canadense
(< topónimo Canadá)
-
adx
Relativo ou pertencente a Canadá ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Canadá.
-
arte canadense
[ARTE]
Arte desenvolvida no Canadá polas poboacións de orixe europea que se estableceron no país. No s XVII perfilouse unha arte plenamente afrancesada que se manifesta na obra do retratista Claude François, chamado Frère Luc (1614-1685). A arquitectura relixiosa, moi austera, enriqueceuse no s XVIII coas tallas, entre as que sobresaen as dos membros de dúas dinastías de escultores: os Levasseur, orixinarios de Normandía, especialmente Pierre Nöel Levasseur (1690-1770); e os Baillargé, do Poitou, nos que sobresae o escultor, pintor e arquitecto François Baillargé (1678-1781). Destaca tamén Phillippe Lièbert (1732-1804). François Ranvoyzé (1739-1819) e Laurent Amyot (1764-1839) foron importantes prateiros. A finais do s XVIII e durante o s XIX o prerromanticismo e o romanticismo reflectíronse nun certo nacionalismo artístico, interesado no exotismo das culturas e costumes indíxenas, no que participaron artistas da área cultural francesa como François Malepart de Beaucourt (s XVIII), Zacharie Vincent (1812-1886) e da área inglesa como Paul Kane (1810-1871) e Cornelius Krieghoff (1815-1872), ou artistas europeizados como Antoine Plamondon (1804-1895). En arquitectura, o neogótico manifestouse, sobre todo, nas grandes cidades; é o caso, por exemplo, do parlamento de Ottawa. Dentro da pintura realista, Ozias Leduc (1864-1955) fixo un minucioso trompe-l’oeil. A vangarda do s XX tivo unha figura destacada no fauvista James Wilson Morrice (1865-1924). O Group of Seven representou un nacionalismo artístico de acordo cos gustos estéticos do momento. Doutra banda, Jean Paul Lemieux (1904) simplificou ao máximo a paisaxe, e Alfred Pellan (1906) e Paul-Émile Borduas (1905-1960) chegaron á abstracción a partir do contacto directo coa vangarda francesa; o manifesto Refus Global de Borduas (1948) potenciou a formación dun movemento novo de vangarda encabezado por Jean-Paul Riopelle (1923). Na arte canadense máis recente destacan Jack Bush (1909-1979), Fernand Toupin (1930), Claude Tousignant (1932) e Michel Snow (1929). Les Levin (1935) e Greg Curnoe (1936) adoptaron os medios de expresión da vangarda internacional.
-
cine canadense
[IMAX]
Cine desenvolvido en Canadá. Comezou en 1896 da man de John C. Green e, logo duns primeiros anos de produción relativamente intensa, decaeu cara ao 1920. A National Film Board, creada polo Parlamento en 1939 promoveu, dentro do campo da curtametraxe, a obra de realizadores tan notables como os documentalistas Wolf Koenig e Colin Low e, sobre todo, de Norman McLaren, unha das primeiras figuras mundiais do cine de animación. A comezos da década de 1960 xurdiu unha xeración de realizadores independentes, orientada cara ao cinema verité, entre os que destacaron Claude Jutra, Michael Brault, Guilles Grouix e Don Owen. Posteriormente, cómpre salientar, entre os realizadores de lingua francesa, a Gilles Carle, Denys Arcand, Jean-Pierre Lefebvre e Jean Baudin, e entre os de lingua inglesa, a Ted Kotcheff, Don Shebib, Allan King, Michael Brault, Patricia Rozema e Atom Egoyam.
-
literatura canadense
[LIT]
A literatura de Canadá divídese en dous grupos de acordo coa lingua na que se escribe: a literatura anglocanadense, cultivada en lingua inglesa, e a literatura francocanadense, cultivada en lingua francesa. Dentro da literatura anglocanadense, cómpre destacar que o primeiro xénero que adquiriu unhas características de seu foi a novela histórica, iniciada por John Richardson (1796-1852) e continuada por William Kirby (1817-1906). O xénero humorístico, de gran tradición, comezou coas obras de Thomas Chandler Haliburton (1796-1865) e Sara Jeannette Duncan (1862-1922). A poesía romántica, intimista en Isabella Valancy Crawford (1850-1886), inspirouse a miúdo na vida salvaxe do país, seguindo as correntes da época vitoriana inglesa, e orixinou un xénero menor moi cultivado no país: as historias de animais. Foi cultivada por Charles G. D. Roberts (1865-1943), Archibald Lampan (1861-1899) e Bliss Carman (1861-1929). Co s XX, o simbolismo enriqueceu esta temática con obras de Wilfred Campbell (1861-1918), Marjorie Pickthall (1883-1922) e William H. Drummond (1861-1899). Os escritores Mazo de la Roche (1885-1961), Laura Salverson (1890) e Frederik Philip Grover (1871?-1948), entre outros, iniciaron a tendencia cara ao realismo sinxelo e directo característico da narrativa canadense, inspirados en temas rurais. Na posguerra, o rexionalismo e os problemas da diversidade cultural, estudiados particularmente dende a vida urbana, constituíron os temas literarios básicos; destacan os escritores Hugh MacLennan (1907) e Morley Callaghan (1903). O humorismo no ensaio foi maxistral en Stephen Leacock (1869-1944). A poesía narrativa de Edwin John Pratt (1883-1964) produciu un movemento que rachou definitivamente co romanticismo vitoriano. Neste eido destacaron Dorothy Livesay (1909) e Abraham M. Klein (1909), entre outros. Posteriormente, con Jay Macpherson (1931) a poesía evolucionou cara ao misticismo. A novela caracterizouse por expresar a problemática das minorías marxinadas, como os xudeus e os esquimós, especialmente en obras de Farley Mowatt (1921) e Mordecai Richler (1931). A partir da década dos setenta esta preocupación, en conxunción co feminismo, particularizouse na representación da loita de poder entre homes e mulleres ou no tema da sexualidade. En xeral, a influencia de novas correntes filosófico-críticas quedou patente na consciencia posmoderna dos problemas da propia cultura. No que atinxe á literatura francocanadense cómpre subliñar que a mediados do s XIX a produción literaria dos canadenses de fala francesa era moi precaria e unicamente destacou o poeta e historiador Michel Bilbaud (1782-1857). A aparición de Histoire du Canada (Historia do Canadá, 1845-1848), de François Xavier Garneau (1809-1866), iniciou o movemento romántico denominado École Patriotique de Québec. Joseph Octave Crémazie (1827-1879), Louis Fréchette (1839-1908) e Raymond-Henri Casgrain (1831-1907) foron os máximos representantes en poesía. Na novela histórica e costumista destacaron Antoine Gérin-Lajoie (1824-1882) e Philippe Aubert de Gaspé (1786-1871). A École Litteraire de Montreal, fundada en 1895, agrupou poetas como Emile Nelligan (1897-1941), Paul Morin (1889-1963) e o crítico e poeta Louis Dantin (1875-1945), que baixo influencias do simbolismo e do parnasianismo rexeitaron a tradición e caracterizáronse polo esteticismo das novas correntes. Como resposta xurdiu a École du Terroir, expoñente do localismo en poesía e novela. Representantes desta tendencia foron en poesía Albert Ferland (1872-1943) e Blanche Lamontaigne (1889), e as novelas sobre a vida rural e as fazañas dos conquistadores canadenses influídas por Maria Chapdelaine (1916), do francés Louis Hémon (1880-1913). Esta escola desapareceu cara ao 1930 cando os novelistas Claude Henri Grignon (1894-1976), Jean Charles Harvey (1891-1967), Robert de Roquebrune (1889), Ringuet (1895-1960) e Gabrielle Roy (1919), e poetas como Anne Hébert (1916), Alain Grandbois (1900-1975) e Saint-Denis Garneau (1912-1943) deron a coñecer unha serie de obras influídas polas correntes da literatura europea contemporánea, especialmente a francesa. O mesmo fenómeno produciuse no teatro, caracterizado polo seu forte inconformismo e por unha visión nacionalista moi politizada, que incorporou á escena o debate político entre independentistas e federalistas e a tradición do teatro de vangarda europeo. O desenvolvemento da novelística posterior caracterizouse pola protesta contra as institucións e as convencións sociais, pola presenza do erotismo e, en especial, polo tema da alienación da vida urbana. Autores teatrais foron Gustave Lamarche (1895), Gratien Gelinas (1909), Marcel Dubé (1930), Paul Toupin (1918) e Jacques Languiraud (1930). A literatura incorporou a lingua popular, o joual, para dar maior autenticidade ás obras.
-
música canadense
[MÚS]
Arte musical desenvolvida en Canadá a partir das contribucións dos inmigrantes europeos. Desde o s XVII os franceses introduciron a música occidental, en particular o xénero vocal, a través da provincia de Québec. Nos comezos do XIX os cantores populares ocupaban un lugar importante na vida musical do país. Ernest Gagnon publicou en 1865 a escolma Chansons populaires du Canada, que iniciou os estudios folclóricos francocanadenses, e Marius Berbeau publicou tamén diversas obras sobre o mesmo tema. A tradición musical británica comezou a introducirse a partir do s XVIII nas provincias marítimas e Terranova. Entre os músicos de ascendencia francesa destacaron Romain Octave Palletier (1844-1927), organista e compositor, Claude Champagne (1891-1965) e Guillaume Couture (1851-1915); entre os de ascendencia inglesa, Ernest Campbell MacMillan (1893-1973), organista e compositor, e Colin McPhee (1900-1964), compositor e pianista. Entre a xeración de músicos de finais do s XX destacan Harry Somers (1925), Clermont Pépin (1926), John Beckwith (1927), Roger Matton (1929), Gilles Tremblay (1932) e Lloyd Burrit (1940).