camito-semítico -ca

camito-semítico -ca

(< camita + semita)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ás linguas camito-semíticas.

  2. linguas camito-semíticas [LING]

    Familia de linguas faladas de L a O dende Mesopotamia e Arabia, por todo o norte de África ata o Atlántico, e cara ao S ata o límite meridional do Sáhara e a zona de África oriental ata o Ecuador, formada polo conxunto de seis grupos claramente diferenciados: semítico, bérber, exipcio, cuxítico, omótico e chadiano. Seguindo os estudios de J. H. Greenberg, a tendencia moderna é designar esta gran familia lingüística co nome de afroasiática. No tocante á fonoloxía cómpre destacar a existencia, en grao diverso, de consoantes glotalizadas e enfáticas e de fonemas articulados na gorxa ou na parte posterior da cavidade bucal (larínxeas, farínxeas e velares) e do papel esencial das consoantes; morfoloxicamente, caracterízase pola forma prefixada do verbo e polos pronomes sufixados con trazos moi homoxéneos en todos os grupos, pola existencia de raíces biconsonánticas ou triconsonánticas con variacións morfolóxicas por cambios internos na raíz, e polo sistema complexo de formación dos verbos derivados; sintacticamente, defínese pola existencia dun “estado de anexión” empregado para marcar a subordinación nominal.

Palabras veciñas

camisón | camita | camítico -ca | camito-semítico -ca | Cammin, Principado de | Camó, Pere | Camoens