cantata
(< ital cantata)
Composición lírica en diversas partes, sen acción dramática propiamente dita, escrita para unha ou máis voces, con acompañamento de baixo continuo, alternando con recitativos e coros. Apareceu, como a ópera e o oratorio, a comezos do s XVII, cando se impuxo a monodia acompañada. A súa orixe común foi a adopción, cara ao 1600, do novo estilo denominado rappresentativo, conxuntamente co baixo continuo. Non obstante , a cantata distínguese dos outros xéneros polo seu destino (peza de concerto ou de igrexa, nunca de teatro) e polo seu carácter lírico. Os florentinos Caccini (Nuove musiche, 1602) e Peri (Varie musiche, 1609) foron os primeiros en cultivala. Nun primeiro momento consistiu nunha curta escena fragmentada cun só personaxe (Combattimento di Tancredi e Clorinda, de Monteverdi, 1624). Non atopou a súa forma definitiva ata mediados do s XVII con Luigi Rossi e Giacomo Carissimi: a orquestra ampliouse, aumentou o número de personaxes e apareceron os conxuntos vocais. Rossi e Carissimi en Roma, Legrenzi e Cavalli en Venecia, e Scarlatti en Nápoles, entre outros, divulgaron a moda da cantata de cámara e fixaron o estilo, mentres que Viadana (Concerti ecclesiastici, 1602), o mesmo Carissimi e, máis tarde, Schein (Geistliche Konzerten, 1618-1626), en Leipzig, fixeron aparecer os sacri concerti ou cantate morale ou spirituali, que deron orixe á cantata de igrexa. É difícil definir os límites da cantata. Desde mediados do s XVII hai un repertorio de música vogal que, con algunha excepción, se divide en música relixiosa, coñecida como oratorio en Italia, motete en Francia, anthem en Inglaterra e Kantate en Alemaña, que designan xéneros extremadamente veciños e a miúdo confusos; e música profana, cantata italiana (de carácter lírico) e cantata francesa (con elementos narrativos), ás que se pode engadir o villancico hispánico dos ss XVI-XVIII. Ata finais deste século, Italia e Alemaña conservaron un monopolio da cantata, xeralmente profana nos italianos e sagrada nos alemáns. Outros compositores de cantatas foron Stradella, Alessandro Scarlatti, Buxtehude, Clérambault, Rameau, Tunder, Pachelbel e Schütz, mentres que J. S. Bach dominou a cantata sagrada. Ignorada polos clásicos e románticos, recuperou certa importancia no s XX con Bartók, Webern e, sobre todo, Stravinsky.