canonización

canonización

(< canonizar)

s f [RELIX]

Acción de canonizar consistente nun acto solemne onde o papa declara que un membro defunto da Igrexa Católica, xa previamente beatificado, debe inscribirse no canon dos santos e recibir culto público, sinalando unha data para a súa conmemoración anual. Na Igrexa primitiva, o culto aos mártires e aos confesores a partir do s IV, estaba regulado polos bispos e polos sínodos. Desde o papado de Alexandre III (1159-1181) determinadas canonizacións reserváronselle á xurisdición da Santa Sé, e con Sisto V (1585-1590) os procesos de canonización pasaron a ser competencia da Congregación de Ritos. O procedemento vixente segue as normas de Urbano VIII (1634) e de Bieito XIV (1734), actualizadas por Xoán Paulo II (1983). O bispo abre un proceso diocesano que se envía a Roma para que a Congregación das Causas dos Santos a examine. En caso de informe favorable, o papa concédelle ao candidato o título de venerable e inicia a súa beatificación. Durante este proceso contrapóñense o promotor da causa e o promotor da fe, ou avogado do demo, co fin de ditaminar se as virtudes do candidato acadaron un grao heroico, así como a autenticidade dos milagres atribuídos á súa intervención. En caso positivo ten lugar a beatificación, que comporta un culto de carácter local e restrinxido. No proceso de canonización examínase como mínimo a autenticidade de dous novos milagres. A canonización extraordinaria ou equivalente é unha simple confirmación papal da santidade dunha persoa venerada desde tempo inmemorial.

Palabras veciñas

canonisa | canonista | canonizable | canonización | canonizar | canópico | Canopo