cancioneiro

cancioneiro

(

s m [LIT]

Colección de poesías dun ou de diversos autores dunha época determinada ou pertencentes a un mesmo xénero literario. Da súa existencia tense constancia desde a Antigüidade, pero é na Idade Media, sobre todo co florecemento da lírica trobadoresca, cando experimentaron unha gran proliferación. No tocante á temática son, sobre todo, de carácter lírico ou amoroso, pero tamén político, moral, relixioso ou satírico. Os cancioneiros medievais máis antigos débense a copistas profesionais, monxes ou segrares que estaban ao servizo de reis e de grandes señores. A ordenación das composicións nas compilacións antolóxicas seguiu criterios moi diversos, ben por autores (e máis ou menos cronoloxicamente), ben por xéneros e formas (ou polo lugar de procedencia dos poetas). Con posterioridade diminuíu o criterio unificador dun volume determinado. Pola relación entre canto e poesía, un bo número dos máis antigos eran musicados, pero con frecuencia a notación desatendíase porque dependía de especialistas. A realización dun cancioneiro, tanto dende o punto de vista material como substancial, requiría do esforzo coordinado de diversas persoas, xa que había que preparar o soporte material (pergamiño ou papel) empregado, seleccionar as pezas destinadas á compilación e o xeito de ordenalas, copiar as composicións, ilustrar os folios, escribir a música, etc. Deste xeito, obtíñase un volume cun prólogo, un corpo central formado polas composicións e un epílogo, no que a súa uniformidade dependía da perfección das interconexións de forma e de fondo dos textos e dos autores compilados. Neste aspecto, as colectáneas da lírica galego-portuguesa, o Cancioneiro da Ajuda (A), o Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B) e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana (V) posúen unha calidade inferior á maioría dos códices da lírica occitana: A está inacabado (fáltanlle textos, todas as rúbricas, moitas das filigranas e miniaturas, a notación musical, etc) e os apógrafos italianos parecen ser (alomenos B) simples copias de traballo dun orixinal, seguramente un cancioneiro totalmente acabado. Coñécense uns 95 cancioneiros occitanos; uns 40 franceses (entre os máis antigos destaca o de París da Bibliothèque Nationale, que contén as obras de Adam de la Halle); dos italianos, que son moi numerosos, o máis antigo é o conservado na Biblioteca Vaticana, que constitúe o corpus poético máis rico anterior ao dolce stil nuovo. Entre os cancioneiros da Península Ibérica destaca o conxunto dos cancioneiros galego-portugueses, o Cancionero de Baena, os cancioneiros casteláns relacionados coa corte de Afonso o Magnánimo, o Cancionero General, de Hernando del Castillo, e o Cancioneiro Geral, de García de Resende. Dos cancioneiros con notación musical, consérvanse poucos da época medieval: en Francia, o Chansonnier de Saint Germain, con 113 melodías de cancións provenzais e francesas, e entre outros o Chansonnier de l’Arsenal; en Italia, Antiphonarium Medicaeum, colección de motetes e de cancións polifónicas dos ss XII e XIII. As escolas polifónicas castelá e andaluza orixinaron, nos ss XVI e XVII, o Cancionero Musical de Palacio, entre outros. Segundo a autoría dos poemas pódese facer unha clasificación tripartita dos cancioneiros. En primeiro lugar, unha colección de textos dun só autor que el mesmo selecciona e ordena; en segundo lugar, unha colección tamén individual pero non organizada polo autor; en terceiro lugar, unha compilación de poemas da produción de varios autores seleccionados e ordenados por unha única persoa (normalmente un profesional ao que se lle encarga a súa elaboración) seguindo uns criterios que lle daban unidade ao libro. A este último tipo de colección responden os tres cancioneiros máis importantes que transmitiu a lírica medieval galego-portuguesa: O Cancioneiro da Ajuda (A), o Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B) e o Cancioneiro da Vaticana (V). Segundo o crítico alemán G. Gröber este tipo de compilacións que recollen a obra de varios autores (Liedersammlungen), estarían formados por varios libros de autor (Liederbücher) que, á súa vez, comporíanse de follas soltas que contiñan unhas poucas composicións dun único autor (Liederbläter). A extensión deste último tipo fai que se lles chame tamén cancioneiros ás compilacións de textos de distintos autores, realizadas nos séculos posteriores, que xa non teñen tan en conta un criterio organizador claro que lle confira unidade ao conxunto; este é o caso do Cancionero de Baena que presenta un único criterio ordenador, o da importancia dos autores. Durante a segunda metade do s XV e a primeira do XVI publicáronse os cancioneiros máis coñecidos na actualidade. A este período corresponden as primeiras coleccións de música polifónica, que inclúen vilancicos e romances, entre outras composicións. Cómpre destacar o Cancionero de la Colombina (1490), que contén case un cento de composicións, sobre todo vilancicos e cancións cortesás; o Cancioneiro de Montecassino (1480-1500?), de orixe italiana que reúne cancións da corte de Afonso V; o Cancioneiro de Elvas (1550?), que contén cancións e vilancicos que aparecen no Cancionero Musical de Palacio (1505-1520), editado por Francisco Asenjo Barbieri e revisado posteriormente por H. Anglés, que comprende, na súa maioría, romances, vilancicos e cancións de autores como Juan del Encina ou Pedro de Escobar; e, por último, o Cancionero de Sablonara (1625?), que consta dunhas 230 cancións a varias voces sobre textos de Góngora e Lope de Vega, e musicados por Manuel Correa, entre outros.