 11405 h |
| Densidade de poboación | 562.83 h/Km2 |