Camiño de Santiago, O
Conxunto de rutas de peregrinación ao sepulcro do apóstolo Santiago que foi descuberto no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, segundo a tradición xacobea. Particularmente fai referencia ás rutas que, procedentes de diversas rexións europeas, atravesan todo o continente, entre as que destacan cinco rutas: o Camiño Francés (con distintas vías que converxen en Puente la Reina, Navarra), o Camiño Portugués, o Camiño do Norte, o camiño que aproveita a Vía da Prata e, por último, as rutas marítimas. En moitas ocasións a denominación Camiño de Santiago alude ao Camiño Francés exclusivamente, por ser o de maior afluencia de peregrinos. A gran diversidade da procedencia dos peregrinos (todo o mundo cristián medieval) favoreceu a súa conversión nunha ruta de transacción cultural de gran transcendencia para a configuración de Europa, que se reflicte en manifestacións artísticas (arquitectónicas, iconográficas, literarias, musicais, etc), ideolóxicas (políticas, relixiosas), económicas e mesmo, gastronómicas.
A orixe da peregrinación a Santiago
Santiago, Apóstolo de Cristo
Santiago, o fillo de Zebedeo e Salomé, e o seu irmán Xoán o Evanxelista estaban entre os primeiros discípulos escollidos por Xesús ao principio da súa vida pública, despois de Simón (o apóstolo san Pedro) e o seu irmán Andrés, segundo o relato dos Evanxeos (Mt 4, 21-22). Os catro eran pescadores do mar de Galilea. Santiago, debido ao seu carácter enérxico e decidido, arroutado ás veces, foi alcumado Boanerges, que significa ‘o fillo do trono’. A tradición da Igrexa primitiva afirma que Santiago foi o discípulo co que Xesús estableceu unha amizade máis estreita. Santiago o Maior segundo esa mesma tradición, logo da morte e resurrección de Cristo e de recibir o don do espírito santo o día de Pentecoste, cumpriu na Hispania a tarefa de predicar o evanxeo de Xesús no Occidente; sufriu martirio e foi decapitado en Xerusalén, por orde do Rei Herodes Agripa, no ano 44.
Santiago, entre a historia e a lenda
Con anterioridade ao s IX circularon un conxunto de noticias que vinculaban o apóstolo Santiago con Hispania, non tanto sobre os feitos da súa prédica, non moi coñecidos, coma sobre o seu lugar de enterramento, pois san Xerome (s V) establecera que os apóstolos repousaban na provincia onde anunciaran o evanxeo e a doutrina. Sobre esta tradición, que se limita apenas a un esquema de extrema solidez ao longo dos séculos, sostense que os restos conservados na urna apostólica son os de Santiago. Non obstante , existe outra tradición, nacida en ambientes intelectuais rexeneracionistas e proclamada vez primeira por Unamuno, que sostén que os restos conservados na catedral de Santiago pertencen a Prisciliano, o herexe de suposta orixe galega decapitado en Tréveris (Trier) no ano 385 e soterrado polos seus discípulos na súa terra natal nun lugar secreto. A noticia máis antiga sobre a presenza de Santiago en Hispania atópase no Breviarium Apostolorum, texto latino composto probablemente no s VI a partir de fontes bizantinas e escrito no contexto de reivindicación das igrexas franca, sueva e visigoda da apostolicidade. Neste texto indicábase que Santiago o Maior estaba soterrado nunha Arca Marmárica, mausoleo edificado polos seus discípulos Atanasio e Teodosio in finibus Amaee (‘nos límites da Amaía’) para enterrar o seu mestre. Segundo a lenda, os seus discípulos recolleron os restos mortais do Apóstolo e trasladáronos cara ao Occidente; embarcaron no porto palestino de Haifa nunha nave de pedra que os levou cara á ría de Arousa para desembarcar en Padrón. Alí, sempre segundo a lenda, os discípulos de Santiago obtiveron a complicidade da Raíña Lupa, autoridade castrexa do lugar, quen lles procurou un lugar seguro onde poder dar sepultura ao cadáver. Desde aquela, debido principalmente á clandestinidade na que se debían desenvolver os primeiros cristiáns polas persecucións, o seu paradoiro converteuse nunha incógnita. Esta tradición foi aceptada por recoñecidos eruditos da Igrexa occidental, como san Adehelelmo de Malmesbury e Beda o Venerable no s VII ou o Beato de Liébana durante o reinado de Mauregato (s VIII), probable autor do himno Dei verbum no que se invoca a Santiago e dos Comentarios ao Apocalipse, nos que logo de recoñecer a prédica de Santiago nos occidentalia loca (‘lugares occidentais’), e en Hispania estableceu un programa de goberno para a monarquía galego-asturiana, ameazada pola superioridade militar, económica e tecnolóxica dos seus veciños musulmáns de Al-Andalus, ao abeiro do apóstolo Santiago, independente de Córdoba, e autónomo fronte a Roma e aos francos. Deste texto, fundamentalmente político, derivábase unha consecuencia fundamental para a localización da Arca Marmárica na diocese de Iria, a máis occidental dos territorios ástures desde Afonso I que mantivera intacta a sucesión episcopal malia a ocupación musulmá segundo se desprende do Cronicón Iriense e da Historia Compostellana. Neste contexto, produciuse a descuberta do sepulcro entre os anos 820 e 830. Neste sentido, a data de 813, proposta en numerosas ocasións para xustificar a presenza de Carlomagno en Compostela como primeiro peregrino, debe entenderse como unha estratexia de supervivencia da monarquía galego-asturiana, un reino cristián periférico, na procura do apoio de aliados poderosos, en concreto do emperador franco Carlomagno, o referente principal da nacente cristiandade. Segundo a Concordia de Antealtares (1077), sendo rei en Oviedo Afonso II e Teodomiro, bispo de Iria, o ermitán Paio foi testemuña das luminarias que brillaban a moi curta distancia do lugar do seu retiro, nas abas do monte que descendía ao pé da igrexa de San Fiz nun lugar logo chamado Arcis Marmoricis e mesmo Libredón. O bispo Teodomiro, logo de retirarse a orar e manterse en xaxún durante tres días, acudiu ao lugar e, entre outros, atopou o sepulcro de Santiago “gardado por pedras de mármore” e deu a orde de reconstruír o edículo sepulcral que constituiría a cerna da nova igrexa de Santiago. O achado do sepulcro, pois, proporcionou un lugar de referencia e un foco difusor para as diversas manifestacións do culto xacobeo, nun acto que constituíu un dos esforzos intelectuais máis notables do episcopado de Teodomiro e do reinado de Afonso II. A partir dese momento, fundada a igrexa de Santiago, foi posible a peregrinación occidental.
A orixe do culto sepulcral e a organización do Locus Sanctus Beati Iacobi
Síntese da doutrina cristiá e da pervivencia de elementos pagáns, o culto sepulcral é unha manifestación máis do culto ás reliquias dos santos (e do mesmo Cristo), que adquiriron un carácter case máxico, adoptando a condición de amuleto. Desde anacos da cruz na que foi crucificado Xesús (lignum crucis), ata mechas dos cabelos dos mártires, pasando por todos os ósos do esqueleto e todo tipo de elementos imaxinables relacionados coa vida e coa morte destes persoeiros, que se converteron en instrumentos de salvación para os fieis; atribuíronselles facultades terapéuticas tanto no eido espiritual coma no físico. A dimensión do fenómeno acadou tales proporcións que se chegou a establecer un auténtico mercado das reliquias, no que interveu o pontífice para a súa regulamentación, por medio de bulas que autorizaban o seu tráfico e acreditaban a súa autenticidade. Por outra banda, cómpre lembrar que o cristianismo é, en sentido histórico, unha evolución do xudaísmo, co que comparte un legado común que é a Biblia. Nos textos bíblicos (Antigo Testamento), plásmase a experiencia do pobo de Israel na súa relación con Deus; só sobre esa base puido xurdir a figura de Cristo, que é para os cristiáns o Mesías ou Salvador que agardan os xudeus. Nesa experiencia histórica, o Éxodo, a saída de Exipto cara á Terra Prometida, ten un carácter central: os anos de camiño polo deserto contribuíron decisivamente á formación do pobo de Israel e da súa “constitución”, a Toráh. Nos relatos bíblicos tamén se conta como os patriarcas anteriores a ese episodio emprenderon o seu camiño respondendo á chamada de Deus: Abraham saíu da súa terra, a cidade de Ur, para selar o seu pacto con Deus e ser semente dunha gran prole. É propio dun pobo pastor e nómade, como o israelita na súa orixe, ter esa relación co camiñar tan presente nas súas manifestacións culturais, e entre elas a espiritualidade, que mantivo incluso despois de establecerse no país de Caná. Segundo os relatos evanxélicos, o propio Xesús de Nazaret acudiu a orar ao deserto antes de principiar a súa predicación. Así, a peregrinación aos lugares santos presentábaselle ao cristián como unha oportunidade de medrar en virtude e perfección co obxectivo de acadar a salvación da súa alma. Os camiños de peregrinación entendíanse como camiños de penitencia e de rehabilitación para os pecadores, nunha relixión que como a cristiá proclamaba a universalidade do pecado (pecado orixinal) e a necesidade de redención a través de Cristo. Neste contexto espiritual organizouse o Locus Sanctus Beati Iacobi, establecido a partir da igrexa de Santiago, que se constituíra supra corpus apostoli (‘sobre o corpo do Apóstolo’). A primeira etapa de desenvolvemento, entre o 825 e o 847, supuxo a constitución dun asentamento estruturado nunha comunidade eclesiástica que xiraba arredor do edículo apostólico, sistematicamente respectado nos ss IX-XII no espazo absidal da igrexa de Santiago. Ao redor das reliquias de Santiago estableceuse un conxunto episcopal, composto pola igrexa de Santiago, mandada construír por Afonso II, o baptisterio de san Xoán, un edificio exento á igrexa e a residencia episcopal; un complexo monacal, composto pola igrexa do Salvador e as oficinas monacais; e un sistema defensivo de carácter rudimentario, quizais inaugurado por Afonso II. O bispo Sisnando I (880-920), baixo o reinado de Afonso III e Ordoño II, desenvolveu un programa de obras que consistiu na renovación dos edificios sagrados, entre os que cómpre mencionar a segunda igrexa de Santiago, consagrada por Afonso III en presenza de numerosos bispos e condes dos reinos de Asturias e Galicia en 899, e a creación da primeira aglomeración urbana con capacidade para acoller peregrinos: a Magna Congregatio Beati Iacobi. Trala destrución da igrexa de Santiago por Almanzor, san Pedro de Mezonzo (997-1003) ordenou a construción da terceira igrexa de Santiago e a reordenación urbana que, logo dos bispados de Cresconio (1037-1066) e Diego Páez (1071-1088), acadou o seu pleno apoxeo con Xelmírez (1100-1140).
As indulxencias e o xubileo
A peregrinación ao sepulcro do apóstolo Santiago recibiu o seu impulso definitivo coa concesión das indulxencias, así como coa elevación da súa igrexa ás máis altas dignidades canónicas. Este último proceso principiou en 1095, cando o Papa Urbano II trasladou a sé episcopal de Iria a Compostela, á que lle outorgou carácter de sé apostólica. En 1120, o Papa Calisto II outorgoulle a Santiago a dignidade de sé metropolitana; tamén lle concedeu as dioceses que foran sufragáneas de Mérida. Pero o verdadeiro impulso das peregrinacións motivouno a concesión de dous instrumentos de gran relevancia na espiritualidade da época: as indulxencias e o ano xubilar. As indulxencias eran un instrumento que o Papa podía outorgar para a absolución dos pecados a aqueles que cumprisen unha penitencia. A peregrinación a Compostela converteuse en motivo de indulxencia plenaria: os membros do cabido proclamaban as indulxencias aos peregrinos ao remate do oficio eucarístico da mañá no templo do Apóstolo. O outro instrumento de promoción da peregrinación foi o ano xubilar, un concepto herdado da tradición israelita; segundo a Lei de Moisés, en memoria do Éxodo, cada sete anos os pecados, as débedas e incluso a escravitude quedaban redimidas. O cristianismo adoptou este concepto nun plano escatolóxico, ofrecendo a salvación espiritual aos que cumprisen coas penitencias do ano xubilar: Roma, sé do apóstolo san Pedro, celebraba un ano xubilar en memoria da era cristiá cada 25 anos; a Santiago, na súa condición de sé apostólica, concedéuselle o ano xubilar (tamén só no eido espiritual) en 1122; esta concesión do Papa Calisto II foi confirmada en 1179 polo Papa Alexandre III. O Ano Santo Compostelán celébrase cando a festividade de Santiago, o 25 de xullo, cadra en domingo, de xeito que a súa periodicidade resposta a un ciclo de 6, 11, 6 e 5 anos.
O patrocinio rexio
O apoio rexio ao Camiño de Santiago comezou no mesmo momento en que se descubriron os restos do Apóstolo. Afonso II o Casto promocionou a construción da primeira basílica compostelá, asentada sobre o lugar onde aparecera o sepulcro de Santiago. Xa no 872 a necesidade dun maior templo levou a Afonso III o Magno a edificar unha nova construción asolada por Almanzor no 997. Finalmente, en tempos de Afonso VI iniciáronse as obras de construción da catedral románica. Pero o patrocinio real non se limitou á cidade do Apóstolo, o desenvolvemento de moitos dos pobos e das cidades do Camiño naceron grazas á concesión de foros a comunidades de francos, estranxeiros ou a habitantes autóctonos que, por unha banda, permitían a repoboación e, pola outra, o desenvolvemento da vía xacobea. Estas comunidades estaban formadas principalmente por artesáns e comerciantes que se asentaban en barrios en ocasións establecidos nos arrabaldes da cidade. Os privilexios que recibían dos monarcas levaron en moitas ocasións ao enfrontamento entre os francos e as poboacións autóctonas, feito que sucedeu en Pamplona no conflito da Navarrería. Entre as cidades beneficiadas pola política real destaca Jaca que recibiu o foro de mans de Sancho Ramírez en 1063, foro que se concedeu despois a Estella (1090), Sangüesa (s XI), Puente la Reina (1122), Pamplona (1129) e Monreal (1149), entre outras poboacións. Ademais dos aspectos administrativos, os monarcas realizaron un importante labor de mellora, ampliación e consolidación das infraestruturas do Camiño: construíronse igrexas, hospitais para peregrinos, pontes, calzadas, mercados, etc. Houbo tamén unha serie de decisións de carácter político e relixioso que beneficiaron a consolidación das peregrinacións tales como a reforma beneditina, no caso dos mosteiros, e a adopción do rito romano na liturxia da Igrexa. Entre os monarcas favorecedores do Camiño están Sancho III o Maior e dona Maior (construción da ponte sobre o Arga en Puente la Reina, nomeamento de Nájera como capital do reino navarro), Sancho VII de Navarra (construtor da colexiata de Roncesvalles) e Afonso VI (concedeu a Cluny a igrexa e o hospital de Nájera en 1079). Un dos aspectos da política rexia foi o de protexer de xeito legal os peregrinos; para iso, ao longo da Idade Media, promulgáronse unha serie de normas que chegaron a constituír un estatuto xurídico do peregrino. Afonso X recolleu nas Partidas todas as disposicións referidas aos peregrinos que se fixeran en tempos anteriores, como as redactadas en 1114 nos concilios de León e Compostela, no que avogaban pola seguridade persoal do peregrino, ou o Fuero Real onde se recollía a liberdade de circular libremente polo reino leonés. Afonso X introduciu unha lexislación que buscaba a defensa e protección dos peregrinos. Por outra banda, os peregrinos gozaron da exención dos pagamentos de peaxes en fronteiras, portos e pontes. Os monarcas tamén protexeron o camiño físico ao situalo baixo a xurisdición real. As normas que atinxiron aos peregrinos dividíronse en catro grupos: as dedicadas á condición persoal do peregrino referidas aos privilexios e exencións, salvocondutos que permitían circular sen perigo, e as referidas á indumentaria e aos símbolos do peregrino; un segundo grupo, formado polas normas de protección e liberdade dos peregrinos, estableceron sancións ante os actos delitivos cometidos contra os peregrinos, normas sobre as actuacións xurídicas dos peregrinos e sobre os casos de atención hospitalaria ou morte; o terceiro grupo referíase aos aspectos cerimoniosos da peregrinación; e o derradeiro aos abusos cometidos por falsos peregrinos. A monarquía empregou o descubrimento do corpo do Apóstolo e o posterior desenvolvemento das peregrinacións para o seu beneficio político-relixioso. A tumba do Apóstolo constituíu un elemento de forza ante a loita contra o Islam e converteu a monarquía na gran defensora do cristianismo en Occidente, ademais de facer do Camiño unha fronteira de carácter relixioso. Pola súa banda, a igrexa e os monarcas entenderon que a tumba de Santiago era un motivo para arrebatar a primacía á Igrexa mozárabe de Toledo.
Os diversos itinerarios: o Camiño como fenómeno universal
O seu excepcional carácter de sepulcro apostólico propiciou que o santuario compostelán exercera unha poderosa atracción para todos os cristiáns, tanto no Occidente coma no Oriente, e se convertera, xunto con Roma e Xerusalén, nun dos tres centros de peregrinación máis importantes do mundo cristián. Por iso, a Compostela acudían viaxeiros procedentes de todos os lugares deste ámbito territorial e facíano a través das rutas máis doadas de acceso á cidade. Deste xeito todo o continente europeo e os mares que o bañan converteronse en camiños de peregrinación a Santiago, aínda que tamén é certo que todos estes camiños converxían conforme se achegaban ao seu destino, polo que é posible distinguir cinco grandes vías que actuaban como colectores desta inxente masa de peregrinos.
O Camiño Francés
A ruta coñecida como Camiño Francés é o Camiño de Santiago por antonomasia. Con moita diferencia, a maior parte dos peregrinos que acoden a Compostela fano a través das diversas vías que, logo de atravesaren todo o continente europeo, converxen en Puente la Reina. A partir deste punto, o itinerario cara a Compostela recibe o nome de Camiño Francés, pois independentemente do punto onde principiase cada un dos peregrinos o seu traxecto, ineludiblemente penetran na Península Ibérica ao atravesar a cordilleira pirenaica. En realidade en Puente la Reina converxen as dúas vías que recollen as demais: o Camiño Navarro, que supera o Pireneo entre Saint Jean-Pied-de Port e Roncesvalles, e o Camiño Aragonés, que o fai polo porto de Somport. Este último camiño é a prolongación dos itinerarios cara a Compostela que proceden dos Balcáns (das actuais Eslovenia e Croacia), da Carintia e do Tirol do Sur, de Italia e do sur de Francia. Tiña en Arlés e Toulousse os seus principais centros e, xa no territorio peninsular, Jaca e, en Navarra, o mosteiro de Leyre. Pola súa banda, o Camiño Navarro, o treito que penetra por Roncesvalles, é o resultado da converxencia das distintas vías procedentes de toda a Europa central, occidental, oriental e nórdica, incluíndo moitos dos peregrinos que principian unha travesía naval e desembarcan nos portos de Flandres, Normandía ou da Bretaña, por exemplo. Os principais brazos deste Camiño Navarro, que converxen na localidade aquitana de Ostabat, son tres: o primeiro deles agrupa en París os procedentes do Báltico, da Alemaña setentrional e dos Países Baixos, ademais dos peregrinos británicos que embarcan no porto inglés de Dover e atravesan o canal da Mancha ata Boulogne. Esta vía parisina prolóngase cara ao sudoeste por Tours, Poitiers e Bordeos. Unha segunda vía é a que en Vezelay une os itinerarios prodecedentes da Europa oriental, desde Polonia, Bohemia e Alemaña, pasa por cidades como Cracovia, Praga, Frankfurt, Luxemburgo ou Metz e continúa cara ao sur, por Limoges. A terceira vía xunta en Le Puy os camiños de Hungría, Austria, Baviera e Suíza, que parten de cidades como Budapest, Viena, Salzburgo, Múnic, Xenebra ou Lyon e se prolongan a Santiago por Moissac. O Camiño Navarro, logo de baixar os Pireneos e deixar Roncesvalles, Pamplona/ Iruña e os montes do Perdón, chega a Puente la Reina e a partir deste punto xúntanse nun só todos os camiños. Desde Puente la Reina o Camiño prosegue por Estella e Viana ata abandonar Navarra ao cruzar o río Ebro; na outra beira érguese Logroño, capital administrativa da Comunidad Autónoma de La Rioja. Por esta terra discorre entre hortas e viñedos, salpicado de vilas de gran tradición xacobea, como Navarrete, Nájera ou a propia Santo Domingo de la Calzada, sé episcopal e corazón da recuperación moderna da ruta. No alto dos montes de Oca, xa en territorio da actual Castela e León, érguese outro dos santuarios de referencia na ruta: San Juan de Ortega. Despois, chégase a Burgos, unha das principais cidades xacobeas, dotada dun patrimonio monumental no que destacan a catedral e o mosteiro das Huelgas. De Burgos prosegue, por pequenas aldeas como Hornillos del Camino e vilas de maior entidade como Castrojeriz, cara ao O atravesando a meseta castelá. Salva o río Pisuerga pola ponte dos Íteros (Ítero de la Vega, dunha beira, e Ítero del Castillo, pola outra) e continúa pola mesma meseta pasando por algúns dos conxuntos monumentais mellor conservados de todo o traxecto, como Frómista, coa igrexa de San Martín, auténtico paradigma da arquitectura relixiosa románica, Villalcázar de Sirga ou Carrión de los Condes, para chegar a Sahagún e despois a León, a última das grandes cidades antes de entrar en Galicia. En León existiu un dos maiores centros de atención aos peregrinos, o hospital de San Marcos, a carón do río Bernesga. O Camiño continúa ata as terras da Maragatería, pasando antes pola localidade de La Virgen del Camino, santuario mariano que alberga a patroa do Reino de León, a virxe peregrina. Na Maragatería aparece Astorga, encrucillada do Camiño Francés e da Ruta da Prata. A continuación chégase ao Bierzo polo porto do Foncebadón, sinalado pola Cruz de Ferro, un milladoiro formado polas pedras que, a xeito de penitencia, trasladaban os peregrinos medievais desde o principio da súa viaxe ata a chegada ao Reino de Galicia, o país do Señor Santiago. Polas serras bercianas, por Manjarín, Molinaseca, chégase a Ponferrada, cidade templaria e condal. De alí a Cacabelos e despois a Villafranca del Bierzo: na súa igrexa de Santiago, os peregrinos moribundos ou doentes, se están realmente incapacitados para continuar cara a Compostela, poden acadar todas as indulxencias da peregrinación. Desde Villafranca del Bierzo, seguindo o curso do río Valcarce, chégase á aba do Cebreiro, que marca no seu cumio o límite oriental da Comunidade Autónoma de Galicia. No alto, a aldea do Cebreiro conserva, ademais das súas pallozas tradicionais, o Santo Graal no interior da igrexa de Santa María, segundo conta a lenda. Baixando do Cebreiro polo porto do Poio chégase a Triacastela, e de alí pódese desviar cara á abadía beneditina de Samos, un dos máis antigos cenobios galegos. A outra opción é seguir directamente a Sarria, outra das vilas xacobeas por excelencia. A seguinte etapa conduce ata Portomarín, na súa nova localización, logo de que en 1962 o Miño, represado en Belesar, anegara a vila. De todos os xeitos a igrexa de San Nicolao (templo-fortaleza da orde de San Xoán de Xerusalén), a igrexa de San Pedro e a capela da Virxe das Neves foron trasladadas ao novo núcleo, así como a ponte. Ao deixar as terras do Miño éntrase na Ulloa, os peregrinos chegan a Palas de Rei, de alí a Melide e logo a Arzúa, preto do remate da peregrinación en terras de Compostela. Chegados á Lavacolla deben cumprir co rito de asearse e mudar as roupas para entrar na cidade do Apóstolo. Desde o monte do Gozo poden albiscar no horizonte por vez primeira as torres da igrexa de Santiago.
O Camiño Portugués
Portugal, como reino cristián que foi durante a Idade Media, ten, ao igual ca o resto da Península, unha fonda tradición xacobea: freguesías baixo a advocación de Santiago proliferan por todo o seu territorio. Nas loitas de expansión á costa dos musulmáns, os reis e cabaleiros portugueses e os cabaleiros galegos, leoneses e casteláns antes de entrar en batalla invocaban a Santiago. O traxecto da peregrinación coñecido como Camiño Portugués correspóndese co efectuado pola Raíña santa Isabel en 1325, ou co cuberto polo Rei Manuel I en 1502, aínda que, precisamente pola difusión do culto a Santiago en todo o reino, os itinerarios poden considerarse case infinitos, ramificados e conectados en diferentes puntos. O traxecto occidental sae de Lisboa e prosegue paralelo á costa por Sintra, Caldas da Rainha e Alcobaça, para dirixirse a Coimbra por Batalha e Leiria. Outra opción é dirixirse a Coimbra por Santarém e Tomar. En calquera caso, trátase de localidades moi vinculadas á tradición xacobea e á historia medieval de Portugal. Desde a universitaria Coimbra o Camiño sae cara ao Porto e penetra, ao atravesar o Douro, na Gallaecia. Desde O Porto pode bifurcarse de novo, ben cara á costa por Matosinhos, Póvoa de Varzim, Esposende, Barcelos, Viana do Castelo, Caminha e Vila Nova de Cerveira, ben cara ao interior por Guimarães e Braga, para chegar en ambos os dous casos a Valença do Minho, a fortaleza situada fronte a Tui. Pola sé tudense penetra o Camiño na Comunidade Autónoma de Galicia. Atravesa o Baixo Miño e a periferia de Vigo para chegar a Redondela e de alí a Pontevedra, Caldas de Reis e Padrón. Tras pasar pola colexiata de Iria e polo santuario da Escravitude, chega ás terras de Compostela polo val da Amaía. Tamén é Camiño Portugués o que penetra en Galicia por Verín, atravesa o L do país luso desde Faro, no Algarve, segue por Beja, Évora, Covilhã, Guarda e Vila Real, entre outras vilas, ata chegar a Chaves. Desde Chaves cruza a raia cara a Verín e de alí segue xa ata Ourense.
O Camiño do Norte
Algúns peregrinos aventúranse a cubrir o traxecto da peregrinación pola beira do Mar Cantábrico: entran na Península desde Baiona por Gipuzkoa, chegan a Donostia e seguen por todo o litoral vasco (Bilbao), cántabro (Castro Urdiales, Santander) e asturiano (Oviedo), penetran en Galicia por Ribadeo para seguir por Barreiros e de alí virar cara ao SO, abandonan a costa cara a Lourenzá, Mondoñedo, Vilalba, Guitiriz e Sobrado, enlazan co Camiño Francés ben en Melide, ben en Arzúa.
A Ruta da Prata
O NO da Península Ibérica foi para os romanos da Antigüidade unha área de intensa actividade mineira. Dos xacementos auríferos e arxentíferos da Gallaecia extraeuse unha cantidade inxente de mineral que contribuíu a satisfacer as necesidades do Imperio. Coa intención de facilitar o transporte deste recurso á metrópole construíuse unha calzada que enlazaba o litoral cantábrico co mediterráneo, desde Asturias ata o porto hispalense, chamada Ruta da Prata; posteriormente, na Idade Media, os peregrinos mozárabes con dirección a Compostela aproveitaron o trazado desta vía. A Ruta da Prata parte de Sevilla (Hispalis) cara ao N, atravesa toda Extremadura, á que chega pola Tierra de Barros, pasa por Mérida (Emerita Augusta), Cáceres, e chega a Salamanca (Helmantica) e Zamora. Ao alcanzaren este último lugar, os peregrinos poden optar por continuar pola mesma calzada ata chegar finalmente a Astorga (Asturica Augusta), onde se une co Camiño Francés ou por virar cara ao NO e penetraren en Portugal por Bragança para logo pasar a Galicia pola Gudiña e de alí proseguir a viaxe por Verín, Xinzo da Limia, Ourense, Lalín e Silleda, cruzar o río Ulla e chegar ás terras de Santiago de Compostela.
As vías marítimas
O sepulcro do Apóstolo constituía para todos os cristiáns un reclamo poderoso e a devoción estendíase tamén polas Illas Británicas: dos seus portos, tanto dos de Gran Bretaña como dos de Irlanda, partiron multitude de naves para transportar os devotos peregrinos, principalmente entre os ss XI e XV. Os peiraos irlandeses de Gaillimh (Galway), Baile Átha Cliath (Dublín), Wexford e Kinsale, e os ingleses de Bristol, Plymouth, Southampton e Canterbury foron o punto de partida de expedicións que nalgúns casos se dirixían ao litoral de Normandía ou da Bretaña, e noutros atravesaban o Mar Cantábrico ata chegar aos portos galegos da Coruña e Ferrol, ou incluso penetraban na ría de Arousa para desembarcar en Padrón.
O Camiño a Fisterra
En moitas ocasións, antes de emprender o regreso, os peregrinos prolongan a súa viaxe ata o Océano, ata Fisterra, completan deste xeito o traxecto telúrico subxacente baixo a ruta xacobea. A partir de Compostela poden dirixirse cara á Costa da Morte pola Barcala e chegar á mesma Fisterra, ou ben desviarse cara ao NO e alcanzar pola Terra de Soneira a Muxía, Camariñas ou mesmo Laxe. Outra opción é ir cara ao N ao santuario de San Andrés de Teixido, que, situado ao pé da serra da Capelada, atesoura reliquias deste Apóstolo.
A arte no Camiño de Santiago
A arte nos camiños de peregrinación
O Camiño de Santiago supuxo no ámbito artístico unha vía de comunicación e de expansión da arte románica, que naceu nun momento de unificación cultural na Europa occidental, converteuse no primeiro estilo internacional ou no primeiro estilo europeo. A abadía beneditina de Cluny coa súa rede de mosteiros dependentes foi un dos seus difusores. Os monarcas favoreceron a expansión da orde beneditina así como a construción de novas edificacións e a consolidación das existentes. A circulación de mestres arquitectos, canteiros, pintores ou escultores permitiu o intercambio de técnicas, tipoloxías e iconografías. Por outra banda, o Camiño deu lugar a un urbanismo propio, caracterizado polos pobos sirga, organizados arredor dunha rúa principal que coincidía co trazado do Camiño. Ás beiras desta rúa, que en moitas ocasións recibía o nome de rúa maior, como en Sangüesa ou en Puente la Reina, estaban asentadas as igrexas, hospitais, hospedaxes e casas nobres. É o caso de Monreal, Santo Domingo de la Calzada ou Molinaseca. O intercambio artístico entre a Península Ibérica e Europa foi mutuo. Desde Francia chegaron as igrexas de peregrinación, mentres que a Península exportou a arte hispanomusulmana. Emile Mâle estudiou a utilización dos modillóns lobulados, empregados na mesquita de Córdoba, en igrexas francesas, onde se denominan à copeaux como en Notre-Dame-du Port (Clemont), e a alternancia de doelas de colores diferentes como na catedral de Puy onde son brancas e negras. As bóvedas con nervios que non se cruzan na clave central tamén se empregaron na arquitectura francesa como en Sainte-Croix d’Oloron.
A arquitectura relixiosa: as igrexas de peregrinación
A tipoloxía de templo románico do Camiño de Santiago é a igrexa de peregrinación. Baixo este nome agrúpanse cinco santuarios: Saint-Martin de Tours, Saint-Sernin de Toulouse, Saint Martial de Limoges e Sainte-Foy de Conques en Francia, e Santiago de Compostela. Todos estes templos, de estrutura arquitectónica semellante, acollen unha serie de reliquias que veneran os peregrinos. Son igrexas de plano basilical cunha nave principal orientada de O a L máis ancha e acompañada de dúas ou catro naves laterais comunicadas coa principal e intercomunicadas entre si, todas con cuberta abovedada; a nave central con bóveda de canón levantada sobre arcos de perpiaño e as laterais con bóvedas de aresta. O cruceiro, marcado en planta e organizado en naves tamén abovedadas, ao que se abren capelas que albergan diferentes cultos, outorgaba o aspecto de cruz latina. A cabeceira está rodeada do deambulatorio ao que se abren as capelas radiais semicirculares. Baixo o altar maior sitúase a cripta onde se gardan as reliquias ou obxectos venerados ou poligonais e que constitúe a parte máis antiga do templo. A existencia das naves laterais e do deambulatorio permitían acoller un gran número de peregrinos e facilitaban a súa circulación sen interromper o culto que se celebraba no altar maior. Pola súa banda, as capelas situadas nas naves e no deambulatorio proporcionaron a posibilidade de novos cultos dentro dun mesmo templo. Sobre as naves laterais sitúase a tribuna, galería cuberta con bóveda de medio canón e aberta á nave central por medio de ventás formadas por arcos de medio punto, separados por unha columniña central. A iluminación do templo remata en ventás situadas nas naves laterais e, sobre todo, na tribuna que deixa pasar a luz das ventás situadas na parte alta dos muros. A estrutura interna dividida en compartimentos e con espacios de diferentes alturas deixa ver no exterior. A fachada principal acostumaba estar enmarcada entre dúas torres. As diferentes poboacións polas que transcorre o Camiño enchéronse de construcións románicas. Moitas delas adoptaron o plano basilical e empregaron algún dos elementos característicos das igrexas de peregrinación, como as cubertas abovedadas ou as ábsidas semicirculares; é o caso da catedral de Jaca, Santa María en Carrión de los Condes ou San Isidoro de León.
A función dos mosteiros
Á beira do Camiño situáronse moitos mosteiros e abadías que funcionaron como hospitais ou hospedaxes para peregrinos e que levantaron edificacións de destacado valor artístico. A construción de mosteiros seguiu un modelo común baseado na existencia dunha serie de dependencias situadas de xeito harmónico arredor dun ou de varios claustros como a igrexa, a sala capitular, o refectorio, a cociña, a biblioteca, as celas dos monxes, os almacéns, etc. Neste aspecto foi esencial o labor da orde de Cluny como centro difusor do románico e do propio Camiño por medio da rede de mosteiros que dependían da abadía matriz como San Salvador de Leyre, Santa María de Irache, Santa María de Nájera, San Zoilo de Carrión, San Primitivo e San Facundo de Sahagún e San Xián de Samos.
A arquitectura civil e militar
Nacido nun contexto político de grande inestabilidade como foi o da Europa medieval, o Camiño encheuse de castelos, torres e fortificacións militares que ademais de cumpriren a súa natural función defensiva prestaban apoio ao peregrino. Moitas foron as vilas que se amurallaron ou que contaron con algún elemento defensivo como Pamplona, Puente la Reina, León, Astorga e Santiago de Compostela. Entre os castelos situados á beira do Camiño destacan o de San Esteban de Monjardín, Navarrete, Clavijo e Castrojeriz, e, entre os mellor conservados, os templarios de Ponferrada, de planta poligonal, e de Villafranca del Bierzo, da primeira metade do s XVI. Xa en Galicia consérvanse as ruínas da fortaleza de Sarria, destruída durante as Guerras Irmandiñas, mentres que dos castelos de Triacastela apenas queda nada.
As pontes
Unha das construcións máis importantes pola axuda que prestan aos peregrinos son as pontes. Algunhas vilas do Camiño deben a súa toponimia á existencia dunha ponte. É o caso de Puente la Reina de Jaca, localidade onde se cruzan os camiños procedentes do porto de Somport, Puerto del Palo e as vías que conducen a Pamplona e Huesca. Puente la Reina (Navarra), onde conflúen os camiños de Somport, Roncesvalles, Catalunya e Zaragoza, coñecíase na Idade Media co nome de Ponte de Arada ou Ponte Regina xa que se atribúe a orde da súa construción sobre o río Arga a dona Maior, esposa de Sancho III o Maior de Navarra. Construída no s XI, ten seis arcos de medio punto e cinco piares. Para vixiar o paso contou con dúas torres defensivas nos seus extremos, das que se conserva a que dá acceso á rúa Mayor. Tamén existiu un pequeno templo situado no seu centro dedicado á Virxe de Puy. A localidade navarra de Zubiri, que en eúscaro significa ‘vila da ponte’, ten unha ponte gótica sobre o Arga formada por dous arcos de medio punto que recibe o nome da Rabia polo rito que acostumaban facer os campesiños do lugar: obrigaban o gando a dar tres voltas ao redor do piar central para evitar así calquera enfermidade, feito que era posible grazas ás reliquias de santa Quiteria, soterradas baixo a ponte. A maioría das pontes construíronse durante a Idade Media; entre elas destaca a románica da Magdalena que dá acceso a Pamplona, a de Puente de Itero sobre o Pisuerga construída por Afonso VI, a gótica de Iturgaiz sobre o Arga con tres vans, e a ponte vella con catro vans de Furelos (Melide), obra do s XII que pertenceu á orde de San Xoán. Algunhas pontes medievais desapareceron e edificáronse outras construcións; é o caso de Logroño, onde a ponte construída por Afonso VI, despois de que o Cid arrasase a cidade, foi substituída por outra no s XIX. San Domingos da Calzada e San Xoán de Ortega repararon a primitiva ponte que tiña doce arcos e tres torres defensivas. Un caso particular é Portomarín, a Pons Minee de Aymeric Picaud (Liber peregrinationis, 1130), onde a ponte medieval que cruzaba o Miño foi destruída pola Raíña dona Urraca a causa dos enfrontamentos co seu home Afonso I o Batallador e que despois foi reconstruída cara ao 1120 e trasladada en 1962 por mor da construción da presa de Belesar. Moitos feitos históricos e lendas que sucederon ao longo do Camiño tiveron como escenario as pontes. Pouco antes de entrar en Tardajos, sobre o Arlazón, destaca a ponte do Arzobispo, onde se conta que Afonso VI caeu do cabalo cando perseguía os seus inimigos. En Sahagún construíuse en 1085, tamén por iniciativa de Afonso VI, a ponte de Canto que daba acceso ao prado das lanzas de Carlomagno onde sucedeu o feito milagreiro da transformación das lanzas dos soldados cristiáns en pólas de árbores. Puente de Órbigo é unha das localidades máis coñecidas do Camiño; alí, sobre a súa ponte, sucedeu a aventura cabaleiresca do paso honroso: en 1434 o cabaleiro Sueiro de Quiñones xunto con nove cabaleiros máis organizou unhas xustas de armas para conquistar a súa amada, Leonor Tovar, e afirmou romper as 300 lanzas dos cabaleiros que intentasen pasar a ponte encomendándose ao Apóstolo. Despois de loitar durante 30 días, os cabaleiros foron ata Santiago de Compostela onde Sueiro de Quiñones entregou como ofrenda unha braceira de ouro da súa dama. As pontes permitiron o desenvolvemento das vilas e a construción de novas calzadas. Por outra banda, as pontes xeraron ingresos económicos para os seus propietarios: ben os señores particulares, ben a monarquía mediante o pago da peaxe.
As artes plásticas
Ademais da arquitectura desenvolvéronse como artes complementarias a escultura e a pintura. A pintura mural manifestouse principalmente nas ábsidas e, en menor medida, nas bóvedas e nos muros das naves. Hai que engadir a pintura sobre táboa empregada nas partes frontais e laterais dos altares e a miniatura, principal mostra pictórica do románico. No Camiño destaca a decoración pictórica do Panteón Real de San Isidoro de León. A escultura románica, fundamentalmente simbólica, é ata certo punto abstracta. Nos canzorros dos muros, nas portadas e nos capiteis desenvólvense uns programas iconográficos que a miúdo portan unhas mensaxes difíciles de descifrar: fábulas, animais fantásticos, escenas eróticas, loitas, etc. Noutros casos, a mensaxe é máis sinxela de entender; é o caso das pasaxes do Evanxeo ou escenas bíblicas, representacións dos pecados capitais, dos oficios da época, escenas de xograres, etc. O emprego de símbolos relacionouse coas achegas filosóficas de santo Agostiño e san Isidoro de Sevilla e co emprego dunha clave de símbolos, que se empregaba nas edicións das biblias miniadas e dos beatos, atribuída a san Melitón de Sardes (s II). No eido das artes suntuarias, as igrexas do Camiño conservan pezas realizadas en ouro, prata, marfil e outros materiais que amosan a importancia da ruta xacobea como a imaxe da Virxe en Maxestade en Astorga, decorada con metais preciosos, ou a arca das reliquias de san Isidoro de León, ademais dos cálices, frontais de altares e outros obxectos litúrxicos.
A arte no Camiño Francés
A ARTE ROMÁNICA
Unha das primeiras construcións románicas do Camiño é a catedral de San Pedro de Jaca. A súa edificación iniciouse tras ser constituído o bispado de Jaca cara ao 1076 en tempos de Sancho Ramírez. Ten planta de cruz latina con tres naves, cubertas as laterais por bóvedas de canón e a central por bóveda de crucería, e tres ábsidas. O conxunto compleméntase cunha decoración escultórica nas portadas occidental e meridional e nos variados capiteis. Pouco despois de saír de Jaca, desviado do Camiño, atópase o mosteiro de San Juan de la Peña. A súa orixe remóntase ao s VIII, cando os irmáns Voto e Fiz fundaron unha ermida na súa fuxida dos musulmáns. O mosteiro foi panteón real dos monarcas aragoneses e converteuse no foco da reforma cluniacense en España. O conxunto está formado por dous niveis: no inferior atópase unha igrexa mozárabe do s X e a Sala dos Concilios do s XI; no superior, a igrexa románica, o Panteón de Nobres, o Panteón Real e o claustro resgardado pola pena. Xa en Navarra atópase San Salvador de Leyre, mosteiro beneditino do s XI situado sobre un antigo cenobio de orixe visigoda destruído por Almanzor. A parte máis antiga é a cripta prerrománica de san Babil; as ábsidas da igrexa e a nave son románicas mentres que a bóveda da nave é gótica, do s XIV. Os primeiros reis de Navarra están enterrados na antiga Sala Capitular. Despois de Estella e tras pasar Ayegui, o Camiño bifúrcase no mosteiro de Santa María la Real de Irache, cenobio beneditino que contou cun hospital de peregrinos. A igrexa, de planta de cruz latina con tres naves e tres ábsidas, foi construída entre os ss XII e XIII. Nos montes de Oca atópase o mosteiro de San Juan de Ortega, nacido para atender exclusivamente os peregrinos e que aínda continúa con esta función. San Xoán de Ortega, santo arquitecto e discípulo de san Domingos da Calzada, fundou unha comunidade baixo a regra de santo Agostiño e construíu unha capela en honor de san Nicolao de Bari e un hospital. Desde 1432 e ata o s XIX pertenceu aos xerónimos. A igrexa, iniciada no s XII, ten tres naves e tres ábsidas entre as que destaca a central con cinco ventás abucinadas. Na cripta atópase o sepulcro do fundador e no centro da igrexa o baldaquino doado por Isabel a Católica que peregrinou ata alí en busca de descendencia, xa que o santo era avogoso das mulleres estériles. No interior sobresae o capitel da Anunciación, iluminado polos raios solares durante o equinoccio de primavera. O conxunto compleméntase coa capela de San Nicolás e coa hospedaxe. As características propias do románico, a pesar da restauración realizada a finais do s XIX, amósanse en San Martín de Frómista, na Tierra de Campos. A igrexa pertenceu a un antigo mosteiro beneditino fundado no s XI por dona Maior, condesa de Castela e esposa de Sancho III o Maior de Navarra, e que no s XII pasou a depender de San Zoilo de Carrión. Construída na segunda metade do s XI ten planta de cruz latina con tres naves abovedadas, a central máis ancha, que finalizan en tres ábsidas semicirculares e cruceiro con ciborio octogonal sobre trompas. A igrexa caracterízase pola perfecta proporción, harmonía e equilibrio acadado entre as liñas horizontais das naves e a verticalidade das ábsidas e das torres do ciborio e mais das dúas torres que enmarcan a fachada. Ademais da arquitectura destaca a escultura centrada nos capiteis vexetais e zoomorfos, e os canzorros que percorren o aleiro do tellado no exterior. En Carrión de los Condes cómpre salientar a igrexa de Santa María del Camino ou de la Victoria do s XII, na que sobresae a súa portada lateral cun soportal que acolle a representación do milagre das doncelas, e o mosteiro de san Zoilo do s X, do que non se conserva a fábrica románica pero si un claustro renacentista, obra de Juan de Badajoz. Próxima no seu estilo a San Martín de Frómista e ás catedrais de Jaca e Santiago de Compostela, destaca a Real Basílica de San Isidoro de León, consagrada en 1063 para acoller as reliquias deste bispo. O conxunto consta dunha igrexa de planta de cruz latina con tres naves e tres ábsidas, da Torre del Gallo, de planta cadrada e do Panteón Real, situado na cripta, que sobresae pola decoración do teito a base de pinturas á témpera realizadas na segunda metade do s XII. Esta estancia foi, probablemente, o pórtico da primitiva igrexa. No Camiño atópase unha tipoloxía de igrexa, tamén románica pero de plano centralizado, inspirada na igrexa do Santo Sepulcro de Xerusalén e relacionada coa orde militar do Templo: Santa María de Eunate, construída cara ao 1170, ten planta octogonal e ábsida pentagonal e está rodeada por un pórtico exterior amodo de claustro. Unha planta semellante ten a igrexa de Torres del Río cun corpo central octogonal e ábsida semicircular. A cúpula central, palmiforme e sostida por nervios de sección cadrada que se cruzan entre si, remata nunha lanterna tamén poligonal. O corpo central presenta unha torre cilíndrica acaroada no exterior. Ambas as dúas igrexas puideron pertencer a esta orde e funcionaron como lugar de enterramento para os peregrinos. Se a maioría das localidades do Camiño teñen unha igrexa, ermida ou construción románica, ao entrar en Galicia o fenómeno multiplícase. Xa no Cebreiro está Santa María a Real do Cebreiro, igrexa prerrománica pertencente a un antigo mosteiro de planta basilical con tres naves e ábsidas rectangulares que conserva no seu interior unha imaxe de Santa María a Real do s XII. En Sarria, a igrexa do Salvador é dunha soa nave rectangular e ábsida semicircular. Santiago de Barbadelo é dunha soa nave e, aínda que perdeu a cabeceira orixinal, trátase dunha das mostras máis características do románico rural galego. Das construcións románicas de Portomarín destaca a igrexa-fortaleza de San Nicolao, que pertenceu á orde de san Xoán, de nave única e ábsida semicircular, ten tres portadas entre as que destaca a principal cun rosetón no centro. O conxunto remata nunha serie de ameas que percorren todo o perímetro e en catro torres. Un pouco afastada da ruta principal do Camiño atópase a igrexa do Salvador en Vilar de Donas, con planta de cruz latina dunha nave e ábsida semicircular na cabeceira con dúas pequenas ábsidas na beira. San Xiao do Camiño, en Palas de Rei, e Santa María de Melide son outras das manifestacións románicas antes de chegar á catedral de Santiago de Compostela, cumio do Camiño e das igrexas románicas da peregrinación. A historia da catedral comezou co descubrimento do sepulcro do Apóstolo, sobre o que Afonso II o Casto levantou un templo e Afonso III unha basílica. Tralo incendio de Almanzor, iniciouse un novo templo e xa cara ao 1075 Diego Páez iniciou as obras da actual catedral que foi consagrada en 1211. Ten planta de cruz latina con tres naves no eixe lonxitudinal e no cruceiro, deambulatorio con cinco capelas -a central de planta rectangular e as restantes semicirculares-, triforio sobre as naves laterais que están cubertas por bóvedas de aresta e bóveda de canón na nave central. Ao pé das naves sitúase o Pórtico da Gloria, obra do Mestre Mateo. No exterior destaca a fachada das Praterías, obra do Mestre Estevo, a Porta Santa ou Porta dos Perdóns do s XVII, a fachada da Acibechería, neoclásica do s XVIII, e a fachada do Obradoiro, obra de Fernando de Casas e Novoa. A catedral románica ampliouse en séculos posteriores, especialmente durante o Barroco, coa construción das fachadas, da Torre do Reloxo e coa realización de diversas obras no interior. Como exemplo de transición entre o románico e o gótico está a igrexa de Villalcázar de Sirga, na Tierra de Campos. Construída no s XIII, ten planta de cruz latina con tres naves cubertas con bóvedas de crucería e un dobre cruceiro. O interior acolle a imaxe sedente e pétrea da Virxe Branca e diversos sepulcros góticos entre os que destaca o do infante don Filipe, fillo de Fernando III o Santo.
A ARTE MUDÉXAR
O mudéxar tamén está presente no Camiño, principalmente en Sahagún. A igrexa de San Tirso de Sahagún, construída na primeira metade do s XII, é un dos exemplos máis antigos da arquitectura mudéxar. Consta de tres naves con cuberta de madeira e tripla ábsida; a cabeceira está configurada por unha torre que se eleva sobre o tramo recto da ábsida central. Tanto o exterior coma os arcos que separan as naves no interior, amosan arcadas de medio punto enmarcadas, características da arte mudéxar. Do mesmo estilo pero con trazos próximos ao gótico é a igrexa de San Lorenzo do s XIII.
A ARTE GÓTICA
A consolidación das peregrinacións tivo lugar entre os ss XIII e XV. Nesta época peregrinaron a Santiago, san Francisco de Asís, san Domingos de Guzmán e santa Isabel de Portugal, e entre os reis, Fernando III o Santo, Afonso X o Sabio e Sancho IV o Bravo. Unha das primeiras manifestacións do gótico peninsular é a cabeceira da colexiata de Roncesvalles, iniciada en 1209 baixo o patrocinio de Sancho VII o Forte de Navarra. Unha das cidades que renovou o seu aspecto nestes séculos foi Pamplona. Entre as obras que se realizaron sobresaen as igrexas góticas de San Nicolás e San Saturnino, ambas no burgo dos francos, e a catedral metropolitana de Pamplona, situada no antigo barrio da Navarrería. A primitiva construción románica, na que participou o Mestre Estevo, foi destruída no 1390 por mor dun incendio e reconstruída, posteriormente, en estilo gótico. A actual planta é de cruz latina con tres naves, ábsida poligonal e deambulatorio. No s XVIII Ventura Rodríguez erixiu en estilo neoclásico a fachada principal. Na encrucillada de Puente la Reina consérvase unha das imaxes máis coñecidas do Apóstolo, o chamado Santiago Beltza. En Estella destaca a igrexa do Santo Sepulcro cunha escultura en vulto redondo de Santiago na súa portada; en Viana, a igrexa de Santa María, de trazas góticas pero reformada en séculos posteriores e con fachada renacentista; e, en Logroño, a portada da igrexa de San Bartolomé que ten ábsida románica. O mosteiro de Santa María la Real de Nájera (La Rioja) foi fundado polo Rei García VI que, segundo a lenda, atopou unha imaxe da Virxe nunha cova ao lado dunha xerra ou terraza mentres perseguía unha perdiz; así naceu a primeira orde de cabalería de España, a da Jarra ou Terraza. O cenobio pertenceu aos cluniacenses. A actual igrexa, cisterciense, levantada sobre a primitiva románica consta de tres naves construídas no s XV. Entre as súas dependencias destaca o coro do s XV co Panteón Real ao lado e o claustro plateresco dos cabaleiros do s XVI. Os dous santos enxeñeiros, san Domingos da Calzada e san Xoán de Ortega, teñen nos seus templos os seus respectivos sepulcros góticos, ambos do s XIV. En Logroño, a igrexa de Santa María la Redonda funciona como concatedral da diocese de Calahorra e La Calzada-Logroño. Erixiuse no s XV en estilo oxival sobre unha antiga igrexa de planta octogonal, pero a fachada e as torres xemelgas son barrocas, do s XVIII. A catedral do Salvador en Santo Domingo de la Calzada ten a súa orixe nun templo románico levantado polo propio san Domingos en honor do Salvador e de Santa María; sobre ela erixiuse a actual catedral gótica. A súa planta amosa a distribución das igrexas de peregrinación: cruz latina con tres naves e ábsidas románicas, e deambulatorio. A torre coñecida como la moza de la Rioja é barroca, do s XVIII. No s XV Filipe Bigarny e Xoán de Rasines realizaron o sepulcro en alabastro do santo que se atopa na cripta. A cidade gótica do Camiño é Burgos. Xa, a finais do s XIII, iniciouse neste estilo a construción do mosteiro das Huelgas baixo o mecenado de Afonso VIII e Leonor de Aquitania. Entre as súas dependencias sobresaen os claustros, un románico e outro gótico, e no interior da igrexa a capela dedicada ao apóstolo Santiago. A catedral de Santa María construíuse sobre un antigo templo románico dos tempos de Afonso VI. O actual templo foi obra do bispo Mauricio e de Fernando III o Santo na primeira metade do s XIII. De estilo gótico, consta de tres naves con cruceiro e deambulatorio. No interior sobresaen a capela do Condestable, realizada por Simón de Colonia no s XV, a capela de Santiago, presidida por unha imaxe de Santiago Matamouros do s XVI, e o ciborio octogonal, construído en 1539 por Filipe Bigarny. No exterior destacan as torres da fachada principal, obra de Juan de Colonia, e as portadas do cruceiro (a da Coronería, na porta sur, coa representación de Cristo como xuíz, e a do Sarmental na porta norte coa representación do Pantocrátor). Un segundo momento construtivo de Burgos foi o s XV, coa edificación da capela dos Condestables ou das frechas da catedral, a cartuxa de Miraflores e, fóra da cidade, o convento de San Antonio, actualmente en ruínas. Catrojeriz conserva un bo número de edificacións góticas como o castelo, os conventos de San Francisco e Santa Clara ou a igrexa de san Juan con tres naves e bóvedas nervadas. A igrexa de Santa María de Frómista conserva no seu interior un retablo hispanoflamengo. O gótico deixou unha pequena pegada na románica Carrión de los Condes, onde se realizou un tímpano protogótico na igrexa de Santiago cun apostolado que acompaña o tetramorfo que rodea a imaxe do Salvador na mandorla. León é o outro foco gótico do Camiño; a catedral de Santa María de la Regla constitúe unha das xoias do gótico hispano. Foi construída no terreo que ocuparan unhas termas romanas no s II, no s X transformado en palacio real por Ordoño II e despois nunha igrexa románica. No s XIII fíxose cargo das obras o Mestre Enrique. Ten planta de cruz latina con tres naves e deambulatorio con cinco capelas radiais. A catedral, coñecida como a pulchra leonina sobresae pola súa verticalidade e pola luminosidade que achegan as ventás e as vidreiras realizadas entre os s XIII e XIV. No exterior destaca a portada principal coa imaxe da Virxe Branca no parteluz. Desde León ata Santiago as construcións góticas diminúen en número. En Astorga, a catedral de Santa María é a terceira que ten a cidade desde a repoboación do s IX. Construída en estilo gótico en 1471, ten tres naves con capelas laterais e tres ábsidas poligonais. A portada principal e as torres son do s XVII. No interior cómpre salientar a imaxe románica da Virxe da Maxestade do s XI e o retablo maior, obra de Gaspar Becerra. Xa en Galicia destaca o protogótico Pórtico da Gloria do Mestre Mateo.
A ARTE RENACENTISTA
Durante o seu reinado, os Reis Católicos continuaron coa política favorecedora do Camiño e da propia cidade de Santiago, enmarcada na idea de fortalecemento do seu poder. Os mesmos Isabel e Fernando peregrinaron a Compostela en 1488, aproximadamente. As vilas e cidades do Camiño continuaron embelecéndose con construcións realizadas no novo estilo. En Pamplona iniciáronse as obras de construción da Ciudadela en 1571. Houbo retoques renacentistas e platerescos nas igrexas de Santa María de Los Arcos e Santa María de Viana, entre outras. En León comezou en 1513 a construción do mosteiro e hostal de San Marcos. O conxunto constaba de hospital para peregrinos e un mosteiro plateresco no que destaca a fachada con relevo do Santiago Matamouros, actualmente parador de Turismo. Entre 1573 e 1660 construíuse en Ponferrada a basílica de Nuestra Señora de la Encina. En Santiago de Compostela edificouse baixo o patronado dos Reis Católicos o Hospital Real, hoxe Parador Nacional, deseñado por Enrique Egas. Na propia catedral construíuse un claustro renacentista iniciado en 1521 baixo os planos de Juan de Álava, arquitecto que traballou tamén na portada da Sancristía, na fachada do Tesouro e na capela dos Alba, e que deu as trazas do Colexio de Fonseca en 1532. As construcións de finais do s XVI e principios do s XVII están a medio camiño entre o Renacemento e o Barroco. En Santiago de Compostela, Mateo López levantou a igrexa monástica de san Martiño Pinario seguindo un plano basilical cunha nave central ampla e cruceiro cupulado.
A ARTE BARROCA
O segundo gran momento construtivo da arte galega e do Camiño de Santiago en xeral foi o Barroco. Coa a arte ao servizo dos monarcas e da fe católica, as catedrais, igrexas e mosteiros construídos ao longo do Camiño foron renovados no novo estilo que, sen embargo, non tivo a característica unificadora que tivera o románico, polo que cada rexión desenvolveu un barroco propio, sobresaíndo o que se desenvolveu en Galicia. Preto da fronteira con Francia está a primeira achega barroca: no mosteiro de San Juan de la Peña construíuse a partir de 1630 a capela dos santos Voto e Fiz e, entre finais do s XVII e principios do s XVIII, o novo mosteiro. Dentro dunha liña clasicista pero aínda barroca, erixiuse no mesmo mosteiro o Panteón Real iniciado en 1770 baixo os planos de Carlos Salas. En Pamplona o barroco está tinxido dun certo clasicismo. No cambio de centuria do s XVII ao s XVIII construíuse a capela de San Fermín na igrexa de San Lorenzo. No eido da arquitectura civil destaca o remate das obras da cidadela dirixidas por Ignacio Sala e a construción do palacio de Ezpeleta, obra de Pedro de Arrián. En Logroño, a concatedral de Santa María la Redonda conta con dúas torres barrocas, obra de Martín de Beratúa de 1749. O mesmo autor engadiu unha torre barroca á catedral de Santo Domingo de la Calzada en 1752. Burgos ofrece poucas mostras barrocas, pero entre elas cómpre salientar o retablo maior do mosteiro das Huelgas e a igrexa, xa do s XVIII, de San Lorenzo. O mesmo sucede en León onde se desenvolveu un barroco clasicista, é o caso da Praza Maior do s XVII e da fachada do convento de San Marcos, realizada no s XVIII pero con inspiración renacentista. En Astorga continuaron as obras da catedral durante os anos de vixencia do barroco. Pero é en Galicia onde o barroco atopa un lugar de expansión, concentrado en dous focos: os mosteiros e a cidade de Santiago de Compostela. No eido monacal destacan as construcións realizadas nos mosteiros de Samos, Oseira, Celanova, Sobrado dos Monxes e San Martiño Pinario, este último na propia cidade do Apóstolo. Santiago de Compostela viviu unha época de esplendor co revestimento barroco da catedral, que culminou coa realización da portada do Obradoiro, ademais da construción de novos edificios como as casas do Cabido, do Deán ou da Conga, o convento de Santa Clara e as obras realizadas en San Martiño Pinario. Xa en Galicia, e seguindo un dos ramais que saen de Triacastela para confluír en Sarria, está o mosteiro de San Xián de Samos, fundado no s VI por san Martiño Dumiense. Entre as zonas máis antigas destaca a capela do Salvador ou do Ciprés, de estilo prerrománico dos ss IX e X, e que puido ser o lugar onde se recibían os peregrinos. A maior parte do mosteiro construíuse entre os ss XVI e XVIII; entre as súas dependencias sobresaen o claustro das Nereidas do s XVI, o claustro de Feijoo do s XVIII, presidido por unha estatua do Padre Feijoo, o refectorio do s XVIII, a igrexa neoclásica de planta cadrada e a monumental fachada barroca. En 1951 as dependencias monacais sufriron un incendio, que non afectou á igrexa, mais o conxunto puido reconstruírse grazas aos muros de pedra que resistiron o lume. O fin do barroco e o inicio do neoclasicismo maniféstase na transformación das trazas da fachada da Acibechería por parte de Ventura Rodríguez baixo as directrices da Academia de Bellas Artes de San Fernando e na igrexa da Universidade, obra de Miguel Ferro Caaveiro, en Santiago de Compostela
A ARTE CONTEMPORÁNEA
Despois do barroco, a arte do Camiño non foi un elemento unificador, os estilos sucedéronse pero sen ter unha característica común. A maioría dos estilos do ss XIX e XX seguen as directrices xerais que se sucedían en Madrid. En Pamplona, o neoclasicismo amósase na construción do acueduto de Noain e da fachada da catedral, trazada por Ventura Rodríguez, e na mesma Navarra coa fachada da igrexa de San Juan Bautista en Estella. O ss XIX e XX foron un momento de renovación urbanística que se plasmou na creación dos ensanches como os realizados en Burgos, un no s XIX e outro en 1920, e en Logroño (1869). No s XIX Burgos viviu un renacer do clasicismo coa construción do Teatro, do Palacio Provincial e do Palacio de Justicia. A catedral de León asistiu no s XIX a obras de restauración. En Astorga atópase unha das obras realizadas por Antoni Gaudí fóra de Catalunya, o Palacio Episcopal, realizado entre 1899 e 1913 por encargo do bispo Grau Vallespinós e que acolle no seu interior o Museo de los Caminos. Astorga foi unha encrucillada onde se cruzaban a vía romana, o camiño da arriería maragata e o Camiño de Santiago. Unha das últimas obras arquitectónicas realizadas á beira do Camiño é o santuario de la Virgen del Camino, situado en Trobajo del Camino, á saída de León; construído en 1961 polo arquitecto dominicano frei Francisco Coelho de Portugal, caracterízase polo monumental apostolado que percorre a fachada realizado en bronce por José María Subirachs. En Santiago de Compostela, o neoclasicismo deixou a súa pegada na construción das igrexas das Ánimas, de San Miguel dos Agros, de Santa María do Camiño e de San Bieito do Campo. Xa no s XIX, Manuel Prado levantou o Teatro Principal (1841) e Antonio Bermejo o Cuartel do Hórreo (1895), sede do actual Parlamento galego, e en 1905 Riccardo Velázquez proxectou as actuais dependencias da Xunta de Galicia. Nos últimos anos, co novo pulo dado ao Camiño Xacobeo e á cidade de Compostela, acometéronse novas construcións arquitectónicas como o Centro Galego de Arte Contemporánea, obra do arquitecto portugués Álvaro Siza, o Palacio de Congresos, obra de Alberto Noguerol e rehabilitacións arquitectónicas e urbanísticas como o parque de Belvís e o de Bonaval. Nos últimos anos, a potenciación do Camiño por parte das diferentes institucións permitiu a súa recuperación e a creación de infraestruturas que melloraron o percorrido dos peregrinos, entre as que destaca a edificación de novos albergues, como o do Cebreiro, e a recuperación de antigas edificacións empregadas hoxe con este novo fin: antigas escolas como os albergues de hospital da Condesa ou o de Calvor en Sarria, casaríos tradicionais como o albergue de Triacastela e antigos hospitais para peregrinos como o albergue de Ribadiso en Arzúa.
A arte no Camiño Portugués
Desde Lisboa ata a fronteira con Galicia, o Camiño Xacobeo que discorre por Portugal énchese de monumentos, principalmente igrexas e conventos, feitos ben nos estilos medievais, románico e gótico, ben no estilo máis característico de Portugal, o manuelino. Un dos monumentos máis antigos de Lisboa é o castelo árabe de São Jorge, situado no barrio da Alfama. O primeiro rei portugués, Afonso I, mandou construír a catedral de Santa Maria a Maior despois da conquista da cidade. Edificada sobre unha antiga mesquita, da primitiva fábrica gótica pouco queda tralo terremoto e incendio de 1755. Consta de tres naves cubertas, a central con bóveda de canón e as laterais con aresta. Baixo o reinado de Manuel I iniciouse a construción do convento dos Jerónimos. O seu claustro é un dos exemplos máis característicos da arquitectura manuelina xunto coa veciña Torre de Belém, pequena fortaleza construída sobre unha rocha. Tamén de estilo manuelino e con elementos góticos é o convento dominicano de Santa Maria da Vitória de Batalha, edificado entre os ss XIV e XVI. En Santarém está un dos primeiros monumentos góticos de Portugal, a igrexa de San João de Alporão. No s XII iniciouse a construción do convento templario de Tomar que, a finais do s XIII, foi entregado por Don Denis á orde do Cristo. Reformado durante o reinado de Manuel I, entre as súas dependencias destacan o claustro de Xoán III ou dos Filipes, construído en 1562, e a portada da igrexa atribuída a João do Castilho. Non obstante , o máis coñecido deste convento é unha ventá da antiga sancristía realizada en estilo manuelino. A sé velha de Coimbra, construída durante o reinado de Afonso I a mediados do s XII en estilo románico, conta co primeiro claustro gótico de Portugal realizado a partir de 1218. Na cidade universitaria de Portugal o rei castelán Fernando I, despois de peregrinar a Santiago de Compostela, mandou construír a igrexa de Santiago en 1183. É salientable tamén o convento de santa Clara onde se atopa o sepulcro da Raíña Isabel con todas as súas caras decoradas e cunha representación na tapa da raíña vestida co hábito franciscano e co bordón e a bolsa de peregrino. A catedral do Porto é románica do s XII e aínda que se modificou nos séculos posteriores, conserva o seu aspecto de fortaleza. Tamén é románica a igrexa de São Martinho de Cedo, construída no s XII. En Vila do Conde a igrexa matriz do s XVI ten no seu interior unha capela dedicada á Virxe do Bo Camiño, protectora do peregrino. O primeiro mosteiro beneditino na ruta a Santiago está na localidade de Rates, aínda que só se conserva a igrexa románica de São Pedro. A catedral de Braga, de plano basilical construída ao longo dos ss XI e XII e reformada no s XVIII, ten tres naves e cinco capelas absidais. En Barcelos atópase a excolexiata de Santa Maria, realizada nun románico tardío ou protogótico no s XIII; ten planta basilical de tres naves con cuberta de madeira. Nun cruceiro de Barcelos chamado Senhor do Galo atópase unha figura que parece ser unha representación do apóstolo Santiago. Os peregrinos entraban en Ponte de Lima por un camiño no que se atopaba a capela de San Vicente que contaba cun albergue; xa na vila, a igrexa da Misericordia conserva as figuras de dous peregrinos e unha cabaza datadas no s XVI. Valença do Minho conserva unha das mellores fortificacións de Portugal con catro grandes portas de acceso. Os peregrinos procedentes de Portugal entraban en Galicia por Tui cruzando o Miño en barca, e desde 1884 pola ponte internacional. A catedral de Tui, aínda que iniciada en estilo románico, é gótica. Cun aspecto exterior de fortaleza, ten planta de cruz latina con tres naves no eixe lonxitudinal e outras tres no cruceiro e triforio sobre as naves laterais. A fachada norte é un dos poucos vestixios románicos que perduran. O antigo hospital de peregrinos de Tui é hoxe o Museo Histórico Diocesano. Os peregrinos que seguían o Camiño da costa atopábanse na Guarda co antigo mosteiro de Santa María de Oia; de orixe beneditina, foi construído entre os ss XII e XIII. A igrexa de estilo gótico cisterciense ten planta de cruz latina con tres naves, amais doutra no cruceiro, e unha fachada barroca. En Baiona destacan a colexiata, románica tardía de finais do s XII e principios do s XIII, e o castelo de Monterreal. En Vigo, na parroquia de Coruxo, estivo situado o mosteiro beneditino de San Salvador, do que só se conserva a igrexa románica de planta de cruz latina e unha soa nave. Tamén románica é a igrexa parroquial de Santa María de Castrelos dunha soa nave e ábsida semicircular e que pertenceu á encomenda de Beade. Xa na cidade, destaca a colexiata neoclásica de Santa María onde se recolle a imaxe do Cristo da Victoria, patrón da cidade, o Pazo Quiñones de León que alberga o Museo de Castrelos e a fortaleza do Castro. De camiño a Redondela está a igrexa románica de San Fausto de Chapela. A vila de Redondela conserva moitas referencias ao apóstolo Santiago e á peregrinación. No escudo da vila represéntanse as cunchas de vieira e no barrio alto atópase a igrexa de Santiago que ten na fachada unha imaxe de Santiago Matamouros. Pontevedra contou cunha capela da Virxe do Camiño e cun pequeno hospital para peregrinos. No s XVIII construíuse a igrexa en honor á Virxe Peregrina que ten planta de cuncha de vieira. Outros edificios que cómpre destacar de Pontevedra son a basílica de Santa María, construída no s XVI, e na que destaca a súa fachada plateresca, os conventos de Santa Clara e San Francisco e as ruínas de San Domingos. En Caldas de Reis destaca a igrexa románica de Santa María da segunda metade do s XII, cunha soa nave. O chamado Pedrón, no que se amarrou a barca que trouxo ata Galicia o corpo do Apóstolo, consérvase baixo o altar maior da igrexa parroquial de Padrón. Sobre a pedra na que o Apóstolo fixo brotar auga, construíuse unha fonte que ten gravada a barca e o pedrón así como unha figura en pedra do Apóstolo. Do antigo mosteiro de santa María de Herbón consérvase a igrexa dunha nave e unha ábsida. En Iria levantouse a antiga colexiata no lugar onde, segundo a tradición, se lle apareceu a Virxe a Santiago e da que só se conserva a fachada occidental da primitiva fábrica. O último monumento destacable antes de chegar a Compostela é o Santuario de Nosa Señora da Escravitude, igrexa barroca nas que destacan as monumentais torres da fachada.
A arte no Camiño do Norte
Os peregrinos que entraban na Península Ibérica por Euskadi cruzaban o río Bidasoa por unha ponte que unía os barrios de Santiago de Hendaya e Irún. O núcleo urbano de Irún naceu a principios do s XIII e creceu baixo o abeiro do Camiño. A igrexa de Santa María acolle a imaxe de santa María das Chanson, venerada polos peregrinos franceses; ademais un dos barrios de Irún recibe o nome de Santiagotxo. De camiño a Donostia está Astigarraga, onde destaca a ermida de Santiagomendi que conserva no interior unha escena da Batalla de Clavijo e unha imaxe de Santiago. En Donostia, cidade amurallada desde o s XIV, destacan as igrexas de Santa María e San Vicente. Desde alí os peregrinos podían continuar pola costa cara a Bilbao ou ben dirixirse a Burgos para continuar polo Camiño Francés. Se o peregrino seguía pola costa atopaba a vila de Getaria na que existiron dous hospitais, o de San Sebastián e o de San Lázaro, e na que destaca a igrexa gótica de San Salvador. Outra mostra da arte gótica é a igrexa de Santa María de Gernika. Pouco antes de entrar en Bilbao, vila que non se desenvolveu ata finais do s XIV, está o santuario de Nosa Señora de Begoña, templo gótico do s XVI. Na catedral de Santiago de Bilbao, unha das súas portas leva o nome de Porta dos Peregrinos. Xa en Cantabria, destaca Castro Urdiales, onde se conservan a igrexa románica de San Pedro e as ruínas dun castelo gótico. En Santander, os peregrinos rendían culto ás reliquias de san Emeterio e san Caledonio na cripta da catedral románica. En Asturias, os peregrinos chegaban ata Covadonga que, na época medieval, era un dous puntos máis relevantes da fe cristiá. O actual templo foi construído no s XIX. En Oviedo, os peregrinos acudían á Cámara Santa, capela palatina de planta rectangular e dous pisos dedicada a gardar o tesouro e as reliquias procedentes, a súa maioría, da Arca Santa traída desde Toledo nos tempos da invasión musulmana. Ademais da catedral visitaban outras catro igrexas: Santullano de los Prados, prerrománica do s IX; San Tirso, erixida por Afonso II o Casto; Santa María del Naranco, palacio real transformado en igrexa no s XIII e San Miguel de Lillo, a igrexa do palacio de El Naranco. Desde Oviedo, os peregrinos podían dirixirse cara a Lugo para unirse ao Camiño Francés ou continuar por Ribadeo, onde o peregrino podía visitar a capela románica da Virxe do Camiño e a igrexa de Santa María del Campo, antigo mosteiro franciscano do s XIII do que se reconstruíu a súa igrexa. En Mondoñedo destaca a catedral orixinalmente románica pero que, ao ser edificada ao longo de varios séculos, amosa diferentes estilos. En Lugo resaltan as murallas romanas e a catedral que posúe o único triforio cuberto con bóveda de canón de España. O mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, fundado no s X polos condes de Présaras como un mosteiro familiar, debeu a súa vitalidade á intervención de Afonso VII e dos cistercenses. Da primitiva fábrica do s XII só queda a sala capitular, que foi reconstruída, e a capela da Madalena. Na parte máis soleada do mosteiro estivo situada a hospedaxe, na que sobresae o chamado claustro dos peregrinos do s XVII. O actual albergue para peregrinos está situado nas antigas cortes dos cabalos.
A arte na Ruta da Prata
Moitos dos peregrinos procedentes de Oriente desembarcaban en Sevilla e desde alí seguían a Vía da Prata ata Compostela. Non obstante , a Hispalis romana non ten mostras propiamente xacobeas. Da época musulmá consérvanse as murallas, a Torre del Oro, a Giralda e o antigo minarete da mesquita. A catedral edificouse sobre o terreo que ocupara a antiga mesquita. Llerena foi residencia dos mestres da Orde de Santiago. Na igrexa consagrada ao Apóstolo consérvanse os restos do derradeiro mestre da Orde, don Alonso de Cárdenas, e a súa muller, dona Leonor de Luna. Mérida foi gobernada pola orde dos Cabaleiros de Santiago durante dous séculos, a saída da cidade realizábase polo Arco de Traxano. Seguindo o Camiño ata Cáceres, hai un bo número de castelos como os de Santiago de Bencáliz ou Las Seguras. En Cáceres, cidade na que se fundou a Orde de Santiago, a primitiva fábrica románica da igrexa de Santiago foi transformada por Gil de Hontañón no s XVI, mentres que a concatedral de Santa María construíuse no s XV sobre unha antiga igrexa do s XII. Aínda que Plasencia non formaba parte da vía romana da prata, os peregrinos acudían a ela xa que existían na vila hospitais, dos que se conservan algunhas ruínas. A súa catedral está formada por dous edificios, o máis antigo dos ss XIII-XV, e o novo do s XV. Preto de Béjar, onde se atopa a igrexa románica de Santiago, está situado o santuario de La Peña de Francia (La Alberca), no que se conserva unha imaxe de Santiago peregrino e outra de Santo Andrés dos ss XIII-XIV. En Salamanca, os peregrinos contaban con diversos hospitais e coa igrexa románica de Santiago. A cidade ten dúas catedrais, a vella románica, e a nova, construída entre os ss XVI e XVIII, e numerosas igrexas entre as que destacan as de San Esteban, San Martín e La Clerecía. No eido da arquitectura civil sobresae a plateresca fachada da Universidad e a Casa de las Conchas, decorada coa vieira xacobea. En Zamora destaca a catedral románica do s XII caracterizada como a vella de Salamanca e a de Toro polo ciborio rodeado por pequenas torres. Desde Zamora e tras pasar por Puebla de Sanabria, os peregrinos atravesaban os portos da Canda e do Padornelo. En Verín aínda quedan as ruínas dun hospital de peregrinos do s XIII. En Ourense destaca a catedral, consagrada baixo a advocación de san Martiño de Tours, de planta de cruz latina con tres naves e cunha ábsida, das tres primitivas, na cabeceira. No interior sobresae o Pórtico do Paraíso, antesala do Pórtico da Gloria da catedral compostelá. De camiño a Santiago de Compostela, o peregrino podíase achegar ata o mosteiro de Oseira, onde existía unha hospedaxe, e logo a Silleda, ao antigo mosteiro beneditino de San Lourenzo de Carboeiro, no que destaca a decoración da portada principal cos 24 anciáns do Apocalipse nas arquivoltas. Antes de entrar en Santiago de Compostela está a capela de San Sebastián no Pico Sacro desde onde se poden divisar as torres da catedral compostelá.
A iconografía de Santiago Apóstolo
O culto ao apóstolo Santiago está presente ao longo de todo o Camiño. Tres son as iconografías que representan o fillo de Zebedeo: como apóstolo, como matamouros e como peregrino. A representación como Apóstolo, que non se diferenza da dos outros apóstolos, aparece vestido cun manto e cunha túnica longa sostendo un libro nas mans e, ás veces, descalzo. En ocasións aparece co símbolo do seu martirio, no caso de Santiago coa espada da súa degolación. Nas xambas do Pórtico da Gloria da catedral compostelá aparece representado como Apóstolo. A imaxe de Santiago como peregrino non apareceu ata o s XII. Ata esa data representábase seguindo a descrición do Códice Calixtino marcada pola beleza e a fermosura; así representouse na fachada das Praterías. No parteluz do Pórtico da Gloria aparece xa cos atributos de peregrino. Non obstante , a representación máis antiga desta iconografía non está en ningunha igrexa do Camiño, agás en Santa Marta de Tera (Zamora), onde nunha imaxe pétrea de principios do s XII que se atopa na portada aparece co bordón na man dereita e cunha seira ou capacho no ombro esquerdo que contén unha vieira na tapa. Nas catedrais francesas, a imaxe do Apóstolo tamén vai acompañada pola cuncha da vieira como en Saint Sernin de Bordeos ou na portada meridional de Chartres. A imaxe sedente de Santiago ten a súa orixe en España, o Códice Calixtino describe unha destas imaxes no altar maior da catedral. Unha das representacións máis características e coñecidas do Camiño é Santiago Beltza (‘negro’, en eúscaro, pola cor da súa face), unha talla en madeira do s XIV conservada en Puente la Reina, que o representa con barba, cabeleira crecha e sombreiro de á ancha. No s XV fixouse a tipoloxía de Santiago Peregrino co bordón, bolsa para as esmolas, sombreiro de á ancha e vieira. Moitas das imaxes que ofrecían os peregrinos ao chegar a Compostela amosaban a Santiago como peregrino, tal e como o representara Johannes de Roucel no s XV, feita de prata sobredourada. A imaxe de Santiago Matamouros foi concibida a partir dos feitos milagreiros da Batalla de Clavijo no 884, onde o Apóstolo prestou axuda ás tropas de Ramiro I que se enfrontaban aos musulmáns. Nesta iconografía, Santiago aparece representado sobre un cabalo branco, empuñando unha espada, e en ocasións figuran aos seus pés os mouros vencidos. No cruceiro da catedral de Santiago de Compostela atópase nun tímpano do s XIII a representación de Santiago Matamouros e, xa fóra do Camiño, na capela das ordes militares, na igrexa de San Francisco el Grande de Madrid, consérvase un lenzo de José Casado de Alisal titulado Santiago en la batalla del Clavijo. Ademais representáronse escenas da vida do Apóstolo, especialmente o descubrimento e o traslado do seu corpo, como a miniatura do Tumbo A da catedral compostelá que representa o bispo Teodomiro no momento de descubrir a tumba de Santiago ou as táboas góticas conservadas no Museo del Prado, pertencentes á escola de Miguel Ximénez que amosan o traslado do corpo. A advocación ao Apóstolo está presente en múltiples igrexas do Camiño como Santiago el Maior en Puente la Reina, Santiago o Real en Logroño, as igrexas de Santiago en Villafranca del Bierzo, en Triacastela ou Barbadelo, e en capelas dedicadas ao santo como a da catedral de Burgos. A Virxe María está ligada á historia xacobea pola súa aparición diante do Apóstolo sobre un piar en Zaragoza; son moitas as igrexas e mosteiros dedicados ao seu culto, entre eles, os mosteiros de Irache ou Nájera, as catedrais de León e Astorga, e numerosas igrexas parroquiais. Moitas das advocacións marianas procedían de Francia e foron introducidas na Península Ibérica polos peregrinos francos como Santa María del Puy (Estella) ou del Poyo (Torres del Río), Nosa Señora de Rocamador, Santa María de Conques; ademais, os francos trouxeron os cultos a santos non coñecidos na Península como santa Catarina, santa Madalena, san Lázaro ou san Sadurniño.
Literatura e música no Camiño de Santiago
Ó falar do Camiño de Santiago é obrigatorio facer mención da presenza e importancia da música no Camiño, estreitamente unida á literatura. O estado cultural da Península non era o máis propicio para un desenvolvemento das artes como a literatura ou a música. Non obstante , esta situación, paralelamente e a través dos peregrinos, provocou que principiase un tipo de literatura: as fazañas bélicas reflectíanse nos romances, epopeas, cantares de xesta, cancións e en toda unha bagaxe lendaria. O xeito de transmisión, comunicación e difusión na época era fundamentalmente oral, nun mundo no que o coñecemento da escritura e da lectura estaba practicamente limitado ao ámbito dos mosteiros e da nobreza, existindo un alto grao de analfabetismo. A música tivo un papel moi importante en toda a peregrinación xacobea medieval, a mesma Igrexa promoveu o nexo de unión entre Deus e o home a través dela e, por outra banda, as composicións musicais eran material didáctico para a transmisión de coñecementos, tradicións e lendas. Os peregrinos camiñaban cantando e escoitaban cantares diversos en mosteiros, hospedaxes, vilas, igrexas, etc, mesturándose o relixioso e o profano co culto e o popular. Moitos destes cantos de peregrinos son poemas descritivos de cómo se debe realizar o Camiño: consellos, descricións dos itinerarios, costumes, alusións á relixiosidade ou narracións dos milagres do apóstolo Santiago. Os peregrinos levaban de boca en boca as lendas e os cantos que escoitaban no Camiño e que lles servían para se relaxaren despois dunha longa camiñada, para recadar esmola ou para loar o Apóstolo; ao mesmo tempo, trobadores e xograres difundían relatos e cancións, acompañados, ás veces, por instrumentos musicais que amenizaban o Camiño e que eran o reflexo de toda unha sociedade, que conformaban un importante legado cultural do que perviven manifestacións escritas. Os romances de cego ocupan un lugar importante nesta escolma musical, composicións que contaban historias rimadas e que atraían a atención do auditorio, convertidas en repertorio característico no Camiño. Aínda no s XIX era frecuente escoitar algúns destes romances ante a Porta Santa da catedral de Santiago de Compostela. O repertorio de cantos de peregrinos é moi amplo e comprende gran número de cancións en castelán, galego, portugués, francés, italiano ou alemán. A figura de Carlomagno acadou gran protagonismo a través dos cantares de xesta franceses, ao mesmo tempo que a épica da Península enxalzaba a figura de Santiago Matamouros. Un dos textos de peregrinación máis coñecidos e populares é o romance de Don Gaiferos de Mormaltán, onde se narra a peregrinaxe a Compostela de Guillerme X, duque de Aquitania, e a súa morte perante a tumba do Apóstolo. Entre os testemuños conservados do legado literario-musical da Idade Media e da época das peregrinacións, cómpre mencionar as Cantigas de Santa María do Rei afonso X o Sabio, o Liber Sancti Jacobi ou Códice Calixtino e capítulos da Historia Compostelana, onde se describen instrumentos da época. Por outra banda, é significativo o feito de que a execución e o estudo da música entre os ss XII e XV tivese unha grande importancia e presenza nas representacións gráficas de instrumentos musicais, en esculturas, pinturas e miniaturas do momento. No ámbito relixioso, e tamén no profano, hai multitude de representacións iconográficas ao longo da Idade Media que representan os máis diversos instrumentos musicais. Exemplos desta vinculación da música coa iconografía son o Pórtico da Gloria ou o desaparecido coro do arcebispo Xelmírez, así como unha multitude de motivos musicais espallados por distintos centros relixiosos, como por exemplo os pórticos das igrexas de San Xoán de Portomarín e do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro ou o Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense. Cómpre salientar que o Camiño representa a ponte de unión entre as máis variadas culturas e territorios, e que peregrinos das máis distintas procedencias (francos, gascóns, bretóns, italianos, flamengos, portugueses, españois, etc) fan chegar a Compostela unha bagaxe cultural moi rica e creativa, ademais dunha nova forma de pensamento e dun conxunto de referencias artísticas que converteron esta cidade no centro cosmopolita da Idade Media e nun dos eixes musicais por antonomasia. Este feito constátase en épocas posteriores, sobre todo durante o chamado estilo barroco. A comezos do s XVII, a capela de música da catedral de Santiago converteuse nun dos puntos significativos de produción musical e acadou o seu cumio con José de Baquedano, mestre de capela desde 1681 ata 1711. Algúns dos mestres de capela de máis renome da época foron Jerónimo Vicente, Bartolomé Olague, Diego Verdugo, Pedro Rodrigo ou, xa na segunda metade do s XVIII, os mestres Buono Chiodi e o seu sucesor Melchor López, que conseguiron dotar a Compostela dun prestixio musical histórico. Esta herdanza cultural e musical da cidade segue a ser relevante na actualidade ao celebrarse na multitude de actos musicais organizados por diversos organismos oficiais e privados, con motivo de acontecementos que promoven culturalmente a cidade de Santiago de Compostela. Exemplo desta actividade son os espectáculos realizados co gallo da celebración dos Xacobeos 93 e 99 e co feito de ser escollida, xunto con outras oito capitais, Cidade Europea da Cultura do ano 2000.
A música
A compilación literaria de mediados do s XII atribuída ao Papa Calisto II, onde se loa a figura do Apóstolo, constitúe un dos exemplos máis representativos do Camiño de Santiago. Nesta obra recóllense diversos aspectos da peregrinación a Santiago de Compostela, descrición de rutas xacobeas, milagres de Santiago e un conxunto de pezas litúrxicas musicadas que están divididas en cantos monódicos e cantos polifónicos. Un destes cantos monódicos máis coñecido e difundido é o himno Dum pater familias ou Canto de Ultreia. Segundo o musicólogo J. López-Calo, constitúe o canto máis antigo de peregrinación a Santiago, anterior ao Liber Sancti Jacobi e ao que se lle engadiu a comezos do s XVIII. Estruturalmente, está dividido en seis estrofas que se cantan coa mesma melodía agás algunha pequena modificación, seguidas dun retrouso. Esta peza interprétase como himno de apertura no curso internacional celebrado anualmente desde 1958 en Santiago de Compostela e denominado Música en Compostela. No apartado da polifonía destaca o célebre Congaudeant Catholici, do Magister Albertus, peza escrita para tres voces. O feito de o Códice Calixtino estar elaborado en Santiago de Compostela, como demostrou tamén J. López-Calo, para uso no culto catedralicio, sitúa a Compostela nas vangardas musicais desa época, tanto desde o punto de vista da notación musical, como desde o punto de vista do tratamento das voces, ademais de salientar o nivel artístico da cidade e as súas infraestruturas musicais; os cantos que nel figuran levan o nome do autor, feito que indica a conciencia de compoñer, que non se coñeceu en Europa ata o Renacemento. Das Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, concibidas como exaltación da figura da Virxe María e que achegaron a polifonía medieval, poucas están localizadas en Galicia e poucas aluden ao Camiño. Estas composicións narran principalmente os milagres atribuídos á Virxe María e as súas melodías reflicten unha sólida formación musical dos seus autores, un amplo coñecemento da notación musical da época por parte dos copistas e unha interpretación de difícil execución, feito que implica que eran interpretadas por músicos especializados. Case a totalidade das cantigas transmitíronse coa súa notación musical, inda que só tres códices, dos catro onde se recollen estas composicións, están musicados: To (128 cantigas, Bibllioteca Nacional de Madrid, copia dun antecedente de 1270?), T (193 cantigas, El Escorial, 1280-1284?) e E (413 cantigas, El Escorial, 1283-1285?). Entre os primeiros especialistas que estudiaron a música nas Cantigas de Santa María destacan J. Ribera, transcritor da música das composicións recollidas no manuscrito de To e que engadiu 167 de E, e H. Anglés, quen editou as melodías a partir de E, manuscrito no que ademais se reproducen algúns dos instrumentos empregados na interpretación, feito que contribúe a un mellor coñecemento do proceso de execución da música. Musicólogos posteriores deste campo foron, entre outros, Ismael Fernández de La Cuesta e Manuel Pedro Ferreira. En conxunto, a colección afonsí é un compendio de influencias musicais de raíz trobadoresca galego-portuguesa, provenzal e francesa e mesmo andaluza que conforman un documento de gran riqueza para o estudo da música medieval. Outras fontes de documentación importantes acerca da música en Compostela son a representación dos instrumentos, variados e cunha orixe popular ou culta (como a arpa ou o organistrum), orixinarios de Galicia ou provenientes doutros lugares e culturas a través do Camiño, e a constatación do patrocinio dispensado por algúns monarcas, como Afonso IX, a destacados trobadores provenzais. Isto verifícase no mesmo Códice Calixtino, onde se describen os instrumentos tocados polos peregrinos; na Historia Compostellana, onde hai unha descrición dos instrumentos cos que os santiagueses recibiron a Diego Xelmírez á súa volta do cativerio imposto por Arias Pérez; nos instrumentos representados no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela e na escultura do Rei David da fachada das Praterías da mesma catedral onde se representa tocando un rabel. O conxunto escultórico dos instrumentos do Pórtico da Gloria, da autoría do Mestre Mateo, representa o máis valioso testemuño da organoloxía medieval, reafirma a elevada cultura musical da que gozaba a cidade de Santiago ao redor do 1118 e a existencia dunha escola polifónica que asimilaba as novas técnicas da vangarda musical daquel momento chegadas de París (centro musical vangardista por excelencia daquela época), en concreto de Notre-Dame, así como a grande importancia artística e social que tivo a música neste período histórico. Trátase de vinte e catro músicos anciáns sedentes situados na arquivolta que pecha o tímpano do Pórtico que portan un total de vinte e un instrumentos (arpas, laúdes, salterios, organistrum, fídulas e cítaras) e redomas, tallados con gran precisión, realismo e técnica que induce a pensar que o autor os copiou de modelos reais. Cabe salientar a composición da Salve Regina, realizada por San Pedro de Mezonzo en San Paio de Antealtares, que aínda se canta nos actos litúrxicos e que, se non é representativa das músicas e cánticos de peregrinación, si ten unha destacable importancia no que a composicións nacidas ao abeiro do culto a Santiago se refire. Hai constancia da existencia de cancións de peregrinos en todas as linguas europeas da época medieval e numerosas compilacións. Este compendio de datos verifica que o Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea supera os fins exclusivamente relixiosos e marca unha transformación tanto na sociedade como na cultura musical medieval.
A literatura
O Camiño de Santiago posúe unha gran recollida bibliográfica ao longo da historia que verifica e unifica os innumerables relatos e testemuños de peregrinos que realizaron a peregrinación á tumba do Apóstolo no occidente de Europa. A Concordia de Antealtares (1077), acordo subscrito polo bispo de Iria-Compostela, Diego Páez, e o abade Faxildo, é a fonte máis antiga que describe o descubrimento do sepulcro do Apóstolo no s IX: “En tempos da súa maxestade Afonso o Casto foille revelado por un anxo a un anacoreta chamado Pelaxio que moi preto de onde el vivía estaba soterrado o corpo do apóstolo Santiago”. Este sepulcro converterase nun dos tres lugares de peregrinación máis importantes do occidente cristián, xunto a Roma e Xerusalén. Desde a Idade Media, Compostela converteuse na meta da peregrinación, a través do Camiño de Santiago, para visitar a tumba do Apóstolo, xa que só son peregrinos os que veñen á casa de Santiago, como dicía Dante Alighieri ao definir, nunha pasaxe da Vita nuova, o romeiro que se dirixe a Roma, o palmeiro que vai cara a Xerusalén e o peregrino que se achega a Compostela. Os peregrinos chegaban camiñando, a cabalo ou por mar, para orar ou redimir as súas penas, tras soportar, en moitos dos casos, ataques dos salteadores, enganos de pícaros, fame, frío, sede, calor, etc, segundo relatan algúns dos propios peregrinos, moitos deles señores da nobreza, clérigos ou monxes, ou anónimas persoas que, movidas pola aventura, a relixión, a promesa ou mesmo o cumprimento dunha condena, deixaron testemuño da súa peregrinaxe. Na catedral compostelá consérvase o Códice Calixtino, coñecido a partir das investigacións de J. Bedier como Liber Sancti Jacobi, datado a mediados do s XII e compilado por orde do Papa Calisto II. Nas súas páxinas descríbese a peregrinación a Santiago de Compostela, os milagres do Apóstolo e as rutas do Camiño. Estruturalmente, divídese en cinco libros: I, conxunto de sermóns e textos litúrxicos referidos a Santiago; II, conxunto de 22 milagres; III, textos que aluden á translación do corpo do Apóstolo; IV, historia de Carlomagno e Roldán (coñecido como o Pseudo-Turpín); e V, itinerario do Camiño (coñecido como a Guía do peregrino). O escrito máis antigo coñecido e vinculado co Camiño de Santiago é a Guía do peregrino, atribuída ao clérigo Aymeric Picaud. O libro V correspóndese coa guía e relata con minuciosidade os camiños de Santiago “que son catro e que en Puente la Reina, xa en terras de España, se reúnen nun só”; as súas xornadas, os nomes das vilas e lugares do Camiño, os tres bos hospitais, os nomes das persoas que repararon o Camiño, os bos e malos ríos, os nomes das terras e as calidades das súas xentes, os corpos dos santos que descansan no Camiño e que deben ser visitados polos peregrinos, a descrición da cidade de Santiago e a súa basílica, o número de cóengos de Santiago e a acollida dos peregrinos. Autores como K. Herbers e R. Plötz escriben que “cando a investigación trata a literatura que existe relativa a peregrinos e viaxes, déixase abraiar fundamentalmente polo modelo da Guía do peregrino do Códice Calixtino. No s XV distínguese xa máis claramente entre relatos e guías. Os autores dos relatos polo xeral eran coñecidos, mentres que o que publicaba unha guía de peregrinos raramente daba a coñecer o seu nome no texto”. Nopar, señor de Caumont de Castelnau, realizou unha viaxe a Compostela a cabalo, entrou en Roncesvalles e chegou a Fisterra. As notas sobre a súa peregrinación recóllense en Voaitge de Nopar, seigneur de Caumont a Saint Jacques en Compostelle et a Notre Dame de Finibus terrae (1417). En 1456 William Wey viaxou a Compostela por mar, desembarcou na Coruña e escribiu Itinerarium peregrinacionis... ad Sanctum Jacobum in Yspannya, onde conta as súas experiencias da viaxe e describe tamén as reliquias da catedral. No 1465 o nobre bohemio León de Rosmithal viaxou por varios países europeos. Desde Portugal desprazouse a Compostela e o seu itinerario recolleuno Shaschek, do que se conserva unha tradución en latín feita por Estanislao Paulowski, sacerdote de Olmutz e publicada en 1577. Gabriel Teztel, que se atopaba entre os acompañantes do nobre, escribiu tamén as súas vivencias da viaxe. Ambos os dous escritos publicáronse en 1844 en Stuttgart no tomo VII dunha colección de literatura nacional alemá e traducidos ao castelán por María Fabié. O séquito de Rosmithal chegou a Compostela o 14 de agosto de 1466, despois de percorrer o Camiño Portugués, onde se topou cunha cidade en plena revolta contra o arcebispo Alonso de Fonseca. Trala súa estancia en Compostela, dirixiuse a Fisterra para posteriormente seguir viaxe cara a Portugal. O médico Ieronimus Münzer, natural de Feldkirch e residente en Nuremberg, viaxou a finais do s XV por Italia, España e Portugal, desde onde realizou o Camiño Portugués a Compostela; o seu relato está recollido no Itinerarium sive peregrinatio. Münzer chegou a Santiago o 13 de decembro de 1494 e realizou unha minuciosa descrición da cidade e da catedral. No seu relato atópanse extractos do Liber Sancti Jacobi, texto que Münzer puido copiar durante esta viaxe. A única guía de peregrinación, e non relato, en alemán que describe o camiño de ida e volta a Compostela, débese a Hermann Künig von Vach, que realizou a viaxe a finais do s XV. Künig iniciou a súa guía Die walfahrt und Strass zu Sant Jacob, composta por uns 640 versos, en Einsiedeln, e tamén lle deu o nome de ruta alta ao camiño de ida e ruta baixa ó de volta; describe tan só superficialmente algúns dos hospitais do Camiño, e non fala nin da cidade compostelá nin da súa catedral. Harnold von Harff, cabaleiro renano, peregrinou a Compostela en 1499, aínda que con anterioridade xa visitara Xerusalén e Roma. No seu relato describe a cerimonia de coroación -coronatio peregrinorum- no interior da catedral, da que son obxecto os peregrinos alemáns, que non comprendían os composteláns. Bartolomeo Fontana, que posuía sólidos coñecementos en letras e cosmografía, realizou entre 1538 e 1539 unha viaxe a Compostela da que deixou constancia no seu libro Itinerario o vero viagio... seguendo poi per ordine di Roma fino a Santo Iacobo in Galicia, Finibus terre, La Barca, il Padrone e Santo Salvatore... (1550). Domenico Laffi, clérigo boloñés, realizou tres veces o Camiño de Santiago na segunda metade do s XVII, e publicou por vez primeira en Boloña Viaggio in Ponente à S. Giacomo di Galitia e Finisterrae (1673). O seu itinerario por España coincide co Camiño Francés clásico. Ao chegar a Compostela describe unha cidade barroca, cun urbanismo propio da época, e achega datos xeográficos de gran valor, así como literarios e históricos, acompañados dunha extensa bibliografía na que inclúe a Historia Compostellana. Cosme III de Medici chegou a Compostela acompañado dun gran séquito o 3 de marzo de 1669. Entre os seus acompañantes estaban homes de ciencias e letras, con cadanseu diario, e un debuxante, Pier María Baldi, quen deixou para a posteridade imaxes daqueles lugares polos que pasou Cosme de Medici: Tui, Pontevedra, Padrón e Santiago, entre outras localidades. No relato oficial, escrito por Lorenzo Megalotti, a cidade de Santiago recibe o nobre italiano cunha forte chuvia e vento como queda reflectido no debuxo de Baldi. De Compostela comenta que as rúas son estreitas e sucias e as casas de madeira. Á parte do texto de Megalotti sobre esta viaxe, tamén está o relato escrito por Corsini, máis espontáneo e menos oficial. Guillerme Manier, mozo xastre francés, chegou a Compostela o día 1 de novembro de 1726, despois de fuxir da cidade para non pagar unha débeda contraída co seu capitán cando cumpría as súas obrigacións militares. No seu relato sobre a cidade de Santiago, fai unha pormenorizada relación dos horarios e comidas que os peregrinos podían facer na cidade, así como unha completa enumeración das reliquias da catedral e unha descrición bastante detallada do interior do edificio catedralicio. O relato de peregrinación de Nicola Albani, natural de Melfi, que viaxou a Compostela en dúas ocasións, é un dos testemuños máis singulares do s XVIII e pódese considerar como a grande última viaxe. A súa experiencia recóllese na Veridica Historia ò sia viaggio da Napoli à S. Giacomo di Galizia, dividida en dúas partes. Na primeira, narra a súa peregrinaxe de Nápoles a Santiago en 1743, e na segunda, a súa viaxe de Santiago a Lisboa, a súa longa estancia na capital lusa e o regreso a Compostela no ano santo de 1745 seguindo o Camiño Portugués, e a volta a Nápoles. Acompañan o relato de Albani unha serie de acuarelas, gravados e debuxos, algúns divididos en varias escenas, que nos mostran algunhas das desgracias que lle aconteceron na viaxe. Entre outras publicacións relacionadas coa peregrinación e co Camiño de Santiago destacan: El libro chiamato pellegrino del Viagio de sam Iacomo de Gallicia (1464), de Gaugello Gaugelli; The Fyrst Boke of the Introdution of Knowledge (1532), de Andrew Boorde; Jacobusland (1972), de Emilio Pita; El Códice Calixtino de la catedral de Santiago. Estudio codicológico y de contenido (1988), de M. C. Díaz y Díaz; O Camiño de Santiago (1992), de Basilio Losada e Manuel G. Vicente; De Navarra a Compostela (1993), de Ángel Urrutia Iturbe; Itinerarios y peregrinos italianos a Santiago y Finisterre (en El Camino de Santiago, Camino de Europa, 1993), de Cauci von Sauken; El Camino de Santiago desde el aire (1993), de Xurxo Lobato; Alsacia Jacobea (1994), de V. Almazán; Aventureiros e curiosos. Relatos de viaxeiros estranxeiros por Galicia séculos XV-XX (1994), de G. A. Garrido; Estudios jurídicos sobre el Camino de Santiago (1994), de J. L. Meilán, J. Rodríguez-Arana e outros; Guía práctica do Camiño Francés (1997), de Antón Pombo; Dinamarca Jacobea (1998), de V. Almazán; Pobres, peregrinos y enfermos. La red asistencial gallega en el Antiguo Régimen (1998), de B. Barreiro Mallón e O. Rey Castelao; El Grande y Real Hospital de Santiago de Compostela (1999), de A. Rosende Valdés; Historia cultural do Camiño de Santiago (1999), de Francisco Singul; Santiago, Roma, Jerusalén. Diario de una peregrinación (1999), de J. Mª Fernández Sánchez e F. Freire Barreiro; La literatura odepórica compostelana en el Camino de Santiago (en El Camino de Santiago, Camino de Europa, 1999), de Cauci von Sauken; Caminaron a Santiago. Relatos de peregrinos al “fin del mundo” (1999), de K. Herbers e R. Plötz; A peregrinaxe e o Camiño de Santiago (1999), de H. Küning de Vach; Liber Sancti Jacobi. Codex Calixtinus (1999), de K. Herbers e M. Santos Noya; e Bandolerismo, vino y farándula en el Camino de Santiago (2000), de Alfredo Iglesias Diéguez, con debuxos de Camilo Otero; e os catálogos de exposicións Santiago, Camino de Europa. Culto y cultura de la peregrinación a Compostela (1993), Vida y peregrinación (1993), Lisboa-Santiago. La espiritualidad y la peregrinación jacobeas (1998), Santiago. La esperanza (1999) e Compostela na historia. Redescubrimento-Rexurdimento (1999).
Lendas
O Camiño Francés, por mor das correntes de peregrinos que levaron dunha parte a outra tradicións e costumes, foi unha permanente fonte de lendas transmitidas de xeito oral, e receptor doutras que chegaron alén dos Pireneos. O propio Códice Calixtino faise eco dalgunhas tradicións e costumes dos habitantes do Camiño, posteriormente transformadas en lendas. Co paso do tempo, moitos contos tradicionais adaptáronse e convertéronse en lendas e, mesmo nalgúns casos, pasaron á literatura culta. Historias relacionadas coas pontes e co demo están presentes nas narracións populares daqueles lugares no que a ponte, como no caso de Puente la Reina, son paso obrigado para os camiñantes. Noutros casos son os milagres os protagonistas; sen lugar a dúbida, o máis famoso é o do peregrino inocente que foi aforcado en Santo Domingo de la Calzada, lembrado permanentemente na súa catedral mediante un fornelo-galiñeiro gótico, en pedra labrada, no que habitan un galo e unha galiña. Os dous animais recordan o milagre de saír do asador e cantar diante da incredulidade do xuíz que condenara a morte ao peregrino inocente. As lendas relacionadas co ciclo carolinxio ou de Carlomagno e a súa pretendida peregrinación a Santiago aparecen en Roncesvalles, singularmente no caso da morte de Roldán, no lugar no que quedou cravada para sempre a súa espada, e no val de Valcarlos. As aparicións do diaño nas costas de Reniega aos peregrinos sedentos e a recompensa da chuvia ao non aceptaren as tentacións, forman parte das tradicións milagreiras repetidas en encrucilladas e diante dos cruceiros. Os asaltos aos camiñantes, ao seu paso por Lorca, deron lugar a infinidade de contos e aventuras nas que se fala das augas envelenadas do río Salado. En Estella son famosas as lendas do bispo de Patrás, chegado de Grecia e soterrado nesta vila xunto cunha reliquia de Santo Andrés que facía milagres. Moitos destes actos sobrenaturais están recollidos en romances e cancións populares que sobreviviron no tempo e que resultan doadas de atopar nas publicacións de carácter turístico local de cada pobocación. A lenda da peregrinación de Don Gaiferos é o exemplo máis salientable destes casos. As curacións de enfermos ou historias de arrepentimentos diante do paso á outra vida son fontes de innumerables contos, tradicións e lendas. Xa en Galicia, a tradición do Santo Graal toma corpo no Cebreiro. En Triacastela son famosas as argucias dos hospedeiros de Compostela que saían á procura de clientes aos que enredaban con recomendacións, nas que se basean as historias transmitidas. A fortaleza de Pambre é escenario dunha romántica lenda de amor entre dúas doncelas irmás e un cabaleiro ferido. As lendas relacionadas con Compostela confúndense na actualidade coas invencións dos escritores e poetas de todos os tempos. O propio descubrimento do sepulcro do Apóstolo pode considerarse a lenda principal do Camiño; séguenlle as relacionadas co Mestre Mateo e a construción do Pórtico da Gloria, as escritas ao redor da torre da Berenguela, as que falan das loitas dos burgueses contra os arcebispos, as do bispo nigromante Munio, soterrado ao pé do Mestre Mateo, que nunha noite viaxaba a Roma e retornaba cos segredos da Santa Sé, etc. As lendas do Camiño foron obxecto de infinidade de interpretacións e compilacións.
A natureza no Camiño de Santiago
O Camiño Francés de peregrinación a Santiago, ao longo dos case que 900 km que percorre por terras peninsulares, atravesa o terzo norte da Iberia ao comezar nos Pireneos occidentais e rematar na costa atlántica. Deste xeito o Camiño, que durante todo o seu percorrido europeo viaxa pola rexión eurosiberiana, na Península transcorre maioritariamente pola rexión mediterránea. Así, o Camiño ademais dos reinos de carballos e de caducifolias en xeral -representados nos mestos bosques dos vales Pirenaicos e galegos-, descobre a aciñeira e as estepas cerealeiras. Esta diversidade paisaxística non é equiparable aos outros camiños de peregrinación, como o Camiño Portugués ou a Vía da Prata, que discorren de xeito uniforme polo ámbito mediterráneo ata chegar a terras galegas. A secular humanización da vía francesa fai que o Camiño non atravese ningún espazo protexido e, as máis das veces, supón un corte nun continuo natural. Isto débese a que o Camiño discorre, sempre que é posible, por terras baixas e pasos naturais onde o asentamento do home é ben antigo e, por tanto, onde soportou unha fonda transformación, así como un gran número de infraestruturas de comunicación, repartos parcelarios ou mesmo encoros. De todos os xeitos, e en función do factor altitudinal, o Camiño percorre cinco pisos bioclimáticos diferentes (subalpino, montano, colino, supramediterráneo e mesomediterráneo) pertencentes ás dúas rexións bioxeográficas mencionadas con anterioridade, o que se traduce na diversidade paisaxística que existe entre os vales dos Pireneos, os bosques de ribeira do Ebro, as estepas cerealeiras de Castela, as matogueiras e carballeiras de Galicia ou a costa atlántica. Esta variedade de paisaxe reflíctese nunha diversidade animal da que dan testemuño as máis de 300 especies de aves que se poden detectar ao longo do Camiño.
As paisaxes pirenaicas
Os camiños europeos precisan, para continuar a vía francesa, salvar a gran dorsal dos montes dos Pireneos. Dous son os pasos máis comúns para penetrar na Península Ibérica: o porto de Ibañeta e o porto de Somport. Atravesando os Pireneos por Roncesvalles, polo porto de Ibañeta, discorre o Camiño entre fondos vales, onde se atopan algúns dos bosques mellor conservados de Europa. Así, dende Burguete pódese acceder a Orbaiceta e visitar o val de Irati, no que se atopa o faial máis extenso da Península e un dos últimos bosques virxes de Europa. O val presenta densas fragas de carballo albar nos arredores de Garralda, onde viven representantes da fauna forestal pouco comúns como o peto dorsibranco, o peto negro, o gabeador norteño, a marta e o lirio gris, ademais de cervos e corzos. Nos cantís habitan aves rupícolas como o quebraosos e o gabeador vermello. No mesmo val de Irati están as reservas naturais de Mendilatz, Lizardoia e Tristuibartea. A Reserva de Mendilatz ocupa 119 Ha no val de Aezkoa; sobre un substrato calcáreo aparece un faial maduro con tileiros, teixos, acivros, freixos, pradairos e umeiros. A Reserva de Lizardoia ocupa 64 Ha do monte de la Cuestión, onde está presente un extenso bosque de faias e abetos brancos que atopan neste bosque o límite meridional da súa distribución. A Reserva de Tristuibartea ocupa 55 Ha da aba norte do Monte Petxuberro, que presenta unha fraga de carballos pubescentes na que o buxo aparece de xeito natural no sotobosque. Tamén se pode desde Mezquiriz chegar ao faial de Odia, que ocupa 49 Ha catalogadas como Enclave Natural. No paso dos Pireneos polo porto de Somport, o Camiño corre paralelo ao río Aragón, que descende na súa compaña dende as alturas pirenaicas. Os afluentes que nel desembocan deron orixe a vales encaixados onde se agochan bosques en óptimas condicións de conservación. Desde Castiello de Jaca hai acceso, seguindo o río Iguacel, á selva de Villanúa. Desde Jaca, onde comeza a depresión media Prepirenaica, polo porto de Oroel pódese chegar á serra de San Juan de La Peña, onde se observan quebraosos e outros voitres. En Puente la Reina desemboca o afluente Aragón-Subordán que conforma o val de Hecho, onde se atopa a selva de Oza, e en Berdún, o río Veral, que conforma o val de Ansó coa selva de Zuriza. Nestes dous vales pirenaicos, orientados de norte a sur, mantéñense condicións case que primixenias dos bosques de faias e abetos; entre as especies animais, aínda se poden atopar osos, gatos bravos, martas e cérvidos, e aves como o quebraosos, os voitres, as aguias reais, os petos negros, as pitas montesas, os verderolos da serra e as choias. En Liédena pódese visitar a foz de Lumbier do río Irati, os acantilados da Piedra e San Adrián e a foz de Arbayún. Estes espacios contan coa catalogación de Reserva Natural e de Zona de Especial Protección para as aves, e neles aniñan o voitre leonado e branco, a aguia real, o falcón peregrino, o bufo grande, a choia, o cirrio grande, o merlo rubio e o merlo azul. A presenza do quebraosos fai que neles se leve a cabo o Plan de Recuperación para esta especie. Próximo a Abinzano está a serra de Izco con bosques ben conservados e cunha diversificada comunidade de aves forestais. Ardanaz é a vía para coñecer a serra de Izaga onde se mesturan, na mesma masa forestal, faias e caxigos, e nos cantís, numerosas aves rupícolas, amais dunha importante colonia de voitres leonados. Desde Aibar e Gallipienzo accédese á Reserva Natural de Caparreta situada na serra de San Pedro, cunha vexetación mediterránea baixa e con aguias perdigueiras, bufos e voitres. En Pueyo pódese coller a vía que comunica coa Reserva Natural del Monte del Conde, de 130 Ha de bosques mediterráneos onde aniñan aguias albelas, aguias caudais, miñatos gallados, miñatos negros, miñatos abelleiros e falcóns pequenos. Desde Olleta accédese á Reserva Natural del Monte de Olleta, de 28 Ha, con bosques de carballos pubescentes, caxigos e pradairos, e desde Aoiz á Reserva Natural do Poche de Chinchurrenea, de 39 Ha, arredor do río Urrobi, con aciñeiras, caxigos, faias, piñeiros e pradairos, e onde ten o límite meridional de distribución o peto negro. Tamén desde Aoiz, pero no río Irati, atópanse a Reserva Natural de la Foz de Gaztelu, con 72 Ha, e a Reserva Natural de la Foz de Iñarbe, de 266 Ha, ambas as dúas con aves rupícolas e forestais. Ao sur do Camiño, os ríos Aragón e Arga presentan bosques de ribeira, declarados Reserva Natural, onde está presente unha nutrida representación de aves acuáticas. Tamén ao sur do Camiño está situada a lagoa endorreica de Pitillas, Reserva Natural de 216 Ha, con mergullóns, garzas pequenas, abetouros, patos, tartaraña das xunqueiras e camóns. Ao norte de Estella sitúase a Reserva Natural del Nacedero del Urederra, de 119 Ha, na vertente sur da serra de Urbasa, de bosques con faias, carballos, pradairos, freixos, buxos, teixos, cancereixos e cimbros. Próximo ao Camiño, logo de atravesar Estella, está o outeiro de Montejurra, cuberto de aciñeiras. Ao sur de Estella están os piñeirais de Lerín, que constitúen un Enclave Natural de 94 Ha. Dende Estella, e pasando por Zúñiga, pódese visitar a Reserva Natural del Barranco de Lasia, de 70 Ha, na vertente norte da serra de Codés, con bosque mediterráneo e bosques de ribeira. Desde Cabredo accédese á Reserva Natural de Peñalabeja, de 24 Ha, poboada de carballos cerquiños. Antes de chegar a Logroño, nas proximidades do río Ebro, está a Reserva Natural del Embalse del Salobre, de 100 Ha, con abundante vexetación acuática e bosques de tamargueiras, onde aniñan, entre outras aves acuáticas, a garza denoiteira, a garza cinsenta, a garza vermella, a garza pequena, a garza branca, o abetouro e o mergullón. Ao sur de Santo Domingo de la Calzada, en Ezcaray, accédese aos cumios do Sistema Ibérico, que constitúe unha Reserva Regional de Caza e onde están presentes xabarís, corzos, cervos e pombas na época de paso. Tamén se atopan paxaros forestais como o cruzabico e o verderolo da serra, e bandos de perdiz charrela. Xa na provincia de Burgos, ao sur do camiño, dende Belorado, accédese á serra da Demanda con faiais nos cursos altos dos ríos Tirón, Pradoluengo e Urbión. Logo o Camiño atravesa os montes de Oca, con devesas de faias e bosques de carballos cerquiños, onde aniñan as arceas. No porto da Pedraja están presentes o corzo e o lobo. Entre Arlanzón e San Millán de Juarros, o río Arlanzón conta cun bosque de ribeira de amieiros, salgueiros e lamigueiros, onde aniñan o peto pequeno e o ferreiriño caluguinegro. No mesmo río conviven a lontra, o merlo rieiro e a auganeira. Antes de chegar a Burgos, está a serra de Atapuerca, de natureza calcárea, chea de covas con colonias de morcegos e onde se describiu a especie fósil do Homo antecessor. A mesma cidade de Burgos conserva xardíns da ocupación napoleónica como o paseo de Espolón e paseo da Isla.
As paisaxes da Meseta
Logo da cidade, o Camiño atravesa o Páramo de Burgos, terra de baldíos e cultivos, cunha avifauna típica de calandras, trigueiros, lavercas, escribentas, cortizois pancimouros e tartarañas; entre os depredadores destacan a aguia real e o lobo. Logo o Camiño cruza o río Odra, que neste tramo presenta unha mesta vexetación palustre na que aniñan folosas, ferreiriños caretos e garzas pequenas. En terras palentinas, o ambiente estepario continúa na comarca de Tierra de Campos, onde predominan os cultivos de cereal e nos que a fauna se compón de aves esteparias; ás veces, combínanse tamén con vegas fluviais de bosques en galería como os do río Pisuerga, con bosques de ribeira ben conservados e con abondosa vexetación palustre que permite a presenza de aguias caudais, ferreiriños caretos, píllaras pequenas e lontras. Próximo á localidade de Castrojeriz e Pedrosa del Príncipe, está o Páramo de Alcubilla, que posúe unha variada comunidade de aves esteparias como o sisón, o pernileiro, o cortizol pancialbar, a calandra e a cotovía montesa. En Frómista o Camiño atravesa tamén o canal de Castilla, onde existen pequenos bosques de ribeira que constitúen un importante refuxio para a fauna e que, augas arriba e antes de Requena de Campos, conta cun pequeno humidal cheo de numerosas aves acuáticas como a tartaraña das xunqueiras. Logo de Revenga de Campos e ata Villoldo esténdense cultivos de regadío de alfalfa e xirasol, onde, ademais dunha diversa comunidade de paxaros esteparios, se forman, logo da tempada de reprodución, importantes concentracións de avetardas e sisóns. O río Carrión, ao seu paso por Carrión de los Condes, presenta un bo estado de conservación, o que permite a presenza no bosque de ribeira de ouriolos e aguias caudais, e, nas marxes do río, alavancos, picapeixes, escribentas das canaveiras, furóns e lontras. Desde a provincia de León, Tierra de Campos diversifícase nas ribeiras dos ríos Cea, Esla, Porma, Torío, Bernesga e Órbigo. Preto do Camiño, en Bercianos del Real Camino, está a Laguna Grande de Bercianos, con abundantes aves ligadas aos medios húmidos. Antes de alcanzar León, o Camiño atravesa o río Torío, no que viven troitas, auganeiras, merlos rieiros e lontras, e que dan lugar a uns canóns calcarios, onde aniña o falcón peregrino, o voitre leonado e a aguia real, e onde inverna o gabeador vermello. En León están as únicas colonias de gralla grande da Península. Xa no páramo leonés, destaca a lagoa de Chozas de Arriba, despois de pasar por La Virgen del Camino, onde aniñan a cerceta estival e o bilurico pativermello, e que constitúe un importante punto de descanso para as aves acuáticas migradoras. No seu contorno atópase unha das máis importantes colonias de avefrías da Península Ibérica. En Villadangos del Páramo está a lagoa de Villadangos, que presenta un interesante carrizal onde aniñan as folosas e que dá refuxio á tartaraña das xunqueiras, aos patos e aos mergullóns. Pasando Astorga, e seguindo por terra de estepas cerealeiras, na Maragatería e nos montes de León, aparecen bosques de carballos cerquiños, alternados con pastizais e cultivos de cereal, onde vive o lobo e aniñan os sisóns, os papoazuis e as choias biquivermellas. Estes elementos faunísticos son, novamente, un claro indicio da transición que desde o mundo mediterráneo se realiza ao eurosiberiano. Neste treito, o Monte Teleno domina a paisaxe, de natureza silícea e con 2.183 m de altitude, e alberga comunidades de aves de montaña.
As paisaxes galegas
Superados os montes de León, o Camiño penetra na comarca do Bierzo, que constitúe un val ancho e fondo, separado do reino mediterráneo, e situado ao sur e ao leste do eurosiberiano, que reina no norte e no oeste. Logo de franquear o porto do Foncebadón e de pasar Manjarín, o Camiño achégase aos vales de Compludo, que presentan densos bosques de aciñeiras, carballos cerquiños e ribeira. Sobre Ponferrada érguense os Montes Aquilianos, de ata 1.997 m de altitude, onde subsisten antigos soutos habitados polo peto pequeno e o rabirrubio testibranco. No cumio Guiana, que combina as naturezas silíceas e calcarias, atópanse especies de aves de montaña. Ao sur de Ponferrada, en Peñalba de Santiago, sitúase o val do Silencio, onde domina un gran bloque calcario sobre un contorno ácido e de masas forestais ben conservadas. Na mesma comarca, e ao sur do Camiño, está a serra da Lastra, con bosques de aciñeiras, érbedos, trobiscos, escornacabras e numerosos endemismos botánicos localizados nos farallóns dolomíticos. A fauna máis interesante está composta polo cirrio grande, a andoriña dáurica, o bufo grande, a choia biquivermella, a pomba dos rochedos, a pomba brava e as comunidades de morcegos que habitan nas covas. Tamén ao sur están As Médulas, con soutos e sobreirais no río Cabrera e no lago de Carucedo, como aniñan numerosas aves acuáticas, entre anátidas, rálidos, mergullóns, garzas pequenas e folosas. Ao norte do Camiño atópanse os Ancares bercianos que, nas partes baixas, presentan especies de ámbito mediterráneo e, nas alturas, o corzo, a marta, o lobo, o oso e a pita montesa. Nos cumios vive tamén a tartaraña, a perdiz charrela e o rebezo. Desde Vega de Valcarce pódese acceder ao val de Barxas, que constitúe o Courel berciano e onde se poden atopar importantes soutos. Ao norte de Pedrafita do Cebreiro e limitada ao leste polo río Navia, está a comarca dos Ancares, onde se sitúan os vales de Brego e Vara, pertencentes á Reserva Nacional de Caza dos Ancares de Lugo, e onde subsisten fragas habitadas pola marta, o peto negro e a arcea. Nas alturas viven a perdiz charrela e o lobo. Desde Pedrafita, por Becerreá, accédese ao val do Navia, habitado pola lontra e polo miñato abelleiro. Ao sur do Camiño, na serra do Courel, cómpre salientar a presenza de soutos, da Devesa da Rogueira e dos faiais máis sudoccidentais de Europa. Á altura de Samos, o Camiño resgárdase na serra do Oribio, onde pervive unha fraga de acivros, bidueiros e carballos. O Camiño, ao seu paso por Sarria, descobre un amplo val co típico mosaico de veigas e pastizais onde se poden atopar cegoñas, pouco comúns nas terras galegas. Xa no val do río Miño, hai soutos, carballeiras e antigas viñas. O Camiño deixa ao norte a Terra Chá, de pastizais, bosques de ribeira e pequenas carballeiras onde viven o sisón, a tartaraña e a avefría, e onde se atopan as lagoas de Cospeito, Caque, Ribeiras de Lea e Veiga de Pumar. Logo de Palas de Rei, a serra de Careón aparece dominada por toxais con numerosas aves do mato, entre as que destacan as tartarañas, e onde habitan os lobos. No mesmo Camiño están as Gándaras de Melide, que, pola súa natureza ultrabásica con serpentinas, presentan numerosos endemismos botánicos exclusivamente galegos. Antes de chegar a Santiago de Compostela, ao sur do Camiño, están os ríos Ulla, Deza e Arnego con bosques de ribeira ben conservados. Interesante tamén é o salto do río Toxa, antes de desembocar no Deza. Na mesma cidade de Santiago Compostela existen diversos parques con nutridas comunidades de paxaros como a carballeira de Santa Susana, onde aniñan as rulas turcas. Pódese continuar o Camiño ata Fisterra, lugar de cetáceos e de paso migratorio de aves mariñas.
A saúde no Camiño
A hixiene e a saúde pública
A peregrinación, xunto coas expedicións militares, era durante a Idade Media un importante fenómeno de mobilidade social e, como consecuencia, ía asociado á transmisión de enfermidades. En moitos casos os peregrinos que ían a Santiago empezaban o seu camiño xa enfermos ou nun estado físico deficiente en busca da curación das súas doenzas, xa que se lle atribuían ao Apostolo propiedades milagreiras. Isto xuntábase coas dificultades do Camiño e coas precarias condicións de hixiene. Na Idade Media a auga seguía sendo un importante factor hixiénico, herdanza do mundo grecolatino, feito que se reflectía na abundancia de baños, públicos ou privados, pero sempre colectivos. Non obstante , durante o Camiño non sempre se atopaban albergues cos servicios axeitados para a limpeza total dos peregrinos, co que a maioría das veces se lavaban só parcialmente en ríos e fontes. Un exemplo é o lugar chamado Lavamentula (actual Lavacolla), onde se bañaban, antes de entrar na cidade, os peregrinos que chegaban a Santiago polo Camiño Francés. Outra cuestión crítica para a saúde dos peregrinos eran as aglomeracións que se producían no interior da catedral, onde se padecía, de forma especial, a falta de hixiene. Con este motivo instituíuse, durante as pestes, a práctica da queima das roupas dos peregrinos no tellado do deambulatorio fronte á Cruz dos Farrapos. Tamén existe a crenza de que o botafumeiro servía para contrarrestar o fedor da multitude, aínda que o máis probable é que a súa función primordial fose a de purificación espiritual e louvanza. A todo isto uníase a falta de infraestruturas que garantisen a saúde pública nas cidades; estas carecían de redes de saneamento, bebíase a auga dos ríos, case non había rúas pavimentadas e descoñecíanse as latrinas. Neste marco proliferaban as enfermidades e estendíanse as epidemias, basicamente de lepra, peste e lume de santo Antón. Os peregrinos presentaban as doenzas típicas dos camiñantes; a maioría resentíanse dos pés, debido ás longas xornadas de marcha, sufrían insolacións e padecían intoxicacións por mor da inxestión de auga e alimentos en mal estado. Non é ata o s XVI cando os albergues e as institucións hospitalarias empezan a preocuparse por dispoñer de instalacións para o aseo dos peregrinos e de proporcionarlles roupa limpa. A partir do s XIX iniciouse a loita a nivel internacional contra as epidemias e o tráfico de enfermidades, nunha serie de conferencias sanitarias en diversos países que levaron ao establecemento dunha serie de normas sanitarias respecto ao movemento masivo de persoas. Coa promoción institucional de finais do s XX, realizáronse diferentes obras ao longo do Camiño, tanto nas vías de comunicación coma na rede de albergues; isto produciu unha mellora das condicións sanitarias. Con respecto á auga, importante medio de transmisión de enfermidades, púxose especial énfase no control de depósitos dos albergues e nas indicacións dos mananciais non potables.
A hospitalidade
Os peregrinos precisan unha atención, basicamente, de albergue e de asistencia sanitaria; isto favoreceu a aparición dun rosario de institucións hospitalarias ao longo do Camiño, que nun principio acollían indistintamente peregrinos e enfermos. As regras polas que se rexían as distintas congregacións establecidas á beira do Camiño consideraban a hospitalidade cara aos pobres e forasteiros unha manifestación fundamental da caridade, unha das tres virtudes teologais. A caridade debía ser especialmente practicada cos que peregrinaban aos santos lugares. A hospitalidade é unha actitude fondamente arraigada na espiritualidade cristiá; cómpre lembrar a orixe xudaica do cristianismo e a condición nómade do pobo de Israel desde o tempo dos patriarcas. Neste sentido, a regula monachorum, redactada por san Bieito de Nursia entre os anos 534 e 550 para o seu cenobio de Montecassino, establecía expresamente a necesidade de acoller a todos os hóspedes, especialmente os irmáns de fe, os pobres e os peregrinos, como o mesmo Cristo. Así apareceron os primeiros hospitais, edificios destinados a albergar os pobres da localidade e os peregrinos que, normalmente, estaban en mans de beneditinos. O primeiro que aparece documentado é a igrexa de San Andrés en 945, que foi doada por Ramiro II de León ao mosteiro de Sahagún para que se destinara a hospicio de peregrinos. A difusión da regra dos beneditinos a través de Occidente contribuíu a fortalecer a atención en ruta dos peregrinos, especialmente a través das ordes cluniacense e cisterciense, desde os ss XI e XII, respectivamente. Tamén os agostiños, establecidos na Península Ibérica dende o s VI, mantiveron establecementos hospitalarios, como a real colexiata de Roncesvalles, que é hospedaxe desde 1127. Á parte dos hospitais das ordes relixiosas, había outros hospitais episcopais como os de León, Compostela, Oviedo, Padrón e Pamplona; hospitais das ordes militares, como os fundados polos templarios, pola orde de san Xoán de Xerusalén, pola orde de Santiago e pola orde de Calatrava; hospitais fundados por monarcas e nobres como o Gran Hospital del Rey de Burgos e o Gran Hospital Real de Santiago, amais doutros fundados por parroquias, gremios e confrarías. Os primeiros hospitais eran lugares que ofrecían un tripla servicio: asilo aos pobres, refuxio aos peregrinos e asistencia ao enfermo; dispuñan dunha gran sala que servía de dormitorio común -normalmente unha para homes e outra para mulleres-, un oratorio, un comedor, unha cociña, un cemiterio e, nalgúns casos, unha enfermería. Neles lavaban os pés os peregrinos á súa chegada (máis por costume bíblico que como medida hixiénica), mantíñanse as chemineas acendidas constantemente para que puidesen quentarse e enxoitar as súas roupas, conservábanse as instalacións alumeadas toda a noite, proporcionábaselles cama e roupa limpa e dábaselles comida. Xunto cos coidados materiais, tamén se lles ofrecían coidados espirituais, incluso se lles daba sepultura nos cemiterios dos hospitais en caso de morreren. Ao ir aumentando a demanda de acollida e co fin de evitar abusos, tivo que limitarse a estancia a un número reducido de noites (tres ou cinco, dependendo do centro e da estación), agás en caso de enfermidade. Co tempo, os hospitais convertéronse en centros de atracción económica e de poboación. Cara ao s XVI, os Reis Católicos iniciaron unha política de modernización dos centros hospitalarios, coa que promocionaron a construción de grandes hospitais, como o de Santiago de Compostela. Nos séculos seguintes, coincidindo co retroceso do Camiño e a diminución do número de peregrinos, os hospitais perderon a primitiva concepción de albergues para dedicarse exclusivamente á atención de enfermos; neles desenvolveuse a moderna medicina hospitalaria. A finais do s XX, co rexurdimento do Camiño, reforzouse a rede hospitalaria e a rede de asistencia primaria mediante unidades móbiles.
Medicina e farmacia
As peregrinacións serviron de vía de transmisión dos coñecementos médicos e terapéuticos. Un exemplo disto reflíctese no costume de sacar os enfermos aos camiños coa esperanza de que pasara un viaxeiro que recoñecese os síntomas e buscase algún remedio. Durante a Idade Media a medicina foi practicada, case con exclusividade, polos monxes beneditinos. Por mor da crecente solicitude dos seus servicios por parte das poboacións dos arredores, acabou prohibíndoselles o exercicio fóra do claustro para evitar o descoido no cumprimento da regra monástica. Como consecuencia, viuse favorecido o exercicio médico dos laicos; no s XII constátase a presenza dun médico da prestixiosa escola de Salerno en Compostela. Daquela, os propios médicos elaboraban os medicamentos que se empregaban na peregrinación. A partir do s XIII fíxose definitiva a separación de médicos e farmacéuticos, fenómeno que se reflitiu ao longo do Camiño coa aparición de numerosas boticas e apotecas. Tamén existían abondosos herbarios que contiñan as plantas medicinais máis frecuentes no Camiño: o ditamo, especie apócrifa que tiña a virtude de facer saír o ferro do corpo; a escorzoneira, empregada contra a mordedura das víboras; a abeloura, que en forma de emplasto aliviaba golpes e rozaduras; o cardo corredor, empregado coa mesma finalidade pero neste caso como amuleto; o meimendro, para calmar a dor de moas; o lamigueiro mouro, do que se aproveitaban os abrochos para elaborar unha untura contra as hemorroides; o amieiro, efectivo contra as rozaduras, o cansazo e a sudoración excesiva dos pés colocando as follas amodo de sobreplanta; a silveira, útil contra a diarrea grazas aos taninos dos abrochos e dos froitos; a menta, o poexo e o fiúncho, que facilitan a dixestión, aliviaban a dor de estómago e facilitaban a eliminación de parasitos intestinais; a malva e os amores, empregados contra os carafunchos en forma de cataplasmas ou en fresco, respectivamente; o agrón, o boubín, a pamplina de auga e a estruga, que alivian o cansazo por medio da súa inxestión; a sempreviva e o romeo, empregados para abrandar os calos, aliviar as picaduras de insectos e cicatrizar feridas; a herba de Santiago, que posúe propiedades carminativas e, en tintura, cicatriza as feridas; e a herba das cortadelas, que tamén servía para cicatrizar as feridas. Combinadas con estas materias, empregábanse para a elaboración de medicamentos numerosas pedras curativas como o rubí, a turquesa, o xaspe, a esmeralda, o ferro, o ouro, a prata, o chumbo, o xofre, o mármore, o cobre, o talco e o xeso, entre outros.
O Camiño terreal
As actividades económicas
O Camiño constituíu, durante a época de máximo apoxeo das peregrinacións medievais, unha gran vía que, atravesando todo o norte da Península Ibérica, unía Hispania con Francia, Flandres ou Inglaterra. Os contactos comerciais que se estableceron entre eses reinos baseábanse no intercambio de las, peles, cabalos e trigo, procedentes da Península, por teas flamengas e inglesas, fundamentalmente. Ademais, ao longo do Camiño asentáronse numerosos comerciantes estranxeiros que aproveitaban os foros para instalarse nos burgos do Camiño: Pamplona, Puente la Reina, Estella, Logroño, etc. A artesanía, a hospedaxe e o comercio para o abastecemento dos peregrinos foron as actividades económicas máis puxantes, que dinamizaron as numerosas vilas que atravesaba o Camiño. A cidade que máis se beneficiou deste dinamismo mercantil foi Santiago de Compostela. A presenza de numerosos cambiadores, necesarios pola grande afluencia de moeda estranxeira, dado que os peregrinos viaxaban coa súa propia moeda, e a oscilación dos prezos, á alza nos períodos de máxima afluencia de peregrinos, determinou que Xelmírez ditase normas encamiñadas á regulamentación na venda de produtos. Así mesmo, Santiago de Compostela beneficiouse desde o s IX do chamado Voto de Santiago, unha renda sobre a produción agraria a favor do culto ás reliquias do santo, orixinado a partir dun privilexio establecido por Ramiro I no 834, en agradecemento ao Apóstolo pola súa intervención a prol das tropas cristiás na mítica Batalla de Clavijo.
Picaresca no Camiño
O Camiño de Santiago, malia a súa condición de camiño de peregrinos motivados por unha finalidade espiritual, foi un camiño terreal, polo que circularon pícaros, ladróns, delincuentes e xentes da farándula que, encubertos trala esclavina e o sombreiro de á ancha, ocultaban finalidades moi distintas das espirituais. Segundo lexislaba Afonso X o Sabio no libro das Partidas, os peregrinos tiñan a orde de camiñar dereitos cara ao destino final: Santiago de Compostela; sen embargo, non todos no Camiño cumprían ese precepto. A fame e a pobreza foron, segundo Caro Baroja, as causas que motivaron que milleiros de persoas andasen sen rumbo fixo. Os vagabundos, que recoñecían en Santiago ao seu santo patrón, poboaron as vilas do Camiño e transitaron por el alongándoo e torcéndoo en procura da esmola e da caridade establecida ao redor da mendicidade. O sustento para pobres foi unha das bases da hospitalidade no Camiño. Un vello truco dos pícaros era o de alimentarse da esmola que, nalgúns lugares como no Hospital del Rey de Burgos, era óptima, abundante e incluía carne para sobrevivir e, aproveitando as máis diversas circunstancias e padroados, recibir acubillo en todos os hospitais e casas de misericordia de cada unha das vilas do Camiño. Este vello truco, coñecido como a roda, consistía en permanecer ata o límite en cada un dos lugares de hospitalidade e aguantar na cidade ata que se esgotasen todas as posibilidades de gozar da beneficencia pública e privada local. Para evitar a roda e obrigar os mendigos e vagabundos a seguir o camiño, cidades como Pamplona, Burgos, León e Santiago de Compostela instituíron a figura do echador, encargado de botar fóra dos recintos desas cidades a aqueles que andaban polo Camiño sen rumbo fixo e contradicindo as normas fixadas nas Partidas afonsinas. Así mesmo, o Camiño estaba inzado doutro tipo de falsos penitenciarios: os bandidos e os ladróns. Ao longo de todo o Camiño existían bandas organizadas de asaltadores que se dedicaban a roubar os peregrinos, como se reflicte nas moedas atopadas nas tumbas daqueles que morreron durante a peregrinación e que adoitaban agochar entre o bastón ou nas dobras das roupas para que os ladróns non llelas puidesen quitar. Ademais, pódense topar abundantes testemuños que corroboran este feito. O Papa Calisto II relata nunha carta que fora víctima dun atraco no que lle levaran todo agás o Códice. Xelmírez, pola súa banda, viuse obrigado a desviarse ata Palencia para evitar o treito Burgos-Sahagún, de máximo perigo e onde os ladróns actuaban con total impunidade. Das cidades do Camiño, Sahagún converteuse na Gomorra do sexo e do viño, con profesionais do xogo e mulleres que prestaban servicios de baralla e de corpo para combater a luxuria dos peregrinos. En Sahagún, como se tira do Códice Calixtino, o entretemento non tiña máis límites ca os que se impuxese o propio peregrino; era unha Babel europea de gascóns, bretóns, alemáns, ingleses, borgoñóns, tolosanos, provenzais, longobardos, etc, que atopaban nas súas tabernas -sendo quizais a máis famosa a de Konradus, aberta en 1245- e lugares de acollida, viño e sexo co que satisfacer os seus apetitos. Segundo as contas dos abades beneditinos, en Sahagún circulou máis viño que auga, consumíronse ao redor de 150 litros diarios de viño. Foi famosa, durante a primeira fase de esplendor do Camiño a cuba de Sahagún, descrita como unha descomunal balea por todos os que deixaron testemuña dela. Foi Hermann König von Vach, monxe servita, quen redactou a mellor guía do bo bebedor en 1495, na que se destaca a importancia que o viño tivo no Camiño. O viño, como aparece reflectido no Liber Sancti Jacobi, foi o animador e lenitivo de moitos peregrinos que se dirixían a Santiago, pero tamén dos vagabundos, pícaros e ladróns. Para fomentar o consumo do viño ideáronse unha serie de fábulas, contos e lendas, moi típicas da picaresca peninsular, que animaban os peregrinos a non probar auga en ningures. Era común, en todas as vilas do Camiño, que as fontes non fosen aptas para o consumo ou tivesen propiedades negativas; ademais tampouco era boa a auga dos ríos. Algunhas lendas advertían os peregrinos de non beberen da auga dun río se non querían morrer en menos dunha xeira de camiño; outras dicían que as augas dos ríos do Bierzo provocaban males estomacais, entre outras.
A gastronomía
Da mesma maneira que na actualidade, na Idade Media unha experiencia fundamental do peregrino era a de alimentarse ao longo do Camiño cos diferentes produtos das terras e culturas gastronómicas que ía coñecendo, moldeadas polas interinfluencias que o propio fluxo de viaxeiros favorecía. Realmente, sábese pouco de cómo comían os devotos camiñantes medievais. Referencias como a de que no s XV, no Hospital del Rey, en Burgos, se facilitaba a cada un deles máis de cuarto quilo de carne de carneiro e un quilo de pan, unha escudela de legumes con touciño, ovos ou peixe, e preto de tres cuartos de litro de viño, non pode levar a pensar que, efectivamente, se tratase dun costume cotián. Pan e auga eran a caridade habitual, co engadido dunha sopa que podía incluír carne, ovos ou manteiga, en función das posibilidades do doador. Algúns cenobios chegaban a servir peixe, un guiso ou potaxe, pero o viño só se cataba ocasionalmente. O Pireneo aragonés, polo que se accede á Península Ibérica, é terra de guisos e asados, realizados cos legumes, a caza, o cordeiro e, sobre todo, co porco. Non obstante , poden atoparse no receitario tradicional preparacións como a goguera de coello, que ten evidentes similitudes coa empanada galega. Ao descender cara a Navarra, á beira do Ebro, as súas hortas producen verduras e hortalizas (espárragos, alcachofas, pementos ou feixóns), e viños, ademais dalgún reputado licor, como o patxarán. A despensa local enriquécese coa caza, cos caracois, tan apreciados como en Francia, e a pesca de río, sobre todo nas zonas altas. Destacan os guisos navarros, especialmente o chilindrón. En La Rioja sobresaen os viños de uva tempranillo. O armentío local fornece, sobre todo, de gando ovino e caprino; tamén é importante a caza de pombas, perdices, xabaril ou corzo. A relativa proximidade do mar fai partícipes tamén a algúns peixes do seu receitario popular. En Castela destaca a caza, sobre todo menor, e tamén os cereais e años, en xeral sinxelamente asados; o condimento utilizado é o allo. Conta con viños destacables ao longo das ribeiras do Douro. Cos seus legumes e mais as súas carnes confórmase o cocido ibérico de referencia: a olla podrida. Preto de Galicia, na Maragatería e no Bierzo, destaca o cocido maragato; perde presenza a caza menor, e aparece a tenreira e algún peixe, como o congro, e tamén as chacinas. Os cachelos, o botelo ou os viños de uva mencía, así como algúns licores, sobre todo de cereixas, evocan a gastronomía galega. En Galicia, o protagonismo na horta corresponde ás verduras (verza, grelo ou nabiza) e á pataca, mentres entre as carnes destaca a de porcino, aínda que tamén se aprecian outras, especialmente a de tenreira, que se toma asada, guisada ou simplemente cocida, como na carne ao caldeiro. Pratos que combinan estes elementos tradicionais, son o caldo e o cocido, ou outros máis modernos como o lacón con grelos. Tamén hai que cualificar así a empanada, meritoria elaboración, mentres na franxa costeira existe unha rica cociña de mar, na que cabe salientar os peixes (en xeral preparados sinxelamente, o que non exclúe a brillantez nalgunhas especialidades, como a caldeirada), os mariscos (como norma xeral, simplemente cocidos) e o polbo (guisado ou cocido á feira) e outros moluscos, entre os que hai que distinguir a vieira, por prestar a súa cuncha como símbolo do Camiño Xacobeo. Hai que destacar que a cociña galega foi especialmente receptora de influencias foráneas, sobre todo francesas, que sorprenden a cociña clásica pacega. Sen dúbida, as máis antigas influencias teñen moita relación co Camiño Francés, como tamén a posibilidade de que algunhas castes de uva tan relevantes como o albariño ou o mencía poidan ser adaptacións locais nos tempos medievais de tipos europeos, respectivamente da riesling e da cabernet franc. Non obstante , as filloas, obviamente semellantes ás crêpes francesas, parecen de orixe moi remota, posiblemente unha influencia en sentido inverso; en todo caso, existen preparacións similares noutras zonas ao longo do Camiño, e tamén xalundes. En cambio, a típica preparación da lamprea guisada, parece de orixe gala (e de feito, adoita denominarse á bordelesa). Parece máis xenuinamente galega a preparación en timbal, unha sofisticada especialidade propia dos vales do Ulla e do Umia, semellante á empanada. En canto ao Camiño Portugués, as posibles interinfluencias son menos importantes e evidentes. Aspectos reveladores como poden ser as técnicas de elaboración queixeira, a chacinería ou a docería tradicional revelan un relativamente escaso contacto histórico. Neste aspecto, é evidente que a outra grande influencia sobre a culinaria galega é sen dúbida outra: a cociña mediterránea, que se revela no abondoso uso de ingredientes como a especia pemento, o allo ou o aceite de oliva (xustamente os compoñentes da allada, o mollo definitorio das preparacións á galega).
O camiño iniciático
Os estudiosos das ciencias ocultas consideran o Camiño Francés unha ruta de iniciación nas claves do coñecemento secreto e alquímico. Nas diversas interpretacións existentes, o camiñante fai o Camiño para recoller as claves que lle permitirán alcanzar o coñecemento oculto da perfección espiritual e, nalgúns casos, incluso física. Estas teses manteñen que cada tramo do Camiño pode ter unha interpretación espiritual ou marcar os pasos do alquimista na procura da pedra filosofal; os edificios, monumentos, iconografía, lendas e mesmo a toponimia, conteñen mensaxes que o peregrino debe saber ler e interpretar para alcanzar o seu obxectivo de perfección, a súa verdadeira meta ao iniciar a peregrinación a Compostela. Estas interpretacións manteñen que o Camiño xa era unha travesía iniciática anterior ao descubrimento do sepulcro do Apóstolo, ruta que remataba ou ben en Fisterra ou en Noia, segundo algúns, ou nos dous lugares indistintamente, ao entender doutros. As interpretacións dos símbolos e da iconografía son múltiples e, na maior parte dos casos, aparecen axustadas aos criterios das distintas tendencias ou disciplinas, xa sexan cabalísticas, alquímicas, místicas ou esotéricas de calquera condición. Cada un dos estilos arquitectónicos do Camiño dá lugar a interpretacións e lecturas diversas. O románico é considerado o estilo xenérico das peregrinacións cun alto valor espiritual. As claves iniciáticas hainas que buscar nas representacións escultóricas, que se presentan como auténticas lendas exemplarizantes para quen debe saber ler na pedra esculpida. No exterior, en muros e canzorros, represéntase o mundo profano, os vicios e os perigos da vida terreal. As portas e as fiestras considéranse os lugares para representar a transición entre o profano do exterior e o sagrado do interior. Nos capiteis, extremos de columnas e muros internos, amósanse as transicións do sagrado terreal ao celestial. Os principais fitos iniciáticos conservados deste estilo, segundo a recompilación de Juan Pedro Morín e Jaime Combreros no seu libro El Camino Iniciático de Santiago, aparecen en Aruej, San Adrián de Sasabe, Jaca, Los Seros, San Juan de la Peña, Leyre, Sangüesa, Eunate, Puente de la Reina, Cirauqui, Torres del Río, Estella, Logroño, Navarrete, Santo Domingo de la Calzada, Redecilla, San Juan de Ortega, Frómista, Carrión de los Condes, Sahagún, León, Villafranca del Bierzo, O Cebreiro, Sarria, Portomarín, Vilar de Donas, Melide, Compostela e Fisterra. O gótico considérase o segundo estilo en importancia desde o punto de vista esotérico. Para algúns estudiosos como Erwin Panofsky, o estilo gótico contén todos os trazos característicos da escolástica, as catedrais deste estilo son a summa do pensamento e da visión do mundo medievais. A simboloxía do gótico reflíctese nas medidas e proporcións arquitectónicas dos templos para facilitar a elevación espiritual do individuo e a transmutación dos que coñecen os segredos da alquimia. Mesmo a denominación de arte gótica ten diversas interpretacións ocultistas das que Charpentier recolle tres: unha presuntamente celta, outra de raizames gregas e unha terceira cabalística. De acordo coa primeira, a etimoloxía da denominación viría de Ar-Goat ‘país do bosque’, plasmando ese bosque na propia catedral gótica como un bosque de columnas e pedra; na segunda conclúese que gótico pode vir indistintamente de goes ‘bruxo’ e goetis ‘sortilexio’, do que se deduce que o gótico é unha arte máxica; a terceira atribúeselle ao alquimista Fulcanelli que fala de argótico e lingua argótica, artes e linguas secretas e alquímicas, e considera a catedral o atenor necesario para a transmutación do individuo. A situación da simboloxía no gótico parece unha continuidade da románica no que á súa situación exterior e interior respecta, coa diferenza de que as gárgolas multiplican ou complementan as mensaxes dos canzorros, os rosetóns e vidrieiras, ás das pinturas románicas dos muros e os capiteis case desaparecen para dar continuidade ao mundo sagrado interior co celestial. As interpretacións esotéricas no gótico do Camiño hainas que buscar en Roncesvalles, Pamplona, Viana, Nájera, Burgos, Villalcázar de Sirga, Carrión de los Condes e León. O resto dos estilos, especialmente o barroco, tan presente na ruta, xa non son considerados vehículos de ensino ocultista, aínda que nalgúns casos manteñen simboloxías dos estilos precedentes. A teoría esotérica máis sorprendente é a que relaciona o Camiño Francés co xogo da oca, estudada por Rafael Alarcón Herrera en El iniciático Juego de la Oca y otros modos de diversión, moi difundida por Juan G. Atienza no seus libros, especialmente en La ruta sagrada. Esta teoría sostén que os pasos do Camiño se corresponden coas cuadrículas do xogo tradicional da oca que sería, ao mesmo tempo, un xogo iniciático parello ao do Camiño. Segundo esta interpretación, o taboleiro está perfectamente deseñado conforme a unhas regras da numeroloxía na que os números cabalísticos 5, 7 e 9 rexen o ritmo do xogo e tamén as proporcións arquitectónicas da maior parte das construcións relixiosas do Camiño. A mesma oca considérase o símbolo do Camiño, portadora de sabedoría e personificadora do coñecemento universal e, como tal palmípedo, a súa pata asimílase á representación da vieira do peregrino. O nome, nas diversas acepcións en distintos idiomas que os cabalistas lle atribúen (Auch, Ouche, Aucam, Auca, Oca, Anser, Gans, Ganso e Jars), aparecen nos distintos puntos do Camiño. As ocas máis identificables no territorio real poderían ser Ansó, no Pireneo aragonés; Oyón, preto de Logroño; o río Oja, preto de Santo Domingo de la Calzada; o río Oca, os montes de Oca, o porto de Pedraja, Villafranca de Oca, Santovenia de Oca, Tardajos, Castrojeriz (dubidoso Castro de Jars); El Ganso e Manjarín, na Maragatería; o río Valdueza, nos montes de León; o regato Barja, pasado o porto de Pedrafita do Cebreiro; o Porto da Oca, sobre a estrada nacional N-520; e Santo Estevo de Oca antes de chegar a Noia. Esta teoría asegura que o Camiño conclúe en Noia, vila que se considera fundada por Noé e lugar de arribada da arca mítica. Santiago de Compostela estaría situada na casa número 58, no lugar da morte, representando así o obstáculo que simboliza o final para aqueles que non lograron superar as probas do Camiño, e a resurrección para os que si foron capaces de seguir adiante e alcanzar a iniciación entrando pola Porta da Gloria, situada en Noia, na casa 63, díxitos que suman 9. Os esoteristas defensores desta teoría avalan a súa proposta con coincidencias, entre outras, como as seguintes: a oca da casa número 5 correspóndese co Valle de Ansó; a ponte da nº 6, con Puente de la Reina; a oca da nº 9, con Oyón; a ponte da nº 12, coa ponte de San Juan de Ortega; as ocas das nº 14 e 18, cos ríos Oja e Oca, respectivamente; a pousada da nº 19, coa mesma instalación histórica de Villafranca de montes de Oca; os dados da nº 26, co santuario de San Juan de Ortega; o pozo da nº 31, co que existiu na cripta da catedral de Burgos; o labirinto da nº 42, cos camiños dos montes de León; o cárcere da nº 52, co río Valcárcel; os dados da nº 53, coas pedras de Triacastela; e a morte da nº 58, co sepulcro de Santiago. Todos os templos do Camiño teñen para os ocultistas unha significación esotérica, simbolismos e interpretacións diversas, pero a catedral de Santiago de Compostela é a que ofrece a literatura máis abundante. O Pórtico da Gloria semella un monumento esencial da interpretación cabalística, esotérica e alquimista creada polo pontífice (construtor de pontes) Mestre Mateo. O propio Liber Sancti Jacobi ou Códice Calixtino tómase como base para estas interpretacións. Ningún dos outros camiños de Santiago diferentes ao francés obtivo a consideración de ruta iniciática por parte dos estudiosos do ocultismo.
Os elementos da tradición xacobea
A indumentaria do peregrino
As esixencias físicas do Camiño impuñan ao peregrino unha indumentaria axeitada á súa actividade pedestre. Ademais, a variedade das paisaxes que debía atravesar e as súas características climáticas condicionaban este aspecto. Á comodidade precisa para o exercicio físico engadíaselle a necesidade de protección contra as inclemencias do tempo, que malia ser o Camiño un itinerario de purificación, a mortificación non debía chegar a certos extremos. Ademais impúñase a lixeireza de equipaxe e este debía reducirse ao mínimo imprescindible, tanto por unha razón de piadosa pobreza, como pola esixencia da marcha. A iconografía e as fontes literarias ofrecen un preciso achegamento á vestimenta máis habitual dos peregrinos. Un chapeu de á ancha cubría a cabeza do peregrino medieval e protexíao tanto da excesiva insolación como do frío e da auga. O corpo vestíase polo xeral cunha túnica ampla para facilitar os movementos. Sobre ela ía unha capa con esclavina cubrindo o tórax, que servía de potección contra as temperaturas baixas do inverno ou da noite. Calzaban os pés con sandalias cómodas para camiñar e levaban as poucas viandas e pertenzas nun pequeno bornal. Como complementos imprescindibles, un bastón ou bordón, que axudaba nas costas e servía de instrumento de defensa contra calquera tipo de ataques, e unha cabaza a xeito de cantimplora. As vieiras, incorporadas como ornato distintivo da condición de peregrino, acreditaban na súa orixe que o portador cumprira a peregrinación e acadara a costa da Fin da Terra; co tempo pasou a se converter en signo identificativo do peregrino.
Rituais do Camiño
Moitos foron os costumes que adoptaron os peregrinos no traxecto a Compostela e que, co paso do tempo, se transformaron en rituais incorporados á tradición xacobea. A saída dos seus lugares era todo un acontecemento, coa asistencia á misa e ás confesións preceptivas, que podía rematar incluso nunha procesión que o acompañaba ao abandonar a súa aldea ou vila. Tamén se propagou o costume de carretar pedras desde a partida ata diversos puntos da ruta, onde se depositaban en diversos milladoiros, como o da Cruz de Ferro, no Foncebadón, o teito do Camiño Francés cos seus 1.504 m de altitude. Esas pedras representaban a carga penitencial que se arrastraba para a expiación dos pecados e abandonábanse en lugares sinalados. Outro dos ritos de obrigado cumprimento para os peregrinos era o aseo antes de penetrar na cidade do Apóstolo, fundamentado tanto na conduta respecto da hixiene propia da época, como na tradición xudaica que identifica a limpeza espiritual e a pulcritude corporal; así, por exemplo, os que chegaban polo Camiño Francés bañábanse en Lavacolla. Chegados ao templo do Apóstolo os peregrinos acudían á cripta e alí oraban diante do sepulcro. Ademais, dábanlle unha aperta á imaxe de Santiago sedente que preside o altar maior.
A acreditación da peregrinación: a Compostela
En moitas ocasións a peregrinación viña motivada polo cumprimento dunha penitencia para a redención de pecados e incluso crimes. Confesores e tribunais civís adoitaban impoñer a obriga da peregrinación aos condenados, un curioso precedende para os xuristas do sentido rehabilitador que deben ter as penas, concepto no que se din sustentar os sistemas penitenciarios dos países occidentais. Deste carácter penitenciario xurdiu a necesidade de acreditar o cumprimento da peregrinación: así, o cabido catedralicio viuse na obriga de estender certificacións que se convertesen na proba documental que precisaba o peregrino forzoso. A primeira acreditación, datada o 1 de maio de 1321, que se conserva é a concedida a Yves de Breton logo da súa segunda peregrinaxe a Santiago. Esta acreditación, chamada Compostela, está redactada en latín, como correspondía á documentación da época, a súa validez era recoñecida por todos os reinos e tribunais de Europa. Na actualidade outórgaselle na oficina de atención ao peregrino de Santiago a aqueles que, mediante a presentación da credencial selada nos lugares de paso, demostren ter acudido ao sepulcro a pé, en bicicleta ou a cabalo, e percorrido nestas condicións un traxecto mínimo de 100 km, fose cal fose a ruta pola que chegasen.
Esplendor e decadencia das peregrinacións
O período máis importante das peregrinacións a Compostela foi o baixomedieval. Entre os ss XI e XV, o Camiño viviu o seu momento de máximo esplendor; consolidado como ruta de perfección e penitencia para os cristiáns, aos peregrinos que camiñaban atraídos pola devoción e polas indulxencias sumábanselles os forzados que acudían como parte da súa condena e tamén os que desexaban tirar proveito mercantil dun itinerario tan frecuentado. Durante este período, reis, príncipes, bispos e persoeiros de toda Europa compartiron camiño con burgueses e campesiños que acudían en ocasións en nome propio e, noutras, como representantes das súas comunidades. Entre os peregrinos ilustres cómpre salientar a Gotescalco, bispo de Puy, quen chegou a Compostela ao redor do ano 950 acompañado por unha gran comitiva, ou Cesáreo, abade de Monserrat no 959. Xa no s XI peregrinaron a Compostela Afonso II o Casto, o poeta musulmán Algucel, Afonso III o Magno, Ordoño II, Froilán e os bispos Recaredo, Sabarico, Obeco, Branderico e Fortis, Ramiro e Urraca, o bispo de Astorga san Xenadio, os santos alemáns Teobaldo e Gualterio, o Cid e a condesa Ricardina de Sponheim. No s XII viaxou dona Berenguela, que está enterrada na catedral, Fernando II, o vizconde de Flandres Allard, a condesa Sofía de Holanda, e Guido de Borgoña, cualificado como o máis ilustre dos peregrinos a Compostela e que, co tempo, chegou a ser o Papa Calisto II. No s XIII peregrinaron Sancho IV, que foi a Compostela sendo infante, san Francisco de Sena, santo Domingo da Calzada, san Francisco de Asís, quen promoveu a construción do actual convento dos franciscanos en Compostela, e Llul, un dos filósofos máis grandes dese século. No s XIV chegaron á cidade apostólica Afonso XI, vencedor da Batalla de Salado, grazas á intervención apostólica, segundo contan as lendas, a Raíña Isabel de Portugal, os duques de Lancaster e san Vicente Ferrer, quen predicou na igrexa de San Domingos e foi quen suxeriu que se levantasen cruceiros á entrada da cidade compostelá. Non obstante , ao seu carón, proliferou toda unha serie de personaxes que se fixeron profesionais da peregrinación, e os seus abusos, xunto con outros factores, determinaron a decadencia da peregrinación: os reis comezaron no s XIV a regulamentar e esixir documentacións e salvocondutos aos peregrinos, que debían acreditar as motivacións para cumprir a peregrinación. No s XVII o rei católico Luís XIV de Francia prohibiu a saída de peregrinos sen o seu consentimento previo, por mor dos prexuízos que as longas ausencias causaban á economía do país. Con anterioridade, Filipe II estableceu a esixencia de presentar unha carta expedida polo alguacil do lugar de procedencia do peregrino, no que se explicitase o itinerario preciso que ía seguir, para intentar pór freo aos abusos que se viñan cometendo. Pero o factor máis decisivo na decadencia do Camiño foi o convulso proceso de Reforma e cisma da Igrexa. No seo da cristiandade comezaron a erguerse voces contra os vicios da xerarquía eclesiástica. En concreto, o mercantilizado sistema das indulxencias pontificias constituíu o detonante da rebelión de Martiño Lutero; este, alarmado por unha escandalosa operación financeira do arcebispo de Magdeburgo e Maguncia (recadación das indulxencias promulgadas polo Papa León X o 31 de maio de 1515 destinadas á financiación das obras da basílica de San Pedro de Roma), arremeteu contra o sistema afirmando que a salvación só se obtén pola graza de Deus, rebatendo o discurso dos frades dominicanos encargados da predicación da bula, que chegaran a afirmar que unha contribución pecuniaria abondaba para a salvación dunha ánima do purgatorio. O triunfo das súas teses na maior parte da Europa central (Alemaña e os Países Baixos, principalmente) supuxo a interrupción do fluxo de peregrinos destes países. Do mesmo xeito, e aínda que sen basearse en cuestións teolóxicas tan fondas, a ruptura do Rei Enrique VIII de Inglaterra coa Igrexa romana provocou o cesamento das peregrinacións inglesas. Paralelamente a estas cuestións, que afectaron profundamente á unidade do cristianismo occidental, outros feitos que se desenvolveron en Galicia propiciaron o declive da peregrinación a Santiago de Compostela. Tratábase dos ataques da piratería inglesa, ao mando do corsario inglés Francis Drake, que aínda que non afectaron directamente á cidade do Apóstolo, crearon un ambiente de medo que levou a ocultar as reliquias do Apóstolo e, ao mesmo tempo, provocaron un descenso no número de peregrinos. Ademais, o auxe de Santiago comezaba a decaer, como pon de manifesto o feito de que se lle pretendese despoxar do título de patrón único dos españois, recoñecido unanimemente ata o s XV. Das multitudes de peregrinos da época medieval apenas quedaban trinta ou corenta peregrinos diarios nos ss XVIII e XIX. Esta situación comezou a variar, moi paseniñamente, coa chegada do cardeal Payá ao arcebispado de Santiago de Compostela, quen promoveu as primeiras escavacións arqueolóxicas no subsolo da catedral. No transcurso destas escavacións descubríronse os corpos de tres homes adultos, un deles foi identificado como o corpo do Apóstolo; comunicado o achado ao Papa León XIII, este publicou a bula Deus omnipotens animando os católicos do mundo a retomar as peregrinacións a Santiago de Compostela. Esta circunstancia reactivou a peregrinación á cidade do Apóstolo. Non obstante , o esplendor medieval non se recuperou ata finais do s XX, cando o Concilio Vaticano II promoveu de novo o fenómeno das peregrinacións e unha axeitada promoción institucional revitalizou o Camiño como itinerario cultural europeo.
A promoción institucional: a recuperación moderna do Camiño
Despois dun lapso de case catro séculos, o Camiño volveu converterse en punto de atención das institucións públicas grazas a dous factores de natureza radicalmente distinta, pero basicamente coincidentes no tempo. Por unha banda, a relativa prosperidade económica dos países europeos, a mesocratización da sociedade e a universalización do acceso ao ensino e á cultura e das vacacións laborais constituíron fondas transformacións sociolóxicas que repercutiron notablemente no emprego do tempo de ocio e nos intereses vitais da poboación; doutra banda, o proceso interno de evolución da Igrexa Católica a partir do Concilio Vaticano II traduciuse nunha vontade cara a un maior protagonismo dos leigos, que foi canalizada a través do xurdimento de movementos que trataban de implicar especialmente a xuventude na vivencia da fe, tratando para conseguir ese obxectivo de achegarse a ela mediante a adopción de modelos estéticos e, sobre todo, dunha metodoloxía pastoral e catequética renovada. Unha das primeiras iniciativas neste sentido foi a que, co gallo do Ano Xubilar de 1965, emprendeu o arcebispado de Santiago de Compostela, que ergueu na aba do monte de Vite, ao N da cidade, un campamento para peregrinos: o Burgo das Nacións. O traballo das diversas asociacións de amigos do Camiño por recuperar trazados levou a que en 1982, o Papa Xoán Paulo II considerase o Camiño como un instrumento privilexiado para emprender a nova evanxelización de Europa, que consideraba como o labor máis importante do seu pontificado. A raíz deste ano santo de 1982 comezou a recuperación do xacobeo, que fora na Idade Media un dos máis importantes que vivira Europa no seu conxunto.
O asociacionismo e revitalización
Desde que en 1170 se fundou en Cáceres a orde militar de Santiago, que se propuxo como primeiro obxectivo a protección dos peregrinos en todas as rutas de peregrinación, ata a actualidade, moitas foron as agrupacións e asociacións que se dedicaron á promoción, mantemento e atención no Camiño. Cómpre destacar o labor da Arquiconfraría do Glorioso Apóstolo Santiago, que ten as súas raíces na bula do Papa Alexandre VI (datada en 1499) pola que se autorizaba aos Reis Católicos a construír un hospital para peregrinos en Santiago. Esta confraría é unha asociación de clérigos e leigos, unha institución da igrexa rexida segundo o dereito canónico; os seus obxectivos son fomentar o culto e a peregrinación ao sepulcro de Santiago e prestar atención espiritual e material aos peregrinos. Pola contra, a maioría das asociacións de amigos do Camiño están rexidas pola lexislación civil, aínda que os seus membros adoitan ser crentes e practicantes. O labor destes grupos, o seu traballo a prol da recuperación e sinalización dos traxectos, da atención aos camiñantes, do mantemento dos albergues, foi, antes que a promoción institucional, un elemento clave na recuperación do fenómeno xacobeo. Entre as iniciativas individuais que resultaron máis transcendentais para a recuperación da peregrinación cómpre destacar a achega do párroco de Santa María do Cebreiro, Elías Valiña Sampedro, quen logo dunha rigorosa investigación emprendeu de xeito particular a finais da década de 1970 o labor de sinalización dos traxectos orixinais do Camiño Francés, pintando en todas as encrucilladas frechas amarelas que guiasen os peregrinos polo camiño correcto; esta ocorrencia do pai Valiña foi rapidamente adoptada como signo da ruta. Froito da súa experiencia foi a publicación en 1985 dunha das guías de peregrinos mellor documentada das aparecidas ata daquela, escrita orixinalmente en castelán e traducida ao alemán, ao francés, ao inglés e, xa en 1992, ao galego. A Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago, con sede en Santo Domingo de la Calzada (La Rioja), coordina as actuacións de todas as asociacións; unha das súas obras máis relevantes é o fornecemento de hospitaleiros voluntarios para a maior parte dos albergues da ruta, ademais da edición de publicacións informativas. Entre as asociacións santiagueiras no estranxeiro cómpre mencionar a Societé des Amis de Saint-Jacques de Boulogne-sur-Seine, a Confraternity of Saint James de Londres, a Vlaams Genootschap van Santiago de Bruxas, a Sankt Jakobus-Gesellschaft de Aquisgrán, a Sankt Jakobusdruderschaft de Dusseldorf ou os Friends of the Road to Santiago de Omaha (EE UU). Nun ámbito de máis difícil definición, entre o público e o privado, a Universidade de Santiago de Compostela promoveu a constitución, formalizada en setembro de 1994, do Grupo Compostela de Universidades, organización que vincula as institucións universitarias da República Checa, Eslovaquia, Hungría, Malta, Noruega, Polonia, Rusia, Suíza, ademais de todos os estados membros da Unión Europea (agás Austria e Irlanda). O Grupo Compostela, recuperando o espírito integrador da peregrinación medieval, ten como obxectivos fundamentais o afondamento nos estudios de carácter europeo e o fomento da mobilidade dos seus estudiantes e profesores.
Políticas e protección xurídica
Todos os recoñecementos internacionais e figuras de protección que recibiu o Camiño teñen como primeiro precedente na idade contemporánea o decreto do 3 de xuño de 1931, que declarou monumentos nacionais os principais puntos do Camiño Francés nas actuais comunidades autónomas de Galicia, Castela e León, La Rioja, Navarra e Aragón. Co horizonte do Ano Xubilar de 1965, o 5 de setembro de 1962, o ministerio de Educación Nacional publicou o decreto polo que se declaraba o Camiño Conxunto Histórico-Artístico e ademais promulgou a lei de creación do Patronato Nacional de Santiago de Compostela, constituído o 11 de xuño de 1964. Este organismo foi reconvertido en Real Patronato de la Ciudad de Santiago de Compostela en 1979. En xullo de 1964, o ministerio de Información e Turismo implementou unha liña de créditos para a construción de aloxamentos no Camiño Francés (definido como o que atravesaba as provincias de Navarra, Huesca, Zaragoza, Logroño, Burgos, Palencia, León, Lugo y La Coruña). O 9 de marzo de 1971, o ministerio de Información y Turismo concedeulle ao Camiño de Santiago o carácter de Ruta de Interés Turístico. En outubro de 1982, o Consello de Europa, reunido na catedral compostelá baixo a presidencia do Papa Xoán Paulo II, acordou outorgarlle ao Camiño o título de Primeiro Itinerario Cultural Europeo, en recoñecemento da súa relevancia no desenvolvemento e na historia do continente. Aínda que nun principio esta declaración só abranguía explicitamente as catro vías que formaban o Camiño Francés, documentos posteriores do Consello de Europa (1984) instaban aos países membros a afondar na investigación e restauración dos camiños xacobeos e, ao tempo, animaban os mozos europeos a percorrelos. Pola súa banda, as distintas comunidades autónomas foron promulgando lexislacións relativas ao Camiño consonte accedían e desenvolvían as competencias en protección do patrimonio. A Comunidade Autónoma de Galicia veu lexislando nese sentido desde 1986, data na que se creou a Comisión de Patrimonio Histórico da Cidade e Camiño de Santiago. A proximidade do Ano Xubilar Compostelán de 1993 motivou que 1991 fose un ano especialmente fecundo en ordes e resolucións, rematadas coa creación, por decreto do 19 de setembro, da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo-93. Ese mesmo ano supuxo a refundación do Real Patronato de Santiago, rescatado do esmorecemento no que sucumbira na década de 1980. O 12 de novembro de 1992 a Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, en uso das atribucións que lle foran transferidas, ditaminou nunha resolución a definición e delimitación concreta do Conxunto Histórico do Camiño de Santiago (Camiño Francés), que fora ambiguamente declarado no decreto ministerial de 1962; nesta resolución descríbese o itinerario obxecto de protección na Comunidade Autónoma ao longo de cada unha das súas parroquias e concellos, precisando en ocasións os lugares e accidentes do relevo máis destacados. Como culminación, o 10 de maio de 1993 promulgouse a Lei Galega de Protección dos Camiños de Santiago, que estendía o seu ámbito de actuación a todas as rutas de peregrinación e non exclusivamente ao Camiño Francés. A lei desenvolvía aspectos como a delimitación do Camiño, medidas de conservación e protección, fomento e promoción e a organización administrativa. Finalmente, en decembro de 1993, o Comité da UNESCO reunido en Cartagena de Indias (Colombia) declarou o Camiño de Santiago Patrimonio da Humanidade, a máxima figura xurídica de protección á que pode aspirar un monumento, conxunto monumental ou espazo natural.
Os plans xacobeos
A peregrinación a Santiago foi obxecto en 1983 dun Congreso Europeo, celebrado en Perugia, na rexión italiana de Umbria. Esta xuntanza de expertos e investigadores e, sobre todo, a visita do Papa Xoán Paulo II á cidade de Santiago de Compostela no verán de 1989 para asistir á celebración da Xornada Mundial da Xuventude (concentración organizada anualmente pola Igrexa Católica que se converteu na maior congregación de persoas rexistrada ata daquela na historia de Galicia) supuxeron unha evidencia das potencialidades de atracción que podían exercer os elementos espirituais e relixiosos, unha chamada de atención definitiva para que no futuro se tentasen capitalizar estes recursos co obxectivo de obter unha rendibilidade máxima. Nesta liña, a administración autonómica galega, a corporación municipal de Santiago de Compostela, o goberno central e o arcebispado de Santiago aunaron esforzos para converter a celebración do ano santo de 1993 nun acontecemento de transcendencia internacional. Froito desta colaboración foi a creación, a partir do Real Patronato da Cidade de Santiago de Compostela, do Consorcio da Cidade de Santiago, organismo executivo constituído o 28 de abril de 1992 e integrado polas tres administracións (a administración central achega o 65% do seu orzamento, a administración autonómica o 30% e o concello de Santiago, que desempeña a presidencia na persoa do seu alcalde, o 5% restante). Os obxectivos do Consorcio son a protección e promoción da cidade de Santiago de Compostela e do Camiño no seu termo municipal, así como a publicación de estudios e traballos sobre eles. Cada unha das institucións integrantes tiña as súas motivacións. As principais pretensións do concello de Santiago eran, dunha banda, atraer os investimentos necesarios para completar o deseño urbano dunha cidade con rango capitalino, acadando infraestruturas, dotacións e equipamentos dos que carecía, e doutra, favorecer o desenvolvemento das actividades económicas da cidade co fin de fortalecer o seu carácter de centro turístico e convertela nun referente cultural de primeira orde. A administración autonómica pretendía, fundamentalmente, aproveitar axeitadamente un instrumento de proxección exterior da imaxe de Galicia co obxectivo de atraer visitantes e favorecer o desenvolvemento do sector turístico da comunidade, polo que as súas actuacións non se cinguiron exclusivamente aos puntos atravesados polas diversas rutas xacobeas. O arcebispado, entidade non integrante do Consorcio, pretendía, pola súa parte, salvagardar o carácter relixioso do fenómeno xacobeo, difundilo e aproveitalo como instrumento pastoral. Se a colaboración entre as administracións públicas no marco do Consorcio resultou exemplar, nalgunhas ocasións os responsables da igrexa manifestaron algunhas discrepancias sobre determinadas actuacións, advertindo dun suposto perigo de desvirtuación do sentido orixinario da peregrinación. A colaboración da administración autonómica coa igrexa plasmouse na sinatura dun convenio marco asinado o 23 de decembro de 1992 polo arcebispo Antonio María Rouco Varela e o presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga Iribarne. Pola súa parte, o concello de Santiago de Compostela e as autoridades eclesiásticas mantiveron unha liña de estreita colaboración, impulsada fundamentalmente polo alcalde Xerardo Estévez e o cabido catedralicio, e materializada na sinatura de diferentes acordos para a celebración de actos institucionais e relixiosos, ademais doutros de carácter cultural e festivo. O esforzo do Xacobeo-93 tivo a súa continuidade na preparación do Ano Santo 1999, que se traduciu finalmente na creación dunha organización con vocación de perpetuidade, en atención á periodicidade do acontecemento xubilar. A administración autonómica investiu unha gran cantidade de recursos en infraestruturas de atención aos peregrinos, fundamentalmente no Camiño Francés, e en actividades de promoción exterior de Galicia (máis de 20.000 millóns de pesetas no período 1990-1993), que acadaron o obxectivo de atraer a Compostela máis de sete millóns de visitantes, entre os que se contaban un millón e medio de peregrinos (as tres cuartas partes polo Camiño Francés). Na mesma liña de colaboración hai que situar a constitución do Consejo Jacobeo celebrada o 5 de maio de 1992. Esta institución de coordinación con sede en Santo Domingo de la Calzada, na que están representados os gobernos das comunidades autónomas que atravesan o Camiño Francés e o do Camiño do Norte (Aragón, Navarra, La Rioja, Euskadi, Cantabria, Asturias, Castela e León e Galicia) e a administración central (ministerios de Cultura, Asuntos Exteriores, Comercio e Turismo, Economía, Facenda e Fomento); a presidencia correspóndelle ao ministerio de Cultura e as vicepresidencias á Xunta de Galicia e ao ministerio de Economía. O Ano Santo de 1999 foi obxecto dun novo plan xacobeo por parte da administración galega, que incidiu de novo nas infraestruturas de acollida aos peregrinos e na celebración de espectáculos e exposicións espallados por todo o territorio da comunidade. Nesta ocasión, a cifra total de visitantes que recibiu a capital compostelá chegou, segundo os datos oficiais da Xunta, aos nove millóns. No ano 2000 púxose en marcha o Plan Director dos Camiños de Santiago, co fin de promocionar todos os treitos e monumentos das distintas rutas e do seu contorno.
Promoción cultural
A cidade de Compostela, como capital da Comunidade Autónoma de Galicia e meta do Camiño de Santiago, protagoniza de xeito continuo un intenso e frutífero labor de promoción cultural. Especial relevancia teñen as actividades desenvolvidas polo Auditorio de Galicia -inaugurado o 20 de outubro de 1989 e dirixido por Xosé Denís Hombre- e o Consorcio de Santiago, que converteron Santiago en centro importante de difusión cultural no eido da escena, da música ou da plástica, ademais de punto de encontro de congresos dos ámbitos máis variados (economía, política, ciencia, etc), introducindo a Galicia nos circuítos nacionais e internacionais da cultura. A constante presenza das máis grandes orquestras, solistas e directores, así como as máis importantes exposicións pitóricas ou escultóricas de artistas como Laxeiro, Isaac Díaz Pardo, Joan Miró, Eugenio Granell ou Carlos Maside converten a Santiago nunha das principais capitais culturais de Europa e piar fundamental no proceso de normalización da cultura en Galicia. A creación da Real Filharmonía de Galicia ou a organización do Compostela Millenium Festival, que equiparou a cidade cos circuítos festivais europeos, son só algúns dos exemplos desta prolífica actividade. Polas súas salas de concertos pasaron batutas tan representativas como Helmuth Rilling, Odón Alonso, Sergiu Celibidache ou Yehudi Menuhin; voces da lírica como Teresa Berganza, James Taylor, Barbara Hendricks, Monserrat Figueras ou Victoria de los Ángeles; grandes solistas como Narciso Yepes, Félix Ayo ou Mstilav Rostropovich; importantes orquestras como a Orquestra Nacional de España, a Orquestra Sinfónica de Berlín ou a Royal Philharmonic Orchestra, e grupos da importancia de I Musici, The English Concert ou a Capela Reial de Catalunya Hesperion XX; e unha morea de actuacións con nomes como Milladoiro, Paco de Lucía, Lito Vitale ou Win Mertens. A consellería de Cultura, dirixida polos conselleiros Víctor Vázquez Portomeñe e Xesús Pérez Varela, realizou unha extensa programación cultural que se traduciu en fenómenos tan interesantes coma as exposicións de Galicia no tempo, Santiago en Galicia e América, O camiño virtual, etc; festivais internacionais de música clásica e moderna, publicacións específicas sobre os camiños de peregrinación a Santiago de Compostela, concursos literarios, etc.
O Camiño na filatelia e na numismática
A filatelia e a numismática constitúen, polo seu carácter de instrumentos de uso cotián, un soporte publicitario ou propagandístico de gran repercusión popular. Independentemente dos innumerables selos de correos de distintos países que teñen como motivo reproducións de monumentos das cidades e vilas polas que atravesan as distintas rutas da peregrinación, a filatelia española ten como un dos seus temas máis recorrentes as emisións conmemorativas do Ano Santo Compostelán. A primeira destas emisións data do 15 de xullo de 1937, en plena Guerra Civil. Trátase dunha serie de tres selos emitidos polo goberno de Burgos, con validez por tanto na denominada Zona Nacional. O primeiro dos selos, cun valor facial de 15 céntimos de peseta, reproducía a imaxe de Santiago aloxada no interior da cámara que preside o altar maior da catedral compostelá; o segundo, de 30 céntimos, era unha panorámica da fachada occidental do recinto catedralicio; o último, cun valor dunha peseta, representaba o Pórtico da Gloria. Todos os selos levaban a lenda Año Jubilar Compostelano 1937 e foron gravados por Blas Pérez Irujo e impresos en litografía no obradoiro de Heraclio Fournier, en Vitoria-Gasteiz. Desde aquela, todos os anos santos composteláns posteriores foron obxecto de emisións conmemorativas por parte do servizo de correos español. Entre os motivos que adornaron estes distintos selos atópanse desde os elementos máis típicos da liturxia compostelá (como o botafumeiro e o sartego da segunda emisión, 1943), a iconografía santiagueira (como por exemplo nos de 1965, 1971 e 1982 ou as miniaturas e tallas reproducidas na emisión de 1993), ata monumentos doutras cidades relacionadas coa peregrinación (como o da Virxe Peregrina de Pontevedra en 1976; o da arqueta de Carlomagno en Aquisgrán de 1971; ou os de 1999, que recollían lugares de Navarra e Galicia). As pezas filatélicas relacionadas co Camiño complétanse coa infinidade de cuños conmemorativos dos anos xubilares, postais e outros efectos. A estas emisións conmemorativas incorporouse a numismática; ademais de moedas e medallas cuñadas sobre metais preciosos, os últimos anos santos do segundo milenio foron obxecto de emisións de moedas españolas de curso legal que, polos seus valores, deixaron de pertencer á categoría de exemplares de colección para converterse en moedas circulantes. Así, as moedas de cinco e cen pesetas de 1993 contiñan a imaxe do Camiño: a de cinco pesetas reproduce no anverso a imaxe de Santiago cos atributos de peregrino, coa lenda Jacobeo’93 España; no reverso, o botafumeiro en voo acompaña o valor (5 ptas), a marca da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre (unha M capital romana timbrada de coroa real) e o ano de emisión (1993), e o logotipo que identifica o Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo. Ese logotipo, rodeado coa ducia de estrelas que representan a bandeira do Consello de Europa, figura, coa lenda Camino de Europa (distinción outorgada polo Consello de Europa en 1982) e a data (1993), no anverso da moeda de 100 pesetas, que no seu reverso leva un mapa do occidente europeo onde van marcadas as catro vías que conforman o Camiño Francés, coas lendas Camino de Santiago, España e o valor 100 pesetas, ademais da marca da FNMT. En 1999 as moedas emitidas non tiveron, polo seu valor máis elevado (2.000 pesetas), unha difusión tan ampla, e malia que tamén eran de curso legal, foron rapidamente gardadas polos coleccionistas. No anverso levan a efixie do Rei Xoán Carlos I coa lenda Juan Carlos I Rey de España e a data (1999); no reverso leva unha imaxe dun peregrino con indumentaria medieval (chapeu de á ancha adornado con cuncha de vieira, capa con esclavina e túnica, bastón con cabaza, bornal e sandalias), a cruz de Santiago, a marca da FNMT, a lenda Xacobeo 1999, o valor (2.000 ptas) e unha holografía de seguridade co botafumeiro e a cifra 99.