cansó
(
Xénero da literatura trobadoresca provenzal desenvolvida nos séculos XII e XIII e inscrita no código do amor cortés. Nestas composicións o trobador dirixíase á súa dama cunha total submisión, establecéndose entrambos os dous unha relación vasalática coma se dun señor feudal se tratase. A dama era un ser inaccesible e case que perfecto na orde moral e física. Son catro os graos que marcan a relación entre o trobador e a dama amada: primeiro, o amante actúa como un simple suspirante (fenhedor) que degoxa ser correspondido pola namorada (midons/domna); segundo, maniféstalle o seu amor e pídelle que lle corresponda (precador); terceiro, a dona acepta a vasalaxe amorosa (entendedor); e cuarto, acada o estado de amante correspondido (drut). O poema adoitaba comezar cun exordio primaveral ou canto á primavera como estación propicia para o amor. Formalmente, caracterízase por presentar un conxunto de cinco, seis ou sete cobras, nas que o trobador expón os seus contraditorios sentimentos e eloxia as virtudes físicas e morais da súa dama. A identidade da muller cantada non se podía desvelar, xa que normalmente era unha muller casada, por iso o seu nome adoitaba substituírse por un pseudónimo poético (senhal). Esta referencia adoitaba aparecer no grupo final de versos (tornada) que actúan a xeito de conclusión onde normalmente estaba o envío, é dicir, a dedicatoria da canción á dama á quen vai dirixida a composición ou ao protector que tamén podía encubrir a súa identidade baixo outro senhal. Emprega, sobre todo, versos heptasílabos ou octosílabos. Ademais, cumpría que o poema tivese melodía propia, pois era un xénero cantado. A gran difusión da lírica provenzal fixo que a cantiga de amor galego-portuguesa tomase como modelo este xénero occitano. Aínda así, existen algunhas diferencias entre ambos os dous xéneros tanto no contido como na forma; conceptualmente, a cansó fala dun amor correspondido e do goce de amar (joi), mentres que na cantiga de amor o trobador adoita mostrar a inaccesibilidade da dama, a non correspondencia e o efecto que nel produce este desamor, isto é, a coita de amor.