Canadá

Canadá

Estado de América do Norte, situado entre o Océano Atlántico ao L, o Pacífico ao O, o Ártico ao N e os EE UU ao S (9.970.610 km2; 30.563.000 h [estim 1998]). Esténdese entre os 42° e os 83° de latitude N e os 53° e os 141° de lonxitude O. A capital é Ottawa.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
A estrutura xeolóxica de Canadá é relativamente simple, nela pódense distinguir tres grandes unidades: o escudo canadense, Precámbrico, as montañas orientais, primarias, e as chairas e montañas occidentais, xurdidas durante o ciclo alpino. O escudo canadense esténdese desde a conca do río Mackenzie, ao NO, polo S da baía de Hudson, ata o extremo oriental da península do Labrador. Os materiais do escudo, granitos, gneises e xistos, pregados durante o Cámbrico, experimentaron un prolongado proceso erosivo, culminado polas glaciacións, que consecuentemente adoptaron un aspecto característico: formas planas, pequenos outeiros illados, compartimentación da rede fluvial e grande abundancia de lagos. O escudo forma unha vasta conca, deprimida dende a baía de Hudson e elevada nos sectores periféricos, sobre todo no Labrador. A rexión montañosa oriental ocupa New Brunswick, Nova Escocia, a illa Príncipe Eduardo e Terranova. Pode considerarse como a prolongación setentrional dos Apalaches, un conxunto pregado de antigas formas paleozoicas, moi erosionadas, que forman unhas aliñacións montañosas paralelas á costa, cun relevo suave de outeiros e con algunhas elevacións de seixos destacados por erosión diferencial. As formacións secundarias e terciarias, que ocupan o resto do país, formáronse nunha conca xeosinclinal comprendida entre dúas superficies continentais: a Cascadia, agora mergullada no Pacífico, e a Laurentia ou escudo canadense. A sedimentación principiou no Xurásico, alternando con inxeccións magmáticas, e continuou durante o Cretáceo, momento en que o ciclo alpino pregou o conxunto. A tectónica, con cabalgamentos e fallas paralelas á liña de costa, diferenciou un conxunto montañoso occidental que é a prolongación setentrional das Rochosas e un extenso conxunto de chairas interiores comprendidas entre as Rochosas e o escudo canadense, que se van enlazando cara á costa mediante uns chanzos que permiten delimitar unha chaira baixa, a chaira de Manitoba, adxacente ao escudo, unha intermedia, a de Saskatchewan, e unha chaira superior, a chaira de Alberta. As montañas occidentais ocupan Columbia Británica, o territorio do Yukon e a costa do Pacífico. A súa parte L presenta cumios elevados (Robson 3.954 m) e algunhas depresións tectónicas, como a de Columbia Británica interior. Cara ao L, as intrusións magmáticas xurásicas determinan unha estrutura ríxida de chairas e cadeas montañosas alongadas. As costas do Pacífico son moi recortadas, con formas abruptas e numerosos fiordes e illas.
Climatoloxía
A causa da súa extensión latitudinal, Canadá posúe a gradación climática dos climas fríos, modificados polas cordilleiras no O, as extensións de auga no centro e no L, e as correntes mariñas. Ao O, Columbia Británica ten un clima morno oceánico por influencia da derivación setentrional da corrente de Kuro-Shivo e a existencia das Rochosas, que actúan como obstáculo tanto para as masas de aire húmido procedentes do Pacífico, que provocan precipitacións anuais superiores aos 1.500 mm distribuídas fundamentalmente nos meses do inverno, coma para as masas de aire frío do Ártico. O centro ten en xeral un clima continental. A rexión baixa dos prados permite a circulación tanto dos ventos polares fríos coma dos ventos cálidos do golfo de México, o que provoca invernos rigorosos, caracterizados polas frecuentes tempestades de neve e ventos xeados ou blizzards, e veráns curtos. No L, a proximidade dos Grandes Lagos dá lugar a unha suavidade das temperaturas, pero nas rexións costeiras a corrente fría do Labrador aumenta as condicións extremas do clima. O N ten un clima de tipo polar, con temperaturas medias no inverno inferiores a -20°C.
Hidrografía
No escudo canadense existen numerosos lagos, algúns comunicados entre si. Os máis importantes son o lago dos Osos, o Gran Lago do Escravo, o Athabasca, o Winnipeg e o Reindeer; en xeral todas as augas desta rexión verten ao río Mackenzie, o máis longo de Canadá, que vai desembocar ao mar de Beaufort, no Océano Ártico. A rexión dos Grandes Lagos está comunicada co Atlántico a través do río San Lourenzo, que recibe afluentes procedentes da vertente oriental da península do Labrador e da vertente occidental dos Apalaches. Este sistema fluvial constitúe a vía de comunicación máis importante do país. Entre os ríos que baixan das Rochosas cara ao Pacífico cómpre destacar o Columbia, o Fraser, o Skeena e o Stikine, mentres que pola vertente setentrional baixan os afluentes do Yukon.
Bioxeografía
A maior parte de Canadá está chea de bosques onde predominan as coníferas. Aproximadamente a metade do país está cuberta pola taiga boreal de abetos e piñeiros; a taiga é o hábitat de moitas especies de animais de peles preciosas, como o visón americano, a marta pescadora e o castor americano, así como dalgúns grandes herbívoros, como o ante americano e o wapiti. No N da taiga, despois das áreas inundadas do muskeg, aparece a tundra. No SL e en Terranova abundan os bosques mixtos de acicufolias e planifolias. Na rexión dos Grandes Lagos dominan as caducifolias. As serras da parte occidental do país están tamén ocupadas por bosques nas partes máis baixas; máis arriba, os prados de alta montaña constitúen o enlace coa tundra ártica. A especie máis característica da fauna montañosa é seguramente a cabra branca. As chairas de Saskatchewan, Alberta e Manitoba están ocupadas polo extremo setentrional das praderías do centro de Norteamérica.
Xeografía económica

Economía
Canadá ten un dos niveis de desenvolvemento máis elevados do mundo. A aparición e consolidación de Canadá como potencia industrial seguiu tres etapas: a primeira tivo lugar durante a Primeira Guerra Mundial; a segunda, no período 1920-1929, significou a substitución da influencia británica pola dos EE UU; e a terceira, iniciada durante a Segunda Guerra Mundial, caracterizouse pola afluencia de capitais norteamericanos a grande escala. O produto interior bruto do país experimentou un crecemento superior ao 700% no período 1926-1967. Canadá é un importante produtor mundial de cinc, níquel, amianto, uranio, molibdeno, sales potásicos, gas natural, cobre, chumbo, ouro e prata. A importancia das actividades primarias no contexto da economía canadense queda patente por dous feitos: en primeiro lugar, o país ocupa internacionalmente un destacado posto na produción de moitos cereais; en segundo lugar, as primeiras empresas canadenses están baseadas exclusivamente na transformación de produtos primarios. A mediados da década de 1960 máis da metade do sector industrial estaba en mans de empresas estadounidenses. Este control aumentou aínda máis nos últimos anos do “gran crecemento” mundial. Non obstante , en 1980 o goberno comezou a intervir os capitais de orixe estranxeira para reducir a súa participación nas empresas canadenses ata un 50% en 1990. Existen, ademais, grandes diferencias rexionais e as provincias do Atlántico son as máis desfavorecidas. No ano 1994 entrou en vigor o Tratado de Libre Comercio cos EE UU e México. O sistema financeiro ten como centro o Bank of Canada, fundado en 1935, que actúa como banco central do país, controlado polo goberno federal e que actúa conxuntamente co Industrial Development Bank, creado en 1941. O First National Bank, fundado no 1996, asumiu a competencia de financiar o desenvolvemento dos amerindios e dos inuits. Os centros financeiros son Montreal, Toronto e a capital, Ottawa. Así mesmo, o mercado de valores, que capitaliza o 2,1% do total mundial (8º posto), ten a súa sede en Calgary (Alberta Stock Exchange), Montreal, Toronto, Vancouver e Winnipeg. A poboación activa era en 1997 de 16.019.000 persoas, onde o 45% corresponde a mulleres. A porcentaxe de desemprego é alta como consecuencia do transvasamento de poboación do sector agrícola ao sector servicios (9,2% [1997]). A moeda oficial é o dólar canadense. A renda per cápita en 1996 era de 19.020 $ USA, cunha axuda ao exterior de 1.795.000.000 $ USA (1996).
Agricultura, gandería e explotación forestal
O sector primario constitúe unha importante fonte de riqueza, malia acoller só o 3% da poboación ocupada e achegar unha porcentaxe similar da produción total do país. A porcentaxe de superficie cultivada só chega ao 5%. O grao de mecanización nos labores do agro é dos máis elevados do mundo. O principal cultivo é o trigo (sexto produtor mundial con 24.270.000 t en 1997), seguido do orxo, a colza, a avea e os cereais forraxeiros. Nos prados sitúanse as provincias agrícolas por excelencia, especialmente Alberta, Saskatchewan e Manitoba, que son tamén as principais áreas gandeiras; predomina o armentío bovino (13.341.000 cabezas [1997]), aínda que na rexión atlántica son tamén importantes o porcino (12.101.000 cabezas [1997]) e as aves de curral (146.000.000 cabezas [1997]). Unha actividade destacada é a cría de animais para a peletería, especialmente visóns, práctica que substituíu a caza, en decadencia por mor da sensibilización ecoloxista; en 1997 logrouse a sinatura dun acordo para limitar as capturas de moitas especies de mamíferos salvaxes. A variedade e extensión dos bosques canadenses, que ocupan o 49% da superficie do país, orixinaron unha puxante industria que inclúe madeira para a construción, pasta de papel e polpa de madeira. En total, a produción madeireira acada os 191.178.000 m3 (1997).
Pesca
Canadá, favorecido pola súa ampla fachada marítima e pola súa situación latitudinal, era un país cuns abundantes recursos pesqueiros, tanto no litoral do Atlántico e do Pacífico, coma tamén nas augas interiores. Non obstante , a agresividade da súa flota pesqueira provocou a desaparición dos caladoiros das augas territoriais, ameazando a supervivencia de moitas especies. A partir da ampliación da zona económica exclusiva ás 200 millas actuais, Canadá mellorou en termos absolutos a súa posición no sector Atlántico noroccidental, o que lle permitiu un incremento da súa produción. Canadá ocupaba no 1997 o 21º posto mundial no que respecta á produción (1.030.523 t). É de moita importancia a pesca do salmón, ao longo da costa do Pacífico; de lagosta e pescada na costa atlántica, e de troita e esturión nos lagos. Ademais, as principais capturas son o bacallao, a solla, a cabra de altura, os ratos e o fletán. Canadá é un exportador neto: en 1997 exportou 144.390 t (6º posto mundial) por un valor de 763.052.000 $ USA (2º posto mundial). No tocante ás importacións, en 1997 ascenderon a 54.461 t, por un valor de 226.596.000 $ USA. O esgotamento dos seus recursos levou ao goberno en 1995 a decretar unilateralmente a ampliación das súas augas territoriais máis aló das 200 millas náuticas que lle corresponden segundo o dereito internacional. A consecuencia inmediata desta medida foi o conflito cos buques galegos que faenaban no caladoiro da NAFO, ao L de Terranova, que acadou o seu máximo grao de tensión co apresamento en augas internacionais do conxelador vigués Estai, en marzo de 1995.
Minería e enerxía
A minería constitúe unha destacada actividade; dos numerosos xacementos mineiros situados no escudo canadense e nas montañas Rochosas, extráense unha gran variedade de minerais, que converten a Canadá nunha das primeiras potencias mineiras do planeta: é o primeiro produtor mundial de níquel (192.600 t [1996]), zinc (1.222.000 t [1996]) e uranio (11.396 t [1996]); terceiro produtor mundial de cobre (688.000 t [1996]); cuarto de ouro (166.378 kg [1996]), prata (1.309 t [1996]), chumbo (257.000 t [1996]) e sal (12.289.000 t [1996]); e o oitavo produtor mundial de ferro (21.978.000 t [1996]). O carbón, o petróleo e o gas natural son abundantes en case que todo o país. Os principais xacementos de carbón atópanse nas provincias de Alberta, Nova Escocia, Columbia Británica, New Brunswick e Saskatchewan; Canadá é o 11º produtor mundial de lignito (36.336.000 t [1996]) e o 13º de antracita (38.000.000 t [1996]). Polo que respecta ao petróleo, ocupa un lugar destacado entre os países produtores (12º produtor mundial con 91.300.000 t en 1996). Os 175.897 millóns de m3 de gas natural extraídos en 1995 convérteno no terceiro produtor mundial. Os xacementos de petróleo e gas natural concéntranse sobre todo nas provincias de Alberta, Columbia Británica, Saskatchewan e Manitoba. A principal fonte de enerxía do país foi tradicionalmente a hidroeléctrica, por motivos da propia estrutura física do país. En 1995 a produción eléctrica acadou os 537.114 millóns de kW/h; deles a gran maioría, 330.834 millóns de kW/h, procedían das centrais hidroeléctricas, fronte aos só 35 millóns das térmicas e 92.306 millóns das nucleares. As principais centrais hidroeléctricas están nas provincias de Québec, Ontario e Columbia Británica.
Industria
A abundancia de recursos naturais favoreceu a produción industrial, localizada de xeito difuso por todo o país. A industria siderometalúrxica é moi importante. Malia non posuír xacementos de bauxita, destaca a produción de aluminio, con 2.384.000 toneladas (1996), que o converten no segundo produtor mundial. Tamén son importantes as fundicións de cobre, cinc, aceiro, níquel e chumbo, entre outras. Destaca igualmente a industria química: é o sexto produtor mundial de ácido nítrico (942.000 t [1996]) e o oitavo de ácido sulfúrico (3.929.000 t [1996]), compostos fundamentais para diversos procesos industriais. Canadá é o décimo produtor mundial de automóbiles (1.380.233 unidades en 1997) e de pneumáticos (21.692.000 unidades en 1990) e é o terceiro produtor mundial de vehículos comerciais (1.197.765 unidades en 1997). Vancouver é o terceiro polo norteamericano da industria cinematográfica e audiovisual, por detrás de Los Angeles e Nova York; os sectores tecnolóxico e de telecomunicacións (informática, electrónica, telefonía, biotecnoloxía, enxeñería dos materiais, industria aeroespacial) son de grande importancia. Tamén, debido á súa gran produción nacional, é importante a industria relacionada co sector forestal (celulosa, pasta de papel); Ottawa é un dos maiores centros madeireiros mundiais; Montreal, Toronto e Kitchener son grandes centros da industria do moble. O sector téxtil (algodón, seda, la e fibras sintéticas) localízase, sobre todo, na conca do río San Lourenzo; en Québec está o centro máis importante.
Transportes e comunicacións
Canadá posúe unha densa rede de vías de comunicación. En 1882 comezou a construción do Canadian Pacific Railway, primeiro ferrocarril que unía o litoral atlántico e o pacífico. A Canadian National Railway completou a rede estatal en 1928 coa construción do ferrocarril da baía de Hudson; en total, a rede de ferrocarrís abrangue 71.104 km (1995). O transporte por estrada posúe importantes vías, entre as que destaca a Trans Canada Highway, que vai de Saint John’s, Terranova, na costa do Atlántico, ata Victoria, illa de Vancouver, na ribeira do Pacífico; as estradas suman 901.904 km, dos que 318.371 km están asfaltados e 16.571 km corresponden a autoestradas (1995). Outro transporte destacado é a navegación, sobre todo desde a inauguración en 1959 da vía marítima do San Lourenzo, canle de gran calado que permite o transporte ata a rexión dos Grandes Lagos; o país conta cun total de 3.769 km de vías navegables internas. Con respecto á navegación oceánica, o primeiro porto do país é Vancouver, no Pacífico; tamén destacan Hamilton e Halifax. As comunicacións aéreas están controladas basicamente por dúas compañías, Air Canada e Canadian Pacific Airlines; existe ademais un importante movemento da aviación privada. A inmensidade do país e a mobilidade da poboación provocan que existan ao redor de 900 aeroportos e aeródromos, aínda que só cinco deles teñen categoría internacional. O transporte de pasaxeiros realízase fundamentalmente por ferrocarril, avión, autobuses de liña e barco.
Turismo
O turismo é outro factor de equilibrio e unha importante fonte de ingresos. É un sector en crecemento, grazas a unha intensa política de promoción e de desenvolvemento das infraestruturas hostaleiras. Os principais atractivos turísticos son os parques e paisaxes naturais. A maior parte dos visitantes proceden dos EE UU, aínda que moitos deles non acoden en calidade de turistas, senón por razóns de negocios ou traballo; en calquera caso, a permeabilidade dunha fronteira totalmente aberta entre os dous países dificulta a elaboración de estatísticas precisas. As estimacións oficiais cifran en 17.329.000 os visitantes en 1996, que deixaron uns ingresos de 8.868 millóns de dólares USA.
Comercio exterior
As relacións comerciais de Canadá caracterízanse polo gran predominio da exportación de produtos brutos ou semielaborados, a dependencia do mercado dos EE UU, a perda de importancia das transaccións comerciais co Reino Unido e coa Commonwealth, e o importante volume de importacións de produtos manufacturados. Destacan as importacións de pezas para vehículos, produtos químicos, compoñentes electrónicos, maquinaria e metais non ferrosos, e as exportacións de vehículos, gas natural, trigo, papel e pasta de papel, madeira e petróleo. Presenta unha balanza comercial tradicionalmente favorable, mentres a de capitais é desfavorable. Iso equilibra, cun signo lixeiramente positivo, a balanza de pagos. As relacións cos EE UU resultaron especialmente fortalecidas coa entrada en vigor en 1994 do Acordo Norteamericano de Libre Comercio (NAFTA), que tiña como precedente un tratado de 1989. Co tratado NAFTA, as barreiras arancelarias entre Canadá, EE UU e México quedaron suprimidas.
Xeografía humana

Demografía
A taxa de crecemento anual da poboación foi dun 1,2% no período 1992-1997, baseada nun crecemento vexetativo positivo (4,9‰ en 1997) e na contribución da inmigración, que ademais de aumentar por si mesma o volume demográfico incide nun aumento da taxa de natalidade, tanto por factores culturais relacionados co comportamento reprodutivo, como pola propia mocidade dos inmigrantes que, polo xeral, chegan nas idades máis fecundas. A taxa de natalidade sitúase nun 12,1‰ (1997), mentres que a taxa de mortalidade está establecida no 7,2‰, en niveis dificilmente mellorables, favorecida polo grao de desenvolvemento sanitario e pola xuventude da poboación. A esperanza de vida ao nacer é de 75 anos para os homes e de 81 para as mulleres (1996).
Poboamento
Como na maioría dos países industrializados, a porcentaxe de poboación urbana é moi elevada, o 78,5% en 1995. No tocante ao hábitat, o 90% da poboación vive nunha franxa duns 300 km de largo, ao longo da fronteira cos EE UU, que se corresponde coa zona climática máis favorable para o asentamento humano. A densidade de poboación é de 3 h/km2, cun 78,5% urbana (1995). As principais aglomeracións urbanas son Montreal (3.326.510 h [1996]), Québec (67.889 h [1996]), Toronto (4.263.757 h[1996]) e Vancouver (1.831.665 h [1996]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
En Canadá coexisten tres continxentes étnicos ben diferenciados en orixe e que manteñen unha forte diverxencia: os inuits (0,1%), os amerindios (1,9%) e os europeos ou poboación non aborixe (98%). Os inuits canadenses, ao redor de 32.000 (1993), pertencen aos grupos kalaallit, inuhuit e tunumiit. Chegaron a Canadá hai aproximadamente 8.000 anos e dedícanse maioritariamente a actividades tradicionais como a recolección, a pesca e a caza, de xeito nómade. As relacións entre os amerindios, ao redor de 800.000 (1993), regúlanse pola Proclamación Real de 1763, que establecía a sinatura de tratados coas diferentes nacións indíxenas. Os dez primeiros tratados asináronse entre 1870 e 1906, o undécimo en 1921 e os últimos en 1923. Quedaron fóra dos tratados Labrador, e determinados sectores do Québec, Columbia Británica e os distritos de Mackenzie, Keewatin e Yukon. Os amerindios de Canadá réxense polas disposicións xerais da British North American Act (1867), que os colocaba baixo a tutela da Confederación, e polos dispositivos específicos da Indian Act de 1880, que foi revisada en 1951 e que aínda está en vigor. A administración canadense distingue catro categorías de amerindios: os amerindios inscritos que teñen o seu estatuto fixado por un tratado; os amerindios inscritos que non dependen dun tratado; os amerindios non inscritos, que non son legalmente considerados amerindios ou abandonaron o seu estatuto; e os mestizos (0,7%), que perderon en 1940 o estatuto de minoría étnica. Os amerindios do Canadá dispoñen do dereito ao voto provincial dende 1949 e ao voto federal dende 1960. Os amerindios rexidos por tratados organizáronse, a escala federal, na National Indian Brotherhood, logo convertida en Assembly of First Nations (AFN), que representa a 633 comunidades das primeiras nacións do Canadá; o seu obxectivo era promover a restauración e o perfeccionamento da relación entre unha nación e outra e asegurar que tal relación beneficiase os cidadáns das primeiras nacións. A AFN actúa como un grupo de presión que a través dos seus líderes representa as primeiras nacións en áreas tales como dereitos sobre a terra, saúde, desenvolvemento económico-social, educación, etc. A Canadian Association in Support of Native People traballa para acercar as diversas comunidades indíxenas: inuits, amerindios e mestizos. Os descendentes dos emigrantes europeos son maioritariamente de orixe británica ou irlandesa (40%) e francesa (28%); tamén hai importantes comunidades doutras procedencias europeas e, sobre todo, asiáticas que agrupan o 30% da poboación. A inmigración constituíu desde sempre o principal factor de crecemento poboacional. A época de intensa inmigración procedente de Europa pódese dividir en tres períodos: o primeiro esténdese entre 1867 e 1901, cando o país padecía unha perda migratoria neta. Entre 1901 e 1941, o aumento migratorio neto excedeu nun millón, coa apertura dos prados á colonización; este boom detívose bruscamente coa gran depresión dos anos trinta. O terceiro período comezou a finais da Segunda Guerra Mundial, cun claro aumento migratorio. Despois deste período, o incremento da poboación canadense experimentou unha notable redución motivada polas restricións á inmigración e polos baixos niveis de crecemento económico.
Linguas
A vida política e social está influída pola existencia de dúas comunidades étnico-culturais: a francófona, establecida en Québec, e a anglófona, no resto do estado. A lingua francesa é a lingua materna do 25,7% da poboación, e o inglés, do 61,3%; ambas as dúas son oficiais e o 98% dos canadenses dominan as dúas. Tamén hai importantes minorías como a italiana e a xermana. Ademais, os amerindios (ó redor de 280.000 falantes) e os inuits (ó redor de 20.000 falantes) falan outras linguas pertencentes a distintas familias, entre as que destacan: a familia na-dené (entre outras, o chipewyan, o slavey, o tutchone), a familia algonquina (entre outras, o montagnais, o ojibwa), a familia iroquesa (entre outras, o mohawk, o tuscarora), a familia salish (entre outras, o shuswap, o squamish, o thompson) ou a familia esquimó-aleutiana (entre outras, o inuktitut).
Relixións e ensino
As peculiaridades das comunidades francesa e anglosaxona tamén se reflicten no campo da relixión. A Igrexa Católica representou un importante papel no nacemento e na historia do Québec, e ten neste territorio unha enorme influencia. Os fieis católicos son o 45,7% da poboación, fundamentalmente os franceses e tamén os inmigrantes da Europa meridional como os italianos, os croatas, os españois, etc. Os membros das outras confesións cristiás (36,2% da poboación, xeralmente anglosaxona) están repartidos fundamentalmente entre a Anglican Church of Canada e a United Church of Canada. Os cristiáns ortodoxos, emigrantes gregos e serbios, fundamentalmente, representan o 1,5% da poboación, mentres que os xudeus so 1,4%, os musulmáns o 0,9%, e os budistas e hinduístas cadanseu 0,6%. O ensino é competencia de cada provincia.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Canadá entre os países cun desenvolvemento humano alto; ocupa o primeiro posto cun índice do 0,932. Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 79 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 99% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 99%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 22.480 $ USA.
Goberno e administración
Membro da Commonwealth dende 1926, posúe unha Constitución propia, derivada de diversas leis do Parlamento británico, entre elas, a Quebec Act de 1774, a Constitutional Act de 1791, a Act of Union de 1840, a British North America Act de 1967 e a Canada Act de 1982. A Canada Act significou a fin da intervención do Parlamento británico no desenvolvemento constitucional canadense. Canadá é un estado federal onde o xefe do estado, o soberano de Inglaterra, está representado por un gobernador xeral nomeado pola coroa. O primeiro ministro, xefe do poder executivo, é nomeado polo gobernador xeral. O Parlamento Federal comprende o xefe do estado, o Senado (112 membros) e a Cámara dos comúns (301 membros, elixidos por sufraxio directo para un período de 5 anos). O sistema xudicial está baseado no británico, con excepción da provincia de Québec, que segue o sistema francés. Canadá acepta con reservas a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza. A pena de morte está abolida desde o 10 de agosto de 1998. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes (efectuando a declaración prevista no artigo 22, no que se recoñece a competencia do comité contra a tortura para examinar as denuncias de carácter individual); Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967) e a Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller. Desde o nacemento da Confederación, o sistema de partidos segue máis o modelo estadounidense ca o británico, cun bipartidismo no que alternan o partido liberal e o conservador, de base máis pragmática ca ideolóxica. Dentro dos partidos políticos destacan The New Democratic Party of Canada/Nouveau Parti Démocratique du Canada (NDP/ NPD, Novo Partido Democrático do Canadá), presidido por Alexa Mcdonough; Libertarian Party of Canada/Parti Libertarien du Canada (LPC/PLC, Partido liberal do Canadá), presidido por Jean Chretien; Progressive Conservative Party of Canada/Parti Progressiste Conservateur du Canada (PCP/PPC, Partido Progresista-Conservador do Canadá), presidido por Joe Clark; e o Quebec Block/Block Québécois (QB/BQ), presidido por Gilles Duceppe. Administrativamente, o país divídese en dez provincias, dotadas de órganos lexislativos e executivos, e dous territorios. O problema nacional francocanadense, centrado fundamentalmente en Québec, introduciu na vía política de Canadá novos elementos ideolóxicos. Amais, mantén unha disputa con EE UU polas súas fronteiras marítimas comúns en Dixon, mar de Beaufort, estreito de Juan de Fuca e illas Machias Seal. Forma parte destes organismos internacionais: Acordo de Librecambio de América do Norte (NAFTA), Banca Europea para a Reconstrución e o Desenvolvemento (EBRD), Commonwealth, Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) e Organización sobre a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE). Ademais é membro da ONU, da OTAN e do Plan Colombo.
Historia
Os primeiros habitantes de Canadá procedían de Asia. Durante as últimas glaciacións do Plistoceno, diversos pobos mongois cruzaron o estreito de Bering e asentáronse no continente americano. Dos grupos indíxenas que atoparon os europeos, o máis numeroso foi o dos algonquinos, que xa no s XVIII chegaron ao oeste. Os pobos de lingua iroquesa, huróns e iroqueses, establecéronse no Val do san Lourenzo e nos lagos Ontario e Eire. No interior de Columbia Británica vivían os slish e athabascos. No Ártico establecéronse os inuits ou esquimós. Os primeiros europeos en chegar a Canadá probablemente procedían de Groenlandia, xa que a arqueoloxía amosa o asentamento de pobos nórdicos en Terranova. A primeira expedición oficial efectuouse baixo a protección da Coroa inglesa polo xenovés Giovanni Caboto en 1497, que explorou a zona comprendida entre Terranova e Nova Escocia. Atraídos pola abundancia do bacallao, houbo campañas regulares de pesca de bretóns, ingleses e vascos. O bretón Jacques Cartier (s XVI), ao servizo da Coroa francesa, está considerado o verdadeiro descubridor do país: explorou a illa Príncipe Eduardo (1534) e New Brunswick, e chegou á actual Montreal, e xunto con J.F. de la Roque, señor de Roverbal, intentou fundar unha colonia. Os ingleses, na busca do paso ao noroeste cara a China, organizaron expedicións como as realizadas entre 1576 e 1578 por Martin Frobisher e as de Henry Hudson entre 1608 e 1610, que chegaron a Terra de Baffin e á baía de Hudson. Os franceses establecéronse, con Samuel de Champlain definitivamente no país quen, entre outras, fundou a colonia de Québec en 1608. En 1627 Richelieu creou a Compagnie de la Nouvelle France ou des Cents Associés que aínda que tiña o monopolio do comercio e a misión de colonizar o país, tivo unha actividade moi reducida. En 1621 William Alexandre estableceu a colonia inglesa de Nova Escocia. Entre 1629 e 1632 Québec estivo en mans inglesas e retornou a Francia polo Tratado de Saint-Germain-en-Laye. Mentres os algonquinos e huróns permanecían aliados cos franceses, en 1640 comezaron as loitas cos grupos iroqueses. En 1642 fundouse o asentamento comercial de Montreal. En 1663, fracasada a compañía, os territorios da chamada Nova Francia, ao redor do río San Lourenzo, pasaron ao dominio directo da Coroa francesa que favoreceu o poboamento (de 2.000 h en 1660 a colonia pasou a 10.000 en 1680) e puxo fin ás guerras cos indíxenas iroqueses. Ao mesmo tempo, continuaron as exploracións cara ao interior; La Salle descubriu en 1682 as fontes do Mississippi. En 1670 creouse a Husdon’s Bay Company, protexida pola Coroa inglesa, que tivo un gran crecemento, mentres que a rivalidade entre colonizadores ingleses e franceses, agravada por unha nova revolta en 1689 dos iroqueses, se converteu en loita aberta a partir do inicio da Guerra da Liga de Augsburgo (1690) en Europa. Pola Paz de Rijswijk (1697), Francia recuperou as súas posesións, e polo Tratado de Utrecht (1713), cedeu Nova Escocia a Inglaterra e renunciou a Terranova e á baía de Hudson, mais mantivo as illas Cabo Bretón e Príncipe Eduardo. Durante a primeira metade do s XVIII Nova Francia continuou a súa expansión: aumentou demograficamente (42.000 h en 1739 e 55.000 en 1754); e á tradicional explotación do bosque e das peles engadíuselle o aumento dos cultivos, o establecemento de estaleiros e unha incipiente metalurxia. Así mesmo, Québec e Montreal convertéronse en cidades florecentes. As tensións entre ingleses e franceses retomáronse a partir da Guerra da Sucesión austríaca (entre 1745 e 1748 os ingleses apoderáronse da fortaleza francesa de Louisburg) e, sobre todo, desde a Guerra dos Sete Anos (1756); despois de dous anos de vitorias francesas, dirixidos polo xeneral Montcalm, as forzas inglesas, conducidas por James Wolfe e co apoio da armada, apoderáronse de Québec trala batalla das chairas de Abraham en 1759; Montreal capitulou ao ano seguinte e, polo Tratado de París (1763), Nova Francia foi cedida definitivamente a Inglaterra. Francia conservaba as pequenas illas de Saint-Pierre e Miquelon e os dereitos de pesca en Terranova. Baixo o dominio inglés, grazas á Québec Act de 1774, Québec conservou a lexislación civil francesa, xunto coa lexislación criminal inglesa, e foron respectadas a lingua e a relixión da poboación. Durante a revolución das colonias inglesas de América, Canadá foi invadido por tropas independentistas que foron expulsadas polos francocanadenses, aliados dos ingleses. Despois da Paz de Versailles (1783), un gran número de colonos leais á Coroa inglesa refuxiáronse en Canadá e constituíron a nova colonia de New Brunswick en 1794. Pola Constitutional Act de 1791 estableceuse un consello e unha asemblea electiva de carácter lexislativo para cada unha das provincias en que foi dividido o territorio: o Alto Canadá (inglés e protestante) e o Baixo Canadá (francés e católico); mantíñanse independentes as provincias marítimas de Nova Escocia, Illa Príncipe Eduardo, New Brunswick e illa Cabo Bretón (unida a Nova Escocia en 1820). Ao mesmo tempo as expedicións continuaron, como as de Mackenzie, que chegou en 1789 ao Océano Ártico e en 1793 ao Pacífico, e iniciouse a colonización de novos territorios: o curso do San Lourenzo, grandes lagos do leste, e os lagos de Manitoba e Winnipeg. A guerra entre EE UU e Reino Unido (1812), na que os norteamericanos intentaron anexionar novamente Canadá, non asegurou a separación política (Paz de Gante, 1814). A competencia que a North West Company de Montreal, creada en 1780, exercía sobre o monopolio comercial da Hudson’s Bay Company, solucionouse en 1821 coa absorción daquela por esta; a compañía, que operaba desde a illa de Vancouver, converteuse en colonia británica en 1849. O descubrimento de ouro no río Fraser en 1858 atraeu a inmigración a aquel territorio e deu lugar á creación da colonia de Columbia Británica, unida en 1866 á de Vancouver. A fin das guerras napoleónicas provocara unha forte inmigración militar que adquiriu grande influencia dentro do goberno; despois houbo unha forte chegada de inmigrantes ingleses pertencentes á clase obreira (120.000 entre 1827 e 1832). No Baixo Canadá, as tensións entre a minoría gobernante inglesa e a asemblea, maioritariamente francesa, provocaron a revolta de 1837, dirixida por Louis J. Papineau, que coincidiu con outra revolta no Alto Canadá, dirixida por William L. Mackenzie, que pretendía unha maior representación no goberno. Estes feitos levaron a lord Durham a presentar no Parlamento británico unha proposta para a unión das dúas provincias, aprobada pola Act of Union de 1840. Entre 1842 e 1846 chegouse a un acordo cos EE UU que estableceu a fronteira no paralelo 49° N e trasladaba o límite occidental dende as Rochosas ao Pacífico. Iniciouse entón unha época de prosperidade, á que contribuíu a secularización das terras do clero protestante do Canadá anglofalante e a fin do réxime señorial do francofalante; a poboación pasou de 2.382.000 h en 1851 a 3.169.000 en 1861. Iniciáronse unha serie de obras públicas en ferrocarrís, canais e estradas, e desenvolveuse un movemento favorable á organización federal de Canadá (Conferencia de Charlottetown, 1864), aprobada polo Parlamento británico en 1867 na British North America Act. A federación formada polas colonias de Nova Escocia, New Brunswick, Québec (Baixo Canadá) e Ontario (Alto Canadá) recibiu o nome de Dominion of Canada. O goberno canadense comprou en 1869 grandes extensións de territorio pertencentes á Hudson’s Bay Company: a Rupert’s Land e os territorios do NO ata as Rochosas. A colonia de Red River (Assiniboia) , despois dunha rebelión dirixida polo mestizo Louis Riel, converteuse no centro da provincia federada de Manitoba en 1870. Coa unión da colonia Columbia Británica ao Dominion en 1871, o país estendeuse de mar a mar. En 1880 o Reino Unido cedeu a Canadá a xurisdición sobre o arquipélago ártico. Entre 1867 e 1873 e entre 1878 e 1891 foi primeiro ministro o conservador John A. MacDonald e que intentou consolidar a unión entre as dúas provincias, desenvolveu as vías de comunicación, levou a cabo unha política proteccionista e sufocou a segunda revolta en Manitoba de Louis Riel, executado en 1885. Entre 1896 e 1911 subiu ao poder o liberal francocanadense Wilfrid Laurier; durante o seu mandato (1905) convertéronse en provincias, Alberta, Saskatchewan e o Territorio do Noroeste que en 1898 se separara do Yukon; establecéronse as fronteiras con EE UU en Alasca; afirmáronse as relacións con Gran Bretaña (as tropas canadenses participaron na Guerra Anglobóer) e favoreceuse a inmigración. Durante a Primeira Guerra Mundial, Canadá loitou cos aliados e interveu na Conferencia de Versailles (1919). Durante o primeiro mandato do liberal W. L. Mackenzie King como primeiro ministro (1921-1930) reivindicouse o status de igualdade co Reino Unido que se recoñeceu na Conferencia Imperial de 1926 e que confirmou o Statute of West-minster de 1931, e Canadá converteuse en membro da Comonwealth. O país experimentou un notable desenvolvemento comercial e industrial, interrompido pola crise mundial de 1929. Mackenzie King volveu ao poder entre 1935 e 1948. Ao declararse a Segunda Guerra Mundial, Canadá declarou a guerra a Alemaña o 10 de setembro de 1939. Mobilizáronse máis dun millón de homes e a industria púxose ao servizo da fabricación do material de guerra, ao mesmo tempo que se enviaban ao Reino Unido grandes cantidades de trigo. Entre 1948 e 1957 estivo no poder Louis Saint Laurent. En 1945 o país ingresou na ONU e en 1949 na OTAN, nese mesmo ano Terranova ingresou no Dominion. O país aumentou a súa independencia dentro da Comonwealth ao obter o dereito de modificar a súa Constitución e suprimir a xurisdición de casación do Consello Privado do Reino Unido de Westminster. O país interveu na Guerra de Corea (1950-1953). En 1957, despois de 22 anos de goberno liberal, foi elixido primeiro ministro o conservador John Diefenbaker, pero diversos factores, como a crise do dólar, a política europeísta do Reino Unido e, sobre todo, as tensións internas producidas polas reivindicacións de Québec, determinaron o triunfo do liberal Lester B. Pearson en 1963. A este sucedeuno en 1968 o tamén liberal Pierre E. Trudeau, cun goberno marcado pola crise económica mundial, polo desenvolvemento do nacionalismo francófono en Québec e, en política exterior, pola menor énfase nas tradicionalmente boas relacións con EE UU e con Europa Occidental e polo fomento das relacións con Extremo Oriente, África e América Latina. En 1969 promulgou a Lei do Idioma Oficial que establecía o uso en iguais condicións do inglés e do francés no goberno. En 1979 o partido liberal de Trudeau perdeu as eleccións federais en beneficio do partido conservador de Joseph Clark, pero este cedeu novamente o poder aos liberais despois das eleccións de 1980. En maio de 1980 un referendo provincial sobre a soberanía de Québec rexeitou a independencia. Trudeau era partidario do fortalecemento do poder federal, non só ante as reivindicacións de Québec, senón tamén ante as outras provincias. En 1982 levou a cabo unha reforma da Constitución que daba plena soberanía a Canadá para o seu propio desenvolvemento constitucional e retirou ao Parlamento británico o control da fórmula de emenda da Constitución canadense. Aínda que Québec non a autorizou porque atentaba contra a súa lingua e educación, a reforma aprobouse. A crise económica diminuíu o apoio popular de Trudeau, que dimitiu en xuño de 1984. Sucedeuno o tamén liberal John Turner, que ao pouco de iniciar o seu mandato convocou eleccións xerais. Os conservadores obtiveron a maior vitoria da súa historia e o seu líder, Martin Brian Mulroney, foi elixido primeiro ministro. A súa política buscou reforzar as relacións cos EE UU, formalizadas posteriormente cos acordos do Tratado de Libre Comercio (NAFTA) entre Canadá, EE UU e México, que entraron en vigor en 1994. Con respecto ao movemento independentista de Québec, o seu líder, René Levesque, adoptou progresivamente posicións máis moderadas. Nas eleccións provinciais de 1985, Robert Bourassa foi elixido primeiro ministro de Québec, cargo que ocupou ata xaneiro de 1994, cando dimitiu e foi substituído por Daniel Johnson. Mulroney dimitiu en febreiro de 1993 e substituíuno Kim Campbell, que desempeñou o posto de primeira ministra ata as eleccións lexislativas de outubro dese mesmo ano. O partido conservador sufriu unha severa derrota e só obtivo dous escanos. Os vencedores foron os liberais, con Jean Chrétien como novo primeiro ministro, que revalidaron o seu triunfo en xuño de 1997. O Partido da Reforma e o Bloc Québécois son os principais partidos da oposición. En 1995 un referendo celebrado en Québec rexeitou a separación, e o 20 de agosto de 1998 unha sentenza do Tribunal Supremo prohibiu a Québec o dereito a separarse do país. En setembro de 1997, as provincias anglófonas asinaron a Declaración de Calgary onde, tras recoñecer as particularidades da sociedade canadense, afirmaban a igualdade de todos os seus habitantes. O 4 de febrerio de 1999 todas as provincias, agás Québec, firmaron co goberno federal o acordo-marco para mellorar a unión social entre os canadenses, polo que, a cambio de ampliar as transferencias de sanidade, recoñecían a lexitimidade do poder federal para intervir dunha forma mínima. En 1999 creouse un novo territorio autónomo escindido do Territorio do Noroeste, o Territorio de Nunavut, e estableceuse o autogoberno do pobo inuit no eido da educación, sanidade, servicios sociais, lingua e cultura, vivenda e xustiza. Do mesmo xeito, o pobo nisga de Columbia Británica tamén asinou un tratado que lles permitía o control das súas terras e en maio de 1999 anunciouse un acordo de principio para os inuits do Labrador. No eido da política internacional, Canadá foi elixido en 1998 membro temporal do Consello de Seguridade da ONU para o período 1999-2000, mentres que en 1999 tomou parte nas operacións militares de castigo contra Iugoslavia. Nas eleccións anticipadas do 27 de novembro de 2000, o socialdemócrata Jean Chrétien logrou un terceiro mandato consecutivo con maioría absoluta (173 escanos) e mellorou os resultados de 1997 (155 escanos). Os outros catro partidos que competían nesas eleccións obtiveron un resultados negativos. A Aliance Canadienne de Sotckwell Day, que se presentaba como alternativa nacional ao progama do Parti Libertarien du Canada, de carácter conservador e partidario do recorte fiscal e a redución do activismo gobernamental, obtivo 66 deputados, 8 máis ca o Parti pour la Réforme do que procede. Os resultados do Block Québécois, 37 escanos fronte aos 44 de 1997, supuxeron un duro golpe ás pretensións nacionalistas quebequesas, sobre todo debido a que o Parti Libertarien du Canada de Chrétien, que defende manter o Canadá unido dentro dun sistema federal, incrementaba a súa presenza no Québec con oito escanos. Así mesmo, o Nouveau Parti Démocratique du Canada descendeu a 13 escanos e o Parti Progressiste Conservateur du Canada logrou 12 escanos, xusto o límite para estar na Cámara dos Comúns.