canle

canle

(< lat canale)

  1. s f [ENX/XEOG]

    canal.

  2. s f

    Peza do muíño construída con lousas de pedra, unha na base e dúas formando as paredes laterais, que acada lonxitudes de 5 a 15 metros, segundo a configuración do terreo, e posúe unha capacidade grande, xa que o ancho é duns 80 cm e 50 cm de fondura. Ten forma troncopiramidal moi empinada, que se estreita ao ir achegándose ao rodicio e fai un acaneo rápido para darlle máis pendente. Canaliza a auga dos regatos, da gavada e da presa cara ao rodicio poñendo en funcionamento todo o mecanismo de trituración.

    Sinónimos: adellón.
  3. s f
    1. Cada unha das tellas colocadas nun tellado coa cara cóncava para arriba, que serve de conduto para a auga.

    2. Nun tellado, fileira de tellas dispostas coa concavidade cara a arriba, para que escorra a auga da chuvia.

  4. s f

    Parte profunda do suco que vai deixando o arado ao romper na terra.

  5. [ANAT]
    1. s f

      Conduto que une, xeralmente, dúas estruturas anatómicas definidas, e no seu interior circulan ou se conteñen substancias líquidas ou semilíquidas.

    2. canle dixestiva

      tubo dixestivo.

    3. canle neurentérica

      Conduto embrionario que comunica o tubo ou canle nerviosa co arquénteron no estadio de néurula. Esta canle fórmase a causa da fusión das protuberancias medulares por riba do suco blastopórico. Posteriormente, a canle neurentérica reabsórbese e, como consecuencia, desaparece a comunicación entre o tubo nervioso e a cavidade dixestiva primitiva.

    4. canle pneumática

      Nos peixes teleósteos, conduto que pon en comunicación a vexiga co tubo dixestivo.

    1. s f

      Suco dun óso ou doutra estrutura anatómica calquera.

    2. canle carpiana

      Canle situada no carpo, na que pode desenvolverse unha compresión do nervio mediano e provocar a síndrome da canle carpiana.

    3. canle lacrimal

      Depresión situada na parte superior da órbita ocular, na que se localiza a glándula lacrimal.

    4. canle vertebral

      Cada unha das depresións de cada lado das apófises espiñentas vertebrais.

  6. [BOT]
    1. s f

      Cavidade alongada dun vexetal.

    2. canle aerífera

      Cavidade situada na aerénquima das plantas acuáticas que posibilita que os seus tecidos poidan airearse.

    3. canle do colo

      Canle correspondente ao colo do arquegonio, formado por un certo número de células.

    4. canle do ventre

      No ventre dos arquegonios, parte situada por riba da oosfera constituída por unha soa célula.

    5. canle esquizoxénica

      Canle producida por división celular e posterior separación das células, onde se acumulan produtos de secreción como o oleífero das follas da centáurea amarela ou o resinífero das coníferas.

    6. canle estilar

      Formación existente no estilo dalgunhas anxiospermas, revestida dun tecido glandular; polo interior das súas paredes escorrega o tubo polínico, en dirección ao primordio seminal.

  7. s f [XEOG]
    1. Paso estreito e alongado entre montañas.

    2. Fenda ou fisura de grandes dimensións aberta en forma vertical nunha penedía e que presenta, normalmente, poucas dificultades para a ascensión ou o descenso.

    1. s f

      Axente, vía, medio ou procedemento a través do que se transmite unha cousa.

      Ex: As canles de información nas que se basea non son moi fiables.

    2. canle de distribución [ECON]

      Conxunto dos procesos intermedios propios da condución dos bens económicos desde o lugar de produción ata a unidade de consumo. O esquema básico da canle de distribución típica dos bens de consumo axústase aproximadamente á cadea produtor-comisionista-fornecedor-(mercado central)-minorista-consumidor polas canles internas, e produtor-maiorista-exportador-minorista polas canles externas (exportación). Algúns sectores, como o de bens de produción, distinguíronse por unha progresiva simplificación das canles, posta de manifesto coa aparición de departamentos comerciais ou asociacións de fabricantes que realizan as vendas directamente ao cliente. Os comercios minoristas, especialmente de artigos de consumo, tenden tamén a participar neste proceso. Distínguese entre canle curta, na que só hai un intermediario entre o fabricante do produto e o consumidor, e a canle longa, cando hai distintos intermediarios maioristas e minoristas entre o fabricante e o usuario.

  8. s f [LING]

    Termo pertencente á teoría da comunicación que designa o medio polo que un emisor transmite mensaxes a un receptor ou destinatario. Na transmisión da literatura foi importante o paso da cultura oral, que utilizaba canles acústicas (transmisión oral de contos, cancións populares, cantares de xesta, etc) á escrita, que se define polo emprego da canle visual (o texto escrito) e, recentemente, os avances nas tecnoloxías da comunicación (televisión, radio). As alteracións na canle condicionan e modifican os elementos implicados no proceso comunicativo.

  9. s f [COMUN]
    1. Cada unha das dúas vías de transmisión do programa que determinan o efecto estereofónico; denomínanse canle esquerda e canle dereita. Se as informacións das dúas canles son idénticas, prodúcese a sensación da existencia dunha fiticia canle monofónica central.

    2. Banda de frecuencias dunha transmisión. A amplitude desta banda depende do tipo de transmisión. Así, en radiodifusión a banda é relativamente estreita (9 kHz en AM e uns 225 kHz en FM) e non se adoita falar de canles, senón que toda emisión vén caracterizada por unha frecuencia (ou ben unha lonxitude de onda); sen embargo, no caso da televisión, onde a banda é moi ancha, convén asignar canles dunha amplitude definida, a fin de establecer un número de emisores limitado e evitar as interferencias. A través dunha canle de TV transmítese a información correspondente á imaxe e ao son, e, polo tanto, hai unha portadora de imaxe modulada polo sinal de vídeo e unha portadora de son modulada polo sinal de audio. A súa distribución dentro da canle é variable, de acordo coas normas de TV existentes, así como o ancho das canles. Segundo a norma europea CCIR, as canles teñen un ancho de 7 MHz en VHF e 8 MHz en UHF.

  10. [COMUN]
    1. canle de resposta

      Serie de instrumentos que están a disposición dos usuarios ou consumidores para manifestar o grao de satisfacción e calidade dun produto ou, no seu caso, a queixa correspondente por un mal servicio.

    2. s f

      Conxunto de elementos para a transmisión nun só sentido, desde o transmisor ata o receptor. As canles están constituídas fundamentalmente pola vía de transmisión (microondas, fío eléctrico, cable coaxial, fibra óptica, etc) que serve de soporte da comunicación, e polos equipos asociados aos extremos do circuíto que definen o tipo de canle: canle telefónica, canle telegráfica, canle de transmisión de datos, etc. Segundo a forma de traballo, fálase de comunicación símplex, semidúplex, dúplex ou múltiplex. Unha canle defínese polo ancho de banda e a capacidade de transmisión en baudios ou Mbits/s. A capacidade dunha canle de comunicación é a velocidade máxima á que pode transmitirse información sen erros. Segundo o teorema de Shanon, para diminuír a probabilidade de erro dunha mensaxe, cómpre transmitir a información en bloques longos. Existen códigos que, ao introducir redundancias, permiten que o receptor poida detectar e corrixir os erros nos bits individuais.

  11. s f [ARQUIT]
    1. Moldura cóncava tallada nunha columna ou noutro obxecto.

    2. Moldura entre o ábaco e o cimacio, no capitel xónico.

    3. Molduras verticais e cóncavas que decoran o fuste das columnas ou das pilastras.

    4. No friso dórico, molduras verticais dos triglifos que están trazadas en ángulo recto.

  12. canle corda-mesoderma/canle arquentérica

    Invaxinación en forma de dedo de luva que se orixina ao iniciarse a gastrulación na blástula de numerosos organismos, e que corresponde aos primeiros estadios de formación do arquénteron. O termo de canle corda-mesoderma substitúe ao de canle arquentérica, xa que esta canle contén elementos corda-mesodérmicos e non endodérmicos. O seu desenvolvemento é notable, especialmente en réptiles e mamíferos.

  13. canle de coado [IND]

    Conduto polo que chega o metal fundido aos moldes.

  14. canle sifonal [ZOOL]

    Nos gasterópodos, prolongación da cuncha que protexe o sifón.

Palabras veciñas

Čankar, Ivan | Çankiri | Çankiri | canle | Canle | Canle | canlea