Camiño
-
[ONOM]
Nome e apelido de orixe céltica, emparentado co irlandés céimm e co galés cam ‘paso’, que se introduciu a través do latín camminus ‘camiño’, xunto cos termos latinos xa existentes via ‘estrada’ e iter ‘viaxe’. Trátase dun antropónimo evocador do Camiño de Santiago, ruta medieval europea a Compostela. En Santiago, á beira da Porta do Camiño, está a parroquia de Santa María do Camiño, e tamén hai outra en Muros. A Virxe do Camiño é unha piedade e aparece caracterizada como unha vella viúva, coa cabeza cuberta cunha touca, que sostén no seu colo o corpo morto de Cristo. A súa festa celébrase o 5 de outubro. Na tradición oral recóllense cantigas como: “Adiós Virxe do Camiño, / cantos paseos me debes; / cantas veces me arrimaba / á sombra das túas paredes”.
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe galega que leva como armas: en campo de ouro, cinco tordos de sable, postos en aspa; bordo de goles con oito veneras de azul.