cananeo -a

cananeo -a

(< lat Cananēus < topónimo Canaán)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Canaán ou aos seus habitantes.

  2. s

    Natural ou habitante de Canaán.

  3. s [HIST]

    Poboación autóctona de Palestina anterior á invasión dun grupo de pobos semitas nómades no III milenio a C; nos ss XIX-XVIII a C constituíron a base da poboación do país durante a dominación dos hiksos. Os cananeos habitaban en núcleos urbanos e a súa base económica era a agricultura e o comercio. Os cananeos foron progresivamente substituídos polos hebreos cara ao s XII a C, despois de numerosos enfrontamentos.

  4. [LING]
    1. s m

      Grupo de linguas semíticas occidentais que comprende o cananeo antigo, o moabita, o fenicio e o hebreo; é discutible a inclusión do ugarítico neste mesmo grupo.

    2. cananeo antigo

      Lingua falada polos cananeos antes da conquista de Canaán polos hebreos. Consérvase en determinados topónimos e, especialmente, nas glosas das cartas de Tell Al-Amārna (ss XV-XIV a C). Estes documentos, descubertos no 1887 no Alto Exipto, están escritos en caracteres cuneiformes e redactados en acádico, e representan a correspondencia enviada entre, aproximadamente, o 1411 e o 1350 a C polos príncipes de Asia occidental aos faraóns Amenofis III e Amenofis IV. O texto destas cartas contén numerosas glosas que ofrecen os equivalentes cananeos dos termos babilónicos empregados e, grazas á utilización dunha escritura cuneiforme, aparecen as notacións tanto das consoantes como das vocais. O estudo destas glosas permitiu ademais determinar a gramática dun protohebreo.

Palabras veciñas

cáñamo | Canamusali | canana | cananeo -a | Canani, Giambattista | canapé | cañar